A Literatura Galega de Posguerra (1936-1975)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 20,92 KB

A Literatura Galega de Posguerra (1936-1975)

5. A Poesía entre 1936 e 1975

A Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais

Debido á Guerra Civil, desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural só é posible no exilio (Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita), con poesía crítica e de compromiso. En Galicia, comeza unha tímida recuperación a partir de 1947 coa publicación de Cómaros verdes, primeiro libro destacable pola súa calidade. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro, e no ano seguinte constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego.

Xeracións diferentes:

  • Xeración do 36: Poetas nados entre 1910 e 1920; a guerra cólleos na súa xuventude, mais foron educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela Álvaro Cunqueiro, María Mariño, etc.
  • Promoción de Enlace: Poetas nados entre 1920 e 1930. Tampouco son un grupo coherente, cadaquén trata de buscar o seu estilo. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea. Destacan Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...
  • Poetas das "Festas Minervais": Nados entre 1930 e 1940, non coñecen a Guerra Civil (Manuel María ou Uxío Novoneyra,...). Neles xa existe unha conciencia de grupo, implícanse en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto e colaboran no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas; tamén contribúen a crear as organizacións nacionalistas de esquerdas.

Nun primeiro momento, continúan tendencias poéticas de preguerra temáticamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco, irán aparecendo formas novas nesta posguerra: intimismo (seguindo a liña iniciada por Rosalía), clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da Tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista de enfoque pesimista da vida que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas.

A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados dos anos 70, cando comeza a se producir a súa decadencia pola abundancia e, ademais, polo descenso de calidade poética, xa que remata por caer no vulgar e no empobrecemento da linguaxe.

Entre os autores pertencentes a cada unha das tres xeracións, centrarémonos nos seguintes:

Celso Emilio Ferreiro

Máximo representante da Xeración do 36. Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:

  • Poesía intimista: Influenciada polo existencialismo, mostra un presente pesimista, de soidade e desacougo, que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova; interrógase sobre o sentido da vida, reflexiona sobre o irremediable fuxir do tempo... Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado. Conxuga ambas temáticas na súa última obra, Onde o mundo se chama Celanova, onde aparecen poemas que reflicten a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte, e tamén mostran un diálogo de amor coa súa muller.
  • Poesía satírica: Fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais ou o Quevedo máis mordaz.
  • Poesía socialrealista: Coloquial, quere chegar a todo o mundo. Trata temas como a Guerra Civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, defendeu a necesidade de emigrar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, e vía América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento, e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra, un éxito de vendas. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra de Galicia, dun modo paralelo ao protagonismo que tiñan Blas de Otero ou Salvador Espriu, autores de poesía social nas outras linguas do Estado.
Manuel Cuña Novás

Pertence á Promoción de Enlace. É representante da Escola da Tebra, a súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida a través de imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.

Uxío Novoneyra

Poeta das “Festas Minervais". Autor de poucos libros; excelente recitador; poesía fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: unha perspectiva case mística, fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.

Xosé Luís Méndez Ferrín

Máximo representante dos poetas das “Festas Minervais". Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra. Escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens, pero o seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias, que supón un camiño novo na literatura galega, pois trata novos temas, utiliza unha nova linguaxe poética... Neste libro, combínase a poesía revolucionaria co lirismo intimista e o luxo estético. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con compracencia estética a imposible recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia.

1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e Con pólvora e magnolias -xunto con Mesteres, de Arcadio López Casanova- foi quen marcou ese cambio.

6. A Prosa entre 1936 e 1975

Os Renovadores da Prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas)

Como consecuencia da Guerra Civil, a literatura galega deixa de existir como manifestación pública durante máis dun decenio. O centro da actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde os nosos escritores exiliados manteñen o facho da cultura galega.

No 1947 comeza a recuperación coa publicación do primeiro libro de poesía ata a constitución, en 1950, da Editorial Galaxia. En coleccións como Salnés ou Illa Nova conviven xeracións diferentes que comezan a publicar, nun primeiro momento, poesía e, máis tarde, prosa. Escríbense no exilio a maioría das novelas que relatan vivencias persoais da guerra e a represión, que serán publicadas xa na democracia.

Hai unha liña de continuación da prosa da Xeración Nós: Risco, Otero Pedrayo ou Carvalho Calero. Este último pertence á Xeración do 36; é o autor de A xente da Barreira, primeira novela de posguerra, que narra a vida de varias xeracións dunha familia fidalga.

  • Realismo fantástico: Representado pola obra de Álvaro Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe, greco-latina ou nórdica con recursos provenientes do mundo popular, de xeito que consegue ligar a nosa imaxinación colectiva a temas literarios clásicos.
  • Realismo popular: Representado por Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal. Non hai presenza de cultura libresca.
  • Realismo social: Representado por E. Blanco Amor (A Esmorga). Situadas no Ourense de principios do século XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais e denuncian as inxustizas que padecen.
  • Realismo rural: Representado por Xosé Neira Vilas, penurias da vida labrega. Non exento de denuncia.

Ao mesmo tempo, nacerá a Nova Narrativa Galega da man dos autores máis novos, como Méndez Ferrín ou Casares, unha prosa totalmente diferente e moderna.

Álvaro Cunqueiro

Poeta antes da guerra, foi despois autor de éxito en prosa. Podemos destacar as seguintes características:

  • Mestura de realismo e fantasía: personaxes da literatura universal comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións.
  • Predominio da oralidade no estilo: cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes... Tendencia á disgregación da novela: non hai unha estrutura clásica de presentación, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.

É representativa Merlín e familia, a súa primeira obra narrativa en galego, recreación da materia de Bretaña (mitos do Rei Arturo) desde a particularidade dunha perspectiva galega.

Escribiu tamén libros de semblanzas, breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.

Ánxel Fole

Despois da guerra, viviu nas montañas de Lugo dando clases particulares. A súa obra está formada por libros de contos ambientados nas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala: Á lus do candil, Terra Brava. Seguen a técnica dos contos populares, tradicionais. Tamén os temas seguen esa tradición oral: contos de lobos, de aparecidos e premonicións da morte; de lendas populares combinados cun agudo sentido do humor e normalmente explicados pola lóxica.

Eduardo Blanco Amor

Toda a súa narrativa se desenvolve en Ourense a principios do século XX, no ambiente que el vivira de neno. Debemos destacar as súas dúas novelas, que todos os críticos consideran entre as mellores de toda a nosa literatura:

  • A esmorga: participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática como na forma. Realismo social. É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebela que acabará coa morte de todos.
  • Xente ao lonxe: é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, obreiros, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. Os conflitos fican descritos desde a perspectiva da colectividade. Técnica e temática teñen un enfoque polifónico, de perspectiva múltiple, ao mesturar diferentes narradores: desde un obxectivo en 3ª persoa ata varios en 1ª. O principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra. No tema, mestura a historia da familia de Suso, o nacemento do sindicalismo en Auria e numerosas historias secundarias.
Xosé Neira Vilas

Aínda que incorpora algunha técnica innovadora, está moi afastado dos autores da Nova Narrativa Galega. Podemos clasificar a súa obra en torno a dous focos:

  • Galicia interior: Plasman a sociedade campesiña, marcada pola opresión e pola pobreza económica, cultural e ideolóxica. Os personaxes, incapaces de escapar dese mundo atrasado onde impera a dominación política e relixiosa. Unhas son de protagonismo infantil e outras de protagonismo adulto. A máis sobresaliente é Memorias dun neno labrego. Trátase dunha novela de estrutura sinxela, en boca dun neno que non se conforma con esa vida e soña con emigrar.
  • Galicia emigrante: Mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria... Cómpre salientar a obra Historias de emigrantes.

Tamén escribiu literatura infantil: Espantallo amigo, entre outros, e ensaios.

7. A Nova Narrativa Galega

Características, Autores e Obras Representativas

Na década dos 50, co inicio da recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras, do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente; son os integrantes da Nova Narrativa Galega. Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas; viaxan por Europa e son coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, destaca a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.

Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman, non é esta a única influencia. Participan da concepción desintegradora da novela tradicional practicada por escritores do século XX que foxen do relato da biografía dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: destacan M. Proust, Kafka, J. Joyce, W. Faulkner ou Freud.

O Nouveau Roman (movemento francés) propugna o obxectalismo, concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro; o protagonista fica reducido a un pronome (EU, TI...), cuxa identidade non interesa, que se atopa perdido, que busca non sabe que, que non sabe por que está aí... E para presentarnos as situacións, sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas e nos presenta as formas, límites e contornos (como unha cámara de cine). A obra de arte redúcese a un puro formalismo, a unha construción enxeñosa e artificiosamente técnica.

Características
No relativo ao argumento, ao tema:
  • Abandono do antropocentrismo.
  • Localización espacial imprecisa, sen identificación física.
  • Ambientes urbanos.
  • Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país.
  • Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
  • Exploración de situacións estrañas e opresivas, case absurdas.
  • Presenza do sexo, escaso na literatura anterior, e da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.
Formais:
  • Monólogo interior.
  • Distorsión temporal a través da retrospección ou "flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con independencia do curso lineal en que se sucedan ou da ralentización de acontecementos, como a cámara lenta do cine.
  • Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen.
  • Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.

O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954, Nasce un arbree...

O autor máis destacado é Xosé Luís Méndez Ferrín, cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:

  • Nova Narrativa Galega: Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Temáticamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo. O crepúsculo e as formigas e, sobre todo, na novela Arrabaldo do norte, sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista e que superpón a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido. As outras dúas etapas posteriores están xa fóra dos límites da NNG.
  • Segunda etapa: Maior riqueza temática e omnipresencia da preocupación política.
  • Terceira etapa: Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística, con Tagen Ata (=Galicia) entre fábulas imaxinarias que encerran unha denuncia social.

Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi Carlos Casares, pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente, inscríbense o libro de relatos Vento ferido e a novela Cambio en tres. A súa prosa posterior é sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.

8. O Teatro Galego entre 1936 e 1975

A Xeración dos 50 e o Grupo de Ribadavia

O teatro sufriu aínda máis que os outros xéneros narrativos as consecuencias da guerra e a posterior ditadura, e a súa pervivencia é posible grazas ao labor do exilio: Castelao e Os vellos non deben de namorarse; Varela Buxán, autor teatral, director e actor, foi un dos principais animadores do teatro galego na Arxentina. As súas obras son de corte rural, costumista e humorístico, aínda que non están exentas de crítica social; ou Blanco Amor, quen dirixiu o "Teatro Popular Galego" e escribiu Farsas para títeres (imaxinativas, cheas de elementos fantásticos e satíricos, que lembran o esperpento de Valle-Inclán ou o teatro do absurdo europeo, pensadas para un público culto) e Teatro prá xente (pezas de realismo costumista, pensadas para "a xente do noso pobo", público pouco afeito a ler ou ver teatro).

En Galicia, entre 1950 e 1965, escríbese un teatro máis pensado para ler que para representar, dirixido a unha minoría intelectual galeguista e coñecedora do teatro francés, que utilizaba os mitos e personaxes da traxedia clásica grega para expoñer conflitos do mundo actual. Destaca Cunqueiro coa súa obra O incerto señor don Hamlet, príncipe de Dinamarca, na que fai unha nova lectura do personaxe shakespeariano e dos seus problemas.

Tamén nesta época publican obras teatrais algúns dos membros da Xeración dos 50, como Manuel María. A mediados dos sesenta, a mellora da situación social e económica propicia unha certa actividade teatral, malia ser sempre este xénero o menos cultivado da literatura galega.

No 1965 xorde o grupo teatral O Facho, dirixido por Manuel Lourenzo, que será tamén o fundador, dous anos máis tarde, do primeiro grupo independente. Extraordinaria importancia terán as Mostras de Teatro de Ribadavia, iniciadas no 1973 e que continuarán ata 1980, punto de encontro para os xa abundantes grupos teatrais independentes e estímulo para os autores, que poderán ver representadas as súas obras. Algúns dos autores vinculados a esta iniciativa, e que continuaron a súa produción posteriormente ou aínda seguen, son:

  1. Euloxio Rodríguez Ruibal: Autor de teatro experimental que comezou escribindo obras influídas pola técnica cinematográfica, comprometidas coa realidade social e política do país. Nunha segunda etapa, ten textos máis cómicos e satíricos sobre a situación galega. Tamén contribuíu ao teatro infantil. Destacan Zardigot e O Cabodano.
  2. Manuel Lourenzo: Actor, director e autor teatral, é unha das figuras máis importantes e prolíficas dos últimos cincuenta anos do noso teatro. Dentro da súa extensísima obra, podemos sinalar tres ciclos:
    • Ciclo mítico, no que se recrea personaxes míticos do teatro grego, como Electra.
    • Ciclo histórico, recupera tradición de Galicia. Todos os fillos de Galahad.
    • Ciclo experimental. O xardín dos contos.
  3. Roberto Vidal Bolaño: Foi tamén autor, actor e director. O seu teatro seguiu dous camiños diferentes: por un lado, atopamos textos simbólicos con raíces populares e, por outro, textos máis complexos cunha visión pesimista da vida. É un teatro elaborado pero apto para todas as persoas. Destaca Días sen Gloria.

Entradas relacionadas: