Locke: Liberalismo Político, Contractualismo e Dereitos Naturais
Enviado por Chuletator online y clasificado en Filosofía y ética
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,4 KB
O Liberalismo Político e o Contractualismo en Locke
John Locke, filósofo empirista do século XVII, destacou tanto no ámbito do coñecemento como na teoría política. No contexto da Revolución Gloriosa, buscou fundamentar o Estado burgués a través do estado de natureza, o dereito natural e o contrato social. Nos Tratados sobre o goberno civil, critica no primeiro tratado a orixe divina do poder monárquico, mentres que no segundo desenvolve a súa propia teoría política, en oposición ao absolutismo defendido por Hobbes no Leviatán.
O contractualismo sostén que a sociedade e o Estado xorden dun pacto entre individuos que abandonan o estado de natureza para garantir a súa seguridade. Locke, a diferenza de Hobbes, critica o absolutismo e defende un goberno limitado. O seu Segundo Tratado foi considerado unha xustificación teórica da Revolución de 1688.
Estado de Natureza, Lei Natural e Dereito Natural
No Leviatán, Hobbes sostén que o Estado xorde dun contrato social para poñer fin ao estado de natureza, caracterizado como un conflito permanente onde “o home é un lobo para o home”. Sen un goberno, os individuos loitarían polos seus propios intereses, xerando unha situación de guerra de todos contra todos. Para evitar este caos, os seres humanos ceden a súa liberdade a un soberano absoluto, garantindo así a orde e a seguridade. Hobbes sostén que para saír do estado de natureza, os individuos deben pactar e ceder o seu dereito de autogoberno a un soberano. Este garante a seguridade de todos, dando lugar á sociedade e ao Estado. Hobbes sostén que, unha vez establecido o pacto, os súbditos deben obediencia incondicional ao soberano, salvo que este non os protexa ou os danase. Rechaza a separación de poderes e defende un poder absoluto, lexitimando así os gobernos absolutistas.
Locke, a diferenza de Hobbes, non identifica o estado de natureza cun estado de guerra. E aínda que non haxa un superior para dirimir os seus conflitos, isto non fai que estean permanentemente en conflito. Para el, os seres humanos viven segundo a razón, en liberdade e igualdade, sen subordinación mutua. A liberdade non é ilimitada, xa que existen certos límites que deben respectar, aínda que non haxa unha autoridade superior que resolva os conflitos. Locke sostén que, como ser racional, o ser humano recoñece e debe respectar unha lei natural moralmente obrigatoria, mesmo sen unha autoridade formal. Desta lei derivan os dereitos naturais, que todos os seres humanos posúen por igual. Locke defende tres dereitos naturais fundamentais:
- Dereito á vida: Todos teñen dereito á autoconservación e a non seren danados, pois son creación de Deus.
- Dereito á propiedade privada: A propiedade xorde do traballo sobre os bens naturais e tamén se pode adquirir por comercio ou doazón.
- Dereito á liberdade: Como todos son iguais no estado de natureza, ninguén pode restrinxir a liberdade doutros.
No estado de natureza, sen policías nin xuíces, algúns poden violar os dereitos naturais. Por iso, os individuos teñen o dereito de facer cumprir a lei natural, intervindo tanto en defensa propia como para protexer a terceiros, sempre aplicando un castigo proporcional ao crime.
O Pacto Social
No estado de natureza, os seres humanos posúen dereitos naturais, pero deciden establecer un pacto social para fundar o Estado debido a dúas razóns principais:
- Falta de seguridade: Algúns individuos non respectan os dereitos naturais doutros, cometendo actos como roubo ou asasinato. Aínda que cada persoa ten o dereito de facer cumprir a lei natural, non existen mecanismos efectivos que garantan protección constante contra os agresores, deixando os máis vulnerables en situación de risco.
- Falta de imparcialidade na xustiza: En caso de conflito, as persoas poden xulgar en favor propio ou dos seus achegados, sen obxectividade. Sen unha autoridade neutral, isto leva a disputas continuas e a unha xustiza parcial, agravando os conflitos en lugar de resolvelos.
Desta maneira, o contrato social permite crear unha sociedade política con leis e institucións que garantan a seguridade e a imparcialidade na xustiza. Para resolver estes problemas, establécese un poder superior a todos os individuos que xulgue conflitos e determine penas. Por iso, os individuos realizan un pacto social, cedendo o seu poder de executar a lei natural a un terceiro, formando así unha sociedade civil ou política. Nesta sociedade, a lei natural concrétase en leis escritas (dereito positivo), evitando interpretacións arbitrarias. Ademais, os conflitos son resoltos por unha autoridade imparcial, garantindo xuízos xustos e evitando reaccións desproporcionadas. Deste modo, a sociedade civil e o Estado aseguran o cumprimento da lei natural e a protección dos dereitos humanos.
Estado Político e Social
Os individuos que participan no pacto comprométense a non exercer a xustiza pola súa conta e a acudir ao Estado para resolver conflitos. O Estado, pola súa parte, non só garante a orde social, senón que ten a obriga principal de protexer os dereitos naturais dos seres humanos. A diferenza de Hobbes, Locke defende que o poder do Estado non é absoluto, senón que está limitado pola lei natural e os dereitos individuais. Ademais, este poder non debe concentrarse nunha soa persoa, para evitar abusos e garantir un goberno xusto e equilibrado.
Locke propón a separación de poderes para evitar abusos:
- Poder lexislativo: Reside no Parlamento e é o principal, pois redacta as leis que regulan a sociedade e protexen os dereitos dos cidadáns.
- Poder executivo: Reside no goberno e encárgase de facer cumprir as leis. Inclúe tamén a función xudicial, determinando cando se infrinxen as normas e perseguindo os infractores.
- Poder federativo: Responsable da seguridade do Estado e das relacións exteriores, como declarar a guerra ou negociar tratados.
Os poderes executivo e federativo dependen do lexislativo, xa que o Parlamento elixe os seus membros e supervisa o seu funcionamento.