A Literatura e a Lingua Galega durante o Franquismo e a Posguerra

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 50,42 KB

A Literatura Galega de Posguerra (1940-1975)

Logo da Guerra Civil, haberá que agardar ao final dos anos corenta para podermos asistir a unha tímida recuperación da literatura en galego. As primeiras mostras desta nova etapa, no que se refire a Galicia, atopámolas na publicación do poemario Cómaros verdes (1946), de Aquilino Iglesia Alvariño, e na colección de poesía Benito Soto (1950), na que se publican obras en verso de Álvaro Cunqueiro, Luís Pimentel, Manuel María e outros autores. Como ben se pode supoñer, os poetas galegos destes primeiros anos da posguerra retoman as liñas poéticas menos comprometidas ensaiadas na poesía galega anterior ao conflito bélico: imaxinismo, neotrobadorismo, a poesía paisaxista e, nalgúns casos, un intimismo existencial. Ao longo da década, iranse introducindo correntes novidosas, como o clasicismo culturalista e, xa cara ao final, a poesía de preocupación existencial (Escola da Tebra) e o socialrealismo de Celso Emilio Ferreiro, que se desenvolverá plenamente na década seguinte.

A crítica literaria tende a agrupar os autores da poesía galega de posguerra en tres xeracións ou promocións:

  • A Xeración de 1936.
  • A Promoción de Enlace.
  • A Xeración dos 50 ou das Festas Minervais.

A Xeración de 1936

A Xeración de 1936 está formada por autores nacidos entre 1910 e 1920 e que publican os seus primeiros poemas durante a República, en revistas das que son responsables os escritores máis vellos (Nós, Ronsel, Yunque etc.). A súa obra callará definitivamente despois de 1936. A esta xeración pertencen poetas que publican a súa obra no exilio, como Luís Seoane, Emilio Pita ou Lorenzo Varela, mais tamén aqueles que a comezan publicando en revistas galegas ou na citada colección Benito Soto. Podemos sinalar varias direccións poéticas neste grupo de autores, algunhas, como dixemos, seguidoras das correntes da preguerra, e outras máis novidosas. Entre os autores desta primeira promoción cabería citar a Xosé María Álvarez Blázquez e a Díaz Jácome (neotrobadorismo); e a Aquilino Iglesia Alvariño e Xosé María Díaz Castro (poesía paisaxista e ruralismo). Forman parte do segundo poetas como Carballo Calero, o propio Iglesia Alvariño (clasicismo culturalista) ou Celso Emilio Ferreiro (socialrealismo).

Aquilino Iglesia Alvariño

Pola súa importancia, cómpre detérmonos na obra de poetas como Aquilino Iglesia Alvariño (Abadín, Lugo, 1909 – Santiago, 1961), que foi autor de Señardá (1930) e Corazón ao vento (1933). Os libros publicados nos anos 30 son continuadores da poesía paisaxista de Noriega Varela, ben que en Corazón ao vento fica patente o influxo hilozoísta. En Cómaros verdes acada un dos seus cumes: abandona a rima, emprega preferentemente o hendecasílabo branco, conseguindo unha enorme calidade rítmica e sonora nos seus versos cunha lingua escolmada de forma selecta. Os dous seguintes libros caracterízanse por un ton existencialista. Lanza de soledá é outro dos seus libros máis intensos, empregando o soneto e convertendo a poesía nunha dorida e grave confesión. Finalmente, Nenias é un poemario culturalista, con reflexións sobre o feito poético e homenaxes aos poetas amados.

Celso Emilio Ferreiro

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1912 – Vigo, 1979) eríxese na figura principal da corrente lírica socialrealista, que será a máis practicada até a publicación en 1976 de Con pólvora e magnolias, de Xosé Luís Méndez Ferrín. A poesía de Celso Emilio presenta tres grandes eixes temáticos:

  1. A poesía social, solidaria cos oprimidos de calquera lugar. Denuncia o fascismo, a emigración, a explotación, a inxustiza...
  2. O eixe intimista; caracterízase polo desacougo existencial, con temas como a identificación coa terra, a fugacidade da vida, o amor...
  3. A poesía fortemente corrosiva e crítica, influenciada polas cantigas de escarnio e maldicir. A ironía constitúe, pois, unha das características máis salientables de Celso Emilio.

O soño sulagado (1954) é un libro dominado polo clima existencialista dos anos 50, que crea un universo simbólico caracterizado pola presenza da angustia e da dor existencial, a soidade, a morte, o “paraíso perdido” da infancia, a paisaxe e a terra natal. Con Longa noite de pedra (1962) a poética de Celso Emilio decántase cara aos temas sociais e o compromiso político cos marxinados da Terra, cuns trazos característicos que son a sinxeleza expresiva, a preeminencia da mensaxe sobre a forma, o humor, ironía e sarcasmo, e o ritmo e musicalidade dos seus poemas, que os fixo idóneos para a adaptación musical por diversos cantautores, contribuíndo deste xeito á súa difusión. Verbo dos temas máis salientables do libro, cómpre destacar a denuncia da opresión, que inclúe a condena do capitalismo e o fomento dunha conciencia proletaria; o antibelicismo, ligado á súa experiencia como soldado na guerra civil; a denuncia da ditadura franquista e a defensa da liberdade; e a preocupación pola realidade galega, as súas xentes e a súa lingua. Obras posteriores son Viaxe ao país dos ananos (1968), Cantigas de escarnio e maldicir (1968), Terra de ningures (1969), Paco Pixiñas (1970), Cemiterio privado (1973), Antipoemas (1972), Onde o mundo se chama Celanova (1975)...

A Promoción de Enlace

A segunda xeración de posguerra está formada por escritores nacidos entre 1920 e 1930, a Promoción de Enlace, formados na penuria económica e cultural dos primeiros anos do franquismo. Seguen modelos da literatura española, escribindo tamén en castelán, e actúan como ponte entre a xeración anterior e a seguinte dos anos 50. As direccións poéticas son en xeral as mesmas das xeracións do 25 e 36. As escasas innovacións temáticas terán un desenvolvemento serodio. Entre os autores desta promoción cabe salientar a Luz Pozo Garza (poesía vitalista), Antón Tovar (existencialismo), Neira Vilas (poesía social) e Cuña Novás, que, asemade, foi fundador da nomeada Escola da Tebra co seu libro Fabulario novo (1952), destacando polo seu ton existencial.

A Xeración das Festas Minervais (Xeración dos 50)

Coñécese co nome de Xeración dos 50 un grupo de poetas nacidos na década dos 30 e que irrompen no panorama literario galego dos anos 50 (como prosistas forman parte do que se coñece como Nova Narrativa Galega). Como poetas, as primeiras mostras deste grupo atopámolas na “Escola da Tebra”, e da que tamén forma parte Manuel María. A súa poesía reacciona fronte ás tendencias de estética conservadora (imaxinismo, paisaxismo, neotrobadorismo...) e mestura elementos surrealistas con outros procedentes do existencialismo literario. É unha poesía que trata con pesimismo vital sobre a angustia, a dor da existencia, etc.

Un grupo de poetas desta xeración chega á literatura na súa etapa de estudantes universitarios en Santiago, baixo a tutela ideolóxica de Otero Pedrayo e Ramón Piñeiro; promotores do galeguismo culturalista da preguerra, a súa actividade está ligada ao nacemento da Editorial Galaxia. Tamén se lle chamou Xeración das Festas Minervais por participaren todos eles nos certames poéticos que con ese nome se viñan celebrando na Universidade desde o século XVII. Entre estes poetas podemos citar a Xosé Luís Franco Grande, Salvador García-Bodaño, Xohana Torres etc., autores dunha poesía de temas intimistas, existencialistas e culturalistas, aos que se unen figuras senlleiras como Avilés de Taramancos, Manuel María ou Uxío Novoneyra.

Paralelamente, outro grupo de poetas desenvolve a súa obra en Madrid, cidade na que cursan os seus estudos. Coñécese co nome de Grupo Brais Pinto, e pertencen a el, entre outros, Xosé Luís Méndez Ferrín, Ramón Lorenzo, Bernardino Graña ou Raimundo Patiño. A súa poesía, xurdida nun ambiente máis aberto, contén elementos temáticos máis radicais, conectando con movementos europeos e norteamericanos de protesta (Xeración Beat). Contra o final da década, algúns membros desta xeración, influenciados por Celso Emilio Ferreiro, dedicáronse a cultivar unha poesía socialrealista e comprometida (sobre todo Ferrín), e participaron activamente no cambio político xerado no nacionalismo galego, que derivou cara a posturas radicais (marxismo, autodeterminación), e que acabaría desembocando nos grupos nacionalistas da actualidade.

Autores destacados da Xeración dos 50

Manuel María

Manuel María (1929-2004) é autor de Muiñeiro de brétemas (1950), Morrendo a cada intre (1952), Terra Chá (1954), Documentos persoais (1958)... A amplitude da súa obra poética dificulta a clasificación de Manuel María nunha das correntes poéticas estudadas pois, se os dous primeiros libros se caracterizan polo ton existencial que os vincula á “Escola da Tebra”, en Terra Chá salienta a descrición da paisaxe, o que o aproxima á poesía de Novoneyra, mentres a súa produción dos anos 60 e 70 se enmarca no socialrealismo e na poesía de compromiso político dominante nesta etapa. Nos últimos libros, o poeta adéntrase nunha poesía máis reconcentrada e saudosa.

Uxío Novoneyra

Uxío Novoneyra (O Courel, 1930 – Santiago, 1999) escribiu Os Eidos (1955), Elexías do Courel e outros poemas (1966), Poemas caligráficos (1979).... Posúe unha obra herdeira da tradición paisaxística anterior, a de Noriega e Iglesia Alvariño. Mais en Novoneyra atopamos unha comuñón coa natureza do Courel, un existencialismo telúrico que nos amosa unha paisaxe vivida intimamente. Novoneyra constrúe os seus versos cunha linguaxe na que predomina a exclamación e a aliteración fonosimbólica.

Xosé Luís Méndez Ferrín

Finalmente, Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) eríxese como un autor clave na evolución da poesía e da narrativa galega contemporáneas. O seu primeiro libro, Voce na néboa (1957), manifesta a influencia existencialista da Escola da Tebra. A poesía producida nos anos 60, publicada na década seguinte baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, está fortemente marcada pola tendencia socialrealista, con fortes connotacións sociopolíticas (Antoloxía popular, 1972). Con pólvora e magnolias é o seu poemario máis celebrado e está considerado como un libro capital que abriu novos camiños na lírica contemporánea a partir da morte de Franco.

O Teatro Galego durante o Franquismo (1950-1975)

No período que abrangue o Franquismo (1950-1975) hai que falar, ata 1965, dunha "longa travesía do deserto": nula presenza escénica e moi poucos autores que o cultivan como un xénero literario entre outros. No último decenio desta etapa xorde un teatro reivindicativo, social e de compromiso coa realidade do país que a través das Mostras de Teatro de Ribadavia e da proliferación de grupos de teatro independente contribuirá de xeito moi importante á revitalización do xénero.

Para estudar o teatro galego durante o franquismo podemos distinguir tres etapas:

Primeira Etapa: Autores das Xeracións Anteriores

A primeira está formada por autores pertencentes ás xeracións anteriores á guerra. Algúns destes, como Blanco Amor ou Ánxel Fole, representan o seu teatro na Arxentina. As pezas escritas por Blanco Amor están agrupadas en dous volumes: Farsas para títeres (1973), caracterizadas pola deformación grotesca da realidade, e Teatro pra a xente (1974), composto por pequenas obras de tendencia satírica e tema rural. Ánxel Fole, pola súa banda, crea unha soa peza teatral: Pauto do demo (1973), unha comedia divertida de carácter folclórico. A obra dramática de Álvaro Cunqueiro máis importante é O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca (1958). Trátase dunha recreación da obra de Shakespeare, na que o protagonista ten que vingar o rei matando o usurpador, que é o seu verdadeiro pai. Tamén foi autor de A noite vai coma un río (1969). Ricardo Carballo Calero escribe unha obra dramática experimental próxima ao teatro do absurdo na que predomina o simbolismo. Entre as súas obras podemos citar A sombra de Orfeu e Auto do prisioneiro. Xenaro Mariñas del Valle, autor de dramas existenciais e precursor do teatro social, destaca pola súa peza de carácter simbólico A revolta (1965). A estes dramaturgos hai que engadir aqueles que, como Manuel Varela Buxán (con comedias como Taberna sen dono) ou Luís Seoane (A soldadeira), desenvolven toda a súa obra no exilio bonaerense.

Segunda Etapa: Teatro de Denuncia e Intervención Social

A segunda etapa vén dada por autores da primeira xeración de posguerra, nos anos sesenta, que conciben o teatro como un instrumento de denuncia e intervención social. Daniel Cortezón foi, sobre todo, autor de dramas históricos, como Prisciliano (1970), Xelmírez ou a gloria de Compostela (1974), Os irmandiños (1977) ou Pedro Madruga (1981). Manuel María, a quen estudamos xa como importante poeta da xeración dos 50, tamén pertence a este segundo período cun bo número de pezas de contido social, entre as que podemos destacar Auto do taberneiro (1957), Auto do labrego (1961), Auto do mariñeiro (1961), Barriga verde (1968), Auto da costureira (1973) etc. Finalmente, podemos citar a Xohana Torres, autora dun teatro descritivo e psicolóxico, escribiu A outra banda do Iberr (1965) e Un hotel de primeira sobre o río (1968).

Terceira Etapa: O Teatro Independente

A terceira etapa dáse a partir de 1973 (Mostras de Teatro de Ribadavia) aínda que xa na década dos 60 apareceran no panorama teatral compañías como O Facho ou Teatro Circo, que promoveron un “teatro independente”, caracterizado polo seu antifranquismo e pola procura dunha dramaturxia moderna baseada en novos métodos e formas de traballo, que o afastan do teatro convencional. Coas Mostras de Teatro de Ribadavia aparece unha terceira promoción de autores, entre os que podemos destacar a Manuel Lourenzo (prolífico creador de Electra, Xoana ou A estratexia do narco), Euloxio Ruibal (experimentalista: Zardigot, O cabodano) e Roberto Vidal Bolaño, que presenta unha visión pesimista da vida: Laudamuco, señor de ningures, Días sen gloria, Saxo tenor... As Mostras de Teatro de Ribadavia, que terán continuidade até o ano 1980, supoñen un punto de encontro para todo o teatro galego e delas sairán grupos como Artello, Candea ou Troula.

A Narrativa Galega de Posguerra

No contexto do estancamento literario que por mor da guerra civil e do primeiro franquismo sofre a literatura galega dos anos 40, o xénero narrativo ofrece a súa primeira mostra no ano 1951. Trátase dunha novela histórica de Ricardo Carballo Calero titulada A xente da Barreira. Coa creación da Editorial Galaxia en 1950, as posibilidades de publicación en galego e en Galicia aumentan considerablemente, e durante as dúas décadas seguintes a narrativa galega converterase nun xénero consolidado. Como liñas narrativas da literatura galega de posguerra poden diferenciarse as seguintes:

A) Continuadores da Tradición do Grupo Nós

Os continuadores da tradición narrativa do Grupo Nós, en especial mostrando a temática centrada na decadencia da fidalguía. Esta é a orientación que segue Carballo Calero na novela A xente da Barreira, que toma como modelo a triloxía de Otero Os camiños da vida. O propio Otero Pedrayo publica en 1957 Entre a vendima e a castañeira, escolma de relatos escritos probablemente antes da guerra, e en 1960, O señorito da Reboraina, na que mestura o relato realista e a novela de aventuras.

B) O Realismo Popular ou Etnográfico

O realismo popular, ou etnográfico, ten como iniciador nos anos cincuenta a Ánxel Fole. A súa obra está constituída por libros de contos de factura moi similar; os dous primeiros son os máis importantes: Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955). A primeira obra das citadas é unha colección de contos relacionados entre si cunha sinxela estrutura: uns personaxes, reunidos a carón do lume nunha vella torre incomunicada pola neve, contan as diferentes historias que compoñen o libro, transcritas por un dos presentes. Na segunda obra citada, o narrador informa de que atopou un cartapacio que contén unha colección de contos escritos polo seu padriño; tales contos aparecen reproducidos a continuación. O propósito de Fole é revitalizar unha liña temática con tradición xa na literatura galega de preguerra, o realismo popular ou etnográfico, na liña do conto popular de carácter oral (discurso lineal e apelación aos oíntes). Sobre o fondo da realidade labrega galega, preséntasenos a complexidade dese tipo de home, o labrego, insistindo no seu humor e na súa cultura espiritual: crenzas, lendas e experiencias paranormais (premonicións, aparicións, telepatía). Contos da néboa (1973) contén 18 narracións e Historias que ninguén cre (1981) é unha compilación de 20 contos que estaban dispersos en diversas publicacións. A lingua galega de Fole non evita os vulgarismos, arcaísmos e dialectalismos.

C) O Realismo Fantástico

O realismo fantástico, concepto co que podemos definir a narrativa de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 – Vigo, 1981), é unha mestura de elementos culturalistas e populares, de realidade cotiá e de fantasía desbordada que atopamos en obras como Merlín e familia (1955), As crónicas do Sochantre (1956) ou Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961).

Análise das obras de Cunqueiro

Merlín e familia consiste nunha sucesión de episodios engarzados arredor da figura do personaxe central, o mago Merlín, que Cunqueiro instala en Galicia, xunto á súa raíña dona Xenebra e o seu criado Felipe de Amancia, que, desde a vellez, narra de forma retrospectiva as visitas que fan diversos e estraños personaxes á casa do mago buscando a solución dun problema de carácter máxico. As crónicas do Sochantre está escrita nun rexistro totalmente distinto. O ambiente evocado é agora a afastada Bretaña, descrita con trazos e cores de Galicia. A obra está concibida como un xogo macabro e organízase en tres seccións fundamentais tituladas "A carroza", "As historias" e "Os viaxes", que narran as peripecias do sochantre da catedral de Pontivy cando se dirixe a Quelven para tocar nun enterro. Na carroza que o recolle encóntrase con cinco personaxes defuntos, que narran cadansúa historia, todas arrepiantes, e as razóns que os obrigan a errar polo mundo expiando os seus pecados. A obra remata co regreso do Sochantre a Pontivy, logo dun ano de viaxe, onde constata que ninguén o botou en falta. Se o vello Sinbad volvese ás illas... achégase máis aos trazos xenéricos da novela. Conta a derradeira aventura do vello mariñeiro de As mil e unha noites, unha aventura frustrada que o leva a recluírse no mundo dos soños, onde pode seguir sendo o heroe que xa non permiten os tempos. O segundo grupo de títulos está formado por unha triloxía de libros con breves retratos (Escola de menciñeiros e fábula de varia xente (1960), Xente de aquí e de acolá (1971) e Os outros feirantes (1979), que teñen como intención dar á luz todo o extraordinario que pode haber en seres reais, algúns deles tomados do mundo mindoniense que coñecía o autor, a través dun narrador de carácter oral. Son como esbozos de personaxes que puideron ter sido empregados por el en calquera das súas novelas.

D) O Realismo Social

Por outra banda, o realismo social é unha corrente que, dadas as condicións da España da época e a crueza e contundencia ideolóxica propias do xénero, encontra moitas dificultades para o seu desenvolvemento. Tivo como máximo representante a Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 – Vigo, 1979) coa novela inaugural, A esmorga, publicada en 1959 en Bos Aires e na que o autor pon en práctica a asimilación das técnicas que caracterizan a renovación narrativa do século XX. A obra comeza cunha "Documentación" onde un narrador en primeira persoa explica como chegou a obter a información que se relata a continuación: os sucesos ocorridos durante un día de esmorga pola cidade de Auria a tres personaxes: Cibrán, O Bocas e O Milhomes, así como o tráxico remate da mesma. O relato propiamente dito ocupa cinco capítulos e consiste na transcrición das declaracións feitas por Cibrán durante dous días perante un xuíz do que non se rexistran as intervencións. A este xeito de presentar un personaxe nunha conversa a través das respostas do receptor denomínaselle "técnica telefónica", pois só se oe o que di este coma se estivese falando por teléfono. Cibrán convértese así no segundo narrador da novela, que conta os sucesos acaecidos aos tres personaxes desde o seu encontro de madrugada ata a detención del mesmo pola Garda Civil sobre esa mesma hora do día seguinte logo do asasinato do Bocas por unha navallada do Milhomes e a morte deste por afogamento nun lago xeado ao fuxir. A voz do primeiro narrador reaparece no derradeiro capítulo para deixarnos a dúbida de se a morte do Cibrán despois da declaración se produce por suicidio ou polos culatazos dos gardas tralo fracaso da exculpación. En 1962, publica Blanco Amor o libro de relatos Os biosbardos, composto por sete contos que teñen en común a narración en primeira persoa e a relación de experiencias de personaxes infantís. Todo o libro conforma un "relato de aprendizaxe" no que nenos de diversa psicoloxía e clase social se enfrontan a experiencias que transforman a súa vida, a súa percepción do mundo e a súa relación cos demais. Posteriormente, en 1972, edítase a última novela de Blanco Amor, Xente ao lonxe, a que mellor cadra co realismo social. Outra vez atopamos o Ourense de comezos do século XX, visto desde a perspectiva dun neno de familia proletaria de ideas socialistas. O protagonista vaise facendo consciente dos conflitos económicos e ideolóxicos da sociedade na que vive e que sofre na súa propia familia.

E) Neira Vilas: A Individualidade Comprometida

Aínda que os seus inicios na literatura coinciden coa Nova Narrativa e algúns críticos o inclúen neste grupo, a súa obra é diferente da dos autores da Nova Narrativa (afastados do socialrealismo e máis preocupados pola experimentación técnica) polo que, igual ca Cunqueiro ou Blanco Amor, pode considerarse a Neira Vilas unha individualidade que soubo conectar, a principios dos sesenta, cos problemas máis acuciantes da sociedade galega: a desfeita do mundo rural galego, inzado de miserias e traxedias nos tempos da guerra civil e da inmediata posguerra, e a emigración. Tendo en conta a temática tratada, adóitase clasificar a súa narrativa en catro núcleos:

Núcleos Temáticos de Neira Vilas

  1. A visión da Galicia rural a través da mirada dos nenos: Memorias dun neno labrego (1961) e Cartas a Lelo (1971) e Aqueles anos do Moncho (1977). Son tres novelas de protagonista infantil ambientadas en Galicia que constitúen o chamado pola crítica “ciclo do neno”. Na primeira, a máis coñecida, maniféstanse as inquedanzas e a frustración de Balbino, un rapaz que vive nun mundo labrego de miseria e represión.
  2. A visión da Galicia rural a través da mirada dos adultos: Xente no rodicio (1965), A muller de ferro (1969) e Querido Tomás (1980). Son obras de protagonista adulto que sitúan a acción en Galicia. Nas dúas primeiras temos de novo a visión pesimista do mundo labrego: violencia, marxinación, explotación, represión.
  3. A visión da Galicia emigrante: Camiño bretemoso (1967), Historias de emigrantes (1968) e Remuíño de sombras (1973). Todas estas obras caracterízanse pola visión dos problemas xerados a causa da emigración: a angustia e a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria, o compromiso coa revolución.
  4. Coleccións de estampas líricas e semblanzas: Lar (1973), Nai (1980) e Pan (1986).

Neira Vilas é tamén autor de libros para nenos: O cabaliño de buxo, Espantallo amigo, A marela Taravela ou Contos vellos para rapaces novos. A súa última obra publicada ata agora é O home de pau (1999) composta de 15 relatos nos que reflexiona sobre o previsible destino das cidades actuais e da xente que vive nelas. En fin, a súa obra pódese situar dentro do realismo crítico coas condicións de dominación, linguaxe directa e doses de tenrura e afectividade.

A Literatura Galega no Exilio

Como consecuencia da diáspora a que se viron abocados unha boa parte dos intelectuais galegos por mor da represión iniciada no 36, o centro da actividade literaria galega trasladouse a México e Bos Aires. Nesta última cidade os exiliados (destacando por Castelao, que se converteu en guieiro da liberdade de Galicia) entraron en contacto cos que emigraran antes da sublevación militar (Blanco Amor, Emilio Pita...) e comezaron a impulsar revistas, libros e reimpresións, para establecer deste xeito a continuidade dunha cultura ameazada.

A Poesía no Exilio

Destacan tres autores que por idade estarían próximos á Xeración do 36 e que desde a diáspora, non só escribiron obras en galego, senón que loitaron polo mantemento e impulso da nosa cultura.

Emilio Pita

Emilio Pita (1909-1981). Naceu na Coruña e emigrou de neno á Arxentina, onde residiu permanentemente, fóra de breves tempadas que pasaba en Montevideo. A súa primeira publicación no exilio foi o poemario Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao, libro testemuño que pon de relevo a traxedia da Guerra Civil en Galicia no medio dunha nostálxica visión da natureza galega. Máis tarde sairían Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959) e O ronsel verdegal (1964). Na súa poesía alíanse a musicalidade e os elementos naturais cunha certa reiteración no vocabulario. Pode considerarse como un antecedente da poesía comprometida sen que desbote por iso a preocupación por manter os valores poéticos.

Luís Seoane

Luís Seoane (1910-1979). Nacido en Bos Aires, fillo de emigrantes galegos, volveu de neno a Galicia. Na Coruña realizou os estudos primarios e a carreira de Dereito en Santiago. En 1936 exiliouse en Bos Aires e converteuse nun dos iniciadores do movemento cultural galego nesta capital. Colaborou en xornais e revistas. Home polifacético dedicouse ao debuxo, pintura, gravado, mural, e a poesía. Regresou á Coruña en 1963 e fundou con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia. É fundamentalmente un autor plástico (Pintura, debuxo, deseño gráfico, gravado) que tiña a vontade de devolverlle á plástica e ao pensamento galego a dignidade perdida polos anos de illamento e atraso. Xunto con Colmeiro e Maside (entre outros) pretende renovar a vida cultural galega. Destaca por ser o principal promotor de moitas empresas culturais, da emigración e do interior (revistas, editoriais, complexo de Sargadelos -Laboratorio de Formas de Galicia- (1968), etc.). A súa obra poética iníciase en 1952 coa publicación de Fardel de exiliado: non se trata dunha alegación contra o franquismo nin sobre o exilio, senón que desde un punto de vista moi persoal canta a epopea anónima da emigración galega. Posteriormente publica Na brétema, Sant-Iago (1955), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Na poesía de Seoane alentan tres preocupacións principais, sempre enxergadas a través de Galicia: a dimensión social e política, o coñecemento histórico e cultural e o reflexo do mundo artístico.

Lorenzo Varela

Lorenzo Varela (1917-1978). Xesús Lorenzo Varela Vázquez, fillo de emigrantes galegos, naceu na Habana pero trasladouse de curta idade coa súa nai a Galicia. Cursou o bacharelato en Lugo e máis tarde Filosofía e Letras en Madrid. Ao rematar a Guerra Civil exiliouse en México, onde foi redactor da revista Romance ata que Octavio Paz o incorpora á redacción da súa revista Taller. Marchou máis tarde a Bos Aires, onde iniciaría a súa produción poética galega. En 1944 publica Catro poemas para catro gravados. Esta obra, que foi coñecida co título de María Pita e tres retratos medievais (que é o nome do álbum de gravados de Luís Seoane onde figuran os poemas de Lorenzo Varela), contén a exaltación de María Pita e a súa fazaña no cerco inglés á Coruña en 1589; a de Roi Xordo -dirixente fidalgo na guerra dos Irmandiños-; a do bispo Adaúlfo -que demostrou nunha ordalía ou xuízo de Deus a súa inocencia verbo das acusacións que lle imputaban-; e a de María Balteira -soldadeira presente nas cantigas de escarnio e maldicir. En 1954 sae do prelo Lonxe -con ilustracións de Luís Seoane- a súa mellor obra. Trátase dun libro dominado pola angustia do desterro, tinguido pola saudade dunha plenitude sensual e viva, nunha visión case onírica do afastamento de Galicia.

A Prosa no Exilio

No exilio, escribiuse unha grande obra da literatura galega: A esmorga que B. Amor publicou por primeira vez en Bos Aires. Tamén Castelao publicou dous ensaios: Sempre en Galiza (1944) e As cruces de pedra na Galiza (1950). Mais como a estes autores nos dedicamos noutro tema, ímonos centrar nos que se consideran os dous prosistas do exilio: Ramón de Valenzuela e Silvio Santiago. Ambos escriben obras que, por primeira vez, tocan o tema da guerra civil e das fuxidas cara ao exilio, en ambos casos con carácter autobiográfico.

Ramón de Valenzuela Otero

Ramón de Valenzuela Otero (1912-1980). Nado na Bandeira (Silleda), formou parte do Partido Galeguista e despois da guerra exiliouse en Bos Aires, onde colaborou en Galicia emigrante con narracións que máis tarde reuniría no libro O naranxo (1974). En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén, narrada en primeira persoa por un fidalgo galeguista republicano. A acción desenvólvese nos anos da Guerra Civil. Esta temática mantense en Era tempo de apandar (1980), narrada tamén en primeira persoa e ambientada nos anos da posguerra. Ambas novelas constitúen un documento narrativo sobre esa época.

Silvio Santiago

Silvio Santiago (1903-1974). Naceu en Vilardevós (Ourense) e a raíz da guerra fuxiu a Portugal, onde viviu clandestinamente ata que conseguiu chegar a Venezuela. No exilio caraqueño escribiu unha novela que había publicar ao seu regreso a Galicia en 1961, Vilardevós: escrita con sinxeleza técnica e con intención crítica social, é unha pintura de costumes na cal exalta o popular, valéndose das súas lembranzas de neno e de mozo nun medio rural. Postumamente publicouse O silencio redimido (1976), novela autobiográfica en que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.

O Teatro no Exilio

O teatro no exilio estivo representado pola Compañía Maruxa Villanueva, Varela Buxán e Luís Seoane, sen esquecer a Castelao que escribiu parte e estreou por primeira vez Os vellos non deben de namorarse.

Sociolingüística: Linguas Minorizadas e Normalización do Galego

1. Linguas Minorizadas e Linguas Minoritarias

A clasificación das linguas en minoritarias ou minorizadas realízase en planos diferentes. O termo “minoritaria” entra no plano cuantitativo e ten que ver co número de falantes. Opóñese a “maioritaria”. O termo “minorizada” responde ao plano cualitativo e ten que ver coa situación social na que se encontra. Opóñese a “hexemónica”.

Unha lingua minorizada é aquela que, sendo historicamente propia dun pobo, está sometida a condicións sociais tales que ve restrinxidas as súas funcións de uso. A competencia desigual con unha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante desta situación. Ao falarmos de linguas minorizadas, deberemos ter en conta dous aspectos:

  • A non existencia dun estado que as recoñeza como oficiais. En Europa cómpre facer excepción nos casos do maltés, o luxemburgués e o gaélico irlandés, linguas que -aínda sendo oficiais dos correspondentes estados (Malta, Luxemburgo e República de Irlanda, respectivamente)- se atopan nunha situación de minorización.
  • A non coincidencia de fronteiras políticas e fronteiras lingüísticas. As primeiras foron establecidas de maneira artificial (mediante tratados, a través de concesións, por herdanza...) mentres que as lingüísticas responden a criterios de formación naturais e históricos; por iso é raro que estas delimitacións coincidan. Neste sentido, poderiamos citar o caso do catalán, lingua que ten un ámbito xeográfico que abrangue puntos de catro estados diferentes (España, Francia, Andorra e Italia).

Linguas dominantes ou hexemónicas son, pola contra, as que gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións sociais cumpra unha lingua, maior prestixio social acada. O inglés é unha lingua hexemónica por excelencia, xa que é a que maior prestixio social posúe actualmente no mundo e tamén a que se emprega en moitos países de gran potencial económico (o conxunto de estados que teñen o inglés como lingua oficial representan o 60% da riqueza do planeta). Debe engadirse que esta dominancia non ten por que darse en todos os territorios nos que sexan faladas estas linguas. Así, o castelán, que é dominante en Galicia está minorizado en Porto Rico fronte ao inglés. O francés, que é hexemónica no Estado francés, está minorizado no Québec (Canadá). Outro exemplo sería o do alemán no norte de Italia.

As linguas minoritarias son aquelas que, independentemente da consideración social que teñan, son as que posúen un escaso número de falantes en comparación con outras. Por exemplo, o islandés (200.000 falantes) é minoritaria dentro do conxunto de linguas do mundo xa que o castelán, o chinés ou mesmo o galego, teñen moitos máis falantes. En cambio, o islandés non é unha lingua minorizada, posto que goza de plena normalidade no seu territorio. O esloveno, o lituano e o letón, idiomas oficiais de estados de recente ingreso na UE, aínda que teñen cada un deles un número de falantes inferior ao do galego, convértense en linguas oficiais deste organismo.

Ao concluírmos, cómpre dicir que os conceptos de lingua minoritaria e lingua minorizada non deben confundirse. Podemos exemplificar co caso galego no que a que segue sendo a lingua maioritaria da súa poboación (2.000.000-2.500.000 falantes) está minorizada. Acadou un gran prestixio durante a Idade Media, pero tivo que competir co castelán en loita desigual a partir de mediados do s.XV. A imposición do castelán, que a relegou a un segundo plano, provocou que tivese que subsistir durante máis de trescentos anos unicamente como lingua oral. A recuperación na escrita que se produce durante o s.XIX proseguirá no XX, mais durante todo este tempo o galego non sería recoñecido de forma oficial como a lingua propia de Galicia até 1981. Fronte á situación do galego, o sueco en Finlandia, que só é falado polo 6% da poboación (300.000 falantes) está declarado lingua oficial, xunto co finés, e todo o alumnado a ten como materia obrigatoria no ensino, existindo mesmo modelos educativos que permiten desenvolver toda a aprendizaxe nesta lingua. Outro caso curioso é o das Illas Feroes que, sendo territorio oficialmente pertencente a Dinamarca, teñen o feroés como lingua oficial desde 1937, ademais de ser a única de relación (Illas Feroes: 44.000 habitantes).

2. O Galego, Lingua en Vías de Normalización

A normalización lingüística dunha lingua é un proceso que ten como obxectivo convertela en vehículo habitual e normal de comunicación entre os cidadáns dunha comunidade. Normalizar o galego consiste, pois, en que este recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida (ensino, medios de comunicación, administración, xustiza, comercio, relixión, relacións interpersoais...) e en todos os estamentos sociais; é dicir, que cumpra de facto a totalidade das funcións posibles no seu territorio. Para poder levar a cabo o devandito proceso cómpre a intervención de diferentes sectores sociais: a acción institucional do poder político (Xunta de Galicia, Parlamento, deputacións provinciais, administracións locais, etc.), a acción colectiva non institucional (asociacións culturais, de veciños, profesionais...) e a acción individual.

No ámbito público, a institución de rango superior é a Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellería de Educación. Esta é a encargada de desenvolver as intervencións oficiais destinadas á elaboración dun modelo estándar e á recuperación dos ámbitos de uso do galego. Ademais da Secretaría, téñense creados moitos servizos de normalización lingüística en concellos, universidades, etc. Nos últimos anos a Xunta deixou de dar subvencións para estes servizos e algúns víronse obrigados a pechar.

No plano privado, foron tamén xurdindo organizacións con esta mesma finalidade, que superan amplamente o labor e os resultados conseguidos polos organismos oficiais e públicos: a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Galicia-Empresa (hoxe convertida no Foro Peinador), a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega, Pais e Nais polo Ensino en Galego, a Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL), a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Todas elas abordan o seu labor normalizador en diferentes ámbitos da vida pública galega.

O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que mantivo a lingua, está a desaparecer. Os prexuízos cara ao galego e un discurso negativo por parte de certos sectores levou a que se desen desde 2009 cambios lexislativos que supuxeron un paso atrás moi importante, freando un proceso normalizador que viña de dar un impulso importante desde o 2004 tras a aprobación do Plan Xeral para a normalización da lingua galega (PXNLG). En 2010 aprobouse o Decreto 79/2010 do (mal chamado) plurilingüismo que freou a introdución progresiva do galego no ensino que promulga a Lei de Normalización Lingüística aprobada en 1983. Non só non se deixa avanzar na introdución do galego no ámbito educativo senón que se prohibe expresamente que determinadas materias se poidan dar na nosa lingua, aumentando así os prexuízos existentes de que o galego non serve para o ámbito científico, para o progreso, para o futuro… Tamén se mudou a Lei da función pública e o galego xa non se lle esixe aos funcionarios que queiran traballar na nosa comunidade, quedando así os dereitos lingüísticos dos cidadáns desamparados. Desta maneira, as medidas do PXNLG que buscaban a adhesión do galego en ámbitos nos que tradicionalmente non chegara, freou e mesmo deu pasos atrás. A isto hai que unirlle a alarmante perda progresiva de falantes debido á perda de transmisión interxeracional, á castelanización que se segue exercendo desde a escola, aos mínimos apoios institucionais…. De feito, os últimos datos da enquisa publicada polo IGE mostran unha caída importante do número de falantes. O futuro do galego pasa pola súa normalización e esta por paliar desde o imaxinario negativo que existe sobre a nosa lingua, ata medidas de apoio decidido por parte das administracións.

A Situación do Idioma Galego durante o Franquismo

1. Os Primeiros Anos da Posguerra. Situación do Galego ata os Anos 50

Despois do triunfo das tropas franquistas na Guerra Civil (1936-39), a ditadura militar instaurada polos vencedores practica contra os intelectuais unha represión feroz e a lingua galega perde toda posibilidade de acceder ás instancias oficiais e ao uso público. A nova orde imposta polos vencedores caracterízase pola represión e o acoso de todo o que supoña manifestación dun feito diferencial, tanto a nivel político, como cultural ou lingüístico. O emprego do galego é só familiar e coloquial; con todo segue sendo o idioma máis falado. A ditadura conta con medios moi poderosos: a escola, a Igrexa e a Administración, nas que o único vehículo de comunicación real e oficial era o castelán. Estes órganos non só ignorarán a existencia do idioma, senón que tamén reprimirán o uso do mesmo. Algúns exemplos:

  • Diversos decretos van impoñendo obrigas como: o rotular os locais comerciais só en castelán; o non permitir nomes en galego, catalán e vasco no momento de bautizar ou inscribir un fillo no Rexistro Civil; o non traducir obras da literatura universal.
  • No BOE de 1938 decrétase: “La España de Franco no puede tolerar agresiones contra la unidad de su idioma…”
  • En 1942 na Coruña circulaba o texto: “Hable bien. Sea patriota. No sea bárbaro. Es de cumplido caballero que Vd. hable nuestro idioma oficial, o sea, el castellano. Es ser patriota. Viva España y la Disciplina y nuestro idioma cervantino! Arriba España!”
  • Orde do Goberno civil indicáballe a todos os funcionarios que en acto de servizo, dentro ou fóra dos edificios oficiais, só podían expresarse en castelán, no caso contrario quedarían destituídos.

Todos estes axentes castelanizadores acentuarán o proceso de desgaleguización idiomática e provocarán unha intensa difusión dos prexuízos e dos comportamentos diglósicos na sociedade. Calquera defensa do galego que se fixese, por tímida que sexa, será vista como un acto perigoso e a persoa que a formula pasará a engrosar as listas de sospeitosos de profesar ideas “separatistas”.

  • Clausúrase o SEG, co fusilamento de Ánxel Casal desaparece a revista Nós e a editorial do mesmo nome.
  • Os principais intelectuais galegos teñen que fuxir para o exilio.

Nesta atmósfera de temor e perigo, o galego converteuse nunha lingua clandestina, de uso doméstico, xa que o seu uso público podía traer graves consecuencias. Entre 1936 e 1950, a etapa máis dura e pechada do franquismo, case non se publican libros en galego a causa da censura. A cultura galega só sobrevive no exilio americano. Alí aparecen as editoriais Galicia, Nova e Citania; tamén alí teñen lugar aqueles actos que resultan impensables na Galicia real: conferencias, emisións radiofónicas e publicacións periódicas nas que se utiliza o galego. Por outro lado, o empobrecemento da economía española e a carencia de industrias obrigou a emigrar a grandes masas de poboación galega, nesta primeira etapa sobre todo a Hispanoamérica. Este fenómeno, ao lado da mobilidade migratoria que se produce das aldeas ás cidades, provocou un fondo cambio social e cultural, coa perda dun elevado número de falantes galegos. As comunidades rurais, refuxio tradicional do idioma, esmorecen rapidamente, e os que as abandonan teñen que integrarse nun medio urbano con características e hábitos diferentes, entre eles o castelán. A extensión da escolarización e dos novos medios de comunicación audiovisuais (radio e TV), cos novos valores culturais, introducen o castelán en todos os recantos do país. A intensa propaganda do goberno en contra do galego intensifica o proceso de Galicia. Os galegofalantes, tentando disimular o galego que usan, éncheno de interferencias do castelán, pois o galego máis puro adoita ser identificado cos falantes máis rústicos. Despois do triunfo aliado na 2ª Guerra Mundial, aparecen os primeiros indicios de recuperación para o galego. Os escasos continuadores do movemento galeguista (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo, Fernández del Riego...) conscientes de que calquera actuación de fomento e cultivo da lingua era sentida como contraria á unidade nacional española, centraron a súa actividade no plano cultural. Nesta recuperación tiveron un papel importante a Editorial Galaxia (creada no 1950) e a revista Grial.

2. A Situación do Idioma a Partir da Década dos 60 e Ata 1975

Nestes anos prodúcese un enorme éxodo de poboación agraria cara ás cidades, xa castelanizadas, e isto, unido á opresión política, provoca a deserción lingüística de moitos falantes, sobre todo das novas xeracións. O castelán converterase nunha lingua urbana. Nas décadas dos sesenta e setenta incrementouse a actividade política clandestina coa creación de partidos políticos nacionalistas (UPG e PSG). En moitos casos, arredor deles, intentando burlar a clandestinidade, nacen por toda Galicia asociacións culturais orientadas ao cultivo e á difusión da lingua e da cultura galegas (O Galo, en Santiago; O Facho, na Coruña, Asociación Cultural, en Vigo; Amigos da Cultura, en Pontevedra; Abrente, en Ribadavia; Auriense, en Ourense; Sementeira, en Viveiro...). Desprégase unha intensa e diversificada actividade en galego: representacións teatrais, conferencias, recitais, emisións radiofónicas, edicións de xornais e revistas...

Como froito destes movementos, na década dos setenta, prodúcese un fenómeno novo para o galego: moitos rapaces e rapazas que tiñan o castelán como lingua primeira aprenderon o galego e comezaron a defendelo e promovelo. Por primeira vez o idioma entrou na prensa e na radio, e tamén na universidade extraoficialmente. As demandas lingüísticas esténdense tamén ás fábricas, sindicatos obreiros e agrarios, asociacións de veciños, etc. Diversos colectivos estudantís, entre os que destacará polo seu nivel de implantación ERGA (Estudantes Revolucionarios Galegos) converterán o galego na lingua habitual das asembleas e dos panfletos estudantís, aínda que continuou case totalmente ausente da práctica docente e da burocracia universitaria. En paralelo, o movemento da “Nova Canción Galega”, impulsado polo colectivo de cantautores “Voces Ceibes” (Bibiano, Benedito, Araguas, Noguerol...), emprega o galego nas súas cancións, non poucas veces baseadas en textos literarios. Seguindo o seu ronsel, aínda que cun enfoque máis comercial, sitúanse artistas como Andrés do Barro, Ana Kiro, Juan Pardo, Pucho Boedo e o seu grupo Los Tamara, etc., que contribúen poderosamente á divulgación e normalización do idioma no ámbito musical nestes anos.

3. Características Lingüísticas Fundamentais

O galego escrito na posguerra non responde a ningunha norma sistemática dada a ausencia dunha normativa estándar, polo que imos atopar bastante variedade de solucións. Non obstante, si avanza cara á unha maior simpleza formal e cara a procura dunha norma culta, o que fai que, ao estudarmos a historia da normativización do galego, se coñeza este período co nome de protoestándar. Os autores da editorial Galaxia levan á práctica un criterio simplificador da ortografía, reducindo o uso do apóstrofo e os guións, moderando así mesmo, o uso dos hiperenxebrismos propios da preguerra. Isto último, xunto á incorporación de neoloxismos e cultismos, así como o rexeitamento de castelanismos, amosa un intento de depuración léxica. Na década dos 60 a Universidade de Santiago incorporou de xeito opcional os estudos de lingua e literatura galegas en Filosofía e Letras, sendo o primeiro profesor Ricardo Carballo Calero, quen elaboraría en 1966 a Gramática elemental del gallego común. A Real Academia Galega asumirá a principios dos 70 o labor de codificación do idioma, publicando as primeiras normas minimamente completas e sistemáticas.

Entradas relacionadas: