Literatura Galega de Posguerra: Un Rexurdimento Narrativo
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 9,87 KB
A Guerra Civil truncou o brillante labor dos narradores do grupo Nós e as adversas circunstancias políticas provocaron o absoluto silencio da nosa literatura nos primeiros anos da posguerra, apenas minguado polas obras publicadas no exilio. O espertar da narrativa galega non se produce ata a década dos 50, momento en que comeza a haber certa permisividade política e aparece a editorial Galaxia. Nestes anos, atopamos tanto publicacións de autores de preguerra, que reinician a súa obra, como obras de escritores novos.
Principais Tendencias da Narrativa de Posguerra
- Narrativa continuadora da prosa da Xeración Nós: Nesta corrente insírense as obras que seguen os temas desenvolvidos pola Xeración Nós, especialmente o referente ao mundo da fidalguía. A comezos dos 50 reaparece Otero Pedrayo co libro de relatos Entre a vendima e a castañeira (1957). O estilo da súa narrativa terá continuidade, por exemplo, en A xente da Barreira (1951), primeira novela de posguerra, na que Carballo Calero narra a vida de varias xeracións dunha familia fidalga.
- Tendencias narrativas renovadoras:
- Realismo etnográfico (recreación culta do conto popular): Relatos de carácter popular e costumista, nos que dominan a ambientación rural e as técnicas do conto de tradición oral. O principal representante deste xeito de narrar é Ánxel Fole.
- Realismo social: Narrativa comprometida coa denuncia da situación de Galicia na época. Nesta tendencia destacan Eduardo Blanco Amor e Xosé Neira Vilas.
- Realismo fantástico: Céntrase nun mundo mítico e intemporal, dominado polo soño e o idealismo. O seu principal cultivador foi Álvaro Cunqueiro, con obras que se poden inserir na corrente do realismo máxico, nas que se presenta o marabilloso e o mítico intentando respectar un criterio de verosimilitude.
Ánxel Fole
Foi un dos principais cultivadores do conto na literatura galega. As súas obras pretenden reflectir a realidade rural da Galicia do momento, unha realidade na que as crenzas e as supersticións teñen unha relevancia fundamental. Así pois, os seus contos, ambientados nas terras do Courel, amósannos as súas xentes, costumes, crezas e cultura para relatar historias de lobos, seres extraordinarios, ánimas, aparecidos, premonicións de morte…
A técnica narrativa de Fole combina características do conto literario contemporáneo con outras dos contos populares de tradición oral, dos que toma múltiples elementos: a fórmula do inicio (concretando tempo e lugar), a sentenza didáctica do final, os elementos que provocan desacougo e misterio, as apelacións ao oínte, a técnica de bonecas rusas... De aí que os seus relatos produzan sensación de oralidade, de “conto contado”. Esta sensación vese incrementada, ademais, polo emprego dun estilo lingüístico vivo que reproduce a lingua falada nas terras de Lugo, cos trazos dialectais propios da zona.
Fole é autor de catro libros de relatos. Á lus do candil (1953) e Terra Brava (1955) seguen a técnica do conto enmarcado.
Na primeira, un grupo de fidalgos e os seus criados atópanse illados pola neve nunha vella torre e reúnense a carón do lume para relatar diferentes historias que despois vai transcribir un dos presentes. Na segunda, o propio narrador infórmanos de que vai reproducir unha colección de contos misteriosos que escribira o seu tío e que atopa nunha vella carpeta. Ambas as obras están, ademais, ambientadas en escenarios enxebres das terras da montaña do Courel e do Íncio, respectivamente, e reflicten modos de vida, a paisaxe, as crenzas populares e as lendas tradicionais do lugar. Contos da néboa (1973) e Historias que ninguén cre (1981), pola contra, están situadas nun marco espacial urbano (cidade de Lugo e arredores) pero manteñen constante a presenza dominante do misterio.
Álvaro Cunqueiro
Contribuíu dun xeito fundamental á narrativa galega. A súa personalidade literaria é allea ás tendencias realistas e de temática social da posguerra, que cultivaban a maioría dos seus coetáneos, e caracterízase pola expresión dun mundo no que conviven realidade e fantasía.
Cunqueiro é autor de tres novelas (Merlín e familia, As crónicas do sochantre, Se o vello Sinbad volvese ás illas) e tres libros de relatos (Escola de menciñeiros, Xente de aquí e acolá, Os outros feirantes).
Novelas
Merlín e familia (1955) retoma a materia de Bretaña e a figura mítica do mago Merlín que, adaptado ao tempo presente e a un escenario galego, resolve a través da maxia os diferentes problemas que lle presentan os seus visitantes.
As crónicas do sochantre (1956) sitúase na Bretaña francesa e está protagonizada por un músico que, cando se dirixía a tocar nun enterro, é recollido por unha carroza na que viaxan varios defuntos cos que percorrerá o país durante anos, escoitando historias das súas vidas pasadas.
Se o vello Sinbad volvese ás illas (1961) inspírase nunha historia de As mil e unha noites, da que rescata o personaxe de Simbad. Este home, que agora é un vello mariñeiro, nostálxico e soñador, vive retirado no país de Bolanda e inventa historias para manter o seu prestixio.
Estas tres novelas comparten os trazos máis característicos da súa prosa:
- A conxunción da realidade cotiá coa fantasía ten unha relevancia fundamental. Cunqueiro crea un mundo único, eliminando as fronteiras entre o que comunmente entendemos por real e por fantástico. Así pois, recrea personaxes míticos achegándoos ao cotián, ás vivencias e traballos das xentes comúns (Xenebra zurce calcetíns, Simbad vai á taberna botar a partida…) e galeguizándoos (as paisaxes son galegas, Merlín vive nun pazo galego…).
- A estrutura narrativa ten un carácter radial. As súas obras compóñense de diferentes episodios relacionados entre si por un elemento de unión (un espazo base e un personaxe principal) que lle achegan unidade á historia, de maneira que as novelas semellan contos encadeados.
- O influxo da narración oral. O conto tradicional está na base do estilo de Cunqueiro e de aí toma o autor elementos como o gusto pola digresión e pola variedade de narradores, que se van dando paso uns a outros e creando unha estrutura complexa.
O seu estilo está dominado polo lirismo e polo emprego dunha lingua moi coidada. A súa prosa está poboada de imaxes, referencias sensoriais e un preciosismo estético que a achega á poesía.
Relatos
Os libros de relatos retratan diferentes personaxes populares que, en conxunto, reflicten a verdadeira psicoloxía dos galegos. Escola de menciñeiros (1960) é unha colección de semblanzas de curandeiros do país; Xente de aquí e acolá (1971) e Os outros feirantes (1979) son un retrato de curiosos personaxes galegos. Nestas obras, Cunqueiro mestura realidade e fantasía nun proceso inverso ao empregado nas novelas: parte dunha base real para logo dispararse ao fantástico.
Eduardo Blanco Amor
É un narrador tardío. Antes da guerra civil escribira fundamentalmente poesía vangardista, pero a súa produción en prosa cobra relevancia na posguerra. Durante os seus anos de exilio en Arxentina publicou a novela A esmorga (1959) e o libro de relatos Os biosbardos (1962). Xa de volta en Galicia, sacou ao prelo a súa última novela en galego, Xente ao lonxe (1972).
A esmorga está ambientada nos arrabaldes de Auria (trasunto literario de Ourense) e relata, cun realismo descarnado, a traxedia de tres personaxes marxinais (o Bocas, o Milhomes e o Cibrán) que acaban atopando a morte tras unha longa noite de alcohol e violencia. Estes homes son incapaces de reconducir a súa vida, tanto polas súas propias características psicolóxicas e sociais coma por culpa dunha sociedade inxusta e opresiva que non lles deixa saída. O ambiente de represión aparece reforzado, ademais, pola presenza constante dun clima adverso dominado pola chuvia e o frío, que se converte nun motivo recorrente e simbólico ao longo da novela.
A nivel formal destacan a ambientación nun espazo urbano e o uso da técnica narrativa do interrogatorio. Os cinco capítulos da novela son, en realidade, a transcrición das declaracións feitas polo Cibrán perante o xuíz, personaxe do que non se reproducen nunca as intervencións (tal vez para simbolizar que o protagonista non ten amparo e que xa está condenado de antemán). A linguaxe empregada é dura e está inspirada na lingua popular.
Xente ao lonxe é tamén unha novela ambientada no Ourense de principios do S.XX. Os protagonistas son os membros dunha familia obreira de esquerdas, vinculados con asociacións sindicais e que loitan polos seus dereitos e por unha escola laica. A través deles, que se van alternando como narradores da obra, imos coñecendo o tecido social do momento e os problemas referidos á educación, ás tensións relixiosas, á pobreza, á hipocrisía social, á política e á emigración.
Os biosbardos recolle un conxunto de relatos novamente ambientados na cidade natal de Blanco Amor e narrados en primeira persoa por nenos e adolescentes. Estes relatos constitúen unha radiografía da sociedade galega nas primeiras décadas do século XX e reflicten unha sociedade fortemente autoritaria e rexida pola Igrexa e a Escola.
Principais características da narrativa de Blanco Amor:
- Inaugura o realismo social na narrativa de posguerra coa intención de facer a crónica da realidade social, cultural e económica de Galicia. Este compromiso patriótico e social lévao a denunciar a represión e a reivindicar a solidariedade cos máis oprimidos.