A Literatura Galega Contemporánea: Exilio (1936-1976) e Xeracións Poéticas de Fin de Século
Enviado por xacobN y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 5,15 KB
Literatura no Exilio (1936-1976): Poesía, Prosa e Teatro
Como consecuencia da vitoria dos militares sublevados contra a República, o labor literario que se comeza a desenvolver no primeiro terzo do século XX ten que marchar á diáspora. O centro de actividade literaria galega trasládase a México e a Bos Aires. Na capital arxentina entran en contacto os emigrados cos exiliados e comezarán a desenvolver un amplo traballo intelectual coa publicación de revistas e a creación de editoriais.
Eles van ser o elo de continuidade que a Galicia interior vira rachada pola represión do réxime franquista. Castelao foi unha das grandes referencias do galeguismo en América e na propia terra. No exilio vanse publicar as obras que en Galicia non podían ver a luz.
A Poesía do Exilio
De entre todos os autores que desenvolveron a súa actividade no exilio podemos destacar os poetas Emilio Pita, Luís Seoane ou Lorenzo Varela, todos eles moi marcados pola Guerra Civil en poemarios como:
- Jacobusland
- Fardel de exiliado
- Na brétema Sant-Iago
- As cicatrices
- Lonxe
A poesía de Seoane é un reflexo do seu mundo artístico. Esta plasticidade é empregada por Seoane para ofrecernos unha visión persoal da cultura galega, sen esquecer a dimensión social e política.
Prosa e Teatro no Exilio
A problemática da Guerra Civil vai estar presente tamén na produción de narradores como Ramón Valenzuela ou Silvio Santiago, en novelas como Non agardei por ninguén, Era tempo de apandar ou O silencio redimido.
No ámbito teatral temos que destacar a estrea en Bos Aires da obra de Castelao Os vellos non deben de namorarse. A compañía de Varela Buxán foi a que a representou. O director da compañía, un dos autores do teatro galego de maior éxito na Arxentina, escribiu moitas obras, todas elas de tipo popular, cómicas e sentimentais, encadradas nun ambiente rural, como A taberna do demo.
A Poesía Galega a Finais do Século XX e Comezos do XXI
A publicación, no ano 1976, de Con pólvora e magnolias de Xosé Luís Méndez Ferrín vai supoñer a superación da poesía social imperante naquel momento e servirá para consolidar o esteticismo como liña predominante dentro do xénero lírico. A este primeiro paso sumarase a achega de Alfonso Pexegueiro co seu poemario Seraogna.
Os Grupos Poéticos da Renovación
Ao abeiro destes dous poetas nacen en Galicia tres grupos poéticos que van representar a consolidación desta nova corrente poética:
- Rompente
- Cravo Fondo
- Alén
O máis innovador e rupturista, como ben recolle o seu nome, vai ser Rompente, integrado polo propio A. Pexegueiro, Antón Reixa, Alberto Avendaño e Manuel Román. Poñen en marcha iniciativas como O silabario da turbina ou a revista Fóra as vosas sucias mans de Manuel Antonio.
A Xeración dos 80: Culturalismo e Decadentismo
A poesía consolida definitivamente a renovación poética iniciada na década anterior coa irrupción dunha fornada de voces poéticas novas. Estes poetas coñecidos como “Xeración dos 80” comparten unha serie de características:
- A súa participación nos volumes colectivos De amor e desamor e De amor e desamor II.
- A súa colaboración nas revistas Dorna e Luzes de Galiza.
- A súa participación no Festival de Poesía do Condado.
Forman parte desta primeira xeración Darío Xohán Cabana, Claudio Rodríguez Fer, Ramiro Fonte, Manuel Rivas ou Álvarez Cáccamo. A súa produción caracterízase polo afán culturalista e o decadentismo estético que distancian o poeta da sociedade. Supón unha síntese entre modernidade e tradición sen esquecer a exploración de novos mundos e artificios poéticos. Mantéñense fieis á liña intimista de expresión de sentimentos do eu poético. A linguaxe sométese á experimentación na concepción da linguaxe como arte, e non como simple transmisora dunha mensaxe. Teñen tamén en común a súa admiración por Cunqueiro e Manuel Antonio.
A Xeración dos 90: Transformación e Madurez
Na década seguinte aparece un novo grupo, a “Xeración dos 90”, onde destacan Miro Villar, Iolanda Castaño ou Emma Pedreira, voces que van iniciar un proceso profundo e positivo de transformación da poesía. Este camiño débese a varios motivos:
- Os poetas dos oitenta están en plena madurez expresiva e de calidade.
- Aparecen poetas que pertencerían a unha etapa anterior pero que comezan agora a publicar.
- Aparecen poetas máis novos.