Literatura Galega: Grupo Nós, Posguerra e a Nova Narrativa

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 7,53 KB

O Grupo Nós (1920-1936)

O Grupo Nós, formado por intelectuais como Otero Pedrayo, Risco, Cuevillas e Castelao, destacou entre 1920 e 1936 como un dos colectivos máis influentes da Literatura Galega. Cultos e políglotas, participaron activamente no galeguismo a través das Irmandades da Fala, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. Foron os impulsores da prosa moderna galega en diversos xéneros e traballaron para modernizar e universalizar a cultura galega, afastándoa do ruralismo decimonónico e vinculándoa aos movementos culturais europeos. A revista Nós foi a súa principal ferramenta para este obxectivo.

A Poesía de Posguerra (1936-1950)

A ditadura franquista impuxo un forte silencio á literatura galega entre 1936 e 1950, eliminando as linguas peninsulares minorizadas e interrompendo as tendencias innovadoras da poesía de preguerra. A recuperación da literatura en galego iniciouse timidamente a finais dos anos corenta, con publicacións como Cómaros verdes (1947) de Aquilino Iglesia Alvariño e a colección Benito Soto (1950). Tamén xurdiron editoriais clave como Monterrey, Bibliófilos Gallegos e, sobre todo, Editorial Galaxia (1950), que liderou a revitalización cultural e a reivindicación do galego en todos os ámbitos. A poesía de posguerra retoma liñas previas como o imaxinismo, o neotrobadorismo e a poesía paisaxista, ás que se sumará o socialrealismo nos anos seguintes.

A Prosa de Posguerra

Tras a sublevación fascista, o galeguismo sufriu un duro golpe coa desaparición de institucións e publicacións clave, organizándose no exilio arredor do Consello de Galiza e Castelao. No interior, a recuperación cultural chegou da man do grupo Galaxia, que fundou a editorial en 1950. A primeira novela da posguerra, A xente da Barreira (1951) de Ricardo Carballo Calero, marcou o inicio dun lento asentamento da narrativa galega, dando lugar a obras consideradas hoxe clásicas. Durante os anos 50, a prosa galega estivo marcada por individualidades illadas sen unha conexión xeracional definida.

Realismo Máxico: Álvaro Cunqueiro

  • Merlín e familia (1955)
  • Crónica do Sochantre (1956)

Realismo Social: Blanco Amor

  • A Esmorga (1959)
  • Os biosbardos (1962)
  • Xente ao lonxe (1972)

Realismo Popular: Anxel Fole

  • Á lus do candil (1953)
  • Terra Brava (1955)

Realismo Rural: Neira Vilas

  • Memorias dun neno labrego (1961)
  • Cartas a Lelo (1971)

A Nova Narrativa Galega

A Nova Narrativa Galega abrangue un conxunto de obras publicadas desde finais dos anos 50 que, rompendo coas tradicións anteriores, introducen técnicas narrativas experimentais e unha ambientación urbana. Influída polo Nouveau Roman francés e polos grandes narradores do século XX como Joyce, Kafka ou Faulkner, incorpora recursos como o monólogo interior, a ruptura da linealidade temporal e o condutismo. O movemento iníciase con Nasce unha árbore (1954) de Rodríguez Mourullo e alcanza o seu auxe na década seguinte. Os seus autores non conforman unha xeración ou escola, pero comparten o rexeitamento da literatura popular ou realista, unha formación universitaria, un contexto urbano e un forte compromiso co monolingüismo galego, publicando as súas primeiras obras na colección Illa Nova da Editorial Galaxia.

A Variante Estándar ou Normativa

A variante estándar ou normativa é aquela que goza de maior prestixio social porque é a empregada nos usos escritos e formais. Debido ás nosas circunstancias socio-históricas, o proceso de construción desta variante no noso idioma non comezou ata o século XIX, cando as gramáticas de linguas veciñas como o portugués ou castelán xa databan dos séculos XV e XVI.

A normativización supón a elaboración dun código formal, común e válido para toda a comunidade lingüística, concretizándose nunha ortografía, gramática e dicionario.

Cómpre diferenciar a normativa (fixación dun código lingüístico, proposto por persoas expertas e aprobado polos organismos competentes) do estándar (variedade que resulta de pór en práctica esa normativa). É preciso sinalar que non se debe identificar estándar só con lingua escrita, pois á beira dun estándar escrito existe outro oral.
Cómpre unha normativa para avanzar no proceso de normalización.

O Galego: Lingua de Galicia

  • Lingua propia de Galicia (Estatuto de Autonomía 1981, artigo 5): recoñece o idioma como símbolo identitario e como lingua que naceu e se consolidou no territorio galego desde o século VIII d.C. ata a actualidade.
  • Lingua cooficial da Comunidade Autónoma (tamén así recoñecida no Estatuto de Autonomía): recoñece os dereitos administrativos e legais dos galegofalantes, así como a súa presenza en organismos públicos, ensino e institucións. É cooficial xunto co castelán. En todo caso, a nivel legal as galegas e galegos temos o dereito de usar o idioma, pero non o deber de coñecelo.
  • Lingua minorizada: dise daquela lingua que historicamente está limitada e discriminada no seu territorio de orixe, tanto nos usos como no seu nivel de prestixio. Tende a estar excluída dos usos institucionais, parcial ou totalmente e débese coñecer a lingua forte (ou teito) para progresar no ámbito social e laboral. Desde os Séculos Escuros ata a etapa democrática, o galego aparece como lingua B nunha situación de diglosia, con predominio de usos informais, orais e coloquiais, con escasa valoración por parte das elites políticas e económicas do país.
  • Lingua maioritaria: a pesar do conflito lingüístico que se produce pola imposición do castelán ao longo da historia, o galego foi sempre a lingua de uso maioritaria do pobo galego, cando menos a nivel oral. Non obstante, esta situación está a mudar neste século XXI, pois, por primeira vez na historia, entre os sectores máis novos da poboación, o castelán é xa a lingua de uso maioritaria, o que supón un síntoma moi negativo para o futuro do idioma.
  • Conflito lingüístico: competencia social entre dúas linguas que ocupan o mesmo territorio; pode resolverse de dous modos: coa normalización lingüística (proceso de recuperación do uso e prestixio da lingua minorizada do territorio a través de medidas políticas, xurídicas e administrativas, entre outras) ou coa substitución lingüística (proceso de imposición total da lingua hexemónica).
  • Bilingüismo social (deriva en diglosia) fronte a bilingüismo individual (capacidade dunha persoa de aprender e manexar dúas linguas segundo a situación e o contexto, sen prexuízos nin discriminacións). Unha persoa falante é bilingüe pasiva se entende dúas linguas, pero só sabe falar unha, e bilingüe activa se entende e se expresa nas dúas sen dificultade.

Distinguir NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA (medidas e iniciativas políticas e sociais para recuperar o uso do idioma a nivel vertical- máis falantes e horizontal-máis ámbitos de uso) con NORMATIVIZACIÓN LINGÜÍSTICA (elaboración dunha variante estándar que se toma como modelo de lingua para usos formais, educativos, administrativos e de medios de comunicación).

Entradas relacionadas: