Literatura Galega nos Séculos Escuros: Poesía e Teatro
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,28 KB
Os Séculos Escuros: Literatura Galega
Conservamos desta época moi poucas mostras e de escasa calidade, aínda que, como veremos, non sucederá o mesmo coa literatura oral popular.
Poesía Anónima Tradicional
Ao desaparecer a lingua galega na escrita cos últimos trobadores, o único que pode pervivir é un tipo de literatura de carácter popular e tradicional. Só nos quedan escasas mostras de poesía tradicional e poesía de temas históricos ou circunstanciais.
Dentro da tradicional, destacamos os cancioneiros musicais casteláns dos séculos XV e XVI nos que se conservan algunhas cancións paralelísticas parecidas ás dos trobadores medievais.
Xa dentro da poesía de temas históricos ou circunstanciais, sobresae o Pranto da Frouseira (finais do XV), que se trata dun poema de 32 versos no que un poeta pon en boca da propia fortaleza os lamentos pola morte do mariscal Pero Pardo de Cela e do seu fillo, decapitados na praza maior de Mondoñedo en 1483 por terse rebelado contra os Reis Católicos; consérvase tamén un poema do século XVII referido ao saqueo de Cangas polos turcos en 1617.
Poesía Académica Galega
As poucas mostras de literatura culta que conservamos da época teñen escaso valor literario, pero si son importantes desde o punto de vista filolóxico. Son composicións creadas ao estilo da poesía castelá da época. Diferenciamos:
Poesía Renacentista
O Siñor de Monterrei é unha composición anónima que data do ano 1530, aproximadamente. É un poema dialogado, semellante a unha pastorela, no que un cabaleiro lle declara o seu amor a unha pastora.
Outro dos textos renacentistas conservados tamén é un soneto, neste caso da autoría da condesa de Altamira, Dona Isabel de Castro e Andrade. O poema, dedicado a Alonso de Ercilla, data de 1578, ano no que o autor publicou a segunda parte de La Araucana.
Poesía Barroca
Dentro do volume dedicado ás Exequias á raíña Margarida de Austria (1612), publicado para loar a morte da esposa de Filipe II, atópanse dúas composicións en galego datadas en 1611: o soneto Respice finem, do médico Pedro Vázquez de Neira, e o soneto Con falda de Xoán Gómez Tonel, alguacil maior do Reino de Galicia e editor da obra.
Tamén do s. XVII son as Décimas ao Apóstolo Santiago (1617), nas que o crego Martiño Torrado, abade de Urdilde, critica con fina ironía a pretensión de Filipe IV de que Santa Teresa compartise o padroado de España co Apóstolo.
Por último, consérvanse algunhas composicións das chamadas Festas Minervais, certames literarios que se viñan celebrando anualmente na Universidade de Santiago desde 1536 na honra de Don Alonso de Fonseca, que fora arcebispo de Santiago e fundador da mesma. Concretamente, do certame de 1697 publicouse o volume Fiestas Minervales y aclamación perpetua a la musa, no que se recollen nove romances en galego.
Poesía Relixiosa Galega
Entre os séculos XVI e XIX, os vilancicos de Nadal e Reis na nosa lingua proliferaron por toda Galicia. Caracterízanse principalmente pola galeguización que se fai de personaxes e motivos (o contorno, o Neno, os seus pais, Deus, os instrumentos populares... son galegos), polo uso do paralelismo e pola combinación de elementos populares e cultos.
Tiveron tanta aceptación que mesmo se compuxeron para seren cantados en Portugal, Valladolid ou Toledo.
A maior parte destas composicións son anónimas, pero tamén as hai de autor coñecido, como as de:
- Carlos Patiño (s. XVII)
- Frei Francisco de Santiago (s. XVII)
- Manuel Bravo de Velasco (s. XVII)
- Antonia María de Castro e Neira (s. XVIII)
- Luís Corral Rodríguez (s. XIX)
- Alberto Camiño (s. XIX)
En Galicia consérvanse nos arquivos das catedrais de Compostela e Mondoñedo.
Teatro Galego nos Séculos Escuros
A primeira peza teatral que conservamos en galego é o Entremés famoso sobre a pesca no río Miño ou contenda dos labradores de Caldelas (1671), do licenciado Gabriel Feixoo de Araúxo.
A obra, de ton humorístico e final feliz, trata do conflito que se produce entre galegos e portugueses pola pesca con redes no río Miño.