Literatura galega: Autores, obras e prexuízos lingüísticos

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,3 KB

A Esmorga

Estrutura da obra

A obra divídese en tres partes:

  1. 1ª parte: Introdución do autor-narrador, que presenta os personaxes principais e o contexto da historia.
  2. 2ª parte: Narra a historia a través de cinco capítulos que recollen a declaración de Cibrán o Castizo ante o xuíz. Mediante este interrogatorio, reconstrúense as 24 horas de esmorga dos tres personaxes: o Bocas, o Milhomes e o Castizo. Tras o remate tráxico, Cibrán, único supervivente e, por isto, único acusado, narra a súa versión dos sucesos acaecidos, o itinerario seguido e as circunstancias da morte dos seus compañeiros.
  3. 3ª parte: Reaparece o autor-narrador para dar conta da morte do personaxe principal, deixándonos na dúbida acerca das verdadeiras causas.

Obras de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911 - Vigo, 1981)

Novelas

  • Merlín e familia: Retoma a figura do mago Merlín, adaptándoo a un tempo presente e a un escenario galego. O narrador é Filipe de Amancia, antigo paxe de Merlín, que na súa vellez lembra a súa infancia xunto ao mago e conta diversos sucesos.
  • As crónicas do sochantre: A acción sitúase na Bretaña francesa, protagonizada por un músico que se dirixe a tocar nun enterro e é recollido por unha carroza na que viaxan varios defuntos, cos que percorrerá o país mentres lle contan a súa vida pasada.
  • Se o vello Sinbad volvese ás illas: Inspírase nos relatos d’As mil e unha noites. Recupera o personaxe do vello mariñeiro que soña con regresar ao mar e levar a cabo novas viaxes aventureiras.

Libros de relatos

Son tres: Escola de meciñeiros, Xente de aquí e de acolá e Os outros feirantes, triloxía que ten a mesma temática e estrutura. Retratos de personaxes populares que, mediante o humor e a fantasía, presenta a psicoloxía do home galego.

Obras de Áxel Fole (Lugo, 1903 - 1986)

Mestre do relato curto, a súa obra está formada principalmente por catro libros de contos.

Narrativa

  • A lus do candil e Terra brava, ambientados na Galicia rural da alta montaña luguesa. Reflicten os modos de vida da Galicia de mediados do século XX e ofrecen abundante información acerca do mundo rural. O seu obxectivo é dar a coñecer o que el chama “a Galicia máxica e misteriosa”.
  • Os dous últimos libros son Contos da névoa e Historias que ninguén cree, comparten unha ambientación urbana e continúan con temas de medo, misterios e experiencias paranormais dos libros anteriores.

Técnica narrativa

Baseada no conto popular de tradición oral. Recorre tamén á técnica do conto enmarcado ou conto dentro do conto, ao presentar uns personaxes que se xuntan para contarse historias.

Obras de Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928 - 2015)

Autor dunha ampla obra literaria, na que se inclúen narrativa, poesía e ensaio. A súa narrativa podemos clasificala desde dous puntos de vista:

  • Segundo o espazo no que se sitúan as historias: Galicia ou América.
  • Segundo o protagonista que as representa: infantil ou adulto.

Memorias dun neno labrego é unha das novelas de maior éxito da nosa literatura e foi traducida a varios idiomas. Conta, desde a óptica do protagonista, Balbino, a vida dun rapaz nunha aldea do interior de Galicia e tamén presenta as súas inquedanzas e frustracións. Neira Vilas é, ademais, un dos primeiros autores da literatura infantil.

Consideracións sociais das linguas: prexuízos e estereotipos

Os prexuízos lingüísticos son xuízos de valor sobre unha lingua que, por diversas circunstancias, se instalan na conciencia dalgúns membros da sociedade. A maioría das veces son xuízos negativos e provocan o seu rexeitamento.

A partir do século XVI, Galicia quedou subordinada política e culturalmente a Castela e isto supuxo a penetración do idioma castelán, que se converteu na lingua escrita e na única usada nos usos formais, mentres que o galego, a pesar de ser o idioma da maior parte da poboación, quedou relegado aos usos orais e coloquiais das clases populares. Isto orixinou un comportamento diglósico e unha serie de valoracións negativas para o galego.

Algúns destes prexuízos son:

  • A suposta falta de utilidade do galego.
  • O galego íllanos do exterior.
  • O galego asociado ao mundo rural, á pobreza, á ignorancia e ao atraso.
  • O uso do galego como sinal de descortesía ou mala educación.
  • A suposta imposición do galego.
  • O galego como marca ideolóxica (nacionalismo).
  • O galego como lingua primitiva ou dialecto.
  • O galego normativo como lingua artificial.
  • O galego non é unha lingua apta para a ciencia.
  • O galego non é unha lingua válida para a xente nova.

O ensaio

Un ensaio é unha obra literaria en prosa que trata a fondo un tema e expón de maneira subxectiva pero rigorosa as súas opinións. Forma parte do xénero didáctico, que é o xénero literario que ten como finalidade a ensinanza ou divulgación de ideas mediante unha linguaxe elaborada: riqueza léxica, capacidade evocadora, emprego de recursos estilísticos, xunto con tecnicismos. Relaciónase coa epístola, o discurso, a conferencia, o tratado...

Características:

  • O destinatario é un público amplo e variado, de nivel cultural medio, non especializado na materia a tratar, polo que debe empregar un vocabulario sinxelo e expresar as ideas de forma clara e amena para facilitar a súa comprensión.
  • A súa finalidade é expresar as ideas, opinións e puntos de vista do autor respecto a un tema, mediante argumentos ben sustentados, polo que é un texto argumentativo e persuasivo.
  • A temática é moi ampla: arte, literatura, política, economía, filosofía... A diferenza dos tratados científicos, aparecerá desenvolvida de forma máis subxectiva e provisional.
  • A extensión é variábel, vai desde as poucas páxinas dun artigo ata a amplitude dun libro.

Entradas relacionadas: