Locke: Estado Natural, Contrato Social e Liberalismo

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Filosofía y ética

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,78 KB

Locke: Estado Natural e Contrato Social

Locke é considerado de xeito indiscutible como un dos pais do liberalismo político moderno. A súa teoría política aparece recollida en diversos textos, aínda que o máis importante deles, e o que imos seguir para traballar este punto, é o seu Segundo tratado sobre o goberno civil (1689).

O Estado Natural Segundo Locke

Segundo Locke, o ser humano áchase por definición natural nun estado de liberdade e igualdade. Este é o seu estado natural: esta situación constitúe, por si mesma, un tipo de goberno, xa que aínda que todos os seres humanos teñen liberdade absoluta para facer o que consideren oportuno, existe unha lei natural que impón unha serie de regras. Ditas regras maniféstanse nunha serie de dereitos que nos corresponden por natureza e que ninguén nos pode arrebatar, xa que son dereitos que asenta e establece a propia razón humana. Estes dereitos son os seguintes:

Os Dereitos Naturais Fundamentais

  1. Dereito á propiedade privada: dende o mesmo intre no que nacemos todos os seres humanos temos unha posesión, unha propiedade que nos proporciona a propia natureza e que teremos que coidar e respectar a toda costa. Esa propiedade é o propio corpo de cada quen. Dito doutro xeito, todo ser humano ten autoridade plena sobre o seu propio corpo e pode facer con el o que considere oportuno: a propiedade privada, polo tanto, é unha propiedade natural.
  2. Dereito á propia preservación e a non facer dano aos demais: sendo persoas iguais por determinación natural, todas e todos temos dereito a gozar coa nosa propiedade privada fundamental. Ao coidala estaremos a manter a nosa propia existencia, estaremos a preservar a nosa vida. Agora ben, se somos iguais, teremos que asumir que non lles poderemos facer aos demais cousas que poñan en perigo o goce desta propiedade, dado que outras persoas poderían facer o mesmo connosco. O respecto pola propiedade dos demais é a base da propia perpetuación da especie.

Base do Estado Burgués na Teoría de Locke

Este é o motivo polo cal afirmamos que Locke asenta as bases do estado burgués: o novo modelo económico impulsado pola burguesía esixía unha nova teoría política que xustificase os seus alicerces, tanto políticos como propiamente económicos. Ao establecer o propio corpo como unha propiedade dada polo noso estado natural, Locke asenta, de paso, a base do propio sistema económico burgués, baseado, principalmente, na defensa da propiedade privada como elemento inalienable do entramado económico.

Do Estado Natural ao Pacto Social

Agora ben, Locke era consciente de que este estado natural non se podía perpetuar ad infinitum: sempre haberá persoas que ataquen a outras para usurparlles as súas posesións e propiedades, indo contra a natureza e afastándose dos camiños da razón. Cando isto pasa deixamos atrás o estado natural para nos mergullar nun estado de guerra, estado caracterizado pola situación de fraxilidade social, con seres humanos atentando contra as propiedades dos seus conxéneres. Para superar este marco social caracterizado pola loita e o conflito o ser humano necesita pactar para preservar as súas propiedades e a súa propia vida. Aparece, en definitiva, o pacto social como garantía da conservación da propia vida. Ao pactar estaremos entrando nun novo marco político, o da Sociedade Civil, que terá por obxectivo primordial salvagardar os nosos dereitos naturais. Iso si, ao fundar dita sociedade, os seres humanos renuncian a parte da liberdade que antes tiñan: deixan de lado o poder executivo e lexislativo que lles correspondía por natureza nas mans doutras persoas, comprometéndose a apoiar as decisións maioritarias e a respectalas. Estas decisións plasmaranse nas distintas leis sociais aprobadas pola sociedade civil a través dos seus representantes, que terán por meta garantir o ben xeral do pobo.

Que Pasa se os Representantes Fallan?

De pasar isto, Locke atoparía xustificado calquera sorte de levantamento social, tanto armado como pacífico, que buscase rematar con esta situación. Entraríamos de cheo na rebelión (de re-bellum, volta á guerra) social, nunha momentánea volta ao estado de guerra que fundou o pacto social.

A División de Poderes de Locke

Para garantir o bo funcionamento da nova Sociedade civil, Locke estableceu unha división política que, aínda hoxe, forma parte dos alicerces xenéticos de calquera sistema político democrático: falamos da división de poderes. Tal división, en palabras de Locke, é necesaria para garantir o bo funcionamento da Sociedade, diminuíndo o risco de corrupción e de atentados contra o propio estado natural, que é a base do pacto. A división ideada por Locke é a seguinte:

  1. Poder lexislativo: é o poder que decide como será empregada a forza do Estado, tendo por fin preservar a comunidade e os seus membros. Este poder é posto en mans dunha serie de persoas quen de xeito asembleario deciden como facer as cousas, creando e aprobando as leis que van regular a vida da comunidade. Estas persoas representarán á propia comunidade e deberán acatar sempre as decisións desta, quen poderá escollelas a través do voto. Reuniranse no Parlamento.
  2. Poder executivo: ademais, é preciso que exista un poder que se encargue de aplicar a lei. Este é o poder executivo, e deberá respectar de xeito férreo as decisións que tome o poder lexislativo dende o punto de vista dos contidos da propia lei. Segundo Locke, o poder executivo pode ser un soberano, rei ou príncipe, mais deberá, sempre, acatar as decisións tomadas polo poder lexislativo. De non facelo iría en contra da propia sociedade e podería crebarse o propio goberno, dando orixe a unha nova situación de guerra.
  3. Poder federativo: é o poder que ten a comunidade para facer alianzas e tratos con persoas ou comunidades externas á propia comunidade. Terá por obxectivo manter a seguridade das persoas e respectar os intereses da comunidade en asuntos exteriores. Esta función é fundamental, dado que, de non traballar ben en materia exterior, podería darse unha situación bélica (invasión e conquista) que derruiría as bases do propio goberno e, por implicación, da propia sociedade civil.

Entradas relacionadas: