Literatura Universal: Séculos XVII ao XIX
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Matemáticas
Escrito el en gallego con un tamaño de 15,65 KB
O Século XVII: Absolutismo e Barroco
O século XVII estivo dominado polas monarquías absolutistas na maioría dos estados europeos, agás no caso do parlamentarismo de Inglaterra e Holanda. Tras a Guerra dos Trinta Anos, a hexemonía pasou a Francia, que substituíu a España no seu dominio político a partir da metade da centuria, despois da paz de Westfalia. Este panorama político tivo, en xeral, o seu correlato cultural, coas correntes filosóficas do racionalismo (nos espazos do absolutismo) e do empirismo (en Inglaterra). O outro vector histórico do século foi o conflito entre a Reforma e a Contrarreforma, e a súa consecuencia cultural: o Barroco como mecanismo apoloxético do absolutismo. Tamén foi central a importancia e o desenvolvemento da ciencia, con figuras tan destacadas como Galileo, Kepler, Giordano Bruno ou Newton, vítimas tamén da persecución do poder absolutista e eclesiástico a través, fundamentalmente, da Santa Inquisición.
Estúdanse dúas grandes figuras dramáticas: Shakespeare, quen culmina o teatro isabelino e compón pezas teatrais definitivas, e Molière, o máximo representante da comedia francesa. Ambos os dous son creadores de caracteres e prototipos que os converten en referencias ineludibles da literatura universal.
Ademais, faise un breve repaso sobre as literaturas europeas máis significativas. Así, na literatura inglesa destácase a poesía metafísica (con autores como Donne, Milton e Dryden). Na francesa resáltase a querelle dos antigos e modernos, e coméntase a obra de autores didácticos como La Fontaine ou Boileau, a narrativa de Cyrano ou La Fayette, ademais da comedia de Racine e Corneille, e do citado Molière. Na italiana hai unha mención da lírica de Marino, e da prosa científica e de ficción (caso de Campanella). En Alemaña, o fundamental é a incidencia da Reforma e a Guerra dos Trinta Anos, dentro da cal sobresae a obra de Grimmelshausen. En Portugal destaca a figura elocuente de António Vieira.
O Século XVIII: A Ilustración e os seus Albores
O século XVIII é coñecido como o Século das Luces. O movemento ilustrado contou cunha serie de propostas e visións críticas que, xunto con outros factores económicos e sociais, puxeron fin ás monarquías absolutistas e, en definitiva, ao Antigo Réxime. O despotismo ilustrado, como táctica reformista do absolutismo centralizador, foi clausurado por un proceso revolucionario, a Revolución Francesa, que sentou as bases da Idade Contemporánea.
Desde o punto de vista cultural, a Ilustración, baseada na concepción racionalista, foi a creación ideolóxica da burguesía, que aspiraba a ter capacidade e dereitos políticos. Para iso, postularon unha nova mirada sobre a política e deron resposta, desde un espírito crítico, ás demandas e necesidades do Terceiro Estado. Rexeitando os dogmas da relixión e combatendo a ignorancia, valoraron a educación vinculada ao Estado como ferramenta indispensable para a difusión da razón e a construción da masa crítica que levase adiante, con optimismo e esperanza, a transformación do sistema. Neste sentido, a obra da Enciclopedia e os escritos dos grandes ilustrados, como Montesquieu, Voltaire e Rousseau, cada un no seu grao, representan a teorización do cambio social. Máis reformista no caso dos dous primeiros pensadores citados, máis profunda e real no caso do último.
A paisaxe cultural neoclásica, que trata de ter como referencia modélica a Antigüidade grecorromana, vese acompañada dunha literatura que reflicte os valores ilustrados. Se en Francia son centrais os escritos dos grandes pensadores, en Inglaterra destaca a novela, con voces tan importantes como Defoe, Swift ou Jane Austen. Mais o mundo ilustrado, con exemplificacións en toda Europa, tanto dun xeito creativo e orixinal como mimético noutros casos, coñeceu a finais de século, sobre todo desde Alemaña co movemento do Sturm und Drang, a xestación de novos idearios estéticos, onde a razón se viu acompañada e mesmo condicionada polo idealismo e os sentimentos. Estamos ás portas do Romanticismo, portas que foron abertas por notorias figuras como Schiller ou Goethe.
O Século XIX: Liberalismo, Realismo e Romanticismo
Política, Economía, Sociedade, Ciencia e Filosofía
- Política: Liberalismo, constitucionalismo, parlamentarismo.
- Economía e sociedade: Capitalismo, socialismo, anarquismo.
- Ciencia: Maquinismo, darwinismo.
- Filosofía: Criticismo, idealismo, positivismo, vitalismo.
Do Romanticismo ao Realismo
É o paso do subxectivismo ao obxectivismo, do sentimental á observación do que está no exterior.
Literatura e Sociedade no Século XIX
A literatura do século XIX vai dirixida á clase burguesa.
Evolución dos Temas e das Técnicas
Pasamos dos temas íntimos e subxectivos, da novela histórica e de costumes, aos temas extraídos da contorna social, da problemática do momento. Na novela realista predomina a narración en terceira persoa. O narrador é omnisciente e a estrutura é lineal, con frecuentes saltos atrás. Retrátanse personaxes da burguesía e da clase media (novela realista) ou marxinais e obreiros (novela naturalista). Dos personaxes fanse verdadeiros retratos, describindo detalladamente os trazos físicos, psíquicos e morais. Os ambientes preferidos son os da refinada burguesía ou o mundo dos obreiros, pero a novela naturalista presenta ambientes máis miserables e dramáticos.
O estilo é sobrio e preciso. Fronte ao estilo musical do Romanticismo, a prosa, ás veces descoidada, pretende reflectir a realidade social dos personaxes. Por iso utilízanse distintos rexistros, mesmo xiros locais e xergas.
Diante da sociedade, o autor presenta unha actitude crítica e analítica, denunciando situacións de inxustiza e vicios da clase burguesa. A novela é unha arma de loita social e política, non un modo de exaltación do individuo, do país ou da nación.
Autores do Século XIX
Francia
Os novelistas franceses máis importantes da época realista son: Henri Beyle (Stendhal), Honoré de Balzac, Gustave Flaubert, e os da época naturalista, os irmáns Goncourt (Edmond e Jules), Émile Zola, Guy de Maupassant e Alphonse Daudet.
Inglaterra
En Inglaterra, os narradores máis relevantes desta época son: Charles Dickens, William Makepeace Thackeray, as irmás Brontë (Charlotte, Emily e Anne), Mary Ann Evans (George Eliot), e outros autores que nos resultan hoxe descoñecidos porque son de menor importancia, aínda que algunha novela soa por ser levada ao cine, como Edward George Bulwer-Lytton, Wilkie Collins e Anthony Trollope.
Rusia
O Realismo ruso conta con grandes novelistas como Nikolai Vasilievich Gogol, Ivan Alexandrovich Goncharov, Ivan Sergeevich Turgenev, Fiodor Mikhailovich Dostoievski e Lev Nikolaievich Tolstoi.
Italia
Entre os escritores máis representativos poderiamos sinalar a Ippolito Nievo, Giuseppe Rovani e Alfredo Oriani. O esforzo destes tres autores é continuado por Girolamo Rovetta, Luigi Capuana, Giovanni Verga e Carlo Lorenzini.
Alemaña
O único que merece mención é Theodor Fontane.
Portugal
En Portugal debemos salientar as figuras de Camilo Castelo Branco e José Maria Eça de Queiroz.
Brasil
En Brasil, Manuel Antonio de Almeida e, sobre todo, Xoaquín María Machado de Assis. Na segunda etapa destacan escritores cunha versión do realismo máis próxima á natureza (Afonso Arinos, Euclides da Cunha). Esta tendencia acentúase no primeiro terzo do século XX con escritores como Xosé Pereira da Graça Araña.
Hispanoamérica
Algúns dos narradores máis salientables da literatura hispanoamericana da época son: o chileno Alberto Blest Gana, o colombiano Jorge Isaacs, o mexicano Ignacio Manuel Altamirano, o cubano Cirilo Villaverde e o arxentino Lucio Vicente López.
España
En España, os principais novelistas do realismo, ou realismo de apoxeo, como se prefire chamar á época naturalista, son: Cecilia Böhl de Faber (Fernán Caballero), José María de Pereda, Pedro Antonio de Alarcón, Juan Valera, Benito Pérez Galdós e, xa no realismo de apoxeo, Leopoldo Alas (Clarín), Emilia Pardo Bazán e Vicente Blasco Ibáñez.
Galicia
En Galicia, os narradores de fins de século están entre o Romanticismo e o Realismo, como xa quedou apuntado no seu momento. Por ese motivo, volveriamos citar a Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro, Lamas Carvajal ou mesmo a Heraclio Pérez Placer.
Os Personaxes Femininos na Literatura do Século XIX
Moitos dos escritores que citamos escribiron novelas protagonizadas por personaxes femininas. Baste lembrar títulos como Madame Bovary, Irmá Filomena, A pequena Dorrit, Jane Eyre, Agnes Grey, A dama de branco, Anna Karenina, Perfís de mulleres, Giacinta, Storia di una capinera, Eva, Effi Briest, María, A pródiga, Sotileza (protagonizada por Silda), Dona Luz, Xoaniña a Longa, Xenio e figura (protagonizada por Rafaela), Pepita Jiménez, A Raíña Mártir, A Rexenta, Misericordia, Marianela, Fortunata e Jacinta ou Maxina ou a filla espúrea. Con todo, fixemos a atención nalgunhas das personaxes que protagonizaron as historias de ficción máis relevantes.
A Revolución Romántica
Os acontecementos históricos máis decisivos do século XIX son:
- A substitución das monarquías absolutas por réximes parlamentarios.
- A aparición dunha nova clase social, o proletariado, que ten a súa orixe no desenvolvemento industrial.
- O desenvolvemento de enormes avances técnicos e científicos.
- A transformación do clasicismo e racionalismo nun individualismo e irracionalismo.
Os principais movementos deste século no ámbito da literatura serán: o Romanticismo, o Realismo e o Posromanticismo.
As características máis salientables deste movemento son: o individualismo, o sentimentalismo, o idealismo e as preocupacións filosóficas e políticas.
A Poesía Romántica
Inglaterra
A época romántica en Inglaterra pode centrarse a finais do século XVIII. Inglaterra, neste período, deu o seu paso decisivo á hexemonía mundial, pola súa poderosa industrialización e pola súa vitoria sobre Napoleón. Os escritores ingleses, en principio e maioritariamente, puxéronse do lado da Revolución Francesa, non sen matices. Inglaterra foi de sempre un país que amou a liberdade. De aí que alí o Romanticismo fose un movemento continuísta. O Romanticismo comezou en Inglaterra case ao mesmo tempo que en Alemaña. Lord Byron, Percy Bysshe Shelley e John Keats son os poetas por antonomasia do Romanticismo inglés.
Alemaña
O Romanticismo aparece en Alemaña como protesta contra o neoclasicismo francés. Os románticos alemáns son autores de grande sensibilidade artística e musical, de relixiosidade profunda, de pensamento filosófico vigoroso e de grande preocupación pola estética. O Romanticismo alemán non foi un movemento unitario. Os filósofos dominantes do Romanticismo alemán foron Johann Gottlieb Fichte e Friedrich Wilhelm Joseph Schelling (os fundadores do Idealismo Alemán). Os poetas máis nomeados son Friedrich Hölderlin, Friedrich Leopold von Hardenberg (Novalis) e Heinrich Heine.
Francia
O Romanticismo francés, ao primeiro reaccionario e antirrevolucionario, chegou a ser visto, desde 1830, en termos de Victor Hugo, como o equivalente do liberalismo, para despois ser seguido dos esteticistas e os poetas malditos. Na orde poética, ata a década de 1830-1840, o verso e o teatro son en Francia os dous grandes campos da literatura. Neses anos a poesía cederá á novela a primacía, mesmo mercantil, pois houbo un período en que algúns poetas gañaban moito diñeiro cos seus versos. En Francia coexisten un Romanticismo tradicionalista, que evoca e defende o cristianismo, e un Romanticismo liberal de tipo enciclopedista. Na poesía romántica francesa convén distinguir dúas tendencias: a tradicionalista e a liberal. Poetas tradicionalistas son: De Maistre, De Bonald, Lacordaire, De Lamennais, Alphonse de Lamartine, Alfred Victor de Vigny, Alfred de Musset e T. Gautier. O poeta liberal máis salientable sería Victor Hugo.
Italia
Italia é unha creación do Romanticismo. Este novo espírito, alí, únese coas ansias de unidade nacional, que se acadará en 1870. En Italia o Clasicismo opuxo moita resistencia ao Romanticismo, ata tal punto que este é un mero episodio dentro da gran tradición clásica italiana. Con todo, tivo un marcado carácter patriótico que axudou no proceso de reunificación da península. O manifesto romántico italiano foi a Lettera semiseria de Grisóstomo do Berchet (1816). O Romanticismo italiano ten un rigoroso ton clasicista, sobre todo na poesía. Os poetas máis destacados son: Ugo Foscolo e Giacomo Leopardi.
Rusia
O espírito prerromántico aparece na lírica de Alexandr Petróvich Sumarókov (1718-1777), que é o primeiro en cantar motivos campesiños. Os catro grandes autores románticos son: Vasili Andréievich Zhukovski (1783-1852), Alexandr Serguéievich Pushkin (1799-1837), Fiódor Ivánovich Tiútchev (1803-1873) e Mikhail Iurievich Lermontov (1814-1841).
Portugal
O Romanticismo en Portugal xorde polo cansazo da literatura neoclásica e pola influencia dos políticos que retornan de Inglaterra e Francia. Entre os poetas románticos máis salientables están: Almeida Garrett e Alexandre Herculano.
Hispanoamérica
O Romanticismo entra en Hispanoamérica na época das loitas pola independencia. Con todo, o independentismo non coincide co estilo romántico: case todos os grandes poetas da independencia teñen moito de clasicistas. Como transición cara aos novos tempos da literatura hai que sinalar en Hispanoamérica o labor de escritores como o mexicano Xosé Xoaquín Fernández de Lizardi (1776-1827), o venezolano Andrés Bello (1781-1865) e o ecuatoriano Xosé Xoaquín de Olmedo (1780-1847). Os grandes poetas románticos serán, con todo, o cubano Xosé María Heredia (1803-1839) e o arxentino Esteban Echeverría (1805-1851).
España
España foi o país romántico por excelencia, e varios os motivos polos que os románticos admiran España: a literatura barroca, o contacto co mundo oriental, a Idade Media, o cristianismo e a Guerra da Independencia. O Romanticismo provocou en España a aparición de numerosos poetas. Estes poetas seguen dúas orientacións: unha histórico-descritiva co Duque de Rivas, Zorrilla, Espronceda, o padre Arolas, Ruiz Aguilera ou García de Tassara, e outra intimista con Bécquer, Nicomedes Pastor Díaz e Carolina Coronado. Rosalía de Castro, en As beiras do Sar, pode ser incluída neste último grupo.
Galicia
Foi o amor romántico polo popular o que desperta en Galicia a lembranza do pasado e o desexo de facer rexurdir a literatura en galego. Este movemento vai levar o nome de Rexurdimento e será un intento de recuperar a lingua e a cultura galegas e en galego. Os Xogos Florais e o inicio da edición das publicacións da Biblioteca Galega supuxeron o inicio dunha actividade encamiñada cara a esa recuperación, que tivo como primeiros responsables aos precursores (Añón, Pintos, Lamas Carvajal) e como figuras insignes a Rosalía, Curros e Pondal.