Manuel Antonio e Álvaro Cunqueiro: vangarda e renovación na poesía galega (1900–1933)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 6,68 KB

Manuel Antonio (Rianxo, 1900–1930)

Manuel Antonio (Rianxo, 1900–1930). En 1972 publicouse a obra completa de Manuel Antonio, ata entón inédita, á excepción do único libro que publicou en vida: De catro a catro (1928). Ademais dese hai que citar: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis despois, Viladomar.

Ruptura e vangarda

Este autor representa un fito illado dentro da nosa literatura; non tivo seguidores. A súa irrupción nas letras galegas supón unha auténtica ruptura coa tradición que el realiza de forma consciente, tal como expón no seu manifesto Máis alá! (asinado por el e polo debuxante Álvaro Cebreiro): critica o ruralismo de moitos escritores do momento, os "vellos" que escriben hoxe coma hai un século; os "antepasados" (Rosalía, Curros e Pondal); os "pollitos bien", isto é, escritores galegos que escriben en castelán. Propoñen unha nova estética baseada na liberdade do artista e na orixinalidade, na independencia de calquera movemento; defenden a nosa lingua: **monolinguismo en galego** e fan un chamamento á mocidade galega para que rompa co pasado e busque o seu propio camiño.

A vangarda maniféstase en De catro a catro tanto no plano da forma como no do contido: nova disposición tipográfica dos versos no poema, ausencia de puntuación, utilización do verso libre, liberación no uso da sintaxe e da lóxica gramatical, novo xeito de entender a metáfora que dará paso a combinacións ousadas e orixinais, e unha nova visión na elaboración argumental do poema.

Elementos tomados do Creacionismo e do cubismo

Elementos tomados do Creacionismo: obxectividade, oposta ao sentimentalismo e ao intimismo románticos; afastamento do contido: a voz poética non expresará con emoción sentimentos convencionais como o amor e a morte; o humorismo, co cal se consegue evitar unha lectura sentimental dos versos; a anulación da secuencia espazo-temporal. Esta característica relaciónase coa concepción cubista do espazo e do tempo, corrente na que ambos aparecen dislocados e anulados.

O tempo deixa de considerarse unha sucesión lineal e procúrase a captación do instante, da simultaneidade; de aí que en moitas ocasións as pseudoestrofas non teñan unha orde determinada e o poema poida comezar a leerse por calquera delas.

Manuel Antonio peneira as innovacións das vangardas e non cae no simple mimetismo. Así, a vivencia da natureza, a solidariedade co mar e co cosmos, e o sentimento e preocupacións existenciais afastan a súa poesía do xogo intranscendente e da deshumanización propia dos ismos.

Lecturas do contido

En canto ao contido podemos facer múltiples lecturas, desde a evocación poética dunha travesía marítima con base nunha viaxe real: "Intencións" (poema 10) — "Adeus" (poema 19), no medio 17 poemas (gardas interminables, calmas chichas do mar, "Recalada" nun porto, visita a unha tasca mariñeira "Navy Bar"); ata unha lectura de carácter filosófico: a ilusión do primeiro poema aparece negada e a saudade do último coincidirían na frustración existencial.

Os poemas son metáforas de sensacións, experiencias e reflexións dunha alma náufraga e desamparada que considera que a vida é un monótono ir e vir constante sen horizontes, que toda travesía remata no fracaso existencial e non hai espazo para a esperanza. O BARCO (Constantino Candeira) fai unha viaxe polo MAR; esta é unha viaxe polo interior do poeta.

A viaxe comeza co poema "Intencións", que recolle a ilusión pola aventura que está a punto de emprender. Nesta viaxe interior o suxeito lírico descobre:

  1. A fatiga polo paso do tempo: que se repite de maneira monótona, provocando fastío, monotonía e aburrimento. Todo nesta vida se repite; o tempo pasa de maneira inexorable (reloxos, calendarios...), pero non trae nada novo.
  2. A soidade do ser humano: viaxamos pola vida sen compañía, facemos esta longa travesía sós.
  3. A morte: que nos espera ao rematar esta travesía ou singradura (que é a vida); está presente en todo o poemario: naufraxios, afogados, despedidas...
  4. O extravío existencial: viaxamos pola vida totalmente desorientados, sen rumbo, perdidos, sen unha meta máis que a morte.

Na metade do poemario/desta viaxe faise un descanso: baixan a terra en "Recalada" e "Navy Bar". Neses poemas os mariñeiros beben, cantan e descansan, para descubrir que tamén alí senten soidade e monotonía. O poemario — a viaxe, a singradura — remata co poema "Adeus": chegada á terra e despedida do barco; no seu interior queda a saudade por ese tempo que soñaba e que agora sabe que non pode alcanzar.

Esta é unha viaxe iniciática que lle serve ao suxeito lírico para coñecerse, para regresar renovado pola experiencia vivida no mar, rodeado dunha paisaxe (noite, estrelas, ceo nocturno, sol, illa, vento...) que usa para exteriorizar os seus sentimentos íntimos.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro: autor de poemas neotrobadorescos (Cantiga nova que se chama Ribeira, 1933). Publica dous poemarios que se encadran perfectamente na estética da «vangarda plena». O rupturismo coa tradición e a novidade de Álvaro Cunqueiro son, nestas obras, comparables aos de Manuel Antonio.

Obras e características

Trátase de Mar ao norde (1932) e Poemas do si e do non (1933). Mar ao norde son composicións moi breves que teñen como tema común o mar. Un mar que non se parece ao da poesía mariñeira de tradición galega, senón que é abstracto e estático e lembra, en certa medida, ao mar de Manuel Antonio. Este libro ten influencias cubistas.

Poemas do si e do non relata unha historia de amor, onde o erotismo conforma unha das características fundamentais. Son poemas abstractos con frecuentes paradoxos e asociacións semánticas insólitas que desembocan en imaxes completamente irracionais.

Conceptos clave
  • Vangarda: ruptura consciente coa tradición e procura de novas formas expresivas.
  • Creacionismo: obxectividade e negación do sentimentalismo romántico.
  • Cubismo: dislocación do espazo e do tempo, presenza da simultaneidade.
  • Monolinguismo en galego: defensa da lingua propia como elemento identitario e innovador.

Entradas relacionadas: