Mecanismos da Meiose: División Celular Reducional e Variabilidade Xenética
Meiose: O Proceso de División Reducional
A meiose é o proceso de división asociado á reprodución sexual, que permite a formación dos gametos e impide a duplicación do número de cromosomas en cada nova xeración.
É un proceso de división nuclear no que a partir dunha célula nai se forman catro células fillas coa metade de cromosomas que ela. A relación de ploidía é a seguinte:
1 cel (2n) ⟶ 4 cels (n)
Consta de dúas divisións consecutivas, entre as que non se produce duplicación do ADN:
Primeira División Meiótica (Meiose I): É reducional, porque as dúas células fillas orixinadas teñen a metade de cromosomas que a célula nai.
Segunda División Meiótica (Meiose II): É conservativa (como a mitose), xa que as catro células fillas manteñen o mesmo número de cromosomas que as dúas células nai obtidas na primeira división.
A meiose é o proceso de división das células xerminais, mentres que as células somáticas fano por mitose.
Fases da Meiose
Cada división meiótica subdivídese en fases, de xeito similar á mitose:
- Primeira División: Profase I, Metafase I, Anafase I, Telofase I.
- Segunda División: Profase II, Metafase II, Anafase II, Telofase II.
A Primeira División Meiótica (Meiose I)
A primeira división meiótica é a máis importante e diferente, xa que nela se producen acontecementos moi significativos:
Profase I
O evento crucial é o apareamento dos cromosomas homólogos (un provén do pai e outro da nai), formándose así as tétrades ou bivalentes. Este proceso de apareamento coñécese como sinapse, e ten lugar xene a xene.
Nos cromosomas apareados ten lugar un entrecruzamento de cromátides, que orixina a recombinación xénica (xenes dun cromosoma pasan ao homólogo e viceversa). Este proceso dáse ao chou, e orixina variabilidade xenética (novas combinacións de xenes paternos e maternos no mesmo cromosoma).
Despois do apareamento, ao final da Profase I, comeza a separación dos homólogos, facéndose ben visibles os puntos de unión entre as cromátides, que reciben o nome de quiasmas.
Metafase I
Os bivalentes sitúanse no ecuador do fuso acromático, grazas ao crecemento dos microtúbulos cinetocóricos (do mesmo xeito que na mitose).
Anafase I
Os dous cromosomas homólogos de cada bivalente sepáranse, e emigran cada un cara a un dos polos da célula. A separación das parellas de homólogos prodúcese ao chou, o cal orixina diferentes combinacións responsables, de novo, dunha gran variabilidade xenética.
O número de combinacións posibles aumenta co número de parellas, e calcúlase por 2n, sendo “n” o número de parellas de homólogos da célula. Cada un dos cromosomas separados segue a ter dúas cromátides.
Telofase I
Os cromosomas desespiralízanse, fórmanse as envolturas nucleares e comeza a segunda división meiótica, tras unha breve interfase sen duplicación do ADN. As células fillas orixinadas xa son haploides (n), xa que teñen un cromosoma de cada tipo.
A Segunda División Meiótica (Meiose II)
A segunda división meiótica é unha mitose normal e, polo tanto, mantén constante o número de cromosomas.