La Metalurgia en la Península Ibérica: Evolución y Características del Calcolítico al Bronce

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 33,56 KB

A Primeira Metalurxia

A cronoloxía desta etapa veriámola dividida en dúas partes: O Calcolítico: 3300 – 2200 a.C. e o Bronce Inicial e Medio: 2200 – 1250/1200 a.C.

1. A Expansión do Cobre

A aparición dos primeiros exemplos de metalurxia adoitan a englobarse na etapa do Calcolítico (nome de derivación grega) pola aparición do cobre (de aí que tamén se denomine Idade do Cobre). Esta transición de Neolítico e Idade do Bronce non todo o mundo a identifica como Calcolítico (aínda que a cronoloxía tradicional o fai). Considérase que este proceso de aparición do cobre ten inicio en Anatolia arredor do II milenio, aínda que tamén se cre que se manifestou en menor medida nos Balcáns e na Península Ibérica. Observamos estas cronoloxías no mapa segundo as isocronas da aparición da metalurxia do cobre. A hipótese clásica nos fala da teoría difusionista na que esta metalurxia do cobre viaxa dende Anatolia por diversos lugares ata a Península, aínda que tamén se fala actualmente dunha hipótese de que a metalurxia do cobre foi autóctona tamén na Península (pois a isocrona da Península é máis antiga ca do seu redor). Ademais, se fose difusionista veríamos unha metalurxia avanzada, e na Península pódese ver tamén experimentación co cobre. Dependendo das zonas, as periodizacións son diversas, incluso chegando a ver que no caso valenciano se considera que non habería Calcolítico. No caso do sudeste, zona focal, observaríase unha periodización clara con divisións, comezando desde aí a desdebuxarse.

Características Xerais

As características xerais deste período marcado pola aparición da metalurxia serían (estendidas tamén ao bronce inicial):

  • Notable aumento demográfico, cun indicador indirecto deste aumento de poboación por datación de Carbono 14.
  • Aparición da protourbanización dos poboados, non formando un núcleo claro (aparecen murallas, cementacións de pedra...).
  • Posible especialización funcional dos asentamentos con zonas de produción metalúrxica específica.
  • No sureste, vemos a aparición de regadíos, policultivo, abonado e tracción animal. Tamén veremos estratexias agrícolas distintas dependendo do ecosistema no que se move (vemos tamén barbeito, rozas...).
  • Aparición de obras de carácter comunitario como fortificacións (Los Millares), acueductos (Los Millares), acequias (Cerro de la Virgen)... tamén destaca nisto o xacemento del Argar.
  • Comézanse a ver produtos derivados da gandaría como leite e lá (revolución de produtos secundarios ou derivados). Pistas que temos desta utilización de leite ou lá serían os sacrificios tardíos de ovicápridos e bóvidos, deixando que chegasen a unha maior idade; a aparición de queixeiras; abundancia de pezas de tear...
  • Comeza o camiño cara á inhumación individual, observando foxas e cistas (caixas formadas por laxas de pedra), pero tamén fendas, covachas ou grandes vasillas (chamadas pithoi).
  • O metal vai substituíndo á pedra en armas e utensilios, aparecen aleacións (o bronce sería unha aleación), moldes univalvos e bivalvos, aparecen as espadas (aparecerán na Idade do Bronce) e novos tipos de puñais, puntas de frecha e alabardas.
  • Observamos maior número de excedentes que se acumulan e aparecen rutas de intercambio de carácter estable (circulación estabiliza, permitindo aportes de materiais como o campaniforme).
  • Crese que existía unha xerarquía que organice, controle e distribúa o metal, converténdose este nun elemento de prestixio (elites).

2. O Metal: Da Mina ao Útil

Existen diversas mineralizacións do cobre en parte dos sistemas montañosos da Península, pensándose nunha minería ao ceo aberto, en afloramentos fáciles de explotar de material nativo (puro ou mesturado), xa que non se atoparon galerías ata o momento. Atopáronse, iso si, restos de picos, mazas... como na mina El Milagro, en Cangas de Onís, Asturias, na que vemos restos de crisois onde se metía o cobre para fundilo (non precisa de temperaturas altas), tamén vemos picos...

A fundición faríase en vasillas forno (crisois), recipientes cerámicos nos que se metería o cobre rodeado de carbón. Restos dun fogar para a redución de mineral observámolo no xacemento Los Millares. Tras este proceso de fundición sinxelo, forxábase martelándose en frío, o que deixaría moi pouca espoura (restos de mineral). Non se coñecen restos de lingotes no caso do cobre. A distribución de vasillas de redución de mineral podémola ver neste mapa, con focos moi similares aos vistos no neolítico. Sen embargo, hai algún autor que fala dunha produción supradoméstica intensiva no sureste da Península, onde se teñen identificado fornos pechados con crisois con cobre de gran calidade que produce máis espoura e con procesos complexos para elaborar armas ou ferramentas, observando así unha produción supralocal para unha posible rede de intercambio intrarrexional. Segundo os autores marxistas, esta sería unha zona focal na que estaría sucedendo a orixe dun protoestado (idea de Francisco Nocete).

3. Os Asentamentos en Altura: Los Millares

Os asentamentos nestes primeiros momentos, desde un punto de vista formal, podemos dividilos en poboados en altura (que poden ser monumentais ou non, en pedra ou madeira), recintos en foxos, hábitats en covas e en abrigos (que son moi pouco frecuentes, típicos baleares e cataláns), e poboados en zonas chas. Comezamos a observar xa entón poboados moi visibles.

Os poboados en altura con fortificacións teñen sido considerados o prototipo de poboados calcolíticos na Península Ibérica, aínda que os máis coñecidos son os do sureste, dos que tomaremos como o exemplo Los Millares, e o do suroeste de Portugal. Los Millares sempre se considerou como o centro do Calcolítico peninsular (debátese actualmente un desprazamento cara ao suroeste, onde se coñecen máis de 70 restos de xacementos de pedra). As características básicas dos asentamentos en altura son que están situados en outeiros ou espolóns, dominando a agricultura, e preto de fontes de auga. Estes son de tamaño variado e posúen dende protección natural a torres ou fortificacións, observando tamén xa no interior necrópoles, vivendas sen divisións internas, silos...

Los Millares atópase nun espolón preto de dous ríos. O poboado ten unha necrópole megalítica asociada fóra das murallas (con tumbas de formas moi variadas como tholos), aínda que con algunha tumba dentro das murallas. Ao redor deste poboado teríamos fortíns ou liñas de defensa, en concreto 11 ou 12 fortíns (non está claro). Relaciónase este xacemento co Mediterráneo, cun sistema construtivo similar, o que leva a pensar en puntos de recorrido ao longo do Mediterráneo, cunha circulación de ideas (xa dende o Neolítico). As datacións recentes nos falan de 4 fases:

  • Inicio: arredor do ano 3200 a.C.
  • Apoxeo: entre o 3000 e o 2900 a.C.
  • Campaniforme: arredor do 2500 a.C.
  • Declive: comeza no 2200 a.C.

Na costa atlántica temos diversos xacementos tamén en altura como serían Vila Nova de San Pedro, cun sistema construtivo similar e cunha certa xerarquía de asentamentos, sendo Zambujal o xacemento máis importante, cun reducido número de estruturas habitacionais pero si contando cun importante forno, o que nos fala de que este xacemento podería haber sido un importante centro metalúrxico. Zambujal aseméxase en gran medida no ámbito construtivo ás construcións mediterráneas.

4. El Argar

Arredor do 2000 se inicia a cultura de El Argar, que consta de distintos períodos ou cronoloxías, datación sostida de Carbono 14. Os períodos principais serían:

  • Fase I: 2150 – 2050 a.C.
  • Fase II: 2050 – 1960 a.C.
  • Fase III: 1960 – 1810 a.C.
  • Fase IV: 1810 – 1700 a.C. (Argar clásico).
  • Fase V: 1700 – 1575 (Fase final, máxima expansión e progresiva heteroxeneidade).
  • Bronce tardío: 1575 – 1350 a.C.

Habitualmente este se asigna ao Bronce Inicial a pesar de que os elementos metálicos continúan sendo de cobre. Este xacemento atópase en Almería, e neste momento polo tanto o centro económico volve ao sureste, aparecendo na zona tras este gran cantidade de poboados de tipo argárico. En canto ao material, o vaso campaniforme vai desaparecendo pero continúan algunhas pezas de campaniforme como botóns, brazais de arqueiro, puñais; aparecendo ademais espadas, diademas de ouro e prata, doas de fayenza ou pasta vítrea, os enterramentos en urna, copas de cerámica, alabardas tipo Montejícar... (isto no apoxeo).

Esta sería unha etapa plena da metalurxia, cun metal de cobre arsenicado. A teoría tradicional era a de sempre, que El Argar foi un fenómeno local que xorde como extensión do que sucedía en Los Millares.

Xeneralízase aquí o cultivo do cereal, o olivo e as árbores froiteiras; aparecen ovicápridos e cabalos (importante por ser unha cultura expansionista)... Os poboados establécense en zonas altas (tamén en terras chas, pero sempre dependendo estes no caso argárico dun poboado en altura), cunha xerarquía de asentamentos no que existe un poboado grande e fortificado (ou aglomeracións urbanas, como El Argar, con máis de 1000 habitantes) en altura do que dependen outros máis pequenos como aldeas ou granxas. Vemos diversos poboados grandes que funcionaban como centros como o caso de La Almonoya en Murcia ou La Bastida en Murcia (cunha arquitectura de teitos planos con terraza).

A arqueoloxía doméstica é diferente á do calcolítico, abandonando as habitacións unifuncionais, aparecendo casas con tabiques internos e incluso enterramentos baixo o chan da vivenda, cunha multifuncionalidade (dependendo de en que estancia da casa nos atopemos). Observaremos aquí en canto a material unha cerámica argárica de gran factura, obxectos de ouro e prata como pendentes ou diademas (aínda que as espadas non se xeneralizan ata o Bronce Medio).

Sobre El Argar hai moito traballo feito na arqueoloxía española, polo que os traballos se centrarían sobre todo nas orixes dun suposto estado ou protoestado. O territorio argárico parece partir da beira de Murcia para logo expandirse polos territorios interiores, dende Alicante ata Granada e algo da zona manchega, considerando os historiadores a estes como militares e expansionistas, buscando controlar territorios. Esta expansión se orienta cara á zona agrícola, vales fluviais e xacementos mineiros. Chégase así a falar de colonias argáricas en Xaén na búsca dos argáricos de ouro e prata en minas.

Asentamentos en Zonas Chas

No caso dos asentamentos en zonas chas tamén hai lugares nos que se atopou megalitismo. Nestas zonas se cavaron zanxas en forma de V que tratan recintos de zona circular bastante grandes. Algúns destes sitios, con xacementos como Valencina, que teñen unha datación moi grande, e en canto á súa datación non habería acordos. Algúns consideran a Valencina como unha necrópole de carácter grupal, mentres que outros falan xa dun protoestado.

Hai tamén en zonas chas poboados moito menos espectaculares pero que serían os máis habituais, con pequenas aldeas agropecuarias sen fortificacións e sen grandes construcións. Caracterízanse por estruturas negativas denominadas como campos de hollos que poden ser basureiros, fondos de cabana (que non se cree tan posíbel), silos... Xacementos deste tipo serían, por exemplo, Ereta de Pedregal en Valencia. Nos casos dos poboados argáricos en zonas chas consérvanse máis estruturas, como no Rincón de Almendricos en Murcia, onde se ademais conserva un zócalo dunha vivenda.

Economía

Os produtos cultivados serán os mesmos que no neolítico, pero cunha diversificación das especies cultivadas, cunha posible aparición do cultivo do olivo. As especies silvestres comezan a perder porcentaxe pero aínda se utilizará a caza como recurso complementario. Os bóvidos ademais de para tracción e carne utilizaranse para a obtención de produtos elaborados como a leite. Veremos ademais o inicio da industria téxtil mediante pesas de tear, pero todo isto para abastecemento doméstico, non habendo indicio de sistemas comunitarios.

Veremos igualmente diferencias dependendo das zonas, pois en chan ácidos veríanse máis rozas e barbeito longo, mentres que nas terras fértiles do sur hai inicio directo de cereais de primavera de tipo miúdo (millo miúdo), o que quere dicir que veríamos tanto produción de inverno como de primavera.

Se seguimos cara á Idade do Bronce, xorden discusións sobre o alcance do regadío no sureste (El Argar), habendo autores que consideran que o clima da zona sería árido como o actual, así que sería imprescindible a agricultura por irrigación para esta suposta aparición da tríada clásica de cultivo xa mencionado (restos de aceite, de mosto ou viño). Outros autores consideran que o medio sería máis húmido, o que permitiría un réxime de secaño habitual sen irrigación e con cereais clásicos. Esta polémica se relaciona co papel do control da auga como posible desencadeante de cambios na zona no III milenio, pois o control da auga aumentaría a progresiva diferenciación social, cunha aparición de elites que van conformando un grupo de xente ou dirixentes que no caso do calcolítico xa se estaría formando pero que se camufla cos asentamentos colectivos do megalitismo.

Neste momento argárico temos ademais restos da tecida máis antiga da Península, observando o enterramento dun individuo infantil que conserva un anaco de lá tecida que se supón que sería parte dun gorro.

Vemos tamén gran cantidade de sal mineral, con salinas (explotacións de sal) como a de Cardona, probablemente para intercambios. Tamén no xacemento de Villafáfila en Zamora veríamos extracción de sal (extraerían augas salinas cavando e a ferverían para quedarse co sal).

Algunha peza característica deste tempo serán os muíños de vaivén (obsérvanse pedras con surcos debido á moenda). Tamén existirían pezas en pedra pulimentada como o brazal, típica do campaniforme, e que se usaba nos arqueiros para que a corda non fixese dano. En óso teríamos elementos prácticos como punzóns pero tamén obxectos de coidado persoal como un peine de marfil ou botóns de marfil, moi asociados co campaniforme. Na cerámica as formas son moi amplas e variadas, con cerámicas lisas, incisas, con algún motivo xeométrico (como os ollosoles, de interpretacións variopintas), pero tendendo a haber formas regulares, aínda que o que é estandar na forma é a cerámica campaniforme (vasos, cazolas, cuncas...), con decoracións incisas (cunha pasta branca incrustada na incisión ou non).

Destacarán tamén nesta época os chamados ídolos ou ídolos placa, que aparecen tanto na zona suroeste da Península (Estremadura española e portuguesa), con motivos xeométricos. Este tipo de figuras están asociadas a unha suposta divindade feminina común a todo o suroeste de Europa, a denominada como deusa nai, algo que se basea en indicios moi débiles. Destacarán tamén petróglifos, coma no caso galego, con gravados que se consideran relacionados en certa maneira con estas figuras ou ídolos. Un dos problemas da asignación dun so significado aos ídolos é que a variedade de formas e materiais asociados a estas figuras fai que sexa moi arriscado asignarlle un significado común, ademais de que algúns non parecen ser precisamente figuras femininas. Igualmente habería que intentar buscar unha explicación para que haxa un motivo estándar en tanta variedade de lugares e de materiais, sendo necesario buscar unha intuición, aínda que non se atopou un resultado (non se debe recorrer a esta idea da deusa nai), polo que non temos claro se se trata dunha cultura compartida. Vemos así esta dualidade da arqueoloxía, como algo é distinto e é difícil darlle un significado pero á súa vez ten características comúns.

5. O Fenómeno Campaniforme

Este fenómeno destaca pola súa cerámica, tendo especificidades moi chamativas (mapa extensión campaniforme). Podemos ver nas distintas rexións que este estilo se identifica perfectamente a pesar das súas pequenas variacións. Inicialmente isto denominouse como cultura campaniforme, algo desbotado actualmente. O nome tómase da forma dos vasos, que teñen forma de campá invertida, recipientes feitos a man de cor habitualmente vermello ou negro, moi decorados (habitualmente con bandas horizontais impresas con cunchas e cordas, ou incisas).

Os estilos da cerámica campaniforme na Península Ibérica son:

  • Tipo AOC (All Over Corded): vasos con perfil en S en forma de campá con decoración impresa de cordas en motivos de bandas horizontais.
  • Marítimo: decoración a peine e/ou rodiña con motivos sobre todo en espiña de peixe.
  • CZM (Corded Zone Maritime): decoración a peine e/ou rodiña dentro de bandas delimitadas con impresións de corda.
  • Puntillado: decoración puntillada con motivos xeométricos.
  • Estilos rexionais: grupos de Palmela, Ciempozuelos, Galicia...

Son así moi estándares pero con especificación a nivel local. Polo que se refire ao aspecto cronolóxico, o máis antigo da península pertence a Portugal, arredor do 2700 a.C. e o final andaría arredor do 2000 a.C., aínda que sobreviven Ciempozuelos e grupos rexionais tardíos, e no occidente peninsular ibérico perduran puñais de lingüeta, puntas Palmela e botóns de perforación en V.

O conxunto campaniforme se compón de cerámicas, elementos líticos, metálicos (puntas palmela, punzóns, orfebrería áurea, puñal lingüeta...) e en óso (botóns de marfil ou óso con perforación en V). Aparecen tanto en hábitats como lugares funerarios, o lugar no que mellor se conservarían os restos (especialmente en tumbas, que poden ser os depositados neste período ou os que aproveitan túmulos anteriores). Os corpos normalmente se depositaban en posición fetal e rodeados do enxoval, non parecendo que haxa unha orientación única nas tumbas.

Os primeiros achados se contemplaron como un fenómeno que viña de fóra, a cultura ou pobo campaniforme (de guerreiros e gandeiros nómades ou de metalúrxicos) que virían de Oriente e chegarían a Europa, teoría actualmente desbotada, non considerándose que exista unha cultura ou pobo senón que se trata dun conxunto arqueolóxico asociado a hábitats e sobre todo a tumbas que ten unha estandarización grande e a súa vez variantes rexionais. Non se cree que o campaniforme crease rutas de intercambio a longa distancia senón que circularían por rutas xa abertas anteriormente.

6. O Mundo Funerario

Veríamos neste momento gran cantidade de enterramentos colectivos como sería o caso do Enterramento de Camino del Molino (en Murcia), cunha sucesión de individuos enterrados nunha cova durante uns 350 anos baixo un chan preparado con anacos de cerámica rotos nos que se ían depositando arredor de 1300 corpos e 30 cánidos completos que podían formar parte do ritual de enterramento. Un segundo rasgo interesante deste enterramento é a composición do rexistro, cunha poboación calcolítica completa. Os resultados provisionais nos fala de que arredor do 30% eran poboación infantil (incluídos neonatos) e o resto sería xente adulta de todas as idades (sorprendente porque na maioría de enterramentos neolíticos non son de nenos, pois puideron recibir un tratamento diferente). En principio parece que se depositan os individuos completos sobre o chan da cámara de maneira perimetral e a medida que se vai enchendo iníciase un proceso de acumulación (arredor dese 1ª círculo se acumulan os segundos e terceiros enriba dos iniciais, pero co paso dos anos vanse dispersando no centro, desordenándose, e dando como resultado a un aspecto caótico (ósos e cranios facturados seguramente de pasar por enriba para depositar aos seguintes). En canto aos restos individuais vemos a posición fetal clásica sobre o lado esquerdo excepto que a perna dereita estaría máis estirada que a esquerda, aínda que de forma minoritaria hai individuos de posicións atípicas, como un individuo dos primeiros momentos que se atoparía colocado boca abaixo directamente sobre o chan da cámara e cos brazos cruzados tras as costas (individuo cas mans amarradas ás costas). Como xa mencionamos, habería tamén algún cánido en posición primaria (posuían un estatus moi peculiar). Veríamos enterramentos continuados durante 350 ou 400 anos durante a 2ª metade do III milenio a.C.

No suroeste, o sistema típico de enterramento do calcolítico foron os tholoi (tholos en singular), tumbas con cámara que ás veces atopariámolas vencelladas ao megalitismo porque empregan grandes laxas de pedra. Un caso extremo é o de Montelirio, en Sevilla, xa que non é un enterramento colectivo diacrónico, non tendo claro se é un episodio funerario múltiple ou se son enterramentos sucesivos nun período de tempo moi curto. A cámara máis grande ten uns 75m de diámetro, o corredor é moi longo e habería que entrar gateando, e as dúas cámaras terían arredor de 4 ou 5m de alto. En total hai uns 26 individuos dos que hai 20 na cámara grande. Son todos adultos e polo menos 12 son mulleres, tendo todos arredor de 31 anos, con artrose e indicadores de estrés muscular, estando ademais intoxicadas con mercurio (non se sabe se deliberadamente ou non). Levaban roupa cosida con contas de pedra e de cuncha (cun millón de contas) e a roupa estaría espolvoreada con cinabrio (mineral do mercurio), de aí que non se saiba se a intoxicación é por inxerilo ou tras morrer pola exposición a este mineral. O enxoval é impresionante, con 250 obxectos de ámbar de Sicilia, cáscaras de ovo de avestruz de África, láminas de ouro (con motivos de ollosoles) e pezas líticas de sílex de cristal de rocha. Isto interprétase de diversas formas, xa que moitos falan da deusa nai unha vez máis, outros de que eran sacerdotes... pero vemos que sexa o que sexa estas persoas tiveron un tratamento especializado.

No campaniforme vólvese aos enterramentos individuais, que tamén se poden realizar en antigos espazos funerarios como túmulos, pero isto non significa que desaparezan as tumbas colectivas (duran ata o bronce) pero serán máis representativos os individuais ou ás veces dobres (como en El Argar) en fosa ou en cista. Algunhas destas estruturas en fosa levan túmulo. Volveríamos ao enxoval campaniforme, con por exemplo en Parla, Humanejos (en Madrid) onde veríamos unha alabarda de cobre que é bastante rara, sumado ao típico enxoval campaniforme (puñal, punta palmela, brazal, botóns, cerámica...). Estes enxovais campaniformes denominaranse como lotes de prestixio, e se asocian a posible aparición de desigualdades de tipo social.

No mundo argálico xa no bronce non existen necrópoles propiamente ditas, habendo enterramentos individuais ou dobres. Veríamos en El Argar unha muller e o seu fillo nun enterramento situado no xacemento de Antas (o varón habitúa a ser descendente se está enterrado cunha muller). Vemos ou ben cistas (caixas de laxas de pedra), pithos, covachas... habitualmente situados cerca das casas ou baixo o seu piso. En El Argar se calcula que hai enterrados un 20% da poboación, polo que non se sabe o tratamento funerario que recibiu o resto (que poderían ser exposición de cadáveres ao aire libre...). A mostra cranial feminina en El Argar era moi homoxénea, o que indicaría que as mulleres permanecían no seu entorno ou aldea e eran os homes os que se movían (habitúa a ser o contrario). Na tumba 38 en La Almoloya de Priego veríamos na sala do Mégalon (ou sala de audiencias) un enterramento no palco corrido baixo a sala en furnas, un enterramento dobre dun varón duns 35 anos e unha muller de 25 (non sabemos quen morreu antes ou cal era a súa relación), pero vemos que os elementos do enxoval estarían asociados á muller, cunha diadema de prata.

7. As Novas Sociedades

Veríamos como comeza a aparecer unha relación xerárquica ou social entre as persoas. No caso dos estudiosos falan da importancia de non obviar ao Calcolítico como fase por ser cando aparecen as sociedades onde comeza a aparecer a diferenciación social. Con este rexistro escaso, os arqueólogos utilizan modelos xa desenvolvidos no século pasado ou mesmo de modelos marxistas, que son principalmente evolutivos e presentan unha sucesión de formas políticas e sociais que nos falan do aumento da complexidade, como sería o modelo de Renfrew e Bahn. Veríamos entón modelos:

  • Baseados no político: Banda, Tribu ou sociedade segmentaria, Xefatura e Estado.
  • Baseados no rango: Sociedades igualitarias, Sociedades de rango ou xerarquizadas e Sociedades estratificadas.
  • Modelos marxistas.

No caso de Renfrew, este será o modelo de organización sociopolítica máis utilizado.

Megalitismo: Opinións Contrapostas

Estas teorías do megalitismo habitúan ir no sentido de que as disposicións colectivas indican que estamos ante sociedades igualitarias e segmentarias ou sociedades nas que existen as desigualdades pero estas se agochan na disposición colectiva das tumbas. Veríamos marcadores territoriais de grupos segmentarios ou pequenas tribus, destacando a idea xa mencionada de que son sociedades igualitarias ou que agachan desigualdades.

Coa necesidade de traballar a terra e coidar o gando, sería necesaria unha forza de traballo maior que no caso dos grupos cazadores-recolectores. Quen puidera conseguir aumentar a familia (obtendo mulleres para matrimonios, por exemplo), tería máis capacidade e polo tanto podería acumular ou explotar máis terra e gando. Proponse que nas primeiras tumbas megalíticas individuais poderían estar enterrados os cabezas desas familias, que os autores denominan ás veces como “grandes homes” (“grandes homes” significaría que é xente con capacidade política e económica pero que podería non tela, pero non se trata dunha xefatura, xa que estes non son xefes). Que as tumbas pasen de individuais a colectivas podería estar a falar da resistencia das sociedades a que se perpetúe esa desigualdade (“a sociedade contra o Estado”).

O paso seguinte sería a aparición de xerarquía, acompañada no caso dos enterramentos á volta ás sepulturas individuais, o que vemos no campaniforme. O campaniforme consideraríase como un conxunto de bens de prestixio, só podendo moi poucos posuír campaniforme e exhibilo, comezando a xurdir incipientes formas sociais en forma de liderazgo, con persoas que destacaban en determinado momento pero que podían deixar de facelo. Isto ten que ver tamén co uso do concepto dos contendores do campaniforme, que conterían bebidas alcohólicas especiais, teoría que xa pertencería a Gordon Childe e que foi recuperada nos 80 (os ritos de hospitalidade e as festas para os incipientes líderes utilizaban a comida e a bebida, pois unha persoa que se facía con campaniforme buscaba lograr partidarios invitando a comer e a beber). Os elementos para encher o campaniforme poderían vir de excedentes de familiares, mobilizando a partidarios... Observaríamos entón contidos moi diversos en xacementos, con vasos con cervexa, hidromiel, cervexa de cebada con solanáceas, graxas animais, restos dun recén nacido...

O PAPEL DO METAL NOS CAMBIOS: O papel da aparición da metalurxia nestes cambios tería diversas vertentes dependendo do autor. Para uns trátase dun elemento dinamizador que acaba levando a un cambio social vencellado ao control das fontes de mineral, das técnicas metalúrxicas e do comercio do metal (V. Lull), e outros que opinan que a metalurxia non é un factor decisivo nos cambios sociais do Calcolítico tratándose dunha metalurxia familiar (A. Gilman e Francisco Nocete). Para Gilman o fundamental é a intensificación agrícola que leva a producir excedentes e para Nocete habería xa antes do metal un control de excedentes por parte dun incipiente grupo dominante. Este grupo dominante para os funcionalistas xorde porque cando se comeza a complicar a produción, necesítase unha elite que organice, isto co problema de que na Península non parece que haxa indicios de obras públicas como murallas, almacéns... Para os autores marxistas esta desigualdade viría de que como se intensifica a produción veríamos enfrontamentos polo control dos excedentes, pero teríamos o problema de que non temos indicios na península dunha tan gran intensificación agraria que dise lugar a tantos excedentes.

El Argar tería unha organización política concreta, habendo 3 grandes posibilidades desta organización:

  • Para algúns teríamos un Estado (en termos marxistas), como para V. Lull: aquí veríamos probas claras de explotación social (os non produtores quedan co plusproduto dos produtores), hai propiedade privada e a sociedade está dividida en clases antagónicas. Non habería un único goberno, senón unidades políticas comarcais. Algúns indicadores arqueolóxicos serían:
    • A xerarquización dos asentamentos, con grandes centros redistributivos en altura, e pequenas granxas nas zonas chas.
    • Concentración da forza de traballo en talleres especializados (de moenda, artesanado adicado á metalúrxica) e monocultivo extensivo de cebada para fiscalizar ao campesiñado dependente.
    • Diferencias claras de riqueza nas formas de vida: residencias da elite de maior tamaño, enterramentos con acumulación de riqueza diferencial, a parte de indicadores de saúde e esforzo físico. Estes enterramentos mesmo marcan as diferencias dende o nacemento.
  • Para outros teríamos unha Xefatura, como para A. Gilman: esta non tería clases e non estaría centralizada, e organizaríase en pequenas entidades territoriais desunidas arredor de aldeas fortificadas, como as xefaturas maiores clásicas. Estas admiten certo grao de explotación social entre dous grandes estratos, que non clases, e nas que os agricultores se ven atrapados pola inversión do traballo agrícola, tendo que manter policultivo, irrigación...
  • Para outros teríamos unha Sociedade “de casa” embrionaria, como para Marisa Ruiz Gálvez: esta sería unha aristocracia localizada en grandes casas dinásticas dependentes que rivalizan entre si pero sen existir realmente as clases sociais. O foco sería a casa, onde se enterran algúns antepasados para sinalar a importancia da xenealoxía. Nestas sociedades non habería talleres especializados, ca que todo se faría en zonas multifuncionais dentro do espazo doméstico. Ademais, as tumbas dobres cunha muller de maior idade con rico enxoval poría de manifesto a importancia das ramas uterinas, e a variable fenotípica masculina sería indicio de matrifocalidade (sendo os homes os que se moverían para casar).

Entradas relacionadas: