A Literatura Galega do Rexurdimento: Irmandades da Fala, Noriega Varela e Cabanillas

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 5,87 KB

A Literatura Galega do Rexurdimento

As Irmandades da Fala

Nos primeiros anos do século XX, prodúcese unha situación de estancamento cultural que cambia a partir de 1916 coa aparición das Irmandades da Fala. Estas asociacións culturais e políticas nacionalistas tiñan o obxectivo de fomentar e dignificar o uso do galego, pero levaron a cabo un labor máis amplo: no eido da política (con elas prodúcese o nacemento do nacionalismo), da cultura (fundación de editoriais, publicacións periódicas, impulso do teatro…) e da normalización do galego, reclamando a cooficialidade e introducíndoo en ambientes dos que estaba excluído.

Neste contexto, os poetas das Irmandades colaboran cos dous grandes movementos sociopolíticos de principios de século: o nacionalismo e o agrarismo. Por iso, nas súas obras, son temas habituais a defensa de Galicia e as reinvindicacións dos campesiños.

Así, a maioría dos autores da época escribe unha poesía realista e tradicional, dominada polo paisaxismo e polo costumismo rural e os temas relacionados coa ideoloxía agrarista. É o caso de Crecente Vega, autor de Codeseira; Victoriano Taibo, autor de Abrente; Álvarez Limeses, que dá nome á promoción destes autores coa obra Antre dous séculos; López Abente achega temas e paisaxes mariñas en Escumas da ribeira ou Nemancos.

Non obstante, as voces máis representativas son Noriega Varela e Ramón Cabanillas, que fan unha posta ao día desas tendencias, incorporando novas estéticas de principios de século, especialmente do modernismo.

Noriega Varela

Noriega Varela é o poeta máis destacado da liña tradicional. Toda a súa poesía acabou recollida nun único volume, Do ermo, mesmo a anteriormente publicada baixo o título de Montañesas. Ambos títulos xa revelan o tema central da súa poesía: a paisaxe montañesa do interior da provincia de Lugo, dominada polo ermo.

Malia esta constante, advertimos nos poemas desta obra unha dobre evolución, tanto nos temas coma na forma.

Canto á temática, as primeiras composicións tratan do costumismo ruralista, centrado na vida campesiña. As composicións posteriores cambian ao que se deu en chamar lirismo da natureza: a paisaxe acada todo o protagonismo e a presenza humana redúcese á soidade do poeta nesa natureza. Nesta última temática salienta a actitude franciscanista do poeta, xa que expresa a súa admiración ante os elementos máis humildes da paisaxe: a flor do toxo, un vermiño, unha pociña nun penedo…

Lingüística e estilisticamente tamén muda: as primeiras composicións son poemas breves escritos co falar popular dos labregos e cunha métrica tamén popular e tradicional. Máis adiante, procura un maior coidado da forma, con linguaxe e métrica cultas, como apreciamos nos seus sonetos.

Ramón Cabanillas

Ramón Cabanillas foi o gran poeta da época, o voceiro do galeguismo e do agrarismo. Combina tradición e renovación, ao fusionar a poesía cívica con formas renovadoras das grandes correntes de principios de século, especialmente do modernismo.

A súa ampla produción poética adóitase dividir en dúas categorías: poesía lírica e poesía narrativa.

Poesía Lírica

Na poesía lírica destacan tres poemarios: No desterro, Vento mareiro e Da terra asoballada.

Nestas obras trata as tres grandes liñas temáticas:

  • Algúns poemas intimistas na liña de Rosalía.
  • Poesía cívica de carácter social e combativo, seguidora de Curros e Rosalía, na que amosa o compromiso agrarista e galeguista.
  • Poesía costumista, aínda que renovada con elementos modernistas e humorismo, que o afastan dos vellos tópicos aldeáns.

Tamén pertencen a esta liña o poemario intimista e amoroso A rosa de cen follas e Da miña zanfona, de ton máis coloquial.

Poesía Narrativa

Na poesía narrativa, amais de narrar a historia do santo n’O bendito San Amaro, e de loar a vida monacal en Samos, escribe unha das obras cimeiras da poesía galega de todos os tempos, Na noite estrelecida (1926).

Trátase dun longo poema estruturado en tres sagas ou poemas narrativos: A espada Escalibur, O cabaleiro do Santo Grial e O soño do rei Artur.

Argalla a historia fusionando distintos temas:

  • A materia de Bretaña (as lendas do rei Artur, Merlín, Galaaz, a busca do Santo Grial…).
  • O celtismo (a orixe e os mitos celtas son, para os autores da época, un factor determinante da identidade diferenciada de Galicia).
  • A ideoloxía nacionalista das Irmandades e o idealismo cristián (que era usado pola teoría nacionalista da época).

Na noite estrelecida é o gran poema mítico e simbólico do galeguismo. O obxectivo de Cabanillas era adaptar a lenda medieval para defender a mensaxe nacionalista das Irmandades. Con este fin, todo aparece galeguizado (paisaxes, personaxes, situacións, espazos…). O cabaleiro Galaaz, tras superar o itinerario e as probas, convértese no perfecto cristián e o perfecto nacionalista, que guiará o pobo á liberdade (simbolizada no Grial que este atopa no Cebreiro).

Na forma destaca o uso dunha linguaxe baseada nunha escolla léxica exquisita, eleva o galego ata un nivel culto e literario elevado. Estilisticamente, o preciosismo, a luz e o luxo sensorial ateigan a obra; o predominio dos versos longos alexandrinos, apenas interrompidos por algunhas secuencias máis dinámicas de heptasílabos e octosílabos, conférenlle solemnidade á descrición, que domina a obra, e á acción demorada.

En definitiva, axunta o mellor da nosa tradición coas estéticas de principios de século para levar a nosa linguaxe poética á plena madurez.

Entradas relacionadas: