A Literatura Galega do Rexurdimento: Rosalía, Pondal e Curros
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
gallego con un tamaño de 16,71 KB
Rosalía de Castro: Poesía e Legado
"Cantares Galegos" (1863): Inicio do Rexurdimento
A publicación de Cantares Galegos supón o inicio do Rexurdimento pleno. Un século despois, a data do 17 de maio dese ano, que figura na dedicatoria do libro, será a elixida para conmemorar o Día das Letras Galegas en recoñecemento ao gran valor simbólico desta obra.
Intención e Composición de "Cantares Galegos"
Rosalía compón o libro en forma de glosas de cantares ou ditos populares, poñendo "o maior coidado en reproducir o verdadeiro espírito do noso pobo", mediante unha poesía sinxela, popular, en simbiose coa cosmovisión dos labregos, que constituían a inmensa maioría da poboación de Galicia do século XIX. Rosalía consegue expresar de forma auténtica e coherente a voz colectiva do país, creando unha especie de epopea popular. Pero a actitude que ateiga o libro é a reivindicativa.
Estrutura e Voces Narrativas na Obra
O libro está constituído por 36 poemas, presenta unha estrutura enmarcante, e comeza cunha composición na que toma a voz unha moza á que invitan a cantar e remata coa mesma voz da "meniña" que se escusa pola súa falta de habilidade para cantar as belezas da nosa terra. En ocasións, cédelles a súa voz a distintos tipos populares ou mesmo permite que en dous poemas fale a propia Rosalía, empregando un eu lírico que se pode interpretar como a pretensión da autora por aparecer como un personaxe máis, afirmando deste xeito a pertenza á comunidade rural expresada no libro.
Temas Fundamentais en "Cantares Galegos"
En Cantares Galegos atopamos catro núcleos temáticos fundamentais:
Temática Costumista: Cultura Popular Galega
Nun número elevado de composicións predomina a descrición e a narración para presentar crenzas, romarías, devocións, personaxes... da cultura popular galega que Rosalía defendía fronte aos estereotipos colonizadores.
Temática Amorosa: Coitas e Sentimentos
As coitas amorosas funcionan como eixe semántico dunha serie de poemas. Poden aparecer en forma de diálogo ou de monólogo, en boca de muller ou de home.
Temática Intimista: Vivencias Persoais
Fala directamente, mediante un eu lírico, para expresar as súas vivencias e recordos persoais, motivos que prevalecerán posteriormente en Follas Novas. Son fundamentalmente dous os poemas que seguen esta liña: os que glosan os cantares "Campanas de Bastabales" e "Como chove miudiño".
Temática Socio-Patriótica: Crítica e Reivindicación
Serie de composicións nas cales a emigración, o abandono ao que Galicia está condenada e a explotación e aldraxes dos galegos en terra allea son os motivos aos que recorre para criticar a situación dun pobo galego asoballado e reivindicar uns valores universais de xustiza social. A este grupo corresponden as glosas dos cantares: Adeus, ríos, adeus fontes, Airios, airiños, aires, Castelá de Castela, Casteláns de Castela e A gaita galega.
"Follas Novas" (1880): A Obra da Madurez
Rosalía xa comezara a escribir este libro a finais da década de 1860, época durante a cal residiu en Simancas.
Estrutura e Núcleos Temáticos de "Follas Novas"
Os núcleos temáticos básicos en Follas Novas son:
- Por unha banda, diferénciase un tipo de poesía subxectiva, que corresponde aos dous primeiros apartados en que se estrutura o libro ("Vaguidades" e "Do íntimo"). Trátase dunha reflexión indutiva.
- Por outra banda, hai unha poesía obxectiva, colectiva, correspondente aos apartados 4 ("Da terra") e 5 ("As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos") que insiste no aspecto reivindicativo do popular e do home galego, e onde se tratan temas que xa aparecen en Cantares Galegos, como a emigración e a inxustiza social.
O apartado 3 ("Varia") participa do obxectivo e do subxectivo, mostrando o complexo carácter que ofrece a realidade en toda a súa extensión para servir de ponte entre a subxectividade de "Do íntimo" e a obxectividade de "Da terra".
A Concepción da Vida en "Follas Novas"
En Follas Novas, Rosalía ofrécenos unha visión desolada do mundo e da vida. O sentimento predominante é o da saudade. Co termo saudade refírese ao sentimento derivado da privación dalgún ben concreto. Pero, profundando no eu, descobre a saudade ontolóxica, sentimento misterioso e inefable de saudade sen relación con algo concreto, que ten que ver coa radical orfandade do ser humano. Toda esta visión desolada da vida intensifícase coa angustia existencial derivada da omnipresenza dunha pantasma que atenaza a súa vida e que se manifesta de forma especial no símbolo escuro, vago e polisémico da negra sombra.
A Prosa de Rosalía de Castro
A obra en prosa galega de Rosalía redúcese a tres textos: o Conto Galego, e os prólogos de Cantares Galegos e Follas Novas.
- O Conto Galego apareceu en 1864. Ata o descubrimento desta edición só se coñecía outra de 1923, polo que se consideraba unha obra de edición póstuma. O trazo característico é a economía narrativa: a trama descansa fundamentalmente no diálogo dos personaxes, e a voz narradora limita as súas intervencións ao imprescindible.
- Os dous prólogos son inestimables mostras de prosa galega; neles pódense advertir as razóns ideolóxicas, os principios estéticos e as motivacións que a levaron a escribir en galego.
A Lingua de Rosalía
Na lingua rosaliana son usuais algúns vulgarismos, hipergaleguismos e castelanismos. Son frecuentes tamén as vacilacións léxicas e morfolóxicas. No nivel fonético, o máis salientable é o emprego do seseo, propio da zona dialectal da autora.
Significado da Obra de Rosalía de Castro
A publicación de Cantares Galegos en 1863 marca un punto de inflexión na historia da lingua galega en xeral e da literatura en particular. Nese momento é o «punto de partida» das nosas letras. Rosalía prestixa o galego como lingua literaria e reivindica o seu uso. A obra acadou un evidente carácter sociopolítico. Procura a defensa e redescuberta da nosa propia cultura e identidade, aldraxadas e case anuladas pola ideoloxía centralista estatal. O éxito do libro débese á extraordinaria comuñón de Rosalía coas xentes do seu país. Ata tal punto se produciu esa identificación que moitos poemas e estrofas foron asumidos polo pobo como versos comunitarios. En Follas Novas creou un universo novo no que o puro lirismo intimista acada a máis alta realización artística, máis alá das vivencias estéticas, nunha continua e angustiada pregunta sobre o sentido da existencia humana. Trátase dunha poesía que revela a conflitividade dun mundo no cal non parecen existir valores eternos e verdades absolutas, e onde o ser humano está radicalmente só. Esta cosmovisión pesimista e angustiada transloce a crise de valores da sociedade capitalista fronte á seguridade da sociedade patriarcal. A visión da existencia amosa un mundo onde a agresividade, insolidariedade e moral egocéntrica conducen á frustración individual e colectiva.
Eduardo Pondal: O Bardo de Bergantiños
O Mundo Poético de Pondal
É preciso dividir a súa produción en dúas vertentes temáticas:
- Por un lado, en canto á poesía de carácter político, destacan o celtismo, o helenismo e o bardismo.
- Polo outro, no que atinxe á poesía lírica, podemos salientar a presenza de dous elementos recorrentes: a paisaxe e a muller.
Poesía Cívica: O Celtismo
Na busca dese pasado que xustificase o espírito galeguista, Pondal cantará aos nosos devanceiros creando un mundo mitolóxico poboado de hipotéticos heroes celtas. O único heroe documentado co que contaba Pondal era Breogán.
O Helenismo na Poesía Pondaliana
Hai frecuentes referencias a valores guerreiros gregos, e mesmo alusións a poetas heroicos da Grecia clásica. Han de ter unha virilidade rexa e forte, que o poeta lles imbúe a partir do seu código de valores, da súa ética fundamentalmente dórica, espartana. Deste modo, os heroes celtas de Pondal avanzan polo camiño do heroísmo clásico.
O Bardismo: Pondal como Vate
A idea de si mesmo que ten Pondal é a de vate que instrúe e dirixe o seu pobo, ao xeito dos bardos celtas. Pondal soña con ser o liberador dun pobo escravizado. O poeta crea unha orixe mítica celta para lle devolver ao pobo galego a conciencia da propia identidade e mobilizar nel a forza colectiva creadora da historia, fuxindo dunha historia que lle foi imposta e que o aliena.
Poesía Lírica de Pondal
Xunto con esta poesía cívico-patriótica, tamén cultiva unha poesía desvinculada da ideoloxía política, unha poesía lírica na cal observamos unha dobre presenza: a natureza e a muller.
A Natureza na Poesía Lírica
A paisaxe pondaliana está representada por unha natureza áspera e esquiva que poderiamos situar na terra de Bergantiños. O home é un personaxe libre. Esta égloga pondaliana está plenamente sentida polo poeta. Son estampas rexas, fortes, de acordo coa súa ética, que case sempre serven de enfeite ao seu canto moral.
A Muller na Poesía Pondaliana
A concepción da muller que ten Pondal maniféstase de dous xeitos contrapostos:
- Idealización e culto á muller: composicións nas cales o amor é tenrura, os sentimentos son puramente platónicos e a postura do poeta é a dun cabaleiro galante.
- Muller considerada como simple obxecto sexual: poética naturalista, evidentemente popular. O temperamento e a paixón exprésanse sen ningún tipo de preocupación moral.
Poética e Estilo de Pondal
O bardo é un simple receptor e emisor da mensaxe do cosmos; o universo é linguaxe e o poeta un simple descifrador. Os elementos que traducen a voz do cosmos son aéreos, terrestres ou arbóreos. As árbores aparecen ligadas ás revelacións histórico-proféticas e tamén ás manifestacións intimistas e amorosas. Supoñen un eixe simbólico que pon en conexión o mundo terrestre co mundo aéreo, celeste, e tamén constitúen unha ponte entre o pasado e o futuro. Os recursos estilísticos están en función da súa concepción da poesía e da súa moral sobria e viril. Usa as oracións aseverativas, reflexo do seu mundo de afirmacións, ateigado de certezas; e desbota o emprego de diminutivos por non cadrar o seu matiz afectivo co espírito enérxico e nobre do bardo. Procedementos como o símil ou a lítote, revelan a pegada da literatura clásica. Da épica toma o recurso de substituír sempre o substantivo por un mesmo epíteto con capacidade de referencia. En canto á adxectivación, establécese unha frecuente oposición doce/férreo. O doce aparece representado como brando, mórbido, feminino, e leva á escravitude. O férreo, duro, forte, son elementos virís, conducentes á liberdade e que configuran un espírito nobre: a única morte digna é morrer loitando. Os recursos estilísticos máis propios da poesía pondaliana son o hipérbato, a lítote e o símil.
A Lingua de Pondal
Pondal utiliza a lingua de Bergantiños, pero elévaa literariamente mediante os moitos cultismos que nela introduce. Os trazos morfolóxicos máis de destacar serán: o predominio do ditongo ui, a terminación da 3ª persoa do singular do pretérito perfecto dos verbos da 2ª e 3ª conxugación en -ío; o remate da 3ª persoa do plural dese mesmo tempo en -no, e a forma constante pondaliana de miñán por mañá. Selecciona o seu léxico evitando os vulgarismos e introducindo abundantes cultismos (os máis de procedencia grega). Na escolla do vocabulario, atende principalmente á sonoridade, á eufonía. Para dar idea de rotundidade e xentileza emprega os solemnes esdrúxulos; cando quere mostrar claridade e resolución acode aos oxítonos en -al.
Significado da Obra de Pondal
Pondal perseguía coa súa obra dous obxectivos que van intimamente unidos:
- No aspecto lingüístico, tenta converter o galego nun idioma literario moi traballado e culto.
- No aspecto literario, pretende crear unha literatura verdadeira. A súa poesía popularizante é unha realización erudita sobre temas populares. Pondal tomará un camiño intelectual, contraposto á comuñón entre a literatura galega e o pobo, característica do século XIX.
Manuel Curros Enríquez: Poeta Social
Aspectos da Poesía de Curros Enríquez
Curros concibe a poesía como un instrumento, unha ferramenta a través da que se poden defender os dereitos do pobo e que serve ao mesmo tempo para concienciar ás propias xentes de que están sendo vítimas de inxustizas sociais. Cría que a ignorancia e o atraso eran a principal causa da opresión e confiaba nun futuro de liberdade e democracia que había chegar da man do progreso técnico e da cultura. Na súa poesía aparece reflectida tanto a denuncia de problemas xenéricos, universais, como problemas que atinxen exclusivamente á sociedade galega.
A Temática Costumista
Na súa poesía non é moi frecuente o costumismo. As composicións máis representativas deste tipo de poesía son: Unha boda en Einibó, A Virxe do Cristal e O gueiteiro. A temática estaba condicionada polas circunstancias en que foron escritas: nas propias bases do certame de Ourense de 1877 aclarábase que serían premiados os poemas que mellor tratasen "un costume", "unha lenda tradicional" e "un tipo popular". Segue o modelo proposto por Rosalía en Cantares Galegos, e non só se limita ao enxalzamento do elemento folclórico, senón que deixa tamén enxergar o seu compromiso cívico. A referencia a un motivo folclórico é accidental, e serve para introducir un ambiente que logo é tratado desde unha perspectiva diferente. Cobra máis relevancia o problema social ca o motivo tradicional de que se parte.
A Temática Lírico-Intimista
Este tema limítase en Curros fundamentalmente a unha serie de composicións de carácter familiar.
O Anticlericalismo na Obra de Curros
É o tema máis característico da obra poética de Curros e tamén o máis escandaloso para os seus contemporáneos. Era un trazo común do progresismo do XIX que está presente noutros poetas galegos da época e mesmo no cancioneiro popular. Nos poemas de Curros, preséntase esta actitude anticlerical debido á súa postura ideolóxica. A Igrexa conservaba a doutrina social que viña mantendo desde a Idade Media e pechábase ao progreso que Curros defendía como propicio para a liberdade. No caso de Galicia, esta institución relixiosa era unha privilexiada beneficiaria do sistema foral, e mantiña unha actitude contraria a todo tipo de reforma que minguase os seus beneficios e o seu poder, coa opresión que isto supoñía para os labregos. O Divino Sainete é unha parodia de A Divina Comedia. Curros Enríquez sérvese desta romaría para poñer de relevo as condicións da vida galega do seu tempo, facer a crítica de institucións e ridiculizar os seus inimigos persoais e literarios. Utiliza con gran mestría a caracterización caricaturesca dos personaxes e a forza expresiva da linguaxe. E todo salferido cun humor sarcástico e acedo, de indubidable raigaña galega aínda que tamén froito das súas fortes conviccións.
Estilo e Lingua de Curros Enríquez
Os recursos estilísticos máis empregados por Curros son: as anáforas e os paralelismos, figuras de repetición de raíz popular coas que consegue unha maior comunicabilidade. No nivel semántico, a ironía, o apóstrofe e máis a imaxe deformante e caricaturesca aumentan a eficacia da súa intención satírica. Estilo sinxelo co que pretende que a mensaxe poética sexa entendida por todos. Adxectivación esperable para os substantivos que se cualifican. Curros vai construír o seu galego sobre a lingua oral, neste caso de Celanova. De aí a riqueza léxica e o enxebre da súa sintaxe e dos xiros populares, que constitúen unha característica fundamental da súa obra. Os trazos máis salientables son a transformación do e copulativo en i diante de vogal; a presenza de seseo ao final da palabra monosilábica; plurais do tipo corazós; e terminación -au para as palabras procedentes de -anum. Un galego enxebre, enteiramente popular, no que a dicción expresiva e a busca de máxima pureza se alían dándolle unha forza que constitúe un factor decisivo na aceptación popular do poeta.