Literatura Galega de Preguerra: Irmandades da Fala e Xeración Nós
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 6,12 KB
A Literatura de Preguerra
1. Contexto Histórico
O agrarismo: Xorde o agrarismo, movemento que loita para que os campesiños poidan ser donos das terras que traballan. A principal asociación, nesta loita, é Acción Galega, liderada por un crego de Ourense, Basilio Álvarez. No 1926, na ditadura de Primo de Rivera, conseguen o seu obxectivo. Como consecuencia, desaparece a fidalguía e aparece un campesiñado propietario.
Desenvolvemento industrial e urbano: Medra a industria (de conservas, de construción naval...), o comercio e a banca. Como consecuencia, medran as cidades, especialmente A Coruña e Vigo, e a burguesía comeza a ter certo peso na sociedade.
As Irmandades da Fala: Ligadas ó galeguismo, xorden as Irmandades da Fala, no 1916, asociacións destinadas a defender a lingua e a cultura galegas, e que reclaman:
- Autonomía para Galicia para poder solucionar os problemas do País (pobreza e emigración masiva).
- Organización federal da Península.
- Cooficialidade entre o galego e o castelán.
- Fomento da cultura galega:
- Crean xornais (A Nosa Terra...).
- Crean editoriais (Nós...).
- Crean o Seminario de Estudos Galegos, institución destinada a investigar acerca da xeografía, da historia..., de Galicia.
O Partido Galeguista: No 1931, nace o Partido Galeguista, conseguindo situar nas Cortes da República, a Otero Pedrayo e a Castelao. En xuño de 1936 conseguen que se aprobe o 1º Estatuto de Autonomía para Galicia, que nunca se pon en práctica pola Guerra Civil e pola posterior implantación da ditadura.
2. A Creación Literaria
Antes da Guerra Civil, asistimos á presenza de dous grupos de escritores con características comúns: A Xeración das Irmandades e a Xeración Nós.
2.1 A Xeración das Irmandades
Coñecemos con este nome a un grupo de escritores que colaboran coas Irmandades da Fala. De entre todos eles, destaca Ramón Cabanillas.
Ramón Cabanillas (Cambados, 1876-1959)
Escritor no que se fusionan:
- O modernismo de finais do século XIX (o gusto polo exótico, polos elementos lendarios, polo sensual...).
- O compromiso co movemento agrario e o galeguismo.
Cultiva a prosa, pero, especialmente, a poesía e o teatro:
- Como libro de poemas, podemos destacar No desterro, libro escrito na Habana, cun forte compromiso co movemento agrario.
- No teatro, podemos destacar dúas obras ó servizo da causa galeguista: Na noite estrelecida, na que fai unha recreación galeguizada da historia do rei Artur, subliñando as orixes celtas de Galicia, e O Mariscal, que ten como protagonista a Pardo de Cela, nobre que se opuxo ó dominio dos Reis Católicos sobre Galicia.
2.2 A Xeración Nós
Coñécese con este nome un grupo de escritores que, para europeizar e propagar a cultura galega, en 1920 crean a revista Nós, que sairá á luz ata o ano 1936, ano no que estoupa a Guerra Civil. Os escritores que forman parte desta xeración son os do grupo ourensán, Vicente Risco, Otero Pedrayo e Florentino Cuevillas, e Castelao.
Son todos eles homes dunha grande cultura e de gran vocación pedagóxica que, intentando normalizar a literatura galega, na que tradicionalmente se cultivaba a poesía, dedícanse á prosa e ó ensaio.
Alfonso Daniel Rodríguez Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950)
Castelao foi político, pintor e escritor galego, un dos máis grandes de todos os tempos.
Como político, Castelao foi nacionalista; por ter esta ideoloxía, no bienio conservador republicano sufriu desterro en Badaxoz, e na etapa progresista da Fronte Popular foi deputado e un dos que elaborou o 1º Estatuto de Autonomía para Galicia. Xa na Guerra Civil, realizou misións diplomáticas para o goberno da República e, ante a vitoria dos falanxistas, fuxiu de España, primeiro a Estados Unidos e despois á Arxentina, onde morreu exiliado.
Como debuxante e pintor, a obra de Castelao caracterízase por plasmar só o esencial, como un caricaturista, e por ter unha forte carga social: as súas personaxes pertencen ó pobo, son nenos, mulleres, homes de mar..., cos que mostra unha grande solidariedade e a través dos que reflicte os problemas morais, sociais e políticos do seu tempo.
Entre as súas obras plásticas, podemos destacar o álbum Nós, Cousas da vida ou Milicianos.
Aquí vos deixo a enlace ó catálogo de obras de Castelao do Museo de Pontevedra.
A obra literaria de Castelao participa das mesmas características da súa obra plástica: é unha obra sen adornos, na que só se conta o fundamental, e de gran compromiso social. Ademais, como tamén ocorre con parte das súas obras pictóricas, caracterízase polo lirismo e polo humor, como recurso para suavizar o tráxico da vida. Velaquí unha cita de Mark Twain coa que comeza unha das súas obras:
Detrás do humorismo, sempre hai unha gran dor; por iso, no ceo non hai humoristas.
Castelao escribiu prosa, entre a que podemos destacar Un ollo de vidro, na que un morto enterrado cun ollo de vidro vainos contando o que ve no cemiterio no que foi enterrado, Cousas, que son un conxunto de prosas breves acompañadas de cadansúa ilustración, ou Os dous de sempre, a súa única novela, na que nos conta a vida paralela de dous personaxes antagónicos, Pedriño, un lacazán sen obxectivos, e Rañolas, un eivado sen familia que coide del, que loita por unha vida mellor. Tamén cultivou o teatro en Os vellos non deben de namorarse, estreada no exilio arxentino, é unha comedia que trata do namoramento de tres vellos de tres rapazas novas, cun final do que xa nos advirte o título.