Literatura Galega Contemporánea e Repaso Lingüístico
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en español con un tamaño de 12,66 KB
A Narrativa Actual: Fins XX e XXI
A narrativa galega experimentou un gran crecemento nas últimas décadas do século XX e comezos do século XXI, debido ao novo marco político. Este incremento maniféstase na elevada produción literaria e na incorporación de novas xeracións de narradores e narradoras.
Na década dos 60 destaca a Nova Narrativa Galega con autores como Carlos Casares, Méndez Ferrín e María Xosé Queizán. Nos anos 70 aparece unha nova xeración de escritores como Alfredo Conde, Xavier Alcalá, Paco Martín, entre outros.
A partir dos anos 80 e nas décadas seguintes, novas temáticas e técnicas narrativas son introducidas por autores como Manuel Rivas, Suso de Toro, Darío Xohán Cabana, Marina Mayoral e Carlos Reigosa, aumentando significativamente a presenza de narradoras.
Algúns dos narradores actuais son: Xosé Carlos Caneiro, Xosé Miranda, Manuel Forcadela, Fran Alonso, Xurxo Borrazás, Gonzalo Navaza, Uxía Casal...
Temas da Narrativa Actual
- Narrativa histórica: Pensa nao (1999), de Anxo Angueira; Cando os lobos escoitaban a radio (2022), de Pemón Bouzas.
- Narrativa policial: Crime en Compostela (1984), de Carlos Reigosa; Beleza vermella (2019), de Arantza Portabales; Matarte lentamente (2013), de Diego Ameixeiras.
- Narrativa realista: Luns (2017), de Eli Ríos.
- Narrativa de aventuras: Morning Star (1988), de Xosé Miranda.
- Narrativa de terror, medo: Morning Star (1998), de Xosé Miranda.
- Narrativa experimental: Polaroid (1986), de Suso de Toro; Panificadora (1994), de Xosé Cid Cabido.
- Narrativa fantástica: O cervo na torre (1994), de Darío Xohán Cabana.
- Narrativa de identidade e LGTBI: 22 segundos (2017), de Eva Mejuto.
- Narrativa de misterio: Trece badaladas (2002), de Suso de Toro.
- Narrativa feminista: O club da calceta (2006), de María Reimóndez.
- Narrativa de autoficción: Carrusel de Berta Dávila.
Tamén cobra un gran desenvolvemento a narrativa destinada ao público infantil e xuvenil. As editoriais crean coleccións específicas para este lectorado, como Árbore e Costa Oeste (Galaxia), Merlín e Fóra de Xogo (Xerais), e nacen tamén editoriais especializadas (Kalandraka, OQO...). Entre os autores e autoras de literatura infanto-xuvenil destacan: Agustín Fernández Paz, Ledicia Costas, María Canosa...
As Relacións Semánticas
A semántica é a parte da Lingüística que estuda o significado das palabras e as relacións que estas establecen entre si.
A Polisemia
A polisemia é a propiedade pola cal unha palabra contén varios significados, por iso identificaremos o significado concreto da palabra segundo o contexto.
A Homonimia
A homonimia é a coincidencia de significante entre palabras con distintos significados e diferente orixe etimolóxica. Hai dous tipos de palabras homónimas:
- Homógrafas: Escríbense e pronúncianse igual. Ex.: cola ("pasta que se emprega para pegar") - cola ("prolongación da columna vertebral de moitos mamíferos").
- Homófonas: Pronúncianse igual, pero teñen distinta representación gráfica. Ex.: naval ("relativo ou pertencente aos barcos e á navegación") - nabal ("leira de nabos").
A Sinonimia
A sinonimia é a coincidencia ou gran semellanza de significado que se establece entre dúas ou máis palabras diferentes que pertencen á mesma categoría gramatical. Pode ser de dous tipos:
- Absoluta: as palabras presentan unha coincidencia total de significado de maneira que poden ser intercambiábeis en todos os contextos. Ex.: pelo - cabelo, pestana - perfeba, chicharo - ervella.
- Parcial: non hai coincidencia total de significado e só se poden intercambiar nalgúns contextos. Ex.: Alba tivo unha idea brillante. / Alba tivo unha idea intelixente.
A maior parte das palabras sinónimas pertencen a este segundo tipo.
A Antonimia
Os antónimos son palabras que, compartindo algún trazo semántico común, teñen significados opostos: alegre - triste, grande - pequeno, rir - chorar. Diferenciamos tres tipos de antónimos:
- Antónimos complementarios: Dous termos que se exclúen mutuamente, xa que un é a negación do outro; afirmar un supón negar o outro. Ex.: nacer - morrer, dentro - fóra, lóxico - ilóxico.
- Antónimos inversos ou recíprocos: Dous termos que designan dous aspectos dunha mesma relación ou concepto; a existencia dun implica a existencia do outro. Ex.: cobrar - pagar, atopar - perder, dar - recibir.
- Antónimos graduais: Termos entre os que hai unha gradación, é dicir, existen outros intermedios nunha escala. Ex.: quente - (morno) - frío, claridade - (penumbra) - escuridade.
A Hiponimia, a Hiperonimia e a Cohiponimia
As palabras agrúpanse en campos semánticos ao compartir unha unidade de significado, ou sema. Así, azul, vermello, laranxa e verde teñen en común o sema [+cor].
Segundo isto, existen relacións semánticas baseadas na extensión de significado, onde unhas palabras son máis amplas e inclúen o significado doutras:
- Hiperonimia: Relación semántica inversa á anterior, entre un termo xeral (hiperónimo) e outro de menor extensión incluído nel. Ex.: mes é o hiperónimo de xaneiro, febreiro, marzo.
- Hiponimia: Relación entre un termo (hipónimo) que se inclúe dentro doutro de maior amplitude. Ex.: tenis, fútbol, baloncesto, atletismo son tipos de deportes.
- Cohiponimia: Relación entre os termos dun mesmo nivel xerárquico, é dicir, entre os hipónimos dun mesmo hiperónimo, que son cohipónimos entre si.
Repaso Gramatical e Ortográfico
Se non e senón
- Se non: úsase en oracións condicionais. Ex.: Se non apuras un pouco, vas perder o autobús.
- Senón: emprégase para contrapoñer unha idea ou oración con outra anterior. Ex.: O exame non é mañá, senón pasado.
Para non confundir ambas as formas, suprime o adverbio de negación e comproba se a oración afirmativa é posible: "Se queredes vir". Así saberás que non é a conxunción adversativa.
Demais e de máis
- Demais: significa "o que queda, o resto". Ex.: As demais convidadas aínda non chegaron. En canto se solucione o problema, o demais non importa.
- De máis: significa "de sobra". Ex.: Mercamos pan de máis.
Por que, porque e porqué
- Por que:
- Pronome interrogativo en interrogativas directas ou indirectas. Ex.: Por que non chamaches onte? Dime por que non chamaches onte.
- Combinación de preposición por + conxunción que. Ex.: Esa ONG loita por que non haxa máis vítimas da fame.
- Combinación de preposición por + pronome relativo que. Ex.: Ese é o motivo por que non chamei antes. Substituíble por cal: o motivo polo cal non chamei antes.
- Porque: Responde ás preguntas introducidas con por que. Ex.: Non te chamei pola noite porque cheguei moi tarde.
- Porqué: significa "razón", "motivo" ou "causa", sempre precedido dun determinante. Ex.: Descoñezo o porqué da decisión que tomou Xaquín.
Conque e con que
- Conque: conxunción que introduce unha consecuencia lóxica do dito anteriormente. Ex.: Non quería esperar máis tempo, conque collín as miñas cousas e marchei. Equivale a: así que, de xeito que, por conseguinte...
- Con que:
- en interrogativas e exclamativas directas ou indirectas. Ex.: Con que idea o dixo? Non sei con que idea o dixo. Con que paciencia a atendeu!
- Combinación da preposición con + conxunción que. Ex.: Para realizar o proxecto chega con que o asine a directora.
- Combinación da preposición con + pronome relativo que. Ex.: Esa é a ferramenta con que arranxei a bicicleta.
Os Cambios Semánticos
Os cambios semánticos son a modificación do significado das palabras ao longo do tempo. As causas dos cambios semánticos poden ser:
Causas Lingüísticas
Cando varias palabras se usan xuntas para expresar un significado, unha delas pode asumir o valor do conxunto. Exemplos: portátil (por ordenador portátil), móbil (por teléfono móbil), postal (por tarxeta postal).
Causas Históricas
Obxectos que mudan e modernízanse, pero manteñen o mesmo nome. Exemplos: pluma (de ave) agora significa instrumento para escribir, coche que antes significaba carruaxe de tracción animal agora é un vehículo a motor.
Causas Sociais
- Restrición de significado: Unha palabra adquire un significado máis específico nun ámbito particular. Exemplo: trauma, que antes significaba ferida, agora refírese aos danos no inconsciente.
- Ampliación de significado: Unha palabra dun grupo social ou dunha profesión específica xeneralízase. Exemplos: arribar, ademais de chegar a porto, agora tamén significa chegar ao final dun itinerario; chupa-chups que agora refírese a calquera caramelo esférico con pau.
Causas Psicolóxicas
Semellanza entre elementos ou efecto emotivo dun termo fai que se aplique a outros obxectos. Exemplos: ser unha galiña, ser un porco. Tamén hai cambios por razóns psicolóxicas, onde palabras con connotacións negativas son substituídas por outras máis delicadas. Exemplos: parir/dar a luz, preñada/embarazada, en estado, encinta, xestante.
Algúns tipos de cambios semánticos son:
- Elipse: Redución dunha expresión a un único elemento. Exemplo: un cortado (por café cortado).
- Metáfora: Cambio dun elemento por outro relacionado por semellanza. Exemplo: boca do forno (por entrada do forno).
- Metonimia: Substitución dun elemento por outro relacionado por proximidade ou contigüidade. Inclúe:
- Empregar o efecto para denominar a causa. Exemplo: respectade as miñas canas (por idade avanzada).
- Substituír a obra polo autor. Exemplo: na exposición hai varios Goyas (por cadros de Goya).
- Denominar un produto pola súa orixe. Exemplo: apeteceume beber un ribeiro (por viño do Ribeiro).
- Sinécdoque: Substitución dun termo polo todo ou unha parte. Exemplo: comer dous pratos (por comidas).
- Especialización: Un termo común adquire un significado máis específico. Exemplo: cartafol (contedor virtual de arquivos de datos).
- Eufemismo: Palabra usada para substituír outra considerada tabú ou ofensiva. Exemplo: terceira idade (por vellez).
- Disfemismo: Contrario ao eufemismo, substitúe un termo por outro con efecto humorístico ou despectivo. Exemplo: estirar a pata (por morrer).
Interferencia e Desviación da Norma
- Vulgarismos: teñen alteracións como os vocalismos (fala pouco coidada) e os consonantismos (nivel vulgar).
- Dialectismos: teñen cambios nalgunhas zonas de Galicia.
- Hipergaleguismos: formas ultracorrexidas, palabras galegas iguais que en castelán.
- Arcaísmos: termos antigos en desuso. Ex: capiduo (capítulo).
- Galeguismos: palabras como: colo, reseso, petar, pota, esmagar, rosmar, remexer, parvo. Expresións: y luego? aún encima. Non usa tempos compostos. No dar echo (no ser capaz).
A Crónica
Unha crónica é un relato sobre un tema de actualidade, asinado por un correspondente ou un enviado especial. O xornalista conta de maneira detallada un acontecemento do que foi testemuña, ofrecendo a súa opinión e a valoración doutras persoas. Diferénciase dunha nova en que é subxectiva e pode incluír interpretacións persoais. As crónicas poden clasificarse segundo o lugar (local, nacional, internacional) e o tema (deportivo, político, cultural, económico, de sucesos, de sociedade, etc.).