Manuel Curros Enríquez: Poeta Cívico do Rexurdimento Galego e a Súa Obra

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,63 KB

Manuel Curros Enríquez: O Poeta Cívico do Rexurdimento Galego

Manuel Curros Enríquez é unha das grandes figuras do Rexurdimento, xunto con Rosalía de Castro e Eduardo Pondal. É, sobre todo, o poeta máis comprometido do momento, e o seu compromiso é co progresismo galeguista e republicano. A súa obra estará ao servizo desta ideoloxía, e foron moitos os autores que seguiron a súa forma de facer poesía, que estivo centrada na crítica social.

A Virxe do Cristal: Consolidación da Lingua Literaria

Con ocasión dun concurso literario organizado en Ourense, Curros presenta tres poemas, entre os cales destaca o segundo poema narrativo escrito en galego da historia da nosa literatura: A Virxe do Cristal. Esta obra sobresae por diversas razóns: nela quere consolidar o galego como lingua literaria, e ademais é o resultado dunha magnífica elaboración e unión entre descrición, narración e diálogo.

Aires da Miña Terra: Denuncia Social e Temáticas Variadas

No ano 1880, Curros Enríquez publica a obra poética Aires da Miña Terra. Nesta obra recóllese toda a súa produción poética ata ese momento. A principal liña que presenta é a de denuncia, xa que Curros quere enviar á sociedade galega unha mensaxe libertadora. Cría que debía haber unha transformación para que Galicia saíse do atraso, e para iso poñía en evidencia as causas dese atraso: a incultura, o inxusto reparto da riqueza ou a superstición, ao tempo que tamén sinalaba os responsables.

Liñas Temáticas en Aires da Miña Terra

Pero á beira da liña de denuncia, aínda hai máis liñas temáticas que podemos destacar nesta obra:

  • Liña Social: Dentro desta liña destaca o anticlericalismo. Curros consideraba que a poesía debe ter a función de denunciar as inxustizas sociais, e denuncia que a opresión da Igrexa é inxusta, pois se opón ás ideas de progreso.
  • Liña Intimista: Pódese observar nos poemas nos que trata asuntos que afectan á familia, como os poemas nos que fala da morte do seu fillo ou do falecemento da súa nai.
  • Liña Costumista: É outra das que presenta esta obra, algo moi común en todos os poetas deste século.

O Divino Sainete: Sátira e Crítica Social

No ano 1888, Curros publica outra obra poética: O Divino Sainete. Este é un longo poema narrativo que conta a imaxinaria peregrinación a Roma que realiza o autor, ao que lle serve de guía Anón, outro escritor deste século. A viaxe fana nun tren de sete vagóns, onde cada un dos vagóns é un pecado capital, seguindo a tradición católica, que ensina que os pecados capitais son sete:

  • A soberbia
  • A avaricia
  • A envexa
  • A ira
  • A luxuria
  • A gula
  • A preguiza

Nesta obra, Curros fai unha crítica á sociedade do seu tempo, sobre todo ao poder da Igrexa. Caricaturiza, tamén, institucións e personaxes culturais e políticos galegos.

O Divino Sainete supuxo o inicio da liña satírica na moderna literatura culta en galego. Moita foi a polémica cando se publicou, a raíz das críticas que mostraba.

Estilo e Formas Poéticas de Curros Enríquez

En canto ás formas que Curros emprega na súa poesía, vese claramente a influencia da poesía popular. Non é un poeta innovador na métrica ou nas estrofas, pois ao que el quere darlle importancia non é á forma, senón á intención didáctica e moralizante que quere que prevaleza. No seu estilo destaca o chamado "simbolismo inverso", que consiste en atribuír valores espirituais a algo material (p. ex., cando compara unha locomotora coa Virxe María). Tamén se dá o fenómeno contrario, cando nos seus poemas rebaixa á condición de usual algo que ten gran valor espiritual.

A poesía de Curros, como a doutros autores do Rexurdimento, escríbese sendo consciente o autor de que serve para consolidar un modelo de lingua culta. Curros era bo coñecedor do galego oral, e tomándoo como base artellou unha expresión artística rica e enxebre, sen renunciar á sinxeleza.

Legado de Curros Enríquez na Literatura Galega

Manuel Curros Enríquez foi o gran poeta cívico do Rexurdimento: destaca nel, sobre todo, a integridade ética e o compromiso na loita contra a inxustiza. A súa liña crítica, a poesía satírica que inicia, xunto coa súa contribución a facer do galego unha lingua moderna de cultura, contribuíu decisivamente no proceso de recuperación da nosa cultura.

Entradas relacionadas: