Manuel Curros Enríquez: Biografía, Obra e o seu Legado no Rexurdimento Galego

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,28 KB

Biografía de Manuel Curros Enríquez

Manuel Curros Enríquez naceu en Celanova en 1851, onde pasou a infancia até que os continuos conflitos co seu pai provocaron que marchase da casa para ir vivir a Madrid, onde moraba un irmán seu. Alí rematou o bacharelato e comezou a carreira de Dereito, que non chegou a acabar. Nestes anos de Madrid participou activamente en ambientes universitarios e intelectuais, ao tempo que viviu a Revolución de 1868. Este feito conformou o seu pensamento político, que o levou a defender apaixonadamente a república como forma de goberno e o federalismo como modelo de organización do Estado. Comezaría tamén nestes anos o que sería, xunto coa creación literaria, a súa profesión: o xornalismo.

En 1877 participa nun concurso literario da cidade de Ourense coas composicións «A Virxe do Cristal», «Unha voda en Enibó» e «O gueiteiro», pezas que lle supuxeron o primeiro premio e a súa estrea como poeta en galego. Posteriormente volveu a Ourense, e en 1880, o mesmo ano en que aparece Follas novas de Rosalía de Castro, publica Aires da miña terra, obra coa que provocou unha forte polémica co bispado de Ourense que fixo que fose xulgado (e absolto) por presuntos ataques á relixión católica. Este feito acentuaría o seu declarado anticlericalismo, que será un dos temas da súa outra grande obra, O divino sainete, publicada en 1888.

En 1895 emigra a Cuba, onde pasaría os últimos anos da súa vida, agás unha breve viaxe a Galicia en 1904 para recibir unha homenaxe na cidade da Coruña. Na illa caribeña foi un dos impulsores da creación da Real Academia Galega. Faleceu na Habana en 1908 e os seus restos foron repatriados ese mesmo ano e enterrados na Coruña, onde recibiu unha fervorosa e solemne homenaxe popular.

Aires da miña terra (1880): Temas e Liñas Poéticas

Os poemas deste libro responden ás seguintes liñas temáticas principais:

  • Liña Cívica ou Social: Curros cría que a literatura tiña que ter a función social de compromiso co pobo galego, coa democracia e coas ideas progresistas. Así, en moitos destes poemas denuncia as inxustizas e opresións cara aos máis débiles (especialmente os labregos, que sufrían unha grande explotación) e critica os caciques e fidalgos. Son tamén relevantes os poemas de ton anticlerical, publicados nunha época de grande influencia social da Igrexa católica. Esta poesía de temática cívica, comezada por Curros no século XIX, tería como continuadores no século XX a Ramón Cabanillas e a Celso Emilio Ferreiro, entre outros.
  • Liña Costumista: Algúns poemas continúan a estética costumista propia do seu tempo e da poesía popular. Neles recrea lendas, tradicións e tipos populares. A novidade está en que en Curros teñen tamén un carácter reivindicativo.
  • Liña Intimista: Debido á súa concepción da poesía, hai poucos poemas nos que Curros expresa os seus sentimentos. Son aqueles en que mostra a alegría polo nacemento dun fillo ou a dor pola morte da nai, ou mesmo pola morte de Rosalía de Castro.

O divino sainete (1888): Sátira e Crítica Social

Trátase dun longo poema narrativo de carácter burlesco que parodia a Divina Comedia do escritor clásico italiano Dante Alighieri. Está protagonizada polo propio Curros que, en compaña do poeta Francisco Añón, realiza unha viaxe a Roma para gañar o xubileu. Añón será o guía de Curros nun percorrido que o levará polos sete vagóns dun tren, que representan os sete pecados capitais:

  1. Preguiza
  2. Envexa
  3. Gula
  4. Ira
  5. Luxuria
  6. Avaricia
  7. Soberbia

En cada vagón van encontrando personaxes cos que Curros mantivera algunha polémica ao longo da súa vida. Unha vez en Roma, visita ao papa León XIII e aconséllalle que a Igrexa abandone a súa riqueza e volva á vida sinxela. Esta obra constitúe unha caricatura da sociedade daquel tempo, xa que fai unha crítica feroz a todos os estamentos sociais, aínda que especialmente se centra nos poderosos, nos seus inimigos e na Igrexa católica, co que amosa unha vez máis o seu marcado anticlericalismo.

Entradas relacionadas: