Literatura Galega da Posguerra e Gramática: Autores, Dialectos e Oracións Compostas
Enviado por Valdo y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 10,6 KB
Literatura Galega da Posguerra: Poesía e Prosa
Poetas das Xeracións dos 50
- Os poetas das xeracións dos 50 déronse a coñecer a través de certames poéticos universitarios (Festas Minervais) no diario compostelán *La Noche*.
- Na década de 1950 comeza o seu labor literario, dentro da corrente do intimismo existencialista.
- Na década de 1960, desde posicións ideolóxicas nacionalistas de esquerda, a súa poesía tende cara ao socialrealismo.
- Desde finais da década de 1970 á actualidade, cada poeta evoluciona e madura de xeito distinto.
Autores Destacados
- Manuel María: Foi un poeta de moi extensa produción. Na súa poesía mantén tres liñas temáticas que se alternan e mesturan entre si: a da poesía paisaxística, centrada na Terra Chá; a da poesía comprometida, con versos moi combativos, cheos de ironía e sátira; e, por último, a poesía intimista e existencial. (*Muíñeiro de brétemas*, *A primavera de Venus*).
- Uxío Novoneyra: Foi un dos poetas máis orixinais da posguerra. Os poemas de *Os Eidos* e *Os Eidos 2* defínense pola súa vivencia íntima e radical da paisaxe das terras do Courel.
- Xoana Torres (Compostela, 1931): Destaca como poeta e como narradora. A súa obra lírica iníciase con *Do sulco* e continúa con *Estacións ao mar* e *Tempo de ría*.
- Bernardino Graña: Foi membro do grupo Brais Pinto e resultou premiado no certame poético das Festas Minervais. Os temas predilectos da súa poesía son a fusión do ser humano co mar, o amor, a denuncia ecolóxica e a defensa das persoas fronte á deshumanización do mundo moderno. Entre os seus libros de poemas destacan *Profecía do mar* e *Himno verde*.
- Xosé Luís Méndez Ferrín: É un autor clave na evolución da literatura galega contemporánea. Como poeta iníciase na literatura existencial con *Voce na néboa*. Na década de 1960 achégase á poesía sociopolítica baixo o pseudónimo de Heriberto Bens, pero sen descoidar o rigor formal do poeta. En 1976 publica *Con pólvora e magnolias*, libro que sinala un cambio de rumbo na poesía galega desde o socialrealismo cara ao culturalismo, con múltiples referencias da cultura universal.
A Prosa da Posguerra
A Narrativa na Década de 1950
En 1951 publícase a primeira novela da posguerra: *A xente da barreira*, de Ricardo Carballo Calero. Tamén comezaron a publicar tres autores importantes: Álvaro Cunqueiro (AC), Eduardo Blanco Amor (EBA) e Ánxel Fole (AF).
Autores e Obras Principais
Álvaro Cunqueiro
Naceu en Mondoñedo en 1911, estudou Filosofía e Letras e dedicouse ao xornalismo. A partir de 1950 vinculouse co proxecto editorial Galaxia, recuperando o galego para a súa obra literaria. Morreu en Vigo en 1981. Cunqueiro destacou pola súa capacidade para inventar un mundo propio onde mestura o cotián e o marabilloso, o real e o mítico, o irónico e o humorístico. Na súa obra en galego cultivou tanto a novela coma o relato breve. As novelas máis destacadas son: *Merlín e familia* (1955), *As crónicas do Sochantre* (1956), *Se o vello Sinbad volvese ás illas* (1961). Tamén publicou tres libros de relatos breves: *Escola de menciñeiros*, *Xente de aquí e acolá* e *Os outros feirantes*.
Eduardo Blanco Amor
Naceu en Ourense en 1897 e en 1919 emigrou a Bos Aires. Regresou a Madrid e alí contactou con escritores da Xeración do 27. Na posguerra viviu en Arxentina e volveu a Galicia en 1962, falecendo en 1979. Foi poeta vinculado coa vangarda e tamén dramaturgo. As súas obras narrativas ambiéntanse sempre na cidade de Auria, nome literario de Ourense, e son *A esmorga*, *Os biosbardos* e *Xente ao lonxe*.
Ánxel Fole
(1903-1986) Naceu en Lugo. Destacou como escritor de relatos breves, historias narradas por un personaxe ante outros personaxes que actúan de auditorio e cos que se establece un diálogo. Os temas proceden da tradición oral galega: historias de lobos e de meigas, de aparecidos, de premonicións ou avisos da morte. Escribiu varios libros: *Á lus do candil* (1953), *Terra brava* (1955) e *Contos da néboa* (1973).
Variedades Xeográficas do Galego
Unidade e Variedade da Lingua
No galego existen diferenzas entre a fala das persoas dunha zona e a das doutra, o que non impide que se entendan entre elas. Chámanse variedades dialectais ou xeográficas. Hoxe sabemos que a diferenciación dialectal na nosa lingua é pouco importante. A variedade xeográfica da lingua pódese representar nun mapa coa axuda das isoglosas.
Bloques Dialectais e Principais Fenómenos Lingüísticos
O galego fálase nas catro provincias e na franxa occidental de Asturias, León e Zamora. A distribución de diferentes fenómenos lingüísticos permite diferenciar no galego tres bloques: o occidental, o central e o oriental.
A Lingua Estándar
Falar unha linguaxe dialectal non é falar mal, moi ao contrario, contribúe a manter a riqueza e a variedade do noso idioma. A estándar ou normativa é unha variedade máis, non localizable nun único espazo xeográfico.
Clases de Oracións Compostas
Xustaposición
É a unión de dúas palabras, dous sintagmas ou dúas proposicións sintacticamente independentes entre si, sen que entre eles medie un enlace. As proposicións xustapostas van separadas por unha coma, un punto e coma ou un punto. Exemplo: Luther King tivo un soño, era algo marabilloso.
Coordinación
É a unión mediante enlace de dúas palabras, dous sintagmas ou dúas ou máis proposicións sintacticamente independentes entre si. Exemplo: Imos ao cine ou vemos a televisión? As clases de conxuncións coordinantes son: copulativas (e, e mais, nin), adversativas (pero, mais, senón) e disxuntivas (ou).
A Subordinación
É a relación de dependencia que mostra unha unidade lingüística respecto doutra. As oracións que conteñen unha proposición subordinada son oracións compostas por subordinación. A proposición subordinada depende sintacticamente doutra proposición, a chamada proposición principal.
Enlaces Subordinantes
Entre estas partículas atópanse as preposicións, as conxuncións subordinantes e os relativos. As preposicións son elementos de enlace que subordinan un sintagma co verbo en infinitivo.
As Conxuncións Subordinantes
A súa única función é introducir unha proposición que sintacticamente depende doutra. A que máis se emprega é *que*, ás veces esta únese a unha preposición. As conxuncións subordinantes poden ser: completivas (que, se), condicionais (se, en caso de que), concesivas (aínda que), causais (xa que), comparativas (como), consecutivas (polo tanto).
Os Relativos
Son enlaces que introducen unha proposición sintacticamente dependente, á vez que desempeñan nela unha función sintáctica determinada: suxeito, obxecto directo. Os relativos adoitan referirse a unha palabra aparecida anteriormente no enunciado, á que lle chamamos antecedente. Os relativos son: que, quen, cal, cuxo e canto.
Interrogativos e Exclamativos
Que, cal, quen, canto, cando, onde e como tamén poden desempeñar funcións subordinantes.
Subordinación Adxectiva e Subordinación Substantiva
Clases de Proposicións Subordinadas
Poden comportarse na oración composta como un substantivo, como un adxectivo ou como un adverbio. Este feito permite distinguir tres clases de proposicións subordinadas: as substantivas, as adxectivas e as adverbiais.
Proposicións Substantivas
Son as proposicións que se comportan coma un sintagma nominal (SN) e poden desempeñar as mesmas funcións: suxeito, obxecto directo, indirecto... Exemplo: Desexamos que te recuperes (OD). As proposicións subordinadas substantivas van xeralmente introducidas polas conxuncións completivas *que* ou *se*, ou por un interrogativo (quen, cal, canto, onde, como). Con frecuencia o verbo da proposición substantiva é un infinitivo.
Clases de Proposicións Substantivas
Substantivas de suxeito, de OD, de OI, de C. preposicional, de C. axente, C. circunstancial, de C. do nome, de C. do adxectivo, de C. do adverbio.
Proposicións Adxectivas
Son as proposicións que equivalen a un adxectivo e desempeñan a función tipicamente adxectiva de complemento do nome. Exemplo: O libro que estou lendo gústame moito. As proposicións subordinadas adxectivas van xeralmente introducidas por un relativo que ten un antecedente explícito.
Clases de Proposicións Adxectivas
- As proposicións adxectivas explicativas designan unha calidade ou circunstancia do substantivo a que se refiren, sen limitar a súa extensión.
- As proposicións adxectivas especificativas limitan a extensión do substantivo ao seleccionalo pola posesión dunha calidade.
A Subordinación Adverbial
Clases
As proposicións adverbiais inclúen as proposicións que teñen un comportamento similar ao dos adverbios e son substituíbles por estes. Estas proposicións son as chamadas adverbiais propias (Avísame cando chegue o presidente). Tamén se inclúen entre as adverbiais as que non se comportan como os adverbios, son as chamadas adverbiais impropias (Se chega o presidente, avísame).
Proposicións Adverbiais Propias
Función: Equivalen a un adverbio e desempeñan a función de complemento circunstancial (C. Circ.).
Forma: Van introducidas por un adverbio relativo sen antecedente ou por unha conxunción.
Clases: Adverbiais de tempo, de lugar e de modo.
-
De tempo:
- Significado: Expresan unha circunstancia de tempo.
- Forma: Adoitan ir introducidas por un enlace subordinante de valor temporal. Tamén teñen carácter temporal as construcións formadas por un infinitivo precedido de *ao*, *antes de* ou *despois de*.
-
Proposicións adverbiais de lugar:
- Significado: Expresan unha circunstancia de lugar referida á proposición principal.
- Forma: Van introducidas polo adverbio relativo *onde*.
-
Proposicións adverbiais de modo:
- Significado: Expresan unha circunstancia de modo referida á proposición principal.
- Forma: Con frecuencia van encabezadas por un xerundio ou polos enlaces *coma se*, *como se*, *segundo*, *de modo que*.