Manuel Curros Enríquez: Biografía e Obra Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,45 KB
Manuel Curros Enríquez: Poeta do Rexurdimento
Manuel Curros Enríquez é unha figura poética fundamental do Rexurdimento. Curros é o poeta comprometido co progresismo galeguista e republicano. Na súa obra destacan principios éticos e unha clara intención cívica. Converteuse no modelo a seguir por todos os autores galegos que, en diferentes momentos, adoptaron a liña poética centrada na crítica social.
Vida e Traxectoria de Curros Enríquez
Naceu en Celanova no ano 1851 e morreu na Habana en 1908. Con 15 anos mudouse a Madrid onde sacou a carreira de Dereito. Arredor de 1866 comezou a colaborar coa prensa madrileña. En 1870 viuse obrigado a fuxir a Londres durante uns meses; de alí regresaría a Madrid, despois dunha breve estadía en Celanova, e comezaría a traballar como funcionario municipal.
Viviu con intensidade os momentos previos á proclamación da 1ª República Española e a súa posterior caída, e recuperou a súa ocupación como xornalista. Entrou en conflito coas autoridades eclesiásticas, sobre todo a raíz da publicación en 1880 de Aires da miña terra. Aos seus problemas xudiciais habería que engadir as penosas circunstancias persoais (morte do seu 2º fillo, da súa nai). O seu posicionamento ideolóxico progresista racionalizouse, o que repercutiría no incremento do ton crítico que manifesta a súa obra nesta altura.
A finais da década de 1880 e principios da de 1890 atravesou problemas de índole social e separouse da súa muller. Nestes anos achegaríase ao rexionalismo. En 1894 emigrou para a Habana e fundou o periódico La Tierra Gallega. Despois de 10 anos volveu a Galicia con moi mala saúde e cunha acollida homenaxeada. Volveu a Cuba e morreu en 1908.
Obra Literaria en Galego
A obra literaria en galego de Curros está formada por dous libros principais: Aires da miña terra (1880) e O divino sainete (1888), ademais dalgúns poemas soltos compostos en diversas circunstancias.
Aires da miña terra (1880)
Nesta obra, Curros recompila toda a súa produción poética en galego ata ese momento, que se incrementará en edicións posteriores. A liña temática predominante será a de denuncia social, e pretende enviar á sociedade galega do seu tempo unha mensaxe libertadora, que contribúa á transformación da sociedade. Aborda temas como a actitude intransixente da Igrexa, o inxusto reparto da riqueza ou a miseria.
Temas Principais
- Social: Curros consideraba que a poesía debe ter como función esencial a denuncia das inxustizas sociais, incluíndo o anticlericalismo.
- Intimista: Trata asuntos que afectan o círculo familiar.
- Costumista: Está presente nos tres poemas premiados.
Formas e Estilo
A obra de Curros manifesta unha clara influencia da poesía popular, con recursos baseados na repetición, entre outros.
O divino sainete (1888)
Trátase dun longo poema narrativo dividido en nove partes (unha introdución e oito cantos).
Tomando como modelo A Divina Comedia de Dante, pero nun ton satírico, Curros fai unha crítica á sociedade do seu tempo, sobre todo ao poder da Igrexa, e aproveita para caracterizar certos personaxes e institucións políticas e culturais da Galicia coetánea.