Literatura galega: análise de obras e autores
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 17,89 KB
Sempre en Galiza, de Castelao
Primeiro fragmento
Castelao fala do perigo de desaparición das culturas se non defendemos a diversidade lingüística e demanda leis que nos permitan desenvolver a nosa cultura para ofrecerlla ao mundo.
Segundo fragmento
Xustifica a existencia da nación nun territorio cunha lingua, unha cultura e unha vida económica propia e asegura que o nacionalismo galego, en ningún caso, admite a raza como criterio de pertenza a unha nación.
Os vellos non deben de namorarse, de Castelao
Fragmento do lance II
Un vello bébedo chamado don Ramón está namorado dunha moza, Micaela. Esta, de acordo co seu amante mozo, vaille quitando pouco a pouco as leiras a cambio de bicos. No Entroido, o vello, cando sae bébedo da casa de Micaela, cae no chan e morre.
Lance I
Don Saturio, vello boticario namorado de Lela, que, aínda que lle deu esperanzas, está máis interesada no carabinero. Aparece un vello que resulta ser a morte e suicídase tomando unha apócema. Remata co enterro do boticario e o pranto das irmás.
Lance III
O vello Fuco quere casar con Pimpinela. Regálalle panos de cores e promételle sacar toda a familia da pobreza. Casan e o vello vive amargado porque sabe que a súa felicidade será breve. Cando morre, Pimpinela chora porque ten que gardar loito.
Epílogo
Os esqueletos dos tres vellos falan sobre o ben que lles foi ás súas namoradas, pois todas casaron cos seus mozos novos e herdaron a fortuna deles. Arrepíntense dos seus namoros.
"Ponte de Brooklyn", poema de Luís Seoane
Libro: Fardel de eisilado
Tema: denuncia da explotación dos emigrantes, neste caso concreto, os que construíron no século XIX esta ponte. Cede a voz aos protagonistas, a voz poética é un deles. Tamén aparecen nomes propios, neste caso do compañeiro morto: o escocés Kirkland.
Estrutura:
- Primeira parte de catro estrofas de oito versos nas que un traballador describe, empregando a primeira persoa do plural, as terribles condicións de traballo carrexando entullos dentro dunha campá de ferro no fondo do río xeado cunha presión tan forte que lle estoupan os oídos.
- A cuarta estrofa, centro do poema, é o cume dramático do relato que describe a morte do compañeiro.
- Na estrofa quinta, o eu poético céntrase na súa propia experiencia (resistiu vinte días e perdeu o oído) e acentúase a denuncia botando man da ironía (traballo moi ben pagado, un gran traballo).
Métrica: versos moi longos, case prosa, todos de arte maior pero sen igualdade de medida e cun esquema de rima consonante que se repite.
"Compañeiros da miña xeración...", poema de Lorenzo Varela
Libro: Lonxe
Temática: intimista, que transmite a saudade polo perdido, esa doce xuntanza dos versos que abren e pechan o poema nos que se destaca un nós colectivo do que o eu poético forma parte.
Estrutura: dúas partes rotas por un verso.
- A primeira estrofa lembra con metáforas asociadas á natureza as sensacións positivas asociadas á luz, á maxia, á música, ao tempo anterior á guerra.
- A guerra aparece nun só verso central no que se acumulan os verbos: a morte dos compañeiros asasinados provoca a soidade que sente o eu poético.
- As metáforas negativas acumúlanse na segunda estrofa, o tempo do exilio: silencio, sede, agonía, para un eu poético que se compara cun morto.
A única esperanza do exiliado é o regreso ás tumbas dos amigos mortos para levarlles unha cesta de pombas –paz, fin da guerra e da ditadura– e de mazás.
Métrica: versos libres, a maioría de arte maior con algún de arte menor que rompen o ritmo.
"Fino ceo de telaraña", de Pimentel
Libro: Sombra do aire na herba
Características: poesía vangardista como a publicada antes da guerra. O poema constrúese a través de imaxes que se van sucedendo que transmiten sensacións asociadas á contemplación da cidade de Lugo nevada:
- Primeiro as cores: a cor gris clara do ceo asociada á arañeira, á cinza e á cor da perla; a cor laranxa dun galo, unha chama sobre o branco da neve.
- Logo a muralla, símbolo da cidade, personificada durmindo, e redondeada e branca pola neve.
- No centro do poema unha imaxe que lembra a represión: as folerpas de neve convértense na imaxe en nardos que son as voces da xente que caen porque está roto o resorte que nos leva a alzar a voz e protestar.
- A seguinte imaxe transmite a sensación de tempo que non pasa: horas sen ferro, reloxo de fariña...
- A última imaxe engade unha nota de sabor doce e frío asociada á lúa convertida nunha raxa de melón.
Métrica: rómpese coa métrica tradicional. Non hai igualdade de medida nin rima e os versos desordénanse no poema.
"A dama que ía no branco cabalo", de Cunqueiro
Libro: Dona do corpo delgado
Características: poesía neotrobadorista (anterior á guerra) que volve á poesía medieval nos personaxes da cantiga de amor (a dama e o cabaleiro), no tema do amor e na estrutura formal propia das cantigas de amigo (dous versos que riman entre si, máis dous versos de refrán que neste caso tamén riman) e no paralelismo entre cada par de estrofas.
- Os personaxes preséntanse no primeiro par de estrofas montados a cabalo (branco-negro) e cun elemento característico (pano de seda-fita no pelo).
- No segundo par sitúanse nun lugar de auga que na lírica medieval é sempre metáfora da relación amorosa (no medio do río) que se expresa nas miradas que se cruzan e nos agasallos que se intercambian.
- O refrán repite en cada estrofa a presenza do amor que se reitera no verso final.
"Como deter" e "Quero dicirvos", de Iglesia Alvariño
Cómaros verdes, de temática paisaxística, é a primeira obra que consegue pasar a censura franquista.
Métrica: versos libres de arte maior.
En "Quero dicirvos" (Lanza de soidade) segue presente a paisaxe (o río longo e vaguieiro, a ola de musgo verde) pero convertida en metáfora para expresar o sentimento de soidade (poesía intimista): "como estou só".
Métrica: ritmo quebrado pola combinación de arte maior e arte menor.
"Penélope", de Díaz Castro
Libro: Nimbos
Características: poema intimista aplicado á dimensión colectiva de Galicia, como pobo que sofre e non acaba de ver realizados os seus soños, nese continuo ir e vir, avance e retroceso.
No poema, Galicia aparece personificada e a nosa historia exprésase cun movemento cara adiante e cara atrás, o tecer e destecer de Penélope, a muller de Ulises, mentres espera o seu regreso, que representa estes avances que se ven truncados, a sensación melancólica de tristeza polo novo retroceso da ditadura que elimina todos os avances conseguidos. Esta idea de estancamento exprésase a través da monotonía da chuvia ou o lento arar dos bois. Tamén observamos unha referencia á mísera situación económica que obriga a poboación a emigrar ou a exiliarse para salvar a vida, como metáfora do alto prezo que pagamos por atrevernos a soñar cun mundo mellor.
Métrica: clásica. Catro estrofas de catro versos hendecasílabos que riman en consonante o primeiro co terceiro e o segundo co cuarto. Só un verso rompe a medida: o cuarto verso da primeira estrofa.
"Palpas os tempos", de María Mariño
O eu poético dialoga con alguén no poema describindo as súas calidades. O seu comportamento varía segundo as estacións, afectando ao eu poético que o agradece no outono cando coxea –meu arranque–; renega del no estío –miña morte–, pero é na primavera cando todos desfrutan da súa presenza. Na segunda estrofa destácase a importancia do nome de quen se fala a través da metáfora do morno lume do inverno cando tanto se bota de menos e na terceira enumérase todo o que nos achega a través de metáforas positivas: mareas de verbas, cantigas, voz e fala da terra, larganza, brío, luz. O último verso é tan só unha palabra que nos revela por fin quen era ese ti co que dialoga o eu poético: o sol. Todo o poema expresa unha relación persoal e íntima entre o eu poético e este elemento da natureza sen o cal non poderiamos vivir.
Métrica: ritmo entrecortado con versos libres de diferentes medidas, predominando a arte menor que destaca en dous versos de só dúas sílabas.
"Nome de dondo lenzo", de Carballo Calero
Libro: Futuro condicional
Características: clasicismo. Poesía que volve á poesía do Renacemento. Hendecasílabos brancos. Un eu namorado dunha muller que representa a perfección (amor cortés). A referencia á muller faise con moitos adxectivos e metáforas que asocian o seu nome ao tecido "dondo lenzo e branco liño" e a unha paisaxe de rosas xeadas: as cores branca e rosada son a referencia renacentista ás cores da pel da muller asociadas á beleza. Fálase dun amor difícil de conseguir: cantas fuxidas e arreguizos para construír a ponte, a relación amorosa. O sentido da vida do eu poético é estar preto dela, esa unión expresada con metáforas: arañeira doce, unha ponte de prata. O encontro apaixonado exprésase coa metáfora bíblica de morder o froito prohibido, froita que é de ouro, e o zume esvarando polos beizos.
"Retorno de Ulises", de Cunqueiro
Libro: Herba aquí ou acolá
Características: culturalismo. Retómase o mito de Penélope que tece o sudario para Ulises pensando e soñando con el, co seu rostro, cos seus dedos. Perde o novelo nove e imaxina o fío levado polo vento percorrendo rochas, camiños, pontes... por onde anda Ulises expresando coa metáfora da sede a saudade que sente e o desexo de saber del.
Poema innovador que crea xogos fónicos na repetición do p: pende, Penélope, pensativa, perde e do n: novelo nove novamente chegando a inventar palabras novelovento.
Métrica: serie longa de versos de arte maior que combinan versos libres con rimas asonantes.
Celso Emilio Ferreiro
Longa noite de pedra. Poesía social que denuncia a ditadura. Galego popular e ton directo que foxe de recursos retóricos artificiosos.
"O teito é de pedra"
Poema froito da experiencia de estar encerrado no mosteiro de Celanova pola denuncia dunha veciña. Describe a pedra que o rodea (teito, pedra, muros, chan) e convértea en metáfora da dureza e da falta de sentimentos e de liberdade do ambiente que se vive no franquismo (tamén é de pedra o aire, as olladas, os corazóns) no que se sente morrer. Repetición obsesiva ao longo de todo o poema.
Métrica: versos libres moi curtos.
"Nós queriamos libremente"
Repetición obsesiva do adverbio libremente que acompaña á descrición nunha longa enumeración de metáforas que expresan os soños dun colectivo que se expresa como nós poético. Comer o pan sen medo, cantar, ser homes, ser estrelas, ser faíscas, sorrir, falar a Deus... Outra enumeración marcada pola repetición da preposición "sin" expresa o que non desexaban: "sin temor, sin negrura, sin cadeas, sin pecado". Os elementos da natureza reforzan esa sensación de liberdade buscada: as orelas dos ríos, o mar libre, o aire do mencer e das escumas, o vento. Os catro versos finais do poema converten ese soño en vidro fráxil que se rompe contra as rochas coa chegada da ditadura que converte os seres humanos en sombras ao desposuílos da súa capacidade de soñar.
Métrica: versos libres de arte maior que se creban ao final do poema ao mesturarse con versos máis curtos de arte menor.
"Pasaron os cabalos"
Fala un neno que se dirixe á nai e fala dos cabalos da noite, as forzas represivas, a garda civil a cabalo que viña buscar aos sospeitosos de ser contrarios ao réxime e só deixan pranto e tristeza (vento mouro) e matan o seu pai (orfo). A xeito de refrán repítense versos (Madre / este é o país do pranto) que pasan do drama persoal ao colectivo cunha variación final que marca o cume dramático do poema (Madre / os cabalos deixáronme orfo). O dramatismo do poema transmítese combinando versos de oito e nove sílabas con outros de cinco, catro e dúas sílabas.
"Irmaus"
Poema que expresa a solidariedade do eu poético (repetición: como un irmán che falo, a miña man che dou) non cos que viven ao seu lado senón cos que, aínda vivindo lonxe e sendo doutras razas, comparten sufrimentos (choros, berros, feridas) e soños.
"Deitado frente ao mar"
Defensa do galego como lingua dos traballadores (proletaria). Exprésase o desexo de falala como un acto de liberdade individual (porque me peta e quero e dáme a gana). Arguméntase como reacción contra os que renegan dela ao ascender socialmente (poñer a gravata) e como expresión do amor aos devanceiros (fala nai, fala dos avós que temos mortos), vinculada á terra e ao mar (remo e arado, proa e rella). Falar galego é tomar partido pola nosa xente fronte á imposición allea. Establece o poema dous bandos, un que rexeita (soberbios, ruíns, poderosos, baleiros, estúpidos asociados aos que renegan do galego) e outro no que se sitúa (os que traballan e sofren inxustizas que manteñen vivo o galego). O eu poético sitúase do lado dos que sofren e dese lado está Galicia deitada fronte ao mar, ese camiño que é o dos emigrantes e exiliados.
Métrica: predominio de versos de arte maior que destacan os versos máis breves (falar a fala nai). Repeticións e paralelismos.
"Moraima", "Eu xa te busquei"
Poemas de amor. Ter en conta que a temática social non é a única que traballa Celso Emilio. Intimismo (O soño sulagado. Onde o mundo se chama Celanova).
"Eu son un home triste", de Antón Tovar
Libro: Arredores, 1962
O eu poético expresa sentimentos de tristeza e cansazo. Procura a Deus pero non o atopa. Metáfora do neno que busca unha man á que agarrarse. Na segunda metade do poema o sufrimento humano expresado a través dos ollos (cans que sofren, bois baixo aguilloadas) aparece como principal razón que fai desaparecer a fe en Deus e as mans que o buscan só apreixan terra.
Métrica: versos heptasílabos libres.
"Nas Cíes", de Luz Pozo Garza
Libro: O paxaro na boca, 1952
Características: poesía intimista. Experiencia duns namorados nas Cíes no verán gozando da natureza (a pericia das aves, a medida celeste onde reside a luz, dóciles palmípedas, cunchiñas de nácar, ventos tersos do Nordés) e do seu amor (baño, bicos, verbas secretas, xogos inocentes e debuxos na area dos símbolos da patria: espirais, caracolas e esvásticas solares). O eu poético aférrase aos bos momentos (cousas do paraíso, azul delirio) trazando un labirinto que nos permita salvar o amor que dá sentido á vida conducíndonos a eles cando a vida se complica.
Métrica: versos libres de diferentes medidas, palabras desprazadas como as ondas do mar.
"Letanía de Galicia", de Uxío Novoneyra
Características: innovación formal, escrito como unha letanía relixiosa con repeticións que denuncian a situación de Galicia sumida na dor e na tristeza, afirmando recoller a súa esencia labrega, mariñeira e obreira, que reside no pobo e na historia para transmitila aos máis novos que non están marcados pola opresión e poden crer nun futuro diferente.
"Terra de proseguir", de Méndez Ferrín
Libro: Poesía enteira de Heriberto Bens
Métrica: hendecasílabos libres.
O pesimismo deste poema dedicado a Galicia (terra de proseguir e non dar nada, terra de esmorecer, patria do vento) contrasta coa implicación emotiva dun eu poético consciente da identidade colectiva (despaciosa Galicia que nos levas / acochados en ti lento veleno / que pon nos ollos unha cousa verde; lingua que me enche a boca enteiramente / e como un río interno me asulaga). Estrutura paralela (Quero dicir teu nome e digo) que resalta unha transformación negativa: dorna valeira, dorna negra, arado sen bois, feira sen xente, noite que vén, enorme noite fría: acumulación de metáforas negativas. O eu poético desexaría cantar e berrar pero ninguén escoita.
O Hamlet, de Cunqueiro
Fragmento do final da obra. Hamlet descubriu que o seu tío, asasino do seu pai, é realmente o seu pai e matouno. Gerda, a súa nai, proponlle a Hamlet que case con el e sexa o novo rei, pero Hamlet remata matándoa e suicidándose.
As actas escuras, de Vidal Bolaño
Fanse obras na catedral e o cardeal Payá e Rico encárgalle por orde do Papa a don Mauro que verifique que os restos enterrados son os do apóstolo Santiago. No fragmento dialogado deixa claro que o único que queren é un aval científico que diga que si que son, a verdade non importa senón a gloria da diocese.
"Cain as follas", de Uxío Novoneyra
Libro: Os eidos
Neste autor, como en María Mariño, os sentimentos humanos afloran en fusión coa vivencia da natureza das serras do Courel, neste caso a caída das follas. Na forma, fidelidade á fala oral nos dialectalismos (cain) e no gusto polos recursos fónicos (s: sinto, cousa, apousa) e polos silencios (puntos suspensivos).