Literatura grega: xéneros e autores
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,25 KB
A lírica
É un xénero literario en verso, que tivo como precursor a Hesíodo, autor da Teogonía (na que se recollían crenzas e mitos) e Os traballos e os días (na que exalta a xustiza e os consellos morais e conta cousas da súa vida). A lírica coñece un gran auxe no século VII a. de C. Os poemas líricos cántanse con acompañamento musical e os xéneros máis importantes son os seguintes:
A elexía
Composición lírica na que o poeta louvaba, criticaba ou moralizaba sobre temas patrióticos, filosóficos, políticos ou mesmo amorosos. Cantábase con acompañamento de frauta dobre.
A oda ou lírica monódica
Composición na que o poeta fala de paixóns e temas persoais. Eran cantadas por unha soa persoa con acompañamento de lira ou cítara. Os poemas máis destacados son:
- Alceo (finais do século VII a. de C.): escribiu sobre infinidade de temas: himnos a divindades, críticas aos seus inimigos, cantos aos seus amores e ao viño, etc.
- Safo (625-580 a. de C.): escribiu poemas amorosos dirixidos a outras mulleres.
A lírica coral
Os poemas eran cantados por un coro con acompañamento de lira ou frauta mentres executaban unha danza. Eran composicións destinadas a cerimonias solemnes. Os autores máis destacados son:
- Píndaro (518-438 a. de C.): conservamos catro libros de epinicios ou cantos triunfais.
- Teócrito (séculos IV-III a. de C.): considérase o creador da poesía bucólica, que louva a natureza e a vida no campo.
O teatro
Xénero literario en verso que xurdiu como unha manifestación máis do culto a Dioniso no século VI a. de C. A época máis florecente foi o século V a. de C. e a primeira metade do século IV a. de C. O teatro clásico, no que o coro, que cantaba, bailaba e comentaba a acción, xogaba un papel fundamental, constaba de dous xéneros fundamentais:
Traxedia
Trataba os grandes problemas existenciais da humanidade. As personaxes eran heroes ou mesmo deuses. Adoitaban usar unha linguaxe e estilo elevados e os finais implicaban o sufrimento ou mesmo a morte do heroe. De entre os autores destacan:
- Esquilo (525-455 a. de C.): incorporou a triloxía, é dicir, tres obras que trataban a mesma temática. De entre elas destacan Os persas, Os sete contra Tebas, A Orestíada (Agamenón, Coéforas e Euménides), etc.
- Sófocles (496-406 a. de C.): autor de obras como Áiax, Edipo Rei e Antígona.
- Eurípides (484-406 a. de C.): introduce nas súas obras un prólogo explicativo e un retrato psicolóxico das personaxes. É autor de obras como Medea e Hipólito.
En principio, as traxedias contaban cun só actor e posteriormente utilizáronse dous, tres ou ata catro, que debían representar varias personaxes dentro da mesma obra. Eran sempre homes e ían caracterizados con máscaras, vestimentas varias e coturnos.
Comedia
Adoitaba tratar cuestións máis triviais, relacionadas coa vida cotiá, empregando para iso personaxes correntes e, en moita menor medida, o elemento mítico. A linguaxe e estilo eran máis populares e caían mesmo no obsceno. Adoitaba ter final feliz. Destacan os seguintes autores:
- Aristófanes (445-386 a. de C.): autor de pezas de tema político como Lisístrata, As ras e A paz.
- Menandro (342-292 a. de C.): autor de obras de temática amorosa como O escudo ou O misántropo.
A historiografía
Xénero literario en prosa que se constitúe como tal no século V a. de C. e narra os feitos contemporáneos para recordo no futuro. Destacan os seguintes historiadores:
- Herodoto (448-424 a. de C.): no seu libro Historias conta o desenvolvemento das Guerras Médicas.
- Tucídides (460-399 a. de C.): é autor da Historia da Guerra do Peloponeso. Recollía a información que cría interesante e contrastábaa con varios testemuños.
- Estrabón (58 a. de C.-25 d. de C.): historiador e xeógrafo, na súa Xeografía dedica un libro á Península Ibérica.
A filosofía
Xénero literario en prosa nado do afán de saber dos gregos. Destacan:
- Platón (428-347 a. de C.): é o creador do diálogo filosófico, no que, mediante a discusión sobre un tema con interlocutores, expoñía as súas ideas filosóficas, morais ou políticas. Nestes diálogos (Apoloxía de Sócrates, O banquete, Fedón, etc.), que influíron substancialmente na filosofía posterior, Sócrates, o seu mestre, fala no seu nome.
- Aristóteles (384-322 a. de C.): discípulo de Platón e fundador dunha institución filosófica chamada Liceo, escribiu obras sobre moi diversos temas (Poética, Retórica, Ética, etc.). Exerceu gran influencia sobre os escritores e pensadores latinos. Na Idade Media foi moi admirado e as súas doutrinas son a base da filosofía medieval chamada escolástica.
A oratoria
Xurdiu como xénero literario (en prosa) no século V a. de C. Destaca Demóstenes (384-322 a. de C.), autor das Filípicas contra Filipo de Macedonia.
A prosa científica
Neste xénero destaca Hipócrates (460-377 a. de C.), que escribiu sobre medicina.
A fábula
No século V a. de C., Esopo escribiu as fábulas, relatos breves que contan anécdotas imaxinarias nas que as protagonistas adoitan ser animais que actúan, falan e pensan como humanos. Están escritas cunha intención moralizante que se resume ao final na moralexa.
Cardio: corazón. Odonto: dente.
Derma: pel. Quiro: man.
Gastro: estómago. Ico: relativo a.
Hemato: sangue. Ista: oficio, partidario de.
Hepato: fígado. Sis: endurecemento, formación.