A Literatura e Lingua Galega (1936-1975): Resistencia, Recuperación e Autores Clave

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,31 KB

A Prosa Galega (1936-1975): Evolución e Tendencias

A prosa galega entre 1936 e 1975 evolucionou desde unha etapa de represión e silencio ata unha lenta recuperación impulsada pola Editorial Galaxia. Xurdiron diversas tendencias narrativas: realismo popular, fantástico e social, así como unha narrativa experimental vinculada á Nova Narrativa Galega. O ensaio desempeñou un papel clave na defensa da lingua e a identidade cultural galega.

Contexto Sociolingüístico: O Franquismo en Galicia (1936-1975)

Represión Política, Social e Cultural

Durante a ditadura franquista (1936-1975), Galiza viviu unha intensa represión política, social e cultural. A Guerra Civil non tivo fronte bélica no territorio, pero o franquismo instaurou un réxime de terror con fusilamentos, encarceramentos e represión sistemática. A posguerra trouxo fame e miseria, mentres a economía se transformaba nos anos 60 cunha forte emigración e industrialización. No ámbito político, o galeguismo foi relegado á clandestinidade, destacando a creación da Editorial Galaxia en 1950 e a aparición de partidos nacionalistas como o PSG (1963) e a UPG (1964), que lideraron a oposición antifranquista e protagonizaron mobilizacións nos anos 70.

A Represión e Resistencia da Lingua Galega

A lingua galega sufriu unha forte represión, sendo prohibida en escolas, administracións e medios de comunicación. A política franquista impuxo o castelán como única lingua oficial, impedindo incluso o uso de nomes galegos no Rexistro Civil e censurando publicacións en galego. A castelanización intensificouse debido á emigración, á influencia da escola e á expansión dos medios de comunicación. Con todo, o galego seguiu sendo a lingua máis falada no ámbito familiar e rural, mentres o exilio xogou un papel crucial na súa preservación, promovendo publicacións e iniciativas culturais.

Recuperación e Normalización Lingüística

No interior, a Editorial Galaxia liderou a recuperación do galego nos anos 50, e en 1954 o Centro Galego de Bos Aires denunciou ante a UNESCO a persecución lingüística, conseguindo unha leve flexibilización do réxime.

A partir dos anos 60, a resistencia cultural e lingüística cobrou forza. A creación do Día das Letras Galegas (1963), a reaparición da revista Grial e a fundación do Instituto da Lingua Galega (1971) impulsaron a recuperación do idioma. No ámbito musical, o movemento da Nova Canción Galega e artistas populares contribuíron á normalización do galego. Tamén se fixeron avances na codificación do idioma, destacando as achegas de Ricardo Carvalho Calero. Así, a pesar da represión franquista, Galiza logrou manter viva a súa lingua e cultura grazas á resistencia de intelectuais, exiliados e movementos sociais. Os esforzos por dignificar e normativizar o galego culminaron nos anos posteriores coa oficialización das Normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega en 1983. Desta maneira, a loita pola supervivencia do idioma durante a ditadura sentou as bases para a súa recuperación e reivindicación na etapa democrática.

Autores Destacados da Prosa Galega

Xosé Neira Vilas

Neira Vilas diferénciase dos autores da Nova Narrativa Galega porque non comparte con eles un contacto xeracional nin as súas tendencias urbanas. Cultiva a novela e, con preferencia, o conto. Algunhas das súas narracións longas son acumulacións de relatos curtos de estrutura pechada. A súa narrativa divídese en cinco núcleos:

  • Primeiro: Obras que mostran a infancia na aldea galega.
  • Segundo: Presenta a vida rural desde a perspectiva adulta.
  • Terceiro: Céntrase na emigración galega a América.
  • Cuarto: Narracións centradas no mundo urbano.
  • Quinto: Coleccións de estampas líricas e semblanzas.

Álvaro Cunqueiro

Álvaro Cunqueiro combinou mitos, tradicións e a vida cotiá, creando un mundo narrativo único. Destacou pola fragmentación das súas novelas, onde cada historia forma un pequeno universo autónomo. A súa obra de ficción en galego está composta por tres novelas e tres libros de relatos ou semblanzas. Trazos que a caracterizan:

  • Tendencia á disgregación da novela.
  • Hibridación lúdica.
  • Predominio do estilo actual.
  • Humor e poesía.
  • Eliminación das fronteiras entre a realidade e a fantasía.

Ánxel Fole

Este autor é un mestre da narrativa breve en galego, centrado no relato curto para contar as súas historias. Ten características como:

  • Naturalismo lingüístico.
  • Predilección polo conto.
  • Realismo narrativo.
  • Influencia da linguaxe cinematográfica.
  • Importancia da paisaxe.

Eduardo Blanco Amor

Blanco Amor destacou na narrativa galega sobre todo polas novelas: Xente ao lonxe e A esmorga. As súas obras sitúanse en Auria (Ourense) nas primeiras décadas do século XX. Escritos en primeira persoa, presentan temas recorrentes como a infancia, adolescencia, violencia e marxinación, relacións familiares, a educación nas escolas, a soidade e o enfrontamento político.

Entradas relacionadas: