A Ménade de Scopas: Rituais Dionisíacos e Análise Escultórica

Enviado por Chuletator online y clasificado en Física

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,68 KB

Rituais Dionisíacos e a Ménade de Scopas

Oposición Apolíneo-Dionisíaco na Grecia Antiga

Os rituais dionisíacos representaban unha oposición ao mundo normal e civilizado da polis. Grecia era unha sociedade claramente patriarcal, onde a muller estaba recluída no xineceo e negábaselle a participación na maioría das actividades públicas. Porén, no caso das festas dionisíacas, a muller tiña un papel prioritario. Esta situación permitíase por ser un acto sacro, no que o deus Dionisio subvertía a orde do mundo.

A Dualidade Grega: Razón e Paixón

Isto debía relacionarse coa dobre concepción do mundo grego: o apolíneo, que representaba a razón e a lóxica propia das polis e dos filósofos como Platón e Aristóteles; e o mundo dionisíaco, onde se poñían de manifesto os sentimentos, a paixón e a emoción da vida. Neste caso, os rituais dionisíacos representaban en realidade unha manifestación onde os participantes da festa recibían a enerxía vital da divindade. Dentro desta concepción, o mundo grego admitía a coexistencia destes dous mundos, onde ambos se complementaban, aínda que no mundo da representación artística ata entón se deixaba de lado.

A Ménade de Scopas: Transgresión e Éxtase

É importante salientar que, para o comentario, o foco principal reside no feito de que a Ménade de Scopas manifesta a representación dunha festa relixiosa onde os participantes, especialmente esta muller, se afastan dos límites sociais da sociedade e da civilización, levándoa a un mundo irracional onde a paixón, os sentimentos e as emocións saen cara fóra.

Análise Escultórica da Ménade de Scopas

Erotismo e Sensualidade na Obra

A figura representa unha figura chea de erotismo e sensualidade, que se conxuga coa transparencia das roupas e a postura dese corpo semiespido. Esta é unha das características típicas das esculturas realizadas por Scopas.

Composición, Movemento e Tensión

A escultura foi pensada para ser vista de lado, desde onde se aprecia un amplo arco que se inicia na súa perna esquerda atrasada ata chegar ao torso, e continúa cara á cabeza. A cabeza dóbrase cara atrás ata o máximo que permite a anatomía humana. A perna dereita avanza levando consigo a roupa que forma pregaduras tan axitadas, como os seus longos cabelos enmarañados. Todo isto reforza un movemento violento, que potencia a exaltación da violencia do momento. Isto acentúa ese sentimentalismo e esa paixón. Se observamos a escultura de fronte, atópase un forte escorzo, que permite ver como a cabeza está xirada cara á esquerda, acentuando esa tensión.

Toda esta composición leva á creación dunha postura forzada, que parece provocada por un momento de convulsión dun corpo que está en transo ou éxtase. Esta situación acentúase pola roupa da figura, que deixa á vista unha beleza esvelta e xuvenil: chea de vitalidade e movemento.

Volumes, Texturas e o Uso da Luz

Scopas xoga con volumes rotundos, especialmente nas pernas, no torso, no pescozo e na cabeza. Esta voluptuosidade combínase cunha sinuosa liña de perfil, que conxuga a suave textura da carne coas engurras producidas polas roupas e a súa alborotada cabeleira.

Unha das características de Scopas foi o uso da luz dentro da escultura. A combinación de zonas perfectamente pulidas, por onde escorrega a luz, e as zonas da roupa, creando unha sensación de sombra, permítelle fomentar ese dramatismo. Ese dramatismo alcanza o seu máximo desenvolvemento no rostro, volto cara arriba e cunha mirada perdida cara ao ceo (ou cara á divindade), onde se manifesta o completo éxtase.

Entradas relacionadas: