Literatura Galega de Posguerra (1936-1975): Poesía e Prosa
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 14,73 KB
A Poesía Galega entre 1936 e 1975
Contexto Histórico
Este período literario está profundamente marcado pola Guerra Civil e as súas consecuencias políticas e sociais. O establecemento da ditadura franquista, que durou ata 1975, provocou unha gran represión cultural e lingüística. Nesta etapa, cobrou vital importancia para a supervivencia da literatura e cultura galegas a actividade no exilio americano: publicación de libros e revistas, representacións teatrais, conferencias, emisións de radio, etc. A temática comprometida gañou peso no conxunto da produción literaria.
Principais Tendencias da Poesía
Durante este período, continuáronse algunhas liñas temáticas xa cultivadas antes da guerra, como:
- O Hilozoísmo (ou Imaxinismo) de Amado Carballo.
- O Neotrobadorismo de Álvaro Cunqueiro e Bouza Brey.
- O ruralismo herdeiro de Noriega Varela e Crecente Vega.
- A poesía intimista.
- O clasicismo, con Ricardo Carballo Calero como principal representante, que integra referencias da cultura grecolatina mediante formas poéticas clásicas.
A Xeración do 36
A figura de Luís Pimentel adóitase encadrar na xeración de vangarda anterior á Guerra Civil, aínda que as súas obras, Triscos e Sombra de aire na herba, foron publicadas na posguerra.
Os autores da Xeración do 36 naceron entre 1910 e 1920. Participaron na Guerra Civil, evento que está moi presente na súa obra. Cultivaron tendencias de preguerra, pero desenvolveron sobre todo a temática social-realista, fundamental no seu principal autor, Celso Emilio Ferreiro.
A Promoción de Enlace
Os membros desta promoción naceron entre 1920 e 1930. Iniciáronse baixo a influencia da poesía española. De formación autodidacta, móvense entre o intimismo e a angustia existencial da "Escola da Tebra".
A obra de Antón Tovar está marcada por unha forte pegada existencialista, cunha reflexión, en ton pesimista, sobre o sentido da vida e da morte.
Manuel Cuña Novás é o iniciador da "Escola da Tebra", poesía de base existencialista e nihilista que reflicte un mundo angustiado, presa do medo e a desesperanza.
A Xeración das Festas Minervais
Está integrada por autores nacidos entre 1930 e 1940. Teñen formación universitaria e están influídos polas correntes literarias europeas da época.
Xosé Luís Méndez Ferrín, ademais de ser un dos principais narradores, representa unha referencia esencial na poesía deste período. Constitúe o grupo Brais Pinto, xunto con Bernardino Graña, Alexandre Cribeiro e outros autores. Iníciase na poesía seguindo a corrente estética da "Escola da Tebra", manifestando sempre unha predilección pola poesía comprometida. A súa obra Con pólvora e magnolias supón un auténtico revulsivo na poesía galega da década dos 70.
Manuel María comeza a súa obra poética desde os presupostos intimistas e existencialistas da "Escola da Tebra". Posteriormente, decántase cara ao descritivismo paisaxista e a poesía de compromiso social: defensa das clases populares, reivindicación nacional de Galicia e crítica da tiranía e do imperialismo.
Bernardino Graña presenta unha traxectoria común á maioría dos membros da súa xeración: inicio na órbita da "Escola da Tebra" e posterior achegamento á poesía social e a outras temáticas máis intimistas. A súa poesía, de marcado ton vitalista, trata de maneira singular o tema do mar.
A Prosa Galega entre 1936 e 1975
O realismo continuísta da etapa anterior, con autores como Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero, autor da primeira novela publicada en Galicia tras a guerra civil: A xente da Barreira, onde narra a decadencia da fidalguía e o ascenso da burguesía. A narrativa realista diversifícase no realismo popular de Ánxel Fole e Eliseo Alonso.
Ánxel Fole
A súa narrativa vén marcada pola recreación dunha Galicia rural e misteriosa a través da recuperación da tradición do conto popular. Tanto a súa temática como o seu estilo manteñen unha forte débeda coa tradición oral. A obra de Fole pódese dividir en dúas etapas: unha que supón o reencontro coa Galicia profunda, e outra que incorpora os ámbitos vilegos e urbanos.
Á lus do candil, colección de contos relacionados entre si por un feble fío argumental seguindo a técnica de narración en espiral ou do conto contado. Catro fidalgos cos seus criados están reunidos a carón do lume nunha vella torre incomunicados por unha nevarada.
Características xerais da narrativa foleana
O eixo temático da narrativa de Fole é Galicia, vista desde dúas perspectivas unidas pola paisaxe: a material e a inmaterial ou espiritual, caracterizadas ambas pola vontade de reelaborar a tradición folclórica dos contos.
A realidade material ten como espazo referencial as terras do Courel, Incio e Quiroga, rexistrando as condicións de vida, alimentación, vestimenta, costumes, traballo e fala das mesmas. A paisaxe constitúe o nexo de unión entre a cultura material de Galicia e a cultura espiritual.
A técnica e estilo narrativo de Fole baséase nunha aproximación cronolóxica aos feitos e á importancia do espazo narrativo. Hai un fluír espontáneo do relato, a través dun discurso lineal e da apelación aos oíntes, de cara a procurar a súa complicidade.
Álvaro Cunqueiro
Obra narrativa Merlín e familia (1955). Merlín vive retirado na súa casa de Miranda, na compaña de dona Xenebra, viúva do rei Artur, e dos membros do seu servizo doméstico, recibindo os visitantes que necesitan das artes máxicas do mago. Felipe de Amancia, o seu paxe, rememora os diversos episodios, narracións fantásticas vinculadas pola continuidade do narrador, do espazo e dos personaxes Merlín e Xenebra, aínda que Merlín desaparece como fío condutor, mais persiste na evocación nostálxica do narrador.
Características da narrativa longa de Cunqueiro
- As súas novelas (de filiación cervantina) integran os diversos xéneros literarios (épica, lírica e dramática) así como as diversas modalidades novelescas (materia da Bretaña, novela gótica e novela de aventuras).
- O mundo mítico énos revelado a través dunha tripla vivencia: a nostalxia (Merlín), a decadencia (Sinbad) e a morte (o Sochantre). Esta tripla vivencia mostra o fluír temporal.
- O tempo histórico só é esbozado, ficando enmarcado polo anacronismo e o humor lúdico. O que si importa é o tempo interno.
- Irrupción do extraordinario por medio da osmose entre a fantasía e a realidade.
- Aparece sempre a paisaxe galega ligada ao ser humano.
- Os espazos míticos evócanse a partir dos espazos nos que se reúnen os personaxes narradores (casa, pousada, carroza, fonda).
- A estrutura narrativa é radial: os feitos céntranse nun espazo base e nun personaxe principal, que a través da súa viaxe vital nos mostra a súa plenitude e decadencia.
- A prosa é preciosista, estética e chea de imaxes.
Eduardo Blanco Amor
Trázannos un amplo mural dos grupos sociais e as tensións de Ourense (Auria), que se enmarcan na renovación realista. En certa medida, cada novela está protagonizada por unha clase social:
- A esmorga, polos obreiros cualificados e os submundos da marxinación.
- Xente ao lonxe, polo proletariado concienciado que loita polos seus dereitos.
- La catedral y el niño, pola pequena burguesía.
- Los miedos, pola burguesía de procedencia fidalga.
Con todo, nese complexo mundo social, non faltan os conflitos individuais e, polo tanto, o retrato psicolóxico.
A esmorga ábrese cunha "Documentación" inicial na que un narrador-autor nos informa, partindo de diversos testemuños, dos sucesos ocorridos durante un día de esmorga aos tres protagonistas e o seu tráxico final. Os personaxes caracterízanse a través das súas falas e comportamentos, no marco dun determinismo tráxico: Cibrán, o Castizo, narrador-protagonista principal, obreiro non especializado do subproletariado urbano, que se amosa como un mozo cheo de boas intencións, mais falto de vontade e vítima da fatalidade, que non consegue sobreporse ao influxo que os outros dous protagonistas exercen sobre el.
O percorrido é labiríntico, fuxindo ou sendo expulsados dos espazos exteriores, dominados por unha chuvia persistente, o que dá lugar a un ambiente hostil, que condiciona a conduta dos personaxes. Á chuvia únenselle o vento, o lóstrego, o frío e a xeada in crescendo, o que fai aumentar o fatalismo como eixo da novela. Esta negatividade ambiental vese remarcada pola noite e a lúa chea.
Xente ao lonxe (1972) é unha novela total sobre unha saga familiar (os Vilar, dende o nacemento do derradeiro dos fillos ata a morte do pai, Aser, cinco anos despois) e crónica social e pseudohistórica, na que os acontecementos ambientais van configurando a madureza psicolóxica e ideolóxica dos dous protagonistas-narradores: Suso (narrador fundamental) e Evanxelina.
Trátase dunha novela moi complexa, con tendencia ao protagonismo colectivo. Podemos considerala:
- Novela de aprendizaxe: os acontecementos ambientais van configurando a madureza psicolóxica e ideolóxica do narrador-protagonista principal: Suso.
- Novela social: desenvolve conflitos de clase, conta a evolución do socialismo en Ourense e provincia nos comezos de século XX, o feminismo de Evanxelina.
- Novela histórica: matanza en Oseira, represión do ideario pedagóxico de Ferrer i Guardia, fundador da Escola Moderna.
A Nova Narrativa Galega (NNG)
Características xerais comúns aos autores da NNG:
- Espazo: Galicia e o mundo rural deixan de ser o espazo preferente. Universos urbanos, sen localización concreta, conflitivos e confusos, orientados cara a valores simbólicos ou alegóricos que substancian calquera cidade ou mesmo as contradicións interiores das personaxes, alternan con espazos interiores.
- Tempo: A ruptura da linealidade temporal decimonónica é unha constante. Con frecuencia o tempo psicolóxico anula o tempo histórico.
- Personaxes: Común á narrativa da época é a desaparición do individuo como eixo central da narración, a disolución do protagonista como heroe. O home sen calidades (título dunha novela de R. Musil) expresa a condición difusa, desorientada, deshumanizada do personaxe predilecto desta narrativa que, por carecer, carece moitas veces ata de nome ou ve reducido ese sinal de identidade a un simple inicial.
- Narrador: Na expresión destes contidos cobra especial relevancia técnica o monólogo interior, como vía de expresión da corrente de conciencia que disolve o narrador, ou a técnica do ollo cinematográfico, vinculada ao obxectivismo francés, que o restrinxe completamente. Esta perda do estatuto do narrador como ordenador lóxico da historia pode expresarse tamén mediante a pluralidade de voces narrativas.
- Lingua: En correlación co anterior, a lingua literaria sofre o proceso de reconfiguración. Os modelos orais que tanta importancia tiveran nalgúns autores e etapas deixa de ser referente básico.
Autores e obras:
Gonzalo R. Mourullo: Como trazos característicos da súa produción narrativa sobresaen: o entrelazamento de historias dentro do mesmo relato, o marcado simbolismo, a noción de temporalidade, o subxectivismo e a reflexión metaliteraria. Nasce unha árbore (1954), tres relatos, que abren parcialmente a nova narrativa galega, de ambiente campesiño que amosan unha clara intención renovadora.
Xosé Luís Méndez Ferrín: A súa obra narrativa acostúmase a dividir en tres etapas: a primeira, centrada na realidade fantástica da Materia de Bretaña e das lendas celtas; a segunda, centrada na exploración do absurdo e a angustia da vida humana, na violencia individual e institucional, sempre tratada esteticamente; e a terceira, a persoal mitoloxía de Ferrín arredor de Tagen Ata.
- Percival e outras historias (1958), catorce relatos nos que mestura o mundo fantástico co real, so unha atmosfera de misterio e violencia, rico en referencias intertextuais.
- Arrabaldo do norte (1964), inspirada na obra de Robbe-Grillet Dans le labyrinthe, e que supón a asimilación do mundo kafkiano.
- Retorno a Tagen Ata (1971) constitúe unha alegoría ou parábola política que inaugura na obra ferriniana un espazo mítico, o país de Tagen Ata, que volverá asomar en libros posteriores.
- Elipsis e outras sombras (1974), oito narracións arredor do poder e os seus mecanismos, e nas cales realidade e desexo se mesturan, cun prólogo corrosivo e un epílogo irónico, que xiran arredor do poder e os seus mecanismos.
María Xosé Queizán: É unha das pioneiras do movemento feminista galego, primeiro na AMG e actualmente na FIG. Coordinadora da Festa da palabra silenciada, é profesora de Lingua e Literatura galegas nun instituto do seu Vigo natal. Á NNG só pertence A orella no buraco, novela que segue as técnicas do Nouveau Roman francés, mais introducindo o subxectivismo tanto pola introspección como polo humanismo.
Carlos Casares: O conxunto da súa obra narrativa ten como marco referencial os ámbitos urbanos e vilegos de Galicia, baseándose en supostos realistas, pero introducindo elementos fantásticos, que, xunto co humor, a ironía, a parodia, relativizan calquera tentación dogmática, a través da presenza do Mal como tema recorrente. A prosa caracterízase por unha linguaxe transparente e a contención expresiva, con doses de anécdota, humor e ironía.
- As súas tres primeiras obras (Vento ferido; Cambio en tres -estas dúas inseridas na NNG- e Xoguetes para un tempo prohibido), exploran ambientes achegados ao autor: vivencias da infancia, adolescencia e mocidade. Vento ferido (1967) son doce relatos inseridos en realidades galegas, interiorizados e tratados cunha clara vontade de renovación arredor da frustración e da violencia.
- Á segunda etapa (fóra da NNG) pertencen Os escuros soños de Clío, Ilustrísima, Os mortos daquel verán e Deus sentado nun sillón azul, o autor afástase das referencias autobiográficas para centrarse en períodos críticos do século XX, arredor de temas sobre o ser humano e a súa viaxe pola vida.