A Literatura Galega e a Resistencia Cultural na Posguerra Franquista
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 7,16 KB
Luís Seoane: Vida e Obra
Publicou no exilio poemas como:
- Fardel de exiliado (1952)
- Na brétema Sant-Iago (1956)
- As cicatrices (1959)
Tamén é autor de obras de teatro como A soldadeira e O irlandés astrólogo.
En Galicia, publicou o libro de poesía A maior abondamento e unha recompilación dos escritos para a radio, Comunicacións mesturadas.
A poesía de Seoane ten como temas fundamentais a emigración e o exilio. Cos seus versos, tenta darlles voz a tantos emigrantes anónimos que tiveron que deixar Galicia e levar unha vida de loita noutros países. A súa é, conscientemente, unha poesía de denuncia social, na cal a preocupación formal ocupa un segundo plano: o importante é a mensaxe que se transmite.
Eduardo Blanco Amor: Contribución á Literatura Galega
Durante os anos da súa estadía en España, publicou dous poemarios:
- Romances galegos (1928)
- Poema en catro tempos (1931)
Ademais, recolleu diferentes obras en Farsas para títeres e Teatro para a xente.
A obra narrativa de Blanco Amor é de enorme importancia, pois trouxo á literatura galega novos temas e formas de narrar. Ademais de dúas novelas en castelán, en galego escribiu as novelas A esmorga (1959) e Xente ao lonxe (1972), así como o libro de relatos Os biosbardos (1962).
A Esmorga: Un Retrato Tráxico de Ourense
A esmorga está ambientada nos arrabaldes de Ourense. A novela constrúese como a declaración ante un xuíz dun dos personaxes, Cibrán, detido tras a tráxica morte do Bocas e o Milhomes, os seus compañeiros nunha longa fin de semana de esmorga. Narrada cunha linguaxe dura e realista, o libro consegue crear unha atmosfera tráxica e opresiva.
Xente ao Lonxe: Infancia e Loita Social
En Xente ao lonxe cóntasenos, a través dos ollos dun neno, Suso, a historia dunha familia obreira e de esquerdas, no Ourense do primeiro terzo do século XX. Narrada de xeito fragmentario e con técnicas experimentais, é unha novela emotiva e chea de forza. Salienta nela a eficaz creación dos personaxes e a brillante recreación dos ambientes da cidade.
Os Biosbardos: Exploración da Infancia e Adolescencia
Os biosbardos recolle sete contos onde Blanco Amor explora diversas facetas da infancia e da adolescencia. Como el mesmo di, «os presentes contos pasan nas dúas primeiras décadas do século, nas que eu convivín co meu pobo. Como ambiente, son todos autobiográficos; como anécdota, ningún».
O Proceso de Castelanización e a Represión Franquista
Aumento do Proceso Castelanizador
Factores que contribuíron ao aumento da castelanización en Galicia:
- Represión do franquismo contra todas as linguas distintas do castelán.
- Xeneralización da educación obrigatoria, exclusivamente en castelán.
- Cambio da estrutura socioeconómica tradicional: a industrialización chegou a Galicia, moi tardiamente, coa creación dos polos industriais de Vigo, A Coruña e Ferrol (na década dos anos 60). Isto provocou á súa vez a urbanización, é dicir, o éxodo do campo á cidade. Ambos os procesos estiveron sempre acompañados dun cambio de lingua cara ao castelán.
- Chegada dos novos medios de comunicación audiovisuais (radio e, posteriormente, televisión), exclusivamente en castelán, que permitiron que esta lingua se introducise en todos os fogares.
A Posguerra: Tempo de Represión
A ideoloxía do franquismo era contraria á democracia e tiña moitos puntos comúns coa dos réximes de Hitler, en Alemaña, e de Mussolini, en Italia. En consecuencia, prohibíronse os partidos políticos e os sindicatos, pecháronse numerosos xornais e revistas, instalouse a censura e as liberdades individuais quedaron moi limitadas. Esta represión afectou sobre todo ás organizacións de esquerda e ás nacionalistas. E afectou especialmente á expresión cultural en linguas que non fosen o castelán, por entender que ían contra a concepción uniforme de España imposta pola ditadura.
As consecuencias para a vida cultural que se expresaba en galego foron dramáticas:
- Clausuráronse as editoriais, as revistas e os xornais.
- Foron fusiladas persoas relacionadas co mundo da cultura, como Ánxel Casal (editor), Alexandre Bóveda (xornalista) ou Víctor Casas (director de A Nosa Terra); outras víronse na obriga de marchar para o exilio (Luís Seoane, Castelao, Lorenzo Varela, Emilio Pita...) e outras foron apartadas do seu traballo (Otero Pedrayo, Fernández del Riego, Carballo Calero...) e non tiveron máis remedio que permanecer mudas nun dramático exilio interior. Outras, finalmente, optaron por dar o seu apoio ao réxime (Risco, Noriega Varela ou Álvaro Cunqueiro).
Só co paso dos anos, de xeito moi tímido, comezaron a publicarse algúns libros en galego, sempre de poesía, e sen ningún contido que puidese molestar ás autoridades franquistas.
Consecuencias do Triunfo da Sublevación Militar
O triunfo da sublevación militar tivo as seguintes consecuencias:
- Políticas: instauración dunha ditadura até 1975 caracterizada pola represión das persoas que defendían a liberdade, a prohibición das linguas que non fosen o castelán e a vulneración dos dereitos humanos.
- Sociais: supresión de dereitos fundamentais conseguidos anteriormente polos traballadores, polas mulleres e por outros colectivos.
- Económicas: crise e involución económica, forte autarquía e escaseza de produtos básicos para as clases máis desfavorecidas.
Resistencia Cultural e Literatura no Exilio
Despois da Posguerra máis Dura
Despois da posguerra máis dura, distinguimos entre:
- Resistencia cultural: artellada a partir de 1950 ao redor da editorial Galaxia, que retoma a publicación de libros en galego. Nos anos 60 o activismo cultural multiplicouse grazas ás asociacións culturais que foron xurdindo por todo o país.
- Literatura no exilio: mantida por autores que se viron obrigados a abandonar Galicia.
A Literatura no Exilio Galego
Entre os exiliados, salientan os nomes de Luís Seoane, Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Lorenzo Varela, Arturo Cuadrado, Emilio Pita e Ramón de Valenzuela. Eles puxeron en marcha numerosas iniciativas para manter viva a cultura galega:
- Creación de canles para a publicación de libros galegos: as coleccións Hórreo e Dorna, dentro da editorial Emecé, ou novas editoriais como Nova, Citania e Botella al Mar.
- Consolidación dun teatro galego: posta en marcha da compañía de Maruxa Villanueva e Varela Buxán (que estrearía Os vellos non deben de namorarse), fundación do Teatro Popular Galego, creación de textos orixinais (sobre todo por parte de Blanco Amor e Rafael Dieste).
- Extenso labor de divulgación da cultura galega entre a colectividade emigrante.