Medio Ambiente: Unha análise completa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 17,68 KB
O noso medio ambiente
Unha visión xeral
O medio ambiente é o contorno no que se integran os seres vivos. O clima, as rochas, o solo, a atmosfera, as augas, a flora, a fauna e as persoas son os elementos que o conforman. Todos eles inflúense mutuamente, pero son as persoas as que teñen maior capacidade para modificar o medio que as rodea, transformándoo ou incluso destruíndoo. É deber de todos abordar a súa protección, utilizando tecnoloxías e xestións económicas que estean en harmonía co planeta.
Tipos de medio ambiente
Natural e socio-cultural
Distinguimos dous tipos de medio ambiente: natural e socio-cultural.
O medio ambiente natural está conformado por factores físicos e biolóxicos. Entre os factores físicos máis importantes están os climáticos e os relativos ó solo. Os factores biolóxicos están constituídos polas plantas e os animais, incluíndo as persoas.
O medio ambiente socio-cultural comprende todo o que foi desenvolvido pola especie humana, tanto por medio de ferramentas como pola súa capacidade intelectual. Como exemplos de elementos deste medio podemos citar as casas, as terras de cultivo, a relixión, etc.
Intercambios no medio: os ciclos
Os elementos necesarios para a vida das plantas e dos animais son obtidos do medio ambiente físico e, unha vez utilizados, regresan ó mundo inerte formando ciclos. Os ciclos máis importantes son o do carbono, o do osíxeno, o do nitróxeno e o da auga.
O ciclo do carbono
O carbono é o elemento máis importante de todos os compostos orgánicos. Existen tres grandes fontes de carbono: o dióxido de carbono do aire e da auga, os carbonatos das rochas e da codia terrestre, e os combustibles fósiles.
O ciclo do osíxeno
O osíxeno é un elemento esencial para a respiración dos seres vivos, tanto animais como vexetais. Tómase directamente do aire da atmosfera e da auga, e retorna a eles en forma de dióxido de carbono.
O ciclo do nitróxeno
O nitróxeno é un elemento gasoso que forma a maior parte do aire. Todos os seres vivos necesitan nitróxeno para producir proteínas e ácidos nucleicos. O ciclo do nitróxeno é complexo e implica a fixación do nitróxeno atmosférico por bacterias, a súa transformación en compostos orgánicos e a súa mineralización.
O ciclo da auga
Este ciclo é o máis coñecido e comeza coa evaporación na atmosfera da auga procedente dos océanos, mares, ríos, etc. Este vapor de auga, ó ascender, arrefríase e condénsase formando nubes e auga que descende á terra en forma de chuvia.
Recursos medioambientais
Chamamos recursos medioambientais ás materias e fontes de enerxía que a humanidade precisa para a súa supervivencia e prosperidade. Os principais recursos son a enerxía, o aire, a auga, a terra e os minerais. Os recursos naturais non teñen a mesma dispoñibilidade nin igual distribución por todo o mundo. Por este motivo é preciso distinguir entre recursos renovables e non renovables. Os recursos renovables son os que se repoñen de forma cíclica, como sucede coas plantas e animais, a terra e o solo, e a auga obtida do seu ciclo normal. Os non renovables son aqueles que poden ser esgotados pola súa utilización, como pasa cos combustibles fósiles.
Contaminación atmosférica
A contaminación é a degradación ou o deterioro causados pola actividade humana e que afectan á pureza de calquera elemento do medio. En relación coa atmosfera, calquera substancia que altere as propiedades físicas ou químicas do aire puro é un contaminante. Os contaminantes poden ser gases ou partículas sólidas.
A orixe dos contaminantes atmosféricos é diversa. Uns débense a accións mecánicas naturais, por exemplo furacáns e tormentas, e outros a accións artificiais, como as causadas por combustións químicas e por gases volatilizados sen combustión.
Hoxe en día, a maior preocupación está centrada na contaminación das grandes áreas urbanas e industriais, producida polo aumento dos hidrocarburos procedentes das emisións de gases de calefacción, dos automóbiles e dos residuos industriais.
Dióxido de carbono
O dióxido de carbono liberado á atmosfera procedente da respiración e da putrefacción dos organismos equilíbrase de forma natural a través da fotosíntese das plantas. Sen embargo, o dióxido de carbono liberado pola queima de combustibles procedentes da industria, dos automóbiles, dos fogares, etc., non é absorbido nin equilibrado pola acción das plantas. Ó incrementarse a súa concentración na atmosfera fai aumentar a temperatura do planeta.
O aumento de temperatura provoca desequilibrios climáticos, dando lugar unhas veces a secas permanentes e outras a chuvias torrenciais. Outro efecto é o aumento do nivel das augas debido á desconxelación dos casquetes polares.
Chuvia ácida
Outro problema relacionado coa contaminación é a chuvia ácida. As fábricas, as centrais térmicas, as calefaccións e os automóbiles emiten ácidos, como óxidos de xofre e nitróxeno. Estas substancias, unha vez na atmosfera, sofren unha transformación polo efecto da luz solar e da auga, precipitándose á terra mesturadas coa chuvia. Os ácidos contidos nas gotas de auga causan dano ás plantas, á pureza das augas, ós edificios e ós animais.
Reducción da capa de ozono
A capa de ozono protexe a superficie da Terra actuando como un filtro que impide que chegue a radiación ultravioleta do Sol. Pero esta estáse facendo máis delgada como consecuencia da destrución das súas moléculas, polo efecto da acumulación excesiva de gases como o cloro e o óxido nítrico. Isto ten graves consecuencias para a saúde, xa que a radiación ultravioleta debilita as defensas do organismo e contribúe ó aumento do cancro de pel.
Entre os compostos de cloro lanzados á atmosfera están os gases utilizados como impulsores dos sprays en perfumería, nos insecticidas e nos frigoríficos. Son os CFCs, clorofluorocarbonos, prohibidos xa en moitos países, que os substituíron por outros propelentes non daniños (pero máis caros).
Efecto invernadoiro
A atmosfera actúa como un invernadoiro, permitindo que os raios solares cheguen á Terra e impedindo que se escape a calor. Os gases procedentes das industrias e dos automóbiles, sumados ós gases naturais, aumentan o efecto invernadoiro, elevando a temperatura da Terra, fenómeno que provoca graves alteracións no clima.
Ruído
O ruído é un contaminante atmosférico que non altera a súa pureza pero que produce un deterioro da calidade medioambiental con consecuencias graves para a saúde.
As sociedades modernas e industrializadas están xerando continuamente ruídos debidos, na súa maior parte, á circulación dos medios de transporte, á industria e á música estridente.
Contaminación mariña
O mar ten un gran poder depurador natural debido tanto ós procesos físicos como á insolación. A acción das sales, conxuntamente con axentes biolóxicos, causa a morte das bacterias daniñas pero os residuos e contaminantes depositados pola humanidade son de tal magnitude que a acción da depuración natural non é capaz de absorber totalmente a polución e, en consecuencia, asistimos a unha contaminación crecente dos mares.
Contaminación mariña
O panorama actual dos océanos non resulta nada prometedor se non poñemos remedio. Por unha parte, a sobreexplotación da pesca puxo en perigo de extinción especies antano moi abundantes, como é o caso das baleas e, por outra, causou a contaminación das augas e degradación e destrución de numerosos hábitats costeiros.
Ás augas dos océanos van parar inmensas cantidades de materiais de desfeito, desde augas residuais, vertidos químicos das industrias, cemiterios de barcos, mareas negras ata residuos radioactivos. Todo iso sen contar a contaminación producida por causas naturais, como poden ser os arrastres de limos e terra.
Un exemplo de mares contaminados son os mares interiores, polos vertidos de auga contaminada que arrastran os ríos que desembocan neles e polas toneladas de cru que os petroleiros guindan nas súas tarefas de limpeza.
En xeral, as zonas costeiras, as salinas, mangleirais e arrecifes son moi vulnerables á degradación por ser onde se rexistran os maiores focos de concentración humana.
Control da contaminación
Para conseguir unha maior seguridade no transporte de mercadorías, sobre todo aquelas altamente contaminantes, é necesario extremar as medidas de vixilancia, delimitando as rutas a seguir polos grandes petroleiros, de xeito que non pasen polas zonas próximas ás costas.
A diminución da capa de ozono tamén repercute negativamente sobre os mares, xa que os raios ultravioleta actúan sobre eles destruíndo o fitoplancto, fundamental na cadea alimentaria.
Tamén é necesaria unha lexislación unificada que actúe de igual modo en todos os países, xa que a propiedade dos océanos debe ser un recurso indivisible.
Outra medida que se debe adoptar é a aplicación de novas regulacións de pesca, con cotas de capturas das diferentes especies de peixe. Outras estratexias son o establecemento de moratorias sobre algunhas especies, paros biolóxicos, redución do tamaño das redes e prohibición de pescar peixes inmaturos, así como a protección de especies en perigo.
Mareas negras
Coñécense con este nome os efectos causados polos vertidos de petróleo debidos a accidentes dos barcos petroleiros nas augas dos mares. As manchas de petróleo esténdense polas augas provocando un desastre ecolóxico de grandes magnitudes. Os danos causados son dun valor incalculable e afectan á fauna mariña, con consecuencias negativas para a pesca e o marisqueo.
Tamén causan estragos no sector turístico. Galicia é unha costa castigada duramente polas mareas negras. Os desastres dos petroleiros Urquiola (1976), Mar Egeo (1992) e Prestige (2002) provocaron consecuencias de efectos incalculables no medio natural e na economía de Galicia: fondos mariños danados, grandes sectores de costa baixo toneladas de hidrocarburos, danos irreparables no Parque Nacional das Illas Atlánticas, peche dos caladoiros de pesca, etc.
Vertidos de residuos radioactivos
Os vertidos de residuos radioactivos de mediana e baixa intensidade na Fosa Atlántica, situada a 700 km de Galicia, son realizados sen ter en conta as graves consecuencias para o futuro.
Degradación ambiental terrestre
Cada vez exércese unha presión maior sobre a base dos nosos recursos naturais debido ó crecemento demográfico e ás maiores expectativas de benestar. Pero se queremos manter a productividade debemos protexer os solos para evitar a súa degradación. Esta pode deberse a múltiples causas pero as que máis contribúen ó esgotamento do solo son a erosión e a sobreexplotación dos pastos.
Erosión
A desaparición dos solos é un dos principais problemas ós que nos enfrontamos na actualidade porque ameaza con minar o principal medio de subsistencia, a agricultura.
Cada ano miles de millóns de toneladas de terra son arrastradas polas augas ou polo vento, indo parar ó fondo do mar ou dos pantanos. Esta terra que desaparece é a máis fértil e non se coñece ningún sistema para substituíla.
Ademais da acción da auga, o vento, as ondas mariñas ou os glaciares, a irresponsable actuación humana acelera o proceso de erosión. A deforestación, os pastos e cultivos excesivos, así como as formas de arar inadecuadas deixan o solo desprotexido fronte ós axentes naturais.
A perda de solo é xeneralizada e constante. A erosión afecta tanto a terreos de zonas húmidas como áridas, e tanto a lugares con formas de agricultura tradicional como avanzada. Europa, o continente menos afectado pola erosión, perde anualmente máis de 1.000 millóns de toneladas de solo ó ano.
As principais consecuencias da erosión son as seguintes:
- A perda do equilibrio ecolóxico
- A colmatación de encoros
- Desbordamentos dos ríos e inundacións
- Desertización de grandes espazos, reducindo gravemente os terreos aptos para a agricultura.
Sobreexplotación dos pastos
A excesiva explotación dos pastos deu lugar a unha importante erosión do solo porque o gando doméstico non conserva os pastos en bo estado como os animais salvaxes. Se non se toman precaucións degradan totalmente os pastos e destrúen os recursos, sobrepasando a súa capacidade natural de rexeneración, como sucede co exceso de pastoreo nas zonas áridas e semiáridas, que constitúe unha das causas básicas do avance do deserto. O efecto da sobreexplotación dos pastos aparece claramente recollido no seguinte dito: o beduíno non é fillo do deserto, senón realmente seu pai. A solución deste problema pasa pola redución do número de cabezas dos rabaños.
Destrucción do manto verde: a deforestación
A deforestación é outra das causas fundamentais de desertización. A vexetación fixa a terra coas súas raíces e minora o impacto das chuvias sobre o solo, freando o seu discorrer e favorecendo a súa infiltración no terreo (efecto esponxa). Deste xeito increméntanse as augas subterráneas e diminúe considerablemente o volume das augas superficiais, responsables da erosión.
Por outro lado, mentres non se altere o manto vexetal, as augas dos ríos baixan limpas e manteñen un caudal máis ou menos regular ó longo do ano. Pero cando desaparece a protección vexetal aparecen as inundacións, seguidas de secas. Os terreos das partes altas da conca van perdendo a capa de terra fértil que, arrastrada polas chuvias torrenciais, vai depositarse ós encoros hidroeléctricos acurtando así a súa vida productiva.
A deforestación é un mal moi antigo. Xa dende o Neolítico, con machadas ou lume, os nosos devanceiros destruíron amplas masas de bosque orixinario. Hoxe o proceso de deforestación acelerouse e afecta sobre todo ós bosques tropicais, facendo desaparecer anualmente millóns de hectáreas.
A demanda de terras de cultivo e de madeira son as principais causas da desaparición dos bosques tropicais.
A construción de numerosas pistas exerce un efecto moi negativo sobre estes bosques ó permitir o acceso ata as zonas máis profundas a pequenos agricultores e a recolledores de leña que completan a deforestación levada a cabo polos madeireiros.
Nas terras temperadas o bosque mantense estable, sendo o seu principal inimigo os incendios forestais.
Outros problemas que afectan ós solos
A salinización volve as terras improductivas. Este problema afecta a todos os países e é debido a unha sobreexplotación dos recursos hídricos.
Tamén se está perdendo terra productiva por mor da construción de estradas.
Xestión dos recursos terrestres
A conservación do medio ambiente require actuacións e melloras en todos os eidos. A xestión axeitada da terra esixe tomar medidas que deteñan a degradación, reparando e mellorando os solos.
Así, cómpre frear o corte abusivo de árbores e emprender unha reforestación adecuada ó medio, eliminando a salinidade mediante o regadío. Tamén é necesario recuperar zonas anegadas mediante drenaxes e estabilizar dunas.
Outras medidas han de contemplar a utilización adecuada dos recursos hidráulicos, a construción de socalcos e suplir as carencias do solo con aportes de cal, xeso, etc.
Pero a acción humana tamén pode producir cambios positivos no medio. Un exemplo disto poden ser os cultivos en invernadoiro que fan posible unha agricultura próspera en zonas desérticas ou semidesérticas, como é o caso de Israel ou da provincia de Almería en España.
Perigo de extinción da fauna silvestre
Nos tres últimos séculos desapareceron moitas especies de aves e de mamíferos e outras moitas están en perigo de extinción. As causas son múltiples pero entre elas podemos destacar a destrución do hábitat que os protexía e alimentaba, a caza furtiva e deportiva, e as medidas adoptadas para protexer as colleitas. Unha política de conservación das especies deberá perseguir as prácticas anteriormente citadas, prohibir o comercio de especies exóticas, crear espazos protexidos e evitar a introdución de especies foráneas que poñen en perigo as especies autóctonas.
Por outro lado, moitos animais devoran outros que son prexudiciais. Así, os paxaros destrúen unha gran cantidade de insectos nocivos, que deben ser exterminados por medio de insecticidas e pesticidas cando os paxaros escasean. Estes produtos terminan pasando a través dos cultivos ó ser humano.
Esgotamento dos recursos minerais
As múltiples aplicacións dos minerais ocasionou unha depredación destes recursos nos lugares de fácil acceso.
Coa revolución industrial aumenta considerablemente a demanda de minerais, acrecentada polas guerras do século XX. O consumo mundial de minerais segue amosando unha tendencia á alza, provocando un alarmante descenso das reservas de minerais, especialmente as de platino, ouro, chumbo, petróleo e gas natural.
Cos avances tecnolóxicos é posible a explotación de zonas agora non accesibles da codia terrestre así como os fondos mariños. Pero os recursos mineiros non son renovables. O único que se pode facer é atrasar o seu esgotamento. Polo tanto, débense adoptar medidas que eviten a actual dilapidación, recuperando mediante o reciclado produtos metálicos utilizados e inservibles, freando a carreira de armamentos e fomentando a investigación para atopar substitutos dos minerais, tales como o plástico, o vidro e a cerámica.