A Literatura Galega no Exilio (1936-1976)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,93 KB

A Literatura Galega no Exilio (1936-1976): Poesía, Prosa e Teatro

A Emigración e o Exilio

A emigración galega sempre tivo un papel importante na cultura e na sociedade galegas. Iniciativas como a publicación de Follas novas, de Rosalía de Castro, e da Historia de Galicia, de Murguía, xurdiron grazas ao apoio da comunidade emigrante. A creación da RAG, a estrea do "Himno galego" e o nacemento do agrarismo tamén contaron co apoio dos galegos no exterior.

Coa chegada da ditadura franquista en 1936, un novo grupo de galegos, os exiliados políticos, uniuse á comunidade emigrante, especialmente en América Latina. Estes exiliados, que fuxían da represión, reforzaron o traballo cultural da diáspora galega.

A Represión e a Resistencia

A ditadura franquista impuxo unha severa represión lingüística, literaria e cultural, poñendo fin ao labor das Irmandades da Fala, o Grupo Nós, o Seminario de Estudos Galegos e o Partido Galeguista. Moitos autores sufriron persecución e morte por mor da súa lealdade á República e ao nacionalismo galego.

A resistencia á ditadura organizouse en dúas frontes: a guerrilla e o exilio. América Latina (Arxentina, Cuba, Uruguay, México) e os Estados Unidos convertéronse no principal destino dos exiliados galegos.

O Labor Cultural da Diáspora

Bos Aires, coñecida como a "Quinta Provincia Galega", acolleu a centos de galegos, tanto emigrantes como exiliados. Luís Seoane, Lorenzo Varela, Castelao e Suárez Picallo son algúns dos nomes máis destacados deste grupo. A defensa do progresismo, do galeguismo e o activismo cultural foron as súas principais características.

O labor da comunidade galega no exilio materializouse en múltiples iniciativas:

  • Organización de actos culturais: recitais, certames, concertos, mostras do libro galego, cursos de lingua...
  • Creación de editoriais: Emecé, Dorna, Citania, Botella al mar, que publicaron obras fundamentais como A esmorga de Blanco Amor ou Sempre en Galiza de Castelao.
  • Edición de revistas e xornais: Terra, Céltiga, Correo Literario, Galicia Emigrante, Saudade, Vieiros, Galeuzka.
  • Creación de compañías dramáticas e grupos de música: "Compañía Maruja Villanueva", "Compañía Boga-Tacholas", "Ultreya", "Terra Nosa", "Orfeón Gallego".

A Poesía no Exilio

Luís Seoane

Luís Seoane (Bos Aires, 1910- A Coruña, 1979) foi un artista polifacético: pintor, debuxante, gravador, muralista, ensaísta, poeta, autor teatral, xornalista e editor. Na súa poesía, Seoane abordou temas como a emigración, o exilio e a crítica social, sen renunciar á historia e ao celtismo. Xunto con Isaac Díaz Pardo, fundou o Laboratorio de Formas de Galicia, do que xurdiron a Fábrica de Cerámica de Sargadelos, o Museo Carlos Maside e Ediciós do Castro.

Xesús Manuel Lorenzo Varela

Xesús Manuel Lorenzo Varela (A Habana, 1917- Madrid, 1978) foi outro poeta destacado do exilio. En Lonxe, xunto con Luís Seoane e Arturo Cuadrado, explorou a nostalxia do exilio e a recreación de figuras guerrilleiras. A súa poesía social mesturaba a crítica coa lírica. En Catro poemas pra catro gravados, inspirouse en personaxes míticos que loitaron pola liberdade.

Emilio Pita

Emilio Pita (A Coruña, 1909- Bos Aires, 1981) publicou un dos primeiros libros de poesía en galego despois da guerra: Jacobusland (1942). Tamén publicou Cantigas de nenos (1944), dirixido ao público infantil. A súa poesía caracterízase pola melancolía, a nostalxia da natureza galega e o desexo do retorno.

Ramón Suárez Picallo

Ramón Suárez Picallo (Sada, 1894- Bos Aires, 1964) foi un destacado nacionalista galego. A súa obra literaria, dispersa en xornais e revistas, céntrase na evocación da infancia e na lembranza da terra natal.

A Narrativa no Exilio

Na narrativa de ficción, destacan Ramón Valenzuela Otero, autor de Non agardarei por ninguén e Era tempo de apandar, novelas que retratan a posguerra galega; e Silvio Santiago, autor de Vilardevós e O silencio redimido, con clara intención social.

Eduardo Blanco Amor e Xosé Neira Vilas tamén forman parte da narrativa do exilio. Blanco Amor, exiliado en Arxentina, publicou A esmorga e Os biosbardos, obras que retratan os baixos fondos de Ourense. Neira Vilas, emigrado desde novo, publicou en América Memorias dun neno labrego e Xente no rodicio.

O Ensaio no Exilio

O ensaio foi un xénero moi cultivado polos exiliados. Destacan Sempre en Galiza de Castelao e Textos encol da arte galega de Luís Seoane. Sempre en Galiza é unha obra monumental que recolle o ideario galeguista de Castelao, as súas experiencias na defensa destes ideais e unha reflexión sobre a historia e a política galegas.

O Teatro no Exilio

No teatro do exilio, podemos distinguir dúas tendencias: o teatro popular, que recrea costumes e tradicións galegas (Manuel Varela Buxán), e o teatro culto, con características vangardistas (Luís Seoane e Blanco Amor). Seoane escribiu A soldadeira, O irlandés astrólogo e Esquema de farsa, obras de ambientación histórica e intención didáctica. Varela Buxán, autor de Se o sei... non volvo á casa, Pola nosa culpa, Taberna sen dono e O ferreiro de Santán, cultivou un teatro cómico e social, con ambientación rural. A compañía de Varela Buxán estreou Os vellos non deben de namorarse, de Castelao, unha obra innovadora que non foi ben entendida no seu momento.

Entradas relacionadas: