A Literatura Galega do Século XIX: O Rexurdimento e as súas Figuras Clave
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 28,56 KB
Os Textos Escritos de Comezos do Século XIX (1808-1840)
Escritos de Guerra contra os Franceses
En 1809, as tropas de Napoleón foron expulsadas de Galicia en menos de cinco meses grazas á acción popular (labregos, fidalgos...). Xorden textos propagandísticos en galego para fomentar o odio e animar a poboación galega á loita (unha novidade no panorama das letras galegas).
- Linguaxe e Estilo: Usan linguaxe sinxela en galego e formas como o diálogo; os protagonistas son xente común.
- Reflexo da Oralidade: Reflicten a oralidade da época: gheada, vulgarismos e castelanismos.
Textos Destacados
- Romance anónimo (1808): Chama aos mozos a defender patria e relixión.
- Proezas de Galicia (1810, Xosé Fernández Neira): Diálogo entre dous amigos sobre a guerra.
Manuel Pardo Andrade
Autor do romance satírico Os rogos dun gallego establecido en Londres (1813). Crítica á Inquisición; foi moi popular, con varias reedicións, incluso fóra de Galicia.
Teatro
Antonio Bieito Fandiño
Principal dramaturgo do momento. A súa obra destacada é A casamenteira (1812), escrita no cárcere. É unha peza cómica sobre casamentos por conveniencia, escrita en versos octosílabos e tres cadros.
Literatura Política (Primeiro Terzo do Século XIX)
Textos en forma de diálogo con contido político-ideolóxico, moitos anónimos. Os personaxes adoitan ser labregos, servindo para expresar ideas sen comprometer ao autor.
Obras Destacadas
- Tertulia de Picaños (1836): Crítica á corrupción e defensa da capitalidade compostelá.
- Diálogos na Quintana: Crítica aos privilexios do clero.
Nicomedes Pastor Díaz
Primeiro poeta galego do século XIX con intención estética.
- Alborada (1828): Poema amoroso.
- Égloga de Belmiro e Benigno: Amor pastoril.
O Movemento Galeguista
Xorde a mediados do século XIX. O seu obxectivo é a defensa de Galicia, da súa identidade e cultura. É a base para o posterior Rexurdimento da literatura galega.
Evolución en Tres Etapas
- Provincialismo (1840-1854)
- Rexionalismo (década de 1880)
- Nacionalismo (a partir de 1916, coas Irmandades da Fala)
Provincialismo (1840-1854)
Iniciado por universitarios e intelectuais da clase media-alta. Divulgaban as súas ideas mediante a prensa.
Reivindicacións Principais
- Galicia como unidade, non dividida en catro provincias (desde 1833).
- Denuncia da marxinación de Galicia.
- Reivindicación da orixe celta dos galegos.
Participación no levantamento de Solís (1846), que resultou no fracaso e fusilamento dos Mártires de Carral. Tras o fracaso, o movemento céntrase na Historia de Galicia, o Folclore e a Defensa do idioma, marcando o inicio do Rexurdimento literario.
Rexionalismo (Década de 1880)
Consideran Galicia como rexión culturalmente diferenciada. Reclaman descentralización e certa autonomía política.
Correntes do Rexionalismo
- Tradicionalista: Alfredo Brañas.
- Liberal: Manuel Murguía (marido de Rosalía de Castro).
Precursores
Agrupamos baixo a denominación xeral de Precursores a aqueles autores que xa tiñan actividade literaria antes da aparición de Cantares gallegos en 1863, poemario de Rosalía que inaugura simbolicamente o Rexurdimento. A denominación (“Precursores”) procede dun libro co mesmo título que Murguía publicou no ano 1885. Os Precursores están vencellados ao Provincialismo.
Principais Autores
Entre os Precursores temos a Xoán Manuel Pintos, Alberto Camino e Francisco Añón.
Xoán Manuel Pintos (1811–1876)
Naceu en Pontevedra en 1811 e logo de estudar en Santiago foi xuíz en Cambados, fiscal en Pontevedra e rexistrador en Vigo. Traballou incansablemente pola dignificación e cultivo do galego.
A súa obra máis relevante é A gaita gallega (1853):
- É o primeiro libro en galego do século XIX.
- Nel mestúrase galego, castelán, francés e latín.
- Hai partes escritas en verso e outras en prosa.
- A temática é variada e cuns claros obxectivos: método de aprendizaxe da lingua galega e a súa defensa.
- Aparecen dous personaxes: Cristus, o gaiteiro galego, e Pedro Luces, o tamborileiro vido de Castela. O gaiteiro ensínalle a lingua ao tamborileiro, pois é necesario que unha persoa foránea aprenda a lingua, a cultura e os costumes propios de Galicia.
- A gaita e o gaiteiro son escollidos como símbolos esenciais da cultura galega. O gaiteiro é o personaxe que sustenta o libro e quen introduce ao tamborileiro nas cousas do país e na súa lingua.
- Pintos amosa mágoa de Galicia porque aparece sometida, colonizada e non reacciona aos abusos, aos desprezos e agresións de calquera forasteiro.
Os Xogos Florais
Son certames poéticos que se celebraron por primeira vez na Coruña en 1861. Un dos gañadores foi Francisco Añón (1812 – 1878), co seu poema “A Galicia”, no que se presenta a Galiza sumida nun profundo soño do que debe espertar para así recuperar a importancia que tivo noutras épocas.
Os poemas presentados foron publicados o ano seguinte no Álbum de la Caridad, a primeira recompilación de poetas galegos do XIX. Nel hai 40 poemas en galego, entre os cales atopamos poemas de Rosalía de Castro e Eduardo Pondal.
En 1891 celebráronse en Tui os Xogos Florais que pasan á historia porque foron o primeiro acto público celebrado integramente en galego. Neste acto os discursos do bispo Lago González, o do político Alfredo Brañas e o de Manuel Murguía foron en lingua galega.
O Rexurdimento
Período do século XIX (sobre todo no último terzo) marcado pola recuperación da lingua e cultura galegas en ámbitos literarios, políticos, históricos e filolóxicos. Iníciase simbolicamente coa publicación de Cantares Gallegos (1863) de Rosalía de Castro.
Autores Fundamentais do Rexurdimento
- Rosalía de Castro
- Eduardo Pondal
- Manuel Curros Enríquez
- Valentín Lamas Carvajal
Recuperación do Galego como Lingua de Prestixio
A recuperación do galego non foi só literaria, senón que se estendeu a outros ámbitos:
- Obras Históricas: Destacan obras históricas como as de Manuel Murguía, que defendía as orixes celtas do pobo galego.
- Filoloxía: As primeiras gramáticas e dicionarios da lingua galega. A primeira gramática é a de Francisco Mirás (1864).
- Imprentas: As primeiras imprentas dedicadas a publicar libros escritos en galego, como a Biblioteca Gallega, de Martínez Salazar.
- Prensa en Galego: Aparece a prensa en galego. Un exemplo é O tío Marcos da Portela, editada por Lamas Carvajal, que foi o primeiro periódico integramente en galego. Outro xornal importante foi O Galiciano, editado en Pontevedra. Os xornais xogan un papel moi importante na concienciación crítica da sociedade, pois facíase unha afervoada defensa de Galicia e denunciábanse os abusos e miserias que padecía o pobo galego. Ademais, a prensa daba a coñecer a obra dos escritores desta época.
- Música: O galego tamén se emprega na música, coa creación de orfeóns e coros, ademais de rescatar, dignificar e difundir as cantigas populares. Por outro lado, musicáronse textos do Rexurdimento, como o “Negra sombra”, de Rosalía, “Unha noite na eira do trigo”, de Curros, ou “Os pinos”, de Eduardo Pondal.
Rosalía de Castro
1. Artigos Xornalísticos
a. “Lieders” (1858)
Escribiu este texto con 21 anos. Publicouse no xornal El Álbum del Miño (Vigo). O texto supón unha declaración de liberdade como escritora e tamén como persoa, reclamando a liberdade das mulleres ante a presión social que as culpabiliza:
Eu son libre. Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos, e eles son a lei que rexe o meu destino.
Rebélase fronte a unha sociedade dominada polos homes e denuncia o uso do sexo como instrumento de degradación.
b. “Las literatas. Carta a Eduarda” (1865)
Publicado no xornal Almanaque de Galicia (Lugo). Este artigo adopta a forma dunha carta que unha muller escritora dirixe a unha amiga, contándolle os seus problemas e intentando persuadila de que non se dedique á literatura polas dificultades que teñen as mulleres escritoras. Rosalía denuncia o rexeitamento e a incomprensión que sofren as mulleres intelectuais por parte da sociedade, xa que son acusadas de presuntuosas, soberbias e de desatender as tarefas atribuídas ao seu xénero. Tamén menciona que, en ocasións, o mérito da muller escritora é atribuído ao seu home.
c. “Costumes galegas” (1881)
Publicadas en El Imparcial (Madrid). Son artigos sobre diversos costumes de Galiza. Nun artigo narraba o costume de certas comunidades mariñeiras galegas, coñecido como “prostitución hospitalaria”: se algún mariñeiro que pasara no mar moito tempo chegaba a unha casa, podía pasar a noite coa muller, filla ou irmá do dono da casa. Este artigo foi un escándalo. Rosalía é acusada de falsidade e de contribuír ao descrédito de Galicia. A poeta reacciona con indignación e toma a decisión de non volver a escribir en lingua galega.
2. Obra Poética en Galego
Cantares Gallegos (1863)
Publicado en 1863, marca o inicio do Rexurdimento.
- Estrutura e Estilo: Contén 36 poemas, inspirados en cantigas populares galegas. Usa versos de arte menor (8 sílabas ou menos) e rima asonante.
- Obxectivo: Escrita en galego, como defensa da lingua, da terra galega e da súa xente humilde. Destaca o valor do pobo galego fronte á discriminación externa e á propia inferiorización.
Prólogo
O prólogo serve para:
- Reivindicar o galego como lingua literaria válida.
- Denunciar a marxinación de Galicia e os abusos sufridos polo seu pobo (labregos, emigrantes e mulleres).
Temática
A estrutura é circular.
- Temática Costumista: Describe costumes, festas, crenzas, romarías, supersticións e personaxes populares. Defende a dignidade da cultura popular galega. Imaxe dunha Galicia alegre, con música, baile e tradición. Exemplo: “Un repoludo gaiteiro”.
- Temática Político-Social: Ton crítico e reivindicativo. Denuncia a marxinación e pobreza do pobo galego, especialmente o campesiñado. Tema central: a emigración e as súas consecuencias (soidade, tristura, explotación). Exemplo: “Castellanos de Castilla”.
- Temática Intimista: O “eu poético” expresa sentimentos persoais: saudade, melancolía, soidade, dor, amor perdido... Ligazón coa paisaxe galega e a memoria da infancia. Exemplos: “Campanas de Bastabales”, “Como chove miudiño”.
- Temática Amorosa: Trátase o amor con sinxeleza e emoción, desde a alegría ata a dor pola perda.
Follas Novas (1880)
Publicación: 1880. Escrita maioritariamente entre: 1868-1870, durante a estancia en Simancas (Murguía traballaba alí no arquivo).
- Acollida: Tivo menor acollida que Cantares Gallegos.
- Innovación: É unha obra innovadora dentro da poesía galega e española.
- Temas: Mestura Temas sociais (marxinación, sufrimento do pobo galego) e Temas existenciais e metafísicos (dor, morte, sentido da vida).
- Lingua: Rompe coa idea de que o galego só servía para poesía popular. Rosalía parte do seu eu íntimo para reflexionar sobre verdades universais.
Partes
Follas Novas é máis intimista que Cantares Gallegos, aínda que mantén certo cariz reivindicativo nalgunhas partes. Practicamente non hai contido costumista.
- Vaguedás: poesía intimista e existencial.
- Do íntimo: poesía intimista e existencial.
- Varia: combina diferentes temáticas.
- Da terra: poesía social, de denuncia das inxustizas e as duras condicións de vida dos labregos e das mulleres dos emigrantes.
- As viúvas dos vivos e as viúvas dos mortos: poesía social, de denuncia das inxustizas e as duras condicións de vida dos labregos e das mulleres dos emigrantes.
Temas Principais
- Poesía Intimista: Reflexións persoais e existenciais. Emocións: tristeza, saudade, soidade, angustia, desengano, desexo de morrer. Crítica á incomunicación humana. A vida é sufrimento; a morte como descanso. Exemplo: “Soia!”.
- Poesía Social: Denuncia da inxustiza, desigualdade e hipocrisía social. Tema da emigración: pobreza, abusos e abandono, convertendo o país nun lugar de orfos e viúvas. Exemplo: “A xustiza pola man”.
Conto Gallego (1864)
En 1864 publicouse un conto ambientado na aldea onde dous amigos, Xan e Lorenzo, discuten sobre a fidelidade das mulleres. Lorenzo aposta con Xan que poderá deitarse coa viúva que ve nun enterro. Finxindo ser sobriño do morto, Lorenzo consegue o seu obxectivo e gaña a aposta.
A Lingua en Rosalía
Cando Rosalía de Castro, como os outros autores do Rexurdimento, escribía, non había ningunha norma que unificase a ortografía. De aí que atopemos nos seus poemas o que hoxe se consideran vulgarismos e castelanismos, propios da lingua oral, que é a que tiña como modelo. Rosalía baséase na fala popular, particularmente das zonas de Santiago e Padrón (o trazo dialectal que máis predomina é o seseo).
Eduardo Pondal (1835-1917)
Obra Poética
Os Eoas
(= fillos do sol, os galegos). Poema épico no que Pondal traballou toda a súa vida, pero o seu afán de perfeccionismo e a neurose que padeceu levaron a que nunca chegase a publicala en vida. Publicouse no 2005. Trátase dun extenso poema épico no que relata o descubrimento de América. Está inspirado en Os Lusíadas de Luís de Camões, gran obra da literatura portuguesa na que se relata a conquista das Indias polos portugueses.
Queixumes dos Pinos (1886)
Vinte e un poemas nos cales o fío condutor é un “bo bergantiñán” que nunha noite de luar conduce un carro e vai escoitando os rumores dos piñeiros; estes piñeiros o que fan é transmitir mensaxes dos bardos, dos primitivos celtas, supostamente os nosos devanceiros.
Temas Centrais
a) O Celtismo
Trazo máis relevante na obra de Pondal. Pondal defendía a orixe e o carácter celta de Galicia. Os antigos celtas cos seus líderes (Breogán, Ith…) eran considerados os nosos devanceiros, neles estaban as raíces do pobo galego. A propia Galicia pasa a ser denominada “nazón” ou “fogar” de Breogán, en alusión ao principal xefe celta.
Moitos dos poemas de Pondal fan referencia a figuras de heroes celtas, reais, pero outros son inventados. Para poñerlles nome a estes últimos bota man dos topónimos da súa bisbarra natal: Gundar, Froxán, Ousinde, Brandoñas… É dicir, recorre aos topónimos para inventar os protagonistas dun pasado mítico, convencido de que os topónimos galegos –e, especialmente, os das bisbarras de Bergantiños, Xallas, Costa da Morte– ocultaban antropónimos de remotos e esquecidos guerreiros.
Os Tres Tempos Históricos
Relacionado co celtismo, na poesía de Pondal é posible distinguir tres tempos históricos:
- Pasado: O pasado celta é descrito coma un tempo ideal, glorioso. O pobo era libre e as súas loitas e fazañas, numerosas.
- Presente: Fronte á gloria pasada, vivimos un presente de opresión e escravitude, que comezou coa invasión romana; o pobo non é libre e perdéronse todos os valores.
- Futuro: Pondal é optimista con respecto ao futuro. O pobo, con valor e afouteza, conseguirá recuperar o seu pasado glorioso. Para conseguir ese futuro, os galegos teñen que “espertar do seu sono” e loitar.
Bardismo
Para que o pobo lembre o seu pasado glorioso e poida recuperalo precísase un bardo. Na Antigüidade, o bardo eran sacerdotes – poetas – adiviños celtas que gardaban e transmitían a sabedoría da tribo e informaban do seu pasado ás novas xeracións. Así, Pondal autoproclámase o bardo do pobo galego e, como bardo, desempeña na súa obra dúas funcións:
- Lémbralle á xente o seu heroico pasado celta.
- Móstralle o camiño ao pobo galego para que supere a situación de prostración e se dirixa cara a un novo futuro glorioso e libre.
Con todo, ser o bardo resultaba tamén unha tarefa ingrata e esta figura aparece ás veces na poesía pondaliana como un ser solitario, atormentado, triste e incomprendido polos que o rodean.
b) O Helenismo
Mediante a lectura de clásicos gregos como Homero, Platón, Aristóteles… Pondal achegouse ao mundo helénico. Amosou predilección pola Grecia clásica, especialmente por Esparta, pobo austero e guerreiro que representa para Pondal un modelo ético que os galegos deben imitar.
O helenismo ponse de manifesto en:
- A virilidade, a masculinidade forte, o heroísmo, a morte heroica e gloriosa en combate, o sacrificio polo país…, características dos heroes clásicos que tamén atopamos nos poemas de Pondal. Pola contra, todo o que resulta débil, feble, doce... –supostamente feminino– é valorado negativamente.
- A arenga militar, para incitar á loita e dar ánimos.
- Inclusión nos seus poemas de personaxes históricos e míticos da Grecia clásica (Dafne, Leónidas…) e topónimos gregos (Atenas, Esparta…).
- Emprego de abundantes cultismos de orixe grega.
c) A Natureza
A paisaxe que aparece na súa obra adoita ser a da súa terra natal, Bergantiños, e ocupa un espazo moi relevante na obra de Pondal e frecuentemente aparece humanizada. Os elementos naturais, tanto os referidos á flora (uces, piñeiros,...) como á fauna (andoriñas, corvos, píllaras...) presentan un triplo papel:
- Natureza = Escenario: A paisaxe constitúe o escenario principal da poesía pondaliana. Así, encontramos abundantes alusións á toponimia da zona (Ponteceso, Laxe, Anllóns, Dombate, Corcoesto…) e a diferentes elementos naturais (escarpado cabo, doces praias, agreste outeiro…). Amosa preferencia pola paisaxe rural, áspera, agreste, sobre todo a que está sen habitar polo home.
- Natureza = Refuxio e Confidente do Bardo: Ante a incomprensión do resto do pobo, o bardo adoita refuxiarse na natureza, que actúa tamén como confidente do eu poético. Apoiándose nos elementos naturais, o bardo expresa os sentimentos que o aflixen: a soidade, a nostalxia das épocas pasadas, o paso do tempo…
- Natureza = Valor Simbólico: Algúns símbolos son:
- As aves, como o corvo, os mazaricos, as gaivotas ou as andoriñas simbolizan o desexo de independencia e liberdade.
- Os piñeiros: guerreiros celtas dispostos á loita e, cos seus rumores, inducen á raza de Breogán a loitar.
Manuel Curros Enríquez
1. Aíres da miña terra
Recompila toda a súa produción poética en galego ata ese momento, que se incrementará en edicións posteriores.
Temática
- Temática Social (núcleo fundamental): A poesía serve para denunciar inxustizas sociais como a falta de liberdade, o imperialismo, a corrupción e os privilexios dos ricos (exemplo: poema O maio).
- Progresismo: Defende o progresismo: apoia as liberdades e dereitos universais (sufraxio, culto, opinión) e rexeita a pena de morte. Para Curros, o progreso tecnolóxico é símbolo de cultura e liberdade, e pode salvar as clases populares (exemplo: “Na chegada a Ourense da primeira locomotora”).
- Anticlericalismo: Critica a Igrexa por apoiar as clases dominantes, fomentar supersticións e rexeitar o progreso e a liberdade (exemplos: “A igrexa fría”, “No convento”, “Mirando ao chau”).
- Temática Intimista: Poemas que tratan temas familiares e persoais como a morte dun fillo (“Ai!”), a morte da nai (“Na morte da miña nai”) ou o nacemento dun fillo (“Ben chegado!”).
- Temática Costumista: Presente nos tres poemas premiados no concurso literario de Ourense en 1877:
- “A Virxe do Cristal”: Lenda tradicional de Celanova que narra un milagre da Virxe para salvar a honra dunha moza namorada.
- “Unha voda en Einibó”: Describe unha voda popular, con detalles da cerimonia, xantar na casa do noivo e o baile posterior.
- “O gueiteiro de Penalta”: Retrata a figura típica dun gaiteiro desa zona.
2. O Divino Sainete (1888)
Inicia a liña satírica na literatura moderna en galego. É un longo poema narrativo, baseado na Divina Comedia, de Dante, que relata a viaxe de Curros e Francisco Añón a Roma para ver o Papa. Viaxan nun tren de sete vagóns que representan os sete pecados capitais.
Fai unha crítica á sociedade do seu tempo, sobre todo ao poder da Igrexa, e aproveita para caricaturizar certos personaxes e institucións políticas e culturais da Galicia coetánea. Entre eles, pódese destacar a mención que se fai á escritora Emilia Pardo Bazán (viaxeira no vagón da envexa), quen, despois de lamentar o xiro dado por Rosalía con Follas novas, manifestara o seu desagrado pola obra poética de Curros Enríquez e outros escritores galegos.
O Xénero Dramático e o Teatro
Introdución
O xénero dramático é o que se identifica co teatro, onde os conflitos se presentan mediante unha representación diante do público. É un xénero mixto porque combina elementos literarios (linguaxe artística) e escénicos (xestos, luz, música...). A importancia da palabra varía segundo o tipo de teatro: é esencial no clásico e realista, pero secundaria no vangardista ou de rúa.
A finalidade do teatro é ser representado, e a súa posta en escena é un traballo colectivo que implica a autoría e a colaboración de actores, director, técnicos e outros profesionais.
Elementos dos Textos Teatrais
Argumento e Tema
- Argumento: Formado polo conxunto de accións que conducen desde unha situación inicial a outra final distinta.
- Tema: É a idea central que unifica a historia, a mensaxe que se desexa transmitir: amor, desamor, desigualdade, ambición… Pode haber, ademais, temas secundarios.
Personaxes
Son os que realizan a acción dramática. Os personaxes da obra dramática configúranse a través do que din, do que fan, do seu modo de estar en escena e tamén mediante o que se di deles.
Clasificación dos Personaxes
- Tipo: personaxes tipo (galán, doncela, vello verde, etc.) e personaxes individuais (con trazos únicos).
- Xerarquía: protagonistas (centro da trama), antagonistas (opóñense aos protagonistas) e secundarios (apoian a acción).
- Complexidade: personaxes planos (cunha soa calidade) e redondos (psicoloxicamente complexos).
- Caracterización: inclúe aspectos físicos, psicolóxicos, sociais e culturais. Tamén inflúen o seu xeito de falar (culto, vulgar, etc.) e o nome.
Como se Expresan os Personaxes no Teatro
- Diálogo: Forma principal de expresión; reflicte a personalidade, estado anímico, nivel cultural e social dos personaxes.
- Soliloquio: O personaxe pensa en voz alta, sen dirixirse a ninguén, para que o público coñeza os seus pensamentos.
- Monólogo: Discurso extenso dirixido a outros personaxes ou ao público, usado para contar feitos ou ideas.
- Á parte: Comentario breve ao público, que os demais personaxes ignoran, para dar información clave ou xerar complicidade.
As Anotacións ou Didascalias
Indicacións que non forman parte do diálogo, dirixidas ao equipo da obra (directores, actores…). Explican detalles como os xestos, movementos, tono, vestimenta, ou o ambiente escénico. Normalmente van entre parénteses ou con letra diferente. A súa función é guiar a posta en escena para que se interprete correctamente o que a autora ou autor quería transmitir.
Estrutura
Estrutura Externa
- Acto: Parte principal da obra. Cada acto marca un cambio importante na acción (introdución, nó e desenlace). O final indícase co pano ou cambio de luces.
- Cadro: Cambio do espazo escénico (decorado ou lugar da acción).
- Escena: Cambio dos personaxes en escena (entrada ou saída dun personaxe).
Estrutura Interna
- Presentación: Introdúcense os personaxes e o conflito principal.
- Nó: Desenvólvese o conflito e alcanza o clímax (momento de máxima tensión).
- Desenlace: Resólvese o conflito e péchase a acción.
O Espazo, o Tempo e o Ambiente no Teatro
- Espazo Físico: Pode ser determinado ou indeterminado, interior ou exterior (ex: casa, bosque, mar...). Ás veces ten valor simbólico e inflúe no comportamento dos personaxes.
- Tempo: É o momento histórico ou época na que se desenvolve a acción dramática.
- Ambiente: Conxunto de circunstancias sociais, espaciais e temporais nas que se sitúan os personaxes. Pode condicionar o seu comportamento ou personalidade.
Os Xéneros Teatrais Canónicos
Os xéneros teatrais canónicos son a traxedia, a comedia e o drama.
- A Traxedia: Ten a súa orixe en Grecia, no século VI a.n.e. Caracterízase polo ton serio e elevado. A acción sitúa os personaxes, normalmente de alta condición social ou heroicos, que loitan sen éxito contra un destino adverso, que conduce os personaxes a un desenlace funesto e desgraciado.
- A Comedia: Xorde tamén en Grecia. Os seus personaxes son de orixe popular e as accións que protagonizan teñen intencións máis vulgares. As situacións, por moi complicadas que sexan, resólvense sempre de forma satisfactoria nun final feliz.
- O Drama: Semellante á traxedia pola acción grave e conflitiva, diferénciase dela porque os personaxes son menos grandiosos, non teñen carácter heroico senón que están máis próximos á humanidade corrente. Mestúranse momentos de tensión e distensión e incluso cómicos.
Outros Xéneros Teatrais
Ademais destes xéneros, podemos sinalar outros como a ópera, a zarzuela, a farsa, o sainete ou o entremés, entre outros.
- O Entremés: É unha obra xocosa nun só acto. Por exemplo, Entremés famoso sobre da pesca do río Miño é unha peza teatral de Gabriel Feixoo de Araúxo, de arredor de 1671.