Literatura Galega Posguerra: Represión e Rexurdimento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 9,73 KB
Sociolingüística II: Represión e Rexurdimento (1936-1976)
Contexto Histórico e Social
O 18 de xullo de 1936 comeza a Guerra Civil española. Instáurase un réxime de terror e milleiros de persoas son asasinadas nos denominados “paseos”. Algunhas vítimas deste terror foron persoeiros como Camilo Díaz Baliño ou Alexandre Bóveda. Son habituais as malleiras, torturas, confiscación de bens e queimas de bibliotecas. Quen pode foxe ao exilio ou bótase ao monte; quen non, agóchase durante anos ou procura aceptar a nova situación. O novo réxime ditatorial vaise asentando. O Partido Galeguista fica na clandestinidade e disólvese a finais dos anos 40. En 1950 nace a editorial Galaxia. As novas xeracións galeguistas fundarán na década dos 60 dous partidos nacionalistas: o Partido Socialista Galego (PSG) e a Unión do Pobo Galego (UPG). Os anos 70 comezan cun contexto económico moi negativo. O nacionalismo galego moderno protagonizará a maior parte das reivindicacións sociais das seguintes décadas.
Represión do Idioma e Ideoloxía Castelanizadora
O labor de normalización lingüística e cultural sofre un corte, de maneira que os primeiros anos da ditadura constitúen un verdadeiro ermo para a lingua e a cultura galegas. O idioma é considerado un dialecto, unha fala vulgar ou rústica impropia de xente culta. O seu uso fóra da familia ou do traballo está prohibido. Só se permite rotular os locais en español e non se poden traducir a “dialectos” obras da literatura universal. A Real Academia Galega (RAG) e o Seminario de Estudos Galegos (SEG) son intervidos polas autoridades franquistas. A produción editorial entre 1936 e 1950 é practicamente nula.
Exilio, Resistencia Interior e Recuperación Cultural
O galeguismo do interior emudece e son os exiliados os que manteñen vivo o proceso de recuperación lingüística e cultural. Co apoio dos emigrantes, promoven a publicación de libros, a edición de revistas e xornais, recitais, exposicións, etc. Comezan a producirse os primeiros síntomas de recuperación do galego en ámbitos cultos a finais dos anos 40. En 1947, Aquilino Iglesia Alvariño publica Cómaros verdes. Publícanse tamén poemas en galego en revistas bilingües como Alba ou Aturuxo. O ano 1950 marca o comezo do espertar cultural. Nace en Santiago a editorial Galaxia, cuxa primeira publicación foi Antífona da cantiga, de Ramón Cabanillas. En 1951 aparecerán as revistas Grial e Illa Nova. A censura prohibe a revista Grial, que retornará posteriormente. No exilio, as reaccións levan á “Denuncia” diante da UNESCO da persecución do idioma galego polo “Estado Hespañol”. A repercusión fixo que o réxime suavizase a súa presión, permitindo a creación da Cátedra de Lingua e Literatura Galega na Universidade Complutense de Madrid (UCM). En 1963 reedítase Grial, instáurase o Día das Letras Galegas e nace a Editorial do Castro. O seu nacemento repercute positivamente na situación do idioma. Arredor delas desprégase unha intensa actividade en galego (teatro, recitais, revistas, etc.). A demanda social cobra cada vez máis forza en escolas, fábricas, e no agro, rompendo a marxinación diglósica do galego. En 1963 nace a Cátedra de Lingua e Literatura Galegas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e en 1968 fundarase o Instituto da Lingua Galega (ILG).
Evolución do Conflito Lingüístico
Durante o franquismo, o proceso de desgaleguización idiomática experimentou unha intensificación e aceleración sen precedentes. Isto ponse de manifesto no considerable incremento do español entre a poboación dos núcleos urbanos e vilas, unha importante penetración do español no mundo rural, un significativo aumento de presenza na sociedade galega de monolingües en español e unha intensa difusión dos prexuízos e comportamentos diglósicos. Influíron unha serie de factores como os tipos de hábitat, o cambio idiomático do galego ao castelán, os castigos ao alumnado por empregar o idioma, a inexistencia da lingua nos currículos e a inculcación sistemática de prexuízos diglósicos. A escola foi un dos piares nos que se sustentou a castelanización. O éxodo masivo da poboación galega a América tamén tivo un forte impacto. A xerarquía católica ignorou por completo o galego. A radio, o cine e a televisión foron o motor das transformacións nos costumes e nas mentalidades.
A Poesía Galega entre 1936 e 1976
A poesía galega sufriu unha paralización despois da Guerra Civil. A primeira obra relevante é Cómaros verdes, de Aquilino Iglesia Alvariño. A partir de aquí comeza unha lenta recuperación da literatura en galego e fúndanse as primeiras editoriais. As tendencias da poesía galega de posguerra foron:
- Hilozoísmo: baséase nunha visión humanizada da paisaxe. Presente na posguerra en autores coma Aquilino Iglesia Alvariño, Amado Carballo, etc.
- Neotrobadorismo: mantivo a súa vitalidade. Principais cultivadores foron Álvaro Cunqueiro e Xosé María Álvarez Blázquez.
- Ruralismo: herdeiro de Noriega Varela. A paisaxe é o centro da súa obra. Xosé María Díaz Castro: Nimbos.
- Paisaxismo renovador: céntrase no tratamento da paisaxe dun xeito distinto ao ruralismo anterior. Prodúcese unha unión entre o home e a paisaxe. Manuel María e Uxío Novoneyra.
- Clasicismo e culturalismo: integra culturas e recupera formas clásicas. Álvaro Cunqueiro e Luís Pimentel.
- Intimismo e Escola da Tebra: mira ao interior do individuo e formúlanse interrogantes sobre a existencia. Luís Pimentel, María Mariño e Díaz Castro cultivaron esta liña.
- Socialrealismo: iníciase con Luís Seoane e Lorenzo Varela. Esta será a corrente que predomine e conxugará a poesía cívica que comezara no Rexurdimento. Máximo representante: Celso Emilio Ferreiro.
A Figura de Luís Pimentel
Luís Pimentel naceu e viviu en Lugo, dedicado á poesía e á medicina. O surrealismo será o que marque a súa obra, unha poesía chea de sensacións e sentimentos. Destaca a súa obra Sombra do aire na herba.
Xeración de 1936
Os seus integrantes viviron a Guerra Civil e isto supuxo un trauma para eles. Aquilino Iglesia Alvariño, poeta de Abadín, catedrático de latín e tradutor, cultivou o hilozoísmo, o ruralismo, a saudade e a morte en obras como Cómaros verdes e De día a día. Xosé María Díaz Castro dedicouse á docencia e publicou Nimbos, onde trata o amor, a natureza, o paso do tempo e a morte. Celso Emilio Ferreiro iniciouse como poeta antes da guerra e destacou pola súa actividade cívica e política. O soño sulagado é unha obra de poesía intimista, mentres que Longa noite de pedra é unha obra de gran sinxeleza para transmitir a súa mensaxe de xustiza e liberdade, denunciando a opresión do ser humano. Viaxe ao país dos ananos e Paco Pixiñas pertencen á súa frustrante experiencia na emigración. Onde o mundo se chama Celanova é a derradeira obra de Celso Emilio antes de retornar á poesía intimista.
Promoción de Enlace
Eran moi nenos durante a Guerra Civil e acceden á cultura nos anos 40. Comezan escribindo en castelán e pasarán ao galego. Antón Tovar escribe unha poética sobre o sentido da vida e da morte dun xeito moi pesimista, na procura dun Deus que nunca se revela (Arredores, Non). Luz Pozo Garza escribiu poesía intimista chea de referencias culturalistas e con preocupación social, como en O paxaro na boca. Manuel Cuña Novás é o iniciador da Escola da Tebra e a súa obra fundamental é Fabulario novo.
Xeración das Festas Minervais
Non viviron directamente a Guerra Civil pero criáronse no clima de represión. Procuran referentes na cultura francesa e anglosaxona, con novas maneiras de expresión no rock, no jazz, etc. Recuperan a acción política nacionalista de esquerdas. Algúns integraron o grupo Brais Pinto. Uxío Novoneyra viviu entre Lugo e Santiago. Publicou poesía innovadora, máis íntima e metafísica (Os eidos, Os eidos 2, Do Courel a Compostela). Xosé Luís Méndez Ferrín foi presidente da RAG e é unha das voces máis destacadas na poesía galega da segunda metade do século XX. Comeza cunha poesía existencialista e angustiada da Escola da Tebra, e a segunda etapa céntrase na poesía social (Poesía enteira de Heriberto Bens). Na terceira etapa abandona o socialrealismo e pon en marcha o lirismo intimista e o culturalismo. Marca a transición Con pólvora e magnolias. Manuel María: as primeiras obras inscríbense na liña da Escola da Tebra (Muiñeiro de brétemas) e alternará o socialrealismo (Documentos persoais) coa poesía paisaxística e o intimismo. Bernardino Graña foi membro de Brais Pinto. Os temas serán o mar e as súas xentes, o amor, o ecoloxismo, etc. Xohana Torres combina o intimismo cos temas social-patrióticos en poemarios como Estacións ao mar. Antón Avilés de Taramancos canta a natureza da terra natal e a das selvas colombianas, a saudade e o amor en obras como Cantos caucanos e As torres no ar. Arcadio López Casanova, membro máis novo da xeración, con Mesteres marca a fin do socialrealismo e o comezo da poesía culturalista.