A Literatura Galega de Posguerra: Autores Clave e o Impulso da Nova Narrativa

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,1 KB

O Contexto da Literatura Galega de Posguerra

A Guerra Civil Española supuxo unha quebra moi importante no mundo literario galego, que se tivo que trasladar ao exilio. Mais en 1950 créase a editorial Galaxia, que impulsará a publicación de autores novos, e escríbese a primeira novela galega de posguerra, A xente na barreira, de Ricardo Carballo Calero.

A partir deste momento, o mundo literario galego inicia de novo a súa andaina.

Autores Fundamentais e Movementos Narrativos

Ánxel Fole: A Complexidade Psicolóxica e a Narrativa Oral

Aparecen obras de autores como Ánxel Fole, destacando:

  • Terra Brava
  • Á lus do candil (colección de contos de sinxela estrutura)

O eixo temático de Fole é Galicia, co referente das terras do Courel, onde se recrea a complexidade psicolóxica do home galego, plasmándose en lendas e historias fóra do normal. Fole recolle crenzas, lendas e mitos da Galicia rural do seu tempo, utilizando unha técnica narrativa semellante á narración dos contos orais.

Esta técnica narrativa apréciase nas fórmulas de introdución e remate, nas chamadas de atención ao auditorio ou na narración en espiral, é dicir, que dentro dun conto se conte outro, e dentro dese outro haxa outro, e así sucesivamente.

Eduardo Blanco Amor: O Realismo Social e a Novela Moderna

A esmorga é a primeira obra de Eduardo Blanco Amor, un clásico na literatura galega coa que entramos definitivamente no ámbito da novela moderna. Trata dos sucesos ocorridos durante un día de esmorga e o seu tráxico desenlace. Os protagonistas móvense por escenarios urbanos, baixo a presenza constante do clima adverso, motivo simbólico da novela. A lingua popular empregada xustifícase pola condición social dos personaxes e os baixos fondos onde se desenvolve a acción.

Obras e Temas de Blanco Amor

Publica despois:

  • Os biosbardos: Sete relatos breves, case todos en primeira persoa, cun protagonista neno ou adolescente de ambientación urbana.
  • Xente ao lonxe: Crónica da familia Vilar e, ao tempo, unha crónica social, algo caricaturesca, da evolución do socialismo en Ourense a comezos de século.

Recréanse ambientes populares, da pequena burguesía, do clero (ridiculizado e satirizado) e dos baixos fondos. Blanco Amor representa o chamado realismo social. Na súa obra repítense motivos, como o espazo urbano da vella Auria (Ourense) e a pertenza dos protagonistas ás clases populares.

Innovacións Técnicas

As accións apóianse nun perfecto coñecemento dos medios técnicos, que innovaron a narrativa galega:

  • A técnica do interrogatorio (onde só se oe a versión do interrogado).
  • A técnica magnetofónica, na estrita transcrición dos diálogos.

Estas innovacións viron continuidade na Nova Narrativa.

Álvaro Cunqueiro: O Realismo Fantástico e a Recreación Mítica

Álvaro Cunqueiro, que xa comezara a súa andaina literaria na preguerra, publica:

  • Merlín e familia: Preséntase ao vello mago retirado nos bosques galegos acompañado por un axudante (que será quen conte a historia) e unha criada (Dona Xenebra), a onde acoden multitude de personaxes fantásticos para que lles axude.
  • Se o vello Sinbad volvese ás illas: Co vello mito mariñeiro retirado na costa e fracasado nos seus intentos de volver ao mar.
  • As crónicas de Sochantre: Unha carroza chea de mortos que van contando a súa historia.

A Triloxía de Contos Fantásticos

Cunqueiro tamén publicou unha triloxía de contos sobre todo tipo de seres fantásticos (animais que falan, verdugos, meigas que voan, o gatipedro,...), formada por:

  1. Escola de menciñeiros
  2. Xente de aquí e acolá
  3. Os outros feirantes

Cunqueiro retoma vellos mitos literarios para recrealos nas súas obras, igual que fará co teatro, nun mundo desbordante de fantasía e imaxinación onde todo pode ser posible. É un mundo marabilloso, no que conviven os soños coa realidade, os habitantes reais cos mitos, e mesmo os personaxes de ultratumba cos vivos. É por isto que a súa literatura foi denominada de “realismo fantástico”.

Xosé Neira Vilas: A Galiza Interior e Emigrante

Xosé Neira Vilas: Aínda que é contemporáneo aos autores da Nova Narrativa, o seu estilo é propio desta época. Reproduce a realidade galega desde unha óptica completamente diferente, centrada na relación entre a Galiza interior e a emigrante.

Obras Centradas na Galiza Interior

Describen a Galiza interior as obras (moitas narradas desde unha óptica infantil ou adolescente):

  • Memoria dun neno labrego
  • Cartas a Lelo
  • Aqueles anos de Moncho

E outras como:

  • Xente no rodicio
  • A muller de ferro
  • Querido Tomás

Entradas relacionadas: