Literatura Galega de Posguerra e Nova Narrativa Galega (1936-1975)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 4,51 KB
Literatura Galega de Posguerra (1936-1975)
Tras a Guerra Civil, a literatura galega sufriu un declive durante máis dunha década. A actividade literaria trasladouse a Latinoamérica, onde os exiliados mantiveron viva a cultura galega. Ricardo Carballo Calero (Día das Letras Galegas 2020) é autor de A xente da Barreira, a primeira novela de posguerra.
Principais Autores da Etapa
- Álvaro Cunqueiro: Mestura realismo e fantasía con personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad) e xentes galegas. Predomina a oralidade no seu estilo, con apelacións ao oínte, comentarios do narrador e alusións ás fontes. As súas novelas carecen dunha estrutura clásica, asemellándose máis ben a un conxunto de relatos sucesivos. Destaca Merlín e familia, unha recreación da materia de Bretaña desde unha perspectiva galega.
- Ánxel Fole: Autor de libros de contos como Á lus do candil e Terra Brava, ambientados nas montañas luguesas e escritos na lingua propia da zona. Seguen a técnica dos contos populares, que se contaban tradicionalmente "á luz do candil". Os seus temas principais son os lobos, aparecidos, a morte e as lendas populares.
- Eduardo Blanco Amor: A súa acción ambiéntase en Ourense (Auria) a principios do século XX. A esmorga presenta unha temática renovada, con protagonismo das clases populares, e unha forma renovada, onde só escoitamos a voz do protagonista. A obra narra a historia tráxica de tres homes marxinais durante 24 horas de bebedela, que culmina coa morte de todos eles. Xente ao lonxe ofrece unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores vinculados a organizacións obreiras e sindicais, que loitan por unha escola laica e popular.
- Xosé Neira Vilas: Retrata a Galicia interior, campesiña, oprimida e pobre. Memorias dun neno labrego, o libro máis lido da literatura galega e traducido a numerosas linguas, presenta unha estrutura sinxela e narra a historia dun neno que, inconforme coa súa vida, se ve obrigado a emigrar. As súas obras tratan temas como a emigración forzosa, a morriña e o illamento.
A partir dos anos 50, un grupo de mozos, integrantes da Nova Narrativa Galega, incorporan novos motivos e técnicas, cunha intención innovadora e un desexo de ruptura coa tradición narrativa. Destaca Xosé Luís Méndez Ferrín. Carlos Casares, aínda que comezou coa Nova Narrativa Galega, desenvolveu as súas mellores novelas posteriormente, cun estilo máis clásico.
A Nova Narrativa Galega
A Nova Narrativa Galega (NNG), inspirada no Nouveau Roman francés, abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo Rodríguez Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres). Segundo Mª Xosé Queizán, unha das autoras, a NNG procura “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.
Características
A) Argumento e Tema: Abandono do antropocentrismo, localización espacial imprecisa, ambientes urbanos, ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, mestura de realidade e mundo fantástico, situacións estrañas, opresivas e absurdas, presenza do sexo.
B) Formais: Monólogo interior, distorsión temporal, pluralidade de voces narrativas.
Xosé Luís Méndez Ferrín
Xosé Luís Méndez Ferrín (Ourense, 1938) destaca pola súa extensa obra, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica.
Na súa primeira etapa (1961-1971), destaca a técnica experimental. O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos que deforma a realidade. En Arrabaldo do norte (1964), apréciase unha forte vontade tecnicista, superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. O protagonista, incapacitado para a comunicación, anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida.
Carlos Casares
Carlos Casares (Ourense, 1941-Vigo, 2002, Letras Galegas 2017) destacou por unha prosa sinxela pero traballada. Vento ferido (1967) é un libro de relatos, entre os que destacan Monólogo e O xogo da guerra. Cambio en tres (1969) é unha das súas novelas máis coñecidas.