A Literatura Galega no Exilio (1936-1960)

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 10,37 KB

O labor galeguizador emprendido polos homes das Irmandades e da Xeración Nós viuse truncado en xullo de 1936 polo levantamento militar do xeneral Franco. Pechan editoriais, revistas e xornais e paralízase a publicación de textos en galego, dando inicio á “longa noite de pedra”. Moitos intelectuais galeguistas sufriron a represión de maneira brutal, desde os que foron asasinados, coma Alexandre Bóveda ou Ánxel Casal, ata os que foron afastados das súas actividades profesionais, caso de Otero Pedrayo. Outros, como Castelao ou Rafael Dieste, Florencio Delgado Gurriarán (Letras Galegas 2022) conseguiron fuxir ó estranxeiro salvando así a vida.

Deste xeito durante os primeiros anos da ditadura a literatura galega só puido ter continuidade en América. Os nosos intelectuais foron acollidos polas grandes colectividades de emigrantes que residían alí e onde xa existía unha importante actividade cultural en galego ou a prol de Galicia. Os principais países de acollida foron Arxentina, Uruguai, Venezuela, México e Cuba, sendo Bos Aires a que se converterá na capital do rexurdir literario liderada por Castelao.

Esta concentración de intelectuais axudou a dinamizar a vida asociativa da comunidade galega reforzando o galeguismo. En 1944 constitúen o chamado Consello de Galiza presidido por Castelao ata a súa morte no ano 1950. Esta organización defendía a legalidade republicana usurpada no 36, a recuperación do Estatuto de Autonomía e o recoñecemento da pluralidade nacional do Estado español.

O labor dos emigrados e exiliados diversificouse en moitos eidos:

  • Creación de revistas: Galicia Emigrante, Saudade…
  • Creación de editoriais e colección literarias: editorial Nova, colección Hórreo…
  • Creación de compañías de teatro, como a Compañía Galega Maruja Villanueva
  • Organización de toda clase de actos culturais: exposicións, conferencias, recitais, certames, curso de idioma...
  • Emisións radiofónicas como: Galicia emigrante, Sempre en Galiza…
  • Constitución de grupos músico-corais: Orfeón Gallego
  • Constitución de organismos e entidades culturais como O Padroado da Cultura Galega de México, Instituto Argentino de Cultura Galega....
  • Denuncia, diante da asemblea da UNESCO celebrada en Montevideo en 1954, da persecución da cultura e do idioma galego perpetrada polo réxime franquista.

Polo que respecta ó ámbito literario a poesía é o xénero máis cultivado e a liña social a máis frecuente.

1. POESÍA

Na poesía da diáspora predomina a liña cívico-social. Os autores cultivan unha poesía crítica, de compromiso e forte denuncia social que aborda temas vetados na Galicia franquista ou relacionados co afastamento da terra natal: denuncia das consecuencias da Guerra, patriotismo galego, saudade, reflexión sobre a situación dos exiliados e emigrados etc. Destacan os seguintes autores:

Luís Seoane (1910-1979)

Home polifacético coñecido pola súa faceta como artista plástico, foi promotor de diversas actividades culturais no exilio. Como poeta deixou catro títulos: Fardel de exiliado (1952), Na brétema, Sant-Iago (1956), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). A súa poesía caracterízase por:

  • estilo realista (case xornalístico) e sobrio, pero cheo de forza, cunha linguaxe sinxela
  • dominio do verso longo (próximo á prosa)
  • temática social, con predominio do tema da emigración tratada dende a perspectiva dos propios emigrantes. Tamén tratou o tema da historia de Galicia
  • escaseza de poemas líricos e persoais nos que o eu corresponda ó propio autor

Lorenzo Varela (1916-1978)

A súa obra máis destacada é Lonxe (1954), sobre a súa experiencia persoal no exilio. Nela predominan dúas temáticas: a nostalxia propia do exilio e as figuras destacadas na loita pola democracia. O libro Catro poemas para catro gravados fórmase con catro poemas con catro debuxos de Luís Seoane, dedicados a personaxes históricos como Maria Balteira, Rui Xordo, María Pita…

Florencio M. Delgado Gurriarán

Autor homenaxeado no ano 2022 nas Letras Galegas. Nado en Valdeorras, estivo exiliado en México practicamente toda a súa vida. Traballou na edición da revista “Vieiros”, importantísimo referente da cultura galega no exterior. Destacamos, entre outras obras, o seu poemario Galicia infinda, no cal podemos atopar poemas que continuaban as tendencias vangardistas, sobre todo do hilozoísmo e do neotrobadorismo combinados con outros de denuncia social. Cabería citar a obra doutros autores como Emilio Pita, Ernesto Guerra da Cal ou E Blanco Amor.

2. PROSA

No exilio predomina a narrativa realista, con elementos autobiográficos e xeralmente cun narrador en 1ª persoa. Estas obras tratan temas relacionados coa Guerra: o sufrimento causado, a loita dos guerrilleiros antifranquistas, a represión e o exilio. Os seus máximos representantes son:

Ramón de Valenzuela (1914-1980)

As súas obras teñen un marcado carácter autobiográfico e son un reflexo narrativo da época. Destacan Non agardei por ninguén (1957), centrada nas vivencias de Gonzalo Ozores (representante do propio autor) como guerrilleiro nos montes galegos e como soldado; e Era tempo de apandar (1980), que complementa a primeira e relata a vida do protagonista no exilio francés, a súa repatriación e estancia en cárceres españois e o regreso a Galicia, onde traballará nas minas de volframio.

Antón Alonso Ríos (1887-1980)

A súa obra principal é O siñor Afranio, ou como me rispei das gadoupas da morte (1979), unha novela autobiográfica onde narra como fuxiu de Galicia cara ó exilio disfrazado de esmoleiro.

Silvio Santiago (1903-1974)

Escribiu dúas novelas de corte autobiográfico: Vilardevós (1961), sobre a súa infancia e mocidade no rural, e O silencio redimido (póstuma), na que relata a época da súa condena, fuxida e desterro. No exilio tamén se publicaron (antes ca en Galiza) dúas das grandes novelas da literatura galega: A esmorga (1959), de Blanco Amor, e Memorias dun neno labrego (1961), de Neira Vilas.

En canto ó ensaio, Castelao publicou no exilio unha obra fundamental: Sempre en Galiza (1944), un ensaio político que condensa o ideario nacionalista e que se convertiu na “biblia” do galeguismo. Os textos que compoñen o libro foron escritos en épocas diversas, pero sempre marcadas pola condición de desterrado ou exiliado do autor. Tamén foi no exilio onde publicou As cruces de pedra na Galiza (1950). Outros autores que cultivaron o ensaio no exilio, continuando o pulo do Grupo Nós para a consolidación deste xénero, foron Luís Seoane ou Lois Tobío.

3. TEATRO

Foi un dos xéneros que máis sufriu as consecuencias da guerra e a ditadura, pois era impensable desenvolver un espectáculo público en galego. Mantívose vivo grazas ó labor do exilio, onde tivo unha actividade intensa. Alí creáronse compañías teatrais como a “Compañía Maruxa Villanueva” (que estreou Os vellos non deben de namorarse) ou “Teatro Popular Galego” e foron varios os autores que cultivaron o xénero dramático. As obras seguían dúas liñas básicas: unha liña costumista e popular (Varela Buxán), que evocaba a terra e apelaba ó sentimentalismo para manter o orgullo da galeguidade; e outra liña de teatro culto (Castelao, Seoane e o Blanco Amor das Farsas), que empregaba técnicas e temáticas innovadoras, procurando un teatro de validez universal. Destacaron os seguintes autores:

Manuel Varela Buxán (1909-1986)

Foi unha figura fundamental para o teatro galego en Arxentina. Ademais de autor, foi tamén director e actor e creou a “Compañía Maruxa Villanueva”. Escribiu pezas de corte rural-costumista e humorístico, aínda que tamén contiñan crítica social. A finalidade era manter o sentido da colectividade galega mediante a exaltación dos valores propios e a dignificación do idioma. Son obras súas A xustiza dun mariñeiro.

Alfonso R. Castelao (1886-1950)

Polo seu labor político e cultural foi a figura máis importante no exilio. En 1941 estreou en Bos Aires Os vellos non deben de namorarse, a súa única peza teatral na que presenta a historia de tres homes vellos que namoran de tres rapazas novas, uns amores imposibles que acaban coa morte dos anciáns. A obra, de ton humorístico, tamén agocha unha crítica ós valores da sociedade (o poder do diñeiro, a obxectualización da muller, a hipocrisía…). O autor concibiu o teatro como un espectáculo integral que reúne texto, escenografía, música e danza, e nel combinou elementos de tipo popular con outros vangardistas, como o uso de máscaras.

Eduardo Blanco Amor (1897-1979)

Dirixiu diversas compañías, como o “Teatro Popular Galego”, e escribiu varias pezas que en Galicia se deron a coñecer posterioremente en dous volumes: Farsas para títeres (1973) e Teatro para a xente (1975). A primeira reúne obras cheas de elementos fantásticos e satíricos e pensadas para un público culto; mentres que a segunda contén pezas de realismo costumista, menos orixinais. Escribiu, ademais, Proceso en Jacobusland (1980), unha crítica á xustiza e ó franquismo.

O exilio americano mantivo con vida a cultura galega ata que en torno ós anos 50, e especialmente coa creación da editorial Galaxia, se retomou a actividade literaria en Galicia.

Para rematar, recordaremos as características máis xerais desta literatura no exilio:

  • Compromiso político galeguista e republicano está presente en todas as obras.
  • Tanto en prosa como en poesía sempre aparece un forte compoñente autobiográfico (a experiencia traumática da guerra, o desterro).
  • Na poesía predomina a temática cívico-social.
  • O contacto coa arte e a literatura dos países latinoamericanos trae como consecuencia unha mestizaxe cultural que achega temas e estilos novidosos á nosa literatura.

Entradas relacionadas: