A Literatura Galega do Século XX: Vangardas, Exilio e Posguerra
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 18,24 KB
A Lingua Galega no Século XX
Factores para elixir unha modalidade
Dominar unha lingua supón saber empregar a modalidade lingüística apropiada en cada caso. A elección da variedade lingüística adecuada depende de varios factores:
- A intención que se persegue coa mensaxe (informar, expresar unha opinión, dar unha orde, convencer).
- O tema que se vai tratar e o enfoque que se lle vai dar (divulgativo, informativo, técnico, lúdico, etc.).
- O destinatario do texto (persoa coñecida ou descoñecida, relación de familiaridade ou distanciamento...). Unha carta para un amigo require unha lingua distinta a unha exposición científica ante un grupo de especialistas; non lle escribimos igual a un amigo que a unha persoa descoñecida; ou un texto para un lector infantil é diferente dun destinado a adultos.
- A situación comunicativa na que se produce: formal (nunha aula, nun congreso, nunha conferencia ante un auditorio...) / informal (na rúa cos amigos, na casa coa familia, nun bar...).
- A canle ou medio de transmisión do texto (a radio, o teléfono...): unha conversa telefónica require un tipo de lingua diferente a un correo electrónico ou a unha carta.
A variedade estándar
Representa o modelo de lingua común, o modelo ideal para todos os falantes na comunicación escrita e tamén na comunicación oral: radio, televisión, cine.
Esta variedade corresponde ao nivel medio e ao rexistro formal. A elaboración do estándar dunha lingua recibe o nome de normativización ou estandarización. Consiste na codificación dun conxunto de normas que definen os usos correctos: ortografía, gramática, vocabulario.
Para elaborar o estándar da lingua galega, fíxose unha selección dos trazos dialectais a partir dos seguintes criterios:
- Maior extensión xeográfica ou demográfica (número de falantes).
- Maior presenza na tradición literaria.
- Coincidencia con outras linguas románicas, especialmente o portugués, tendo en conta a orixe común de ambas.
As Vangardas e a Xeración do 25
As vangardas
Nas primeiras décadas do século XX xorden en Europa diversos movementos artísticos que pretenden unha renovación total da arte: as vangardas.
Estes movementos teñen en común a ruptura coa tradición literaria e a procura de novos camiños expresivos. Comparten as seguintes características:
- Actitude romántica e antisentimental.
- Defensa da total liberdade creativa e reivindicación da súa independencia e orixinalidade.
- Defensa da arte pola arte: renuncia a calquera finalidade exterior ao propio discurso artístico, procura da arte pura.
- Renovación da linguaxe literaria (cultivo do verso libre, eliminación dos signos de puntuación, novas funcións de imaxes e metáforas...).
Entre estas correntes ou ismos destacan: futurismo, cubismo, dadaísmo, surrealismo, etc. Todos eles difunden as súas propostas renovadoras a través de manifestos.
A Xeración do 25
Nos anos vinte e trinta xorde en Galicia un grupo de escritores, nados arredor de 1900, que leva a cabo a renovación da poesía galega mediante a incorporación das novidades das vangardas literarias europeas. Constitúen a Xeración do 25, tamén chamada Xeración do 22 ou Xeración das Vangardas.
Manteñen estreitas relacións cos compoñentes das Irmandades da Fala e da xeración Nós. Participaron na creación do Seminario de Estudos Galegos e na formación do Partido Galeguista. Neles conflúen as novidades vangardistas coa conciencia nacionalista.
Empregaron como medios de expresión os órganos periodísticos do momento (revista Nós, A Nosa Terra) e publicaron revistas literarias de creación propia, entre as que destacan: Alfar (A Coruña, 1920-27; Montevideo, 1927-29), Ronsel (Lugo, 1924), Cristal (Pontevedra, 1932-33), Resol (Santiago, 1932-36), Yunque (Lugo, 1932), Papel de color (Mondoñedo, 1933-35), nas que difunden os seus versos e, ao tempo, dan a coñecer entre nós aos principais representantes da vangarda española e mundial: Lorca, Picasso, Dalí, Borges, André Breton...
A poesía de vangarda en Galicia
As vangardas galegas centráronse fundamentalmente na poesía. Podemos agrupar as diversas correntes poéticas deste momento en dúas grandes liñas:
- A que, sen romper totalmente coa tradición literaria autóctona, renova a poesía galega mediante a asunción de certos presupostos vangardistas. É dicir, correntes que funden a tradición coa vangarda. Inclúense aquí dous ismos netamente galegos: o hilozoísmo e o neotrobadorismo.
- A que rompe totalmente coa tradición literaria galega e segue o camiño marcado polas literaturas vangardistas europeas. Esta liña de vangarda plena corresponde principalmente co creacionismo.
Hilozoísmo
O hilozoísmo ten como tema principal a natureza, que aparece humanizada e animada mediante constantes personificacións. Combina a tradición paisaxística procedente do século XIX coa riqueza das imaxes e metáforas características da poesía de vangarda. A súa meta é a creación de imaxes nas que se reúnen elementos visuais e auditivos, con predominio das cores fortes e vivas. A métrica é sinxela, fundamentalmente versos curtos de rima asonante. O principal cultivador foi Luís Amado Carballo (Pontevedra, 1901-1927). Publicou Proel (1927) e O galo (1928), xunto cunha novela (Os pobres de deus) e algúns relatos.
Foron moitos os autores que seguiron os presupostos estéticos desta corrente poética. Entre os cultivadores da poesía hilozoísta cabe destacar a Blanco Amor, Eugenio Montes, Manuel Luís Acuña, etc.
Neotrobadorismo
Nace tras o descubrimento e difusión da poesía medieval galego-portuguesa grazas á edición dos cancioneiros realizada por José Joaquim Nunes.
Os poetas novos introducen na súa poesía numerosos elementos temáticos, formais e estilísticos da lírica medieval: o tema amoroso, a ambientación espacial, o paralelismo, o refrán… con atrevidas imaxes vangardistas.
Os principais representantes desta corrente foron:
- Fermín Bouza Brey, co poemario Nao senlleira (1933).
- Álvaro Cunqueiro, con Cantiga nova que se chama riveira (1933) e Dona do corpo delgado (1950).
- Xosé María Álvarez Blázquez, membro da Xeración do 36, pon fin a esta tendencia con Cancioneiro de Monfero (1953).
Creacionismo
O principal poeta da vangarda galega foi Manuel Antonio (Rianxo, 1900-1930), o poeta máis innovador e orixinal da Xeración do 25.
A súa obra, dentro da estética do creacionismo, con pegadas futuristas e cubistas, caracterízase pola ruptura coa tradición literaria galega, á que considera excesivamente continuadora da obra dos poetas do Rexurdimento (Rosalía, Pondal e Curros), e aposta pola renovación temática e formal.
En 1928 publica De catro a catro. Follas sen data dun diario de abordo, único libro editado en vida. Está formado por 19 poemas e estrutúrase en aparencia como a crónica dunha viaxe con tres etapas: partida – aventura – regreso. Admite diversas interpretacións: desde a simple evocación dunha viaxe por mar, ata outras de índole filosófica, metafísica, simbólica... O mar como aventura, a procura da plenitude vital, a soidade, o fracaso.
En 1972 edítase postumamente a súa Obra completa, na que xunto con De catro a catro aparecen outros títulos que permaneceran inéditos: Con anacos do meu interior, Foulas, Sempre e máis despois e Viladomar.
Manuel Antonio expón as súas ideas acerca da literatura en dous textos en prosa nos que teoriza sobre o tema: o manifesto «Máis alá» (publicado en 1922 xunto con Álvaro Cebreiro) e o «Prólogo dun libro de poemas que ninguén escribeu» (1924).
O manifesto «Máis alá»
Manuel Antonio e Álvaro Cebreiro necesitan que a literatura galega rompa coa tradición e busque novos camiños, inspirándose nos movementos renovadores de vangarda, tomando de cada un e adaptándoos ás peculiaridades de cada escritor. Defenden a absoluta liberdade creativa, afirmando o seu monolingüismo e criticando os escritores que escollen o castelán como lingua literaria.
Outros poetas vangardistas
- Álvaro Cunqueiro participou sobre todo no cubismo, Mar ao norde (1932) e do surrealismo Poemas do si e non (1933).
- Eduardo Blanco Amor publica Romances galegos (1928), de liña popularista, próxima á poesía da Xeración do 27 castelá, e Poema en catro tempos (1931), libro de ambientación mariñeira escrito ao xeito dunha sinfonía.
- Manuel Luís Acuña é autor do poemario Fírgoas (1933), fundamentalmente creacionista.
- Luís Pimentel só publicou en vida uns poucos poemas na revista Ronsel e un folleto de oito poemas, Triscos (1950). Postumamente editáronse Sombra do aire na herba (1959) e Barco sin luces (1960). Pegadas vangardistas: metáforas visionarias, fragmentación, verso libre…
A prosa de vangarda
Rafael Dieste é o máis importante prosista desta xeración. Escribiu Dos arquivos do trasno (1926), relatos de misterio, nos que retrata a psicoloxía da xente galega e presenta experiencias extraordinarias de tipo fantástico e marabilloso.
Tamén publicou a obra de teatro A fiestra valdeira (1927), unha comedia de carácter simbólico na que aborda o tema da identidade cultural. O protagonista é un indiano cuxa familia quere ocultar a súa humilde orixe, mais no desenlace este reconcíliase co seu pasado mariñeiro e volve sentirse parte integrante da súa comunidade.
A Literatura Galega na Posguerra
O galego a partir de 1936
O 18 de xullo de 1936 prodúcese a sublevación militar contra o lexítimo goberno da República e comeza unha guerra que finaliza en abril de 1939 coa instauración da ditadura franquista.
Nesta época houbo unha forte represión da lingua galega. A maior parte da poboación continuou tendo o galego como lingua habitual, o seu emprego reduciuse aos rexistros informais, xa que o castelán era a única lingua oficial e, en consecuencia, a única utilizada en todos os ámbitos da vida pública. A escola, a Igrexa e os medios de comunicación convertéronse en axentes castelanizadores.
Intensifícase así o proceso de desgaleguización e importantes sectores da sociedade (burguesía urbana e poboación rural instalada nas cidades) adoptan o castelán por consideralo un medio de ascenso social, mentres que identifican o galego co rural, coa incultura ou coas clases máis baixas.
Durante moito tempo, as únicas actividades a prol da lingua e da cultura galega serán desenvolvidas no exilio americano. É alí onde se publican obras como Os vellos non deben de namorarse e Sempre en Galiza, de Castelao, ou A esmorga, de Eduardo Blanco Amor.
Os anos cincuenta
En 1950 fúndase a editorial Galaxia e reiníciase a produción literaria en lingua galega mediante a recuperación dos escritores silenciados ou exiliados e coa incorporación das novas xeracións.
Nos sesenta xorden asociacións culturais (O Galo e O Facho) que reivindican o uso do idioma galego mediante cursos, conferencias, etc.
Ademais, fúndanse, na clandestinidade, os primeiros partidos políticos nacionalistas: a UPG (Unión do Pobo Galego) e o PSG (Partido Socialista Galego), que reivindican para Galicia o autogoberno e a oficialidade do idioma.
En 1975, a morte de Franco posibilita o paso á democracia e a recuperación dos dereitos das nacionalidades históricas. Logo da aprobación en 1978 da Constitución, Galicia conta cun Estatuto de Autonomía que recolle a oficialidade da lingua galega e a súa condición de lingua propia, o que permite a súa presenza no ensino.
O panorama literario na posguerra
O inicio da Guerra Civil pechou editoriais, revistas e xornais e paralizou a edición e difusión de textos na nosa lingua.
Durante 1940-1950, a única produción literaria en galego será no exilio americano: Venezuela, Cuba, México, Uruguai e, fundamentalmente na Arxentina. Nestes países póñense en marcha revistas culturais e literarias (Galicia, Galicia Emigrante, Correo Literario...), créanse editoriais (como Nova Citania) e publicarase ou reeditarase en América, principalmente en Bos Aires.
Entre os exiliados salientan os nomes de Castelao, Luís Seoane, Rafael Dieste, Blanco Amor, Ramón de Valenzuela, etc.
No exilio americano prodúcese tamén unha poesía de forte denuncia social, cuxos principais representantes son Emilio Pita, Luís Seoane e Lorenzo Varela.
A partir dos anos 50 van xurdindo en Galicia iniciativas culturais. Xorden así editoriais como Monterrey, Edicións do Castro, a colección de poesía Benito Soto, e, sobre todo, a editorial Galaxia, que inician a recuperación das letras galegas.
A poesía do exilio
Poesía de forte denuncia social. Os seus principais representantes son Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.
Luís Seoane (Bos Aires, 1910 – A Coruña, 1979)
Destacou nas artes plásticas (pintor, ilustrador, gravador, muralista) e na poesía. Publicou Fardel de exiliado (1952), Na brétema, Sant-Iago (1955), As cicatrices (1959) e A maior abondamento (1972). Os temas principais son a diáspora (emigración e exilio) e a historia de Galicia desde a Idade Media aos nosos días, centrándose nas persoas máis humildes.
Lorenzo Varela (A Habana, 1917 – Madrid, 1978)
É autor de dous poemarios: Catro poemas para catro gravados (1944), con gravados de Luís Seoane, e Lonxe (1954), sobre a súa experiencia persoal no exilio e a saudade da terra.
Emilio Pita (A Coruña, 1909 – Bos Aires, 1981)
O seu primeiro libro foi Jacobusland (1942), que trata sobre a traxedia da Guerra Civil e a visión nostálxica da natureza galega. Máis tarde publica Cantigas de nenos (1944), Os relembros. As cantigas (1959) e O ronsel verdegal (1964).
A narrativa do exilio
Os principais son Eduardo Blanco Amor, Ramón Valenzuela e Silvio Santiago.
Ramón Valenzuela (Silleda, 1914 – Sanxenxo, 1980)
As súas novelas teñen un carácter autobiográfico e un documento narrativo sobre a época.
Non agardarei por ninguén (1957) preséntase en forma de diario sen datas protagonizado por un fidalgo galeguista republicano.
Era tempo de apandar (1980) é unha continuación da anterior: o protagonista, tras a guerra, exíliase en Francia e, durante a Segunda Guerra Mundial, a Gestapo devólveo á España de Franco.
Silvio Santiago (Vilardevós, Ourense, 1903 – Santiago, 1974)
En Vilardevós (1961) fai unha pintura de costumes a partir das lembranzas da súa infancia e mocidade no medio rural. O silencio redimido (1976), novela autobiográfica en que relata a época da súa condena, fuxida e desterro.
Eduardo Blanco Amor (Ourense, 1897 – Vigo, 1979)
Nace en Ourense, cidade que será referencia constante na súa obra literaria. Emigra á Arxentina, onde comeza a traballar como xornalista e inicia o seu labor literario. Participa tamén como comentarista de radio, conferenciante e profesor en universidades de Uruguai e Chile. Crea en 1923 a Irmandade Nazonalista Galega. Viaxa a España como correspondente do diario arxentino La Nación e entra en contacto con escritores da Xeración do 27 como García Lorca, a quen lle prologará os Seis poemas galegos.
Colabora cos exiliados galegos en actividades de oposición ao réxime franquista. Funda o Teatro Popular Galego de Bos Aires para o que escribirá varias obras. Regresa a Galicia, continúa o seu labor literario, que combina coa publicación de artigos xornalísticos. Morre en Vigo en 1979.
A súa obra
As tres obras narrativas principais de Blanco Amor comparten varias características principais:
- Localización espacial: Auria (ou A.), Ourense.
- Localización temporal nas dúas primeiras décadas do século XX.
- Protagonismo infantil e xuvenil (excepto A esmorga).
- Narrador en 1.ª persoa.
- Formas populares da fala.
- Interese, reiterado nos prólogos das obras, por facer literatura realista.
· A esmorga: ambiente urbano ou suburbial de Auria (= Ourense). Estrutúrase en tres partes:
- Na 1.ª parte: Documentación, un narrador-autor explica como obtivo a información necesaria para escribir a historia.
- A 2.ª parte: cinco capítulos que recollen a declaración de Cibrán o Castizo ante o xuíz. Mediante este interrogatorio, reconstrúense as vinte e catro horas de esmorga dos tres personaxes: O Bocas, o Milhomes e o Castizo. Cibrán, único supervivente e por isto tamén único acusado, narra a súa versión dos sucesos acaecidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
- Na 3.ª parte: reaparece o autor-narrador para dar conta da morte do protagonista e as circunstancias na que esta se produce.
· Os biosbardos: sete relatos breves protagonizados por rapaces de Auria que informan acerca dos modos de vida daquel tempo (alimentación, vivenda, xogos, diferenzas sociais…).
· Xente ao lonxe: novela longa que trata a historia dunha familia obreira e de esquerdas na Auria do primeiro terzo do século XX. O protagonista principal é un neno chamado Suso, que narra a súa historia persoal e a súa evolución desde a infancia á mocidade. Asemade, conta a historia da súa familia e tamén ofrece unha crónica da sociedade ourensá e dos principais acontecementos históricos da España daquel tempo.