Manuel de Falla: Música Española (Nacionalismo, Neoclasicismo)

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Música

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,1 KB

Manuel de Falla: Vida e Obra

Manuel de Falla reúne as tres tendencias da música española de principios do século XX: o Nacionalismo, o Neoclasicismo e o Impresionismo. Nace en Cádiz (1876) e morre na Arxentina (1946). Axiña despuntou como pianista e pronto se interesou pola composición. Ao trasladarse a Madrid compuxo zarzuelas, algunhas en colaboración con Amadeo Vives. Ao pouco tempo entrou en contacto con Felipe Pedrell, quen marcou un antes e un despois na súa concepción estética.

Influencias e Primeiros Anos

Comezou a compoñer a ópera Vida Breve (coa que gañou un concurso), que se estreou por primeira vez en Francia oito anos despois grazas ao interese de Debussy. Esta ten un alento profundamente verista e a aparición do folclore é simbólica. A ópera de Falla contén unha das características principais do músico: claridade melódica e rítmica e a perfección lograda na orquestración.

Estadía en Francia (1907-1914)

Estivo alí sete anos, tivo estreita relación con Ravel e Debussy e tivo problemas económicos que empeoraron o seu carácter. Escribiu Catro Pezas Españolas, ademais de preparar parte das Noites nos xardíns de España e das Sete Cancións Populares Españolas. Coa chegada da Primeira Guerra Mundial abandonou Francia e volveu a Madrid, con influencia de Stravinsky.

Etapa Madrileña: Consolidación e Éxitos

Acabou Noites nos xardíns de España, formada por tres nocturnos para piano e orquestra; é o máximo achegamento de Falla ao Impresionismo, pola escritura pianística e a orquestración das pezas.

As Sete Cancións Populares Españolas están escritas sobre a base do folclore popular e amosan as distintas posibilidades de traballar cunha melodía popular, desde unha recreación case directa da melodía ata unha reelaboración total desta con acompañamento instrumental.

Falla comezaba a ser coñecido polo seu traballo sobre o folclore, polo que foi escollido para compoñer o que será O Amor Bruxo, estreada sen moito éxito no 1915, e que ten música, argumento e estética da música xitana. Un ano despois reelaborou a peza, aumentando a instrumentación; pese a todo, ningunha das dúas versións acadou éxito posterior.

Escribiu tamén unha obra para os Ballets Rusos de Diaghilev, pero a Guerra Mundial impediu a súa estrea.

Destaca tamén O sombreiro de tres picos, que foi estreada con grande éxito grazas en parte ao traballo de Picasso e grazas á crecente fama de Falla. Esta enmárcase no Neoclasicismo español, moi vinculada a Stravinsky, e ten unha estética musical máis conservadora que as obras anteriores do artista.

Tamén en Madrid compuxo Fantasía Bética; é considerada hoxe como a peza cumio do pianismo de Falla, pola súa perfección técnica e inspirado melodismo.

Etapa Granadina e Últimos Anos

Mudouse a Granada por cuestións de saúde. A súa primeira composición deste momento é Homenaxe a Debussy, única peza de Falla para guitarra. Destaca tamén O Retablo de Maese Pedro, baseada nos textos do Quixote que el mesmo adaptou; conxuga a aparición de monicreques e cantantes. Esta ópera de cámara marcou un antes e un despois na súa produción, xa que houbo que agardar tres anos para a súa seguinte produción, Concerto para clavicémbalo e cinco instrumentos, na que acentúa os trazos innovadores da súa escritura, reducida só ao esencial, abstracta e allea ao folclore.

Falla continuou as súas composicións ata empezar a Guerra Civil Española. Cando esta finalizou, marchou á Arxentina, onde morreu, deixando inconclusa Atlántida, unha cantata escénica que foi rematada polo seu discípulo tras moitos anos de traballo. A personalidade de Falla marcou aos seus discípulos pero tamén a todos os compositores españois da segunda metade do século XX.

Entradas relacionadas: