Literatura Galega do Século XX: As Irmandades da Fala e os seus Poetas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en gallego con un tamaño de 3,69 KB

A Poesía das Irmandades da Fala: Características, Autores e Obras Representativas

O século XX supuxo en Galicia o nacemento do agrarismo e do nacionalismo, a continuación da emigración e a aparición do movemento obreiro.

O movemento agrario foi desde 1907 o auténtico revulsivo social da época. Destaca a Liga Agraria de Acción Galega, dirixida por Basilio Álvarez.

En 1916 xurdiron na Coruña as Irmandades da Fala. O seu obxectivo máis inmediato foi a defensa do idioma galego para recuperar a cultura.

Na poesía, a entrada do século XX non supuxo un cambio no panorama literario galego, senón que continuaron as liñas iniciadas no Rexurdimento.

Antonio Noriega Varela: Unha Transición Poética

O primeiro que marcou timidamente o comezo de novos camiños foi Antonio Noriega Varela, o máis destacado representante dunha xeración de transición: por unha parte, aceptou o popularismo, o costumismo e o sentido cívico dos predecesores, pero por outra, podemos ver nel certos influxos do modernismo e da literatura portuguesa.

Escribiu unha soa obra, ampliada durante toda a súa vida: en 1904 o título foi Montañesas; desde 1915, denominouse Do ermo. Dúas etapas:

  • Poesía costumista (coma no século XIX): descrición da vida rural, desde unha óptica conservadora que reacciona contra toda novidade e innovación porque desfigura a súa esencia enxebre. Tamén escribiu poesía cívica, relacionada co agrarismo e suprimida na última edición.
  • Poesía lírica da montaña (=montañesa). Poética franciscana: tenrura e amor pola paisaxe montañesa, polos compoñentes máis humildes desa paisaxe e non polos máis grandilocuentes ou vistosos. Neste apartado encádranse 21 sonetos literariamente moito máis traballados.

Ramón Cabanillas: O Poeta da Raza

Pero o poeta máis destacado da época foi Ramón Cabanillas (1876-1959): O Poeta da Raza. Recolleu a inquedanza de Rosalía, o celtismo de Pondal e a protesta de Curros, introducindo elementos renovadores modernistas. Etapas:

  1. Etapa pregaleguista ou agrarista: No Desterro (1913) e Vento Mareiro (1915). Nos dous libros altérnanse poemas de carácter intimista, costumista e agrarista (anticaciquil). Estes últimos, rabiosos e incendiarios, que mostran a súa solidariedade cos labregos na súa loita pola redención dos foros, foron os máis coñecidos. Algúns poemas como Acción Galega ou A Basilio Álvarez chegaron a ser verdadeiros símbolos populares e converteron a Cabanillas en herdeiro natural de Curros. Hai tamén poemas costumistas de influencia modernista.
  2. Etapa galeguista (ata 1920). O libro representativo foi Da Terra Asoballada (1917). Cabanillas converteuse no poeta civil de Galicia. A oposición xa non era cacique/labrego, senón Galicia/Castela.
  3. Etapa mítica (1921-30). En 1926 escribiu tres longos poemas narrativos: A espada Escalibor, O cabaleiro do Sant-Grial e O sono do rei Artur, que compoñen o libro Na Noite estrelecida. Cabanillas emprendeu unha actualización da materia de Bretaña, galeguizándoa e adaptándoa para conseguir unha mensaxe nacionalista, e unha reconstrución mítica do pasado.
  4. Etapa de posguerra (1950-59). Non escribiu poesía entre 1930 e 1950. Os seus últimos libros foron Da miña zanfona (1954) e Samos (1958), libros cheos de desenganos e morriña. Neste último, evocador e panteísta, Cabanillas recuperou a súa maior altura poética.

Entradas relacionadas: