A Literatura Galega no Exilio (1939-1975)
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 6,93 KB
Introdución
O triunfo dos fascistas na Guerra Civil supuxo a implantación dunha política cultural e lingüística centralizadora e homoxeneizadora, que impuxo un silencio obrigado na nosa literatura. Como consecuencia da vitoria dos sublevados contra a República, o labor literario que se comezara a desenvolver no primeiro terzo do século XX ten que trasladarse fóra de Galicia. Entre 1939 e 1975, o centro da actividade literaria galega pasará a ser principalmente Bos Aires. Alí entran en contacto os que emigraran anteriormente (Blanco Amor, Emilio Pita, Varela Buxán...) cos exiliados (Castelao, Seoane, Valenzuela...) e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual e a impulsar a conciencia galeguista e a difusión da cultura galega a través de conferencias, a publicación de revistas como Galeuza, editoriais, programas de radio (o programa Galicia Emigrante emitíase os domingos desde Radio Libertad de Bos Aires), ou edicións de libros (entre 1940 e 1944 publicáronse en América 18 libros en galego). Castelao foi unha das grandes referencias do galeguismo en América e na propia Galicia, con libros como Sempre en Galiza.
En resumo, agás algunhas obras coma Os vellos non deben de namorarse ou A esmorga, a literatura no exilio presenta obras nas que prevaleceu máis a vontade e o sentimento có acerto estético, a indignación e a reivindicación có rigor formal. Son obras marcadas pola experiencia vital dos autores, nas que aparece a emigración dende un punto de vista moi intimista e cargado de morriña, a nostalxia pola terra de orixe e o desexo de manter viva a identidade e a cultura galega, o exilio e a denuncia, crítica ao réxime franquista.
A Poesía
As circunstancias socio-políticas en que os exiliados e emigrantes desenvolven a súa obra marcan dun xeito importante a súa natureza. Se nunha primeira etapa a temática xira arredor da denuncia e da esperanza de regreso, máis tarde aparece a nostalxia pola patria perdida, a idealización das lembranzas do pasado.
Emilio Pita
A primeira obra publicada no exilio foi o seu libro de poemas titulado Jacobusland (1942), ilustrado por Castelao e que trata dúas liñas temáticas: a intimista que se centra na saudade da terra, e a social, de denuncia directa do franquismo, algo impensable na propia Galicia.
Luís Seoane
Ademais de escritor foi xornalista, crítico de arte e literatura e artista plástico. A súa obra poética iníciase coa publicación de Fardel de exiliado sobre a emigración galega, nunha liña crítica e combativa, herdeira da poesía cívica de Curros e que terá continuidade con Celso Emilio Ferreiro. A súa poesía era realista, case xornalística, era sobria, non tiña excesivas figuras literarias, pero tiña moita forza, optaba polo verso longo, case prosaico e a súa temática predominante foi a social.
Lorenzo Varela
A súa obra máis importante é Lonxe. Predomina a poesía intimista e moi coidada que expresa unha forte morriña da terra que se acentúa ante a imposibilidade de retornar (por motivos políticos) e porque, aínda que volva, a terra que deixou xa non será a mesma e el tampouco. Ten outra liña mítico-histórica na que canta os guerrilleiros antifranquistas, esta máis da liña social.
A Narrativa
Na novela
Predomina o relato realista, no que sobresae a acción, a aventura persoal do conflito bélico e da fuxida de España. Son, pois, novelas escritas para contar a experiencia dos seus autores na guerra e no exilio. Ao mesmo tempo, coma na poesía, está presente a nostalxia pola terra de orixe, á que idealizan.
Ramón Valenzuela
Formou parte do Partido Galeguista e despois da Guerra Civil exiliouse en Bos Aires. En 1957 publica a novela Non agardei por ninguén que é a primeira obra escrita en galego que fala directamente da Guerra Civil e mesmo dentro dela na figura dun fidalgo republicano e galeguista. A acción desenvólvese nos anos da Guerra Civil. Esta temática continúase en Era tempo de apandar, ambientada na posguerra. Ambas novelas constitúen un documento narrativo desta época e teñen moito de autobiográficas.
Silvio Santiago
Foxe a Portugal a raíz da guerra, vivindo clandestinamente ata que consegue chegar a Venezuela. Escribiu no exilio unha novela que publica ao seu regreso a Galicia en 1961: Vilardevós. Escrita con sinxeleza técnica e con intención de crítica social.
Blanco Amor
Aos vinte e un anos emigra a Bos Aires e incorpórase ao movemento cultural galeguista. A súa actividade literaria vai ir parella ao seu labor cultural na comunidade galega exiliada e emigrada. Regresa a Galicia en 1962. Publica en 1959 en Bos Aires A esmorga, novela considerada por moitos como o punto de arranque da moderna narrativa galega. En Galicia, Galaxia saca unha edición censurada e mutilada en 1970. En cinco capítulos e a xeito de declaración ante un xuíz mudo, Cibrán nárranos os sucesos acaecidos durante unha esmorga. O espazo histórico é Ourense, durante a Restauración monárquica no século XIX (contra 1870). Os ambientes son urbanos e suburbiais. A violencia, tanto persoal (autodestrutiva) como institucional é unha constante na obra.
Castelao
Morre no exilio en 1950, tamén escribiu en Bos Aires Sempre en Galiza e As cruces de pedra na Galiza.
O Teatro
Polo que respecta ao teatro no exilio, atopamos dous modelos estéticos e temáticos heteroxéneos, a pesar de compartiren unha lingua común. Así, podemos afirmar que hai un teatro culto e un teatro máis popular, achegado á tradición.
O teatro popular
Manuel Varela Buxán
Emigrou a Arxentina e alí formouse dun xeito autodidáctico, en contacto coas obras de Villar Ponte e Castelao. Fundou a compañía de teatro Maruxa Villanueva na que estrea varias das súas obras: Se o sei... non volvo á casa, A xustiza dun muiñeiro. O seu é un teatro directo, popular, cunha estrutura sinxela, de intención social, realista e con toques humorísticos e críticos, encadrado nun ambiente rural.
O teatro culto
Diferénciase do teatro popular en que incorpora a estética e as técnicas dramáticas máis modernas da época, con intención de dotar ao noso teatro de categoría e calidade de valor universal. Se o teatro popular apelaba aos afectos e sentimentos para espertar a conciencia galeguista, este chamado “culto” apelará á razón e ao intelecto. Haberá que citar aquí a obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. Tamén cultivaron o xénero dramático, entre outros, Luís Seoane, A soldadeira (1956) e Isaac Díaz Pardo, autor de Midas. Tamén hai que sinalar o importante labor realizado na diáspora por Blanco Amor a prol do teatro galego como por exemplo a fundación do Teatro Galego de Bos Aires.