A Literatura Galega de 1936 a 1975: Do Exilio á Posguerra

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 7,96 KB

Galicia entre 1936 e 1975

O 18 de xullo de 1936 prodúcese a sublevación militar contra o lexítimo goberno da República e comeza unha guerra que finaliza en abril de 1939 coa instauración da ditadura franquista.

Nesta época levouse a cabo unha forte represión da lingua galega. Aínda que a maior parte da poboación continuou tendo o galego como lingua habitual, o seu emprego reduciuse aos rexistros informais, xa que o castelán era a única lingua oficial.

O brillante panorama acadado pola literatura galega no transcurso do primeiro terzo do século XX quedou truncado co inicio da Guerra Civil.

A Literatura no Exilio

Durante a década 1940-1950, a única produción literaria en galego será a que se leva a cabo no exilio americano: Venezuela, Cuba, México, Uruguai e, fundamentalmente, Arxentina, principal país de acollida dos exiliados galegos. Entre os exiliados salientan os nomes de Castelao, Luís Seoane, Rafael Dieste, Blanco Amor, Emilio Pita, Lorenzo Varela, etc.

O Rexurdimento da Literatura Galega

A partir dos anos 50, van xurdindo en Galicia iniciativas culturais que procuran a defensa e recuperación da nosa lingua e da nosa cultura. Xorden así editoriais como Bibliófilos Gallegos, Monterrey (logo denominada Castrelos), a colección de poesía Benito Soto e, sobre todo, a editorial Galaxia. Aparecen tamén revistas como Posío.

Nos anos 60 xorden asociacións culturais que reivindican o uso do idioma galego e o achegan ao uso público mediante cursos, conferencias, etc. Ademais fúndanse, na clandestinidade, os primeiros partidos políticos nacionalistas: a UPG e o PSG.

En 1975, a morte de Franco posibilita o paso á democracia e a recuperación dos dereitos das nacionalidades históricas.

Poesía do Exilio

No exilio americano prodúcese unha poesía de forte denuncia social. Os principais representantes son Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita.

Luís Seoane (Buenos Aires, 1910 - A Coruña, 1979)

A súa poesía caracterízase pola denuncia social. Os temas principais son a diáspora e a historia de Galicia, centrándose nas persoas máis humildes.

Lorenzo Varela (A Habana, 1917 - Madrid, 1978)

É autor de dous poemarios, Catro poemas para catro gravados (1944) con gravados de Luís Seoane, e Lonxe (1954), sobre a súa experiencia persoal no exilio e a saudade da terra.

Emilio Pita (A Coruña, 1909 - Buenos Aires, 1981)

O seu primeiro libro foi Jacobusland (1942), que trata sobre a traxedia da Guerra Civil e a visión nostálxica da natureza galega.

Poesía de Posguerra

Na poesía de posguerra atopamos tres xeracións poéticas sucesivas que, porén, comezan a publicar as súas obras ao mesmo tempo, posto que ao non haber practicamente produción editorial entre os anos 1936 e 1950.

Xeracións Poéticas da Posguerra

  • Xeración do 36: Nacen entre 1910 e 1920. Celso Emilio Ferreiro, Xosé María Díaz Castro, María Mariño, etc.
  • Promoción de Enlace: Nacen nos anos 20. Antonio Tovar, Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás.
  • Xeración das Festas: Nacen entre 1930 e 1940. Uxío Novoneyra, Xosé Luís Méndez Ferrín, Manuel María, Xohana Torres.

Liñas Temáticas da Poesía de Posguerra

  • Poesía Social: Celso Emilio Ferreiro, Manuel María
  • Intimismo: María Mariño, Antón Tovar, Luz Pozo Garza, Xohana Torres
  • Paisaxismo: Aquilino Iglesia Alvariño, Uxío Novoneyra
  • Culturalismo: Álvaro Cunqueiro, Xosé Luís Méndez Ferrín

Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 1913 - Vigo, 1979)

Na súa poesía diferéncianse tres grandes liñas temáticas:

  • Poesía Social: Denuncia as inxustizas sociais, expresa a súa solidariedade cos oprimidos, e o seu compromiso antibelicista e antifascista.
  • Poesía Intimista: Expresa o seu desacougo existencial, lembra un tempo pasado e feliz, evoca con nostalxia a súa terra natal, reflexiona sobre a fugacidade da vida, o amor, a morte, etc.
  • Poesía Satírica: Denuncia cun ton acedo fortemente crítico, cheo de humor e sarcasmo, a mesquindade humana e canta as traxedias do home en xeral.

Celso Emilio escribe os seus versos nunha lingua coloquial e popular, na procura dun discurso directo e claro.

A súa poesía caracterízase pola presenza de metáforas e imaxes simbólicas, organizadas en dúas series opositivas:

  • Elementos Positivos: Son termos referidos á claridade e á altura que connotan as ideas de esperanza, liberdade e xustiza. Evocan un pasado feliz ou expresan a esperanza nun futuro en liberdade.
  • Elementos Negativos: Son termos referidos á escuridade, a espazos pechados e profundos e á pedra. Aluden ao presente da ditadura franquista e expresan as ideas de medo, opresión, inxustiza, rabia, impotencia.

Obras: O soño sulagado, Longa noite de pedra, Onde o mundo se chama Celanova.

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922 - A Coruña, 2020)

A temática dos seus versos céntrase en dúas liñas principais: a intimista (a nostalxia, a memoria, o paso do tempo, a morte, a sensualidade, o amor...) e a comprometida e solidaria.

Na súa poesía teñen unha importante presenza a música e a pintura.

Uxío Novoneyra (Parada de Moreda, O Courel, 1930 - Santiago, 1999)

Inicia a súa produción coa poesía paisaxística centrada nas terras da montaña luguesa onde naceu.

Cultivou tamén a poesía político-social reivindicativa presente no libro Do Courel a Compostela e en poemas como «Vietnam Canto» ou «Letanía de Galicia». Escribiu igualmente poesía amorosa (Muller pra lonxe).

Tamén se interesou pola poesía caligráfica (Poemas caligráficos), que incide na disposición visual do texto e na expresividade das grafías, e entronca coa tradición da literatura chinesa.

A súa poesía caracterízase pola importancia que adquiren dentro de cada poema os efectos fónicos e tamén pola brevidade e condensación dos versos, reducidos aos elementos esenciais.

Manuel María (Outeiro de Rei, 1930 - A Coruña, 2004)

Manuel María Fernández Teixeiro é autor dunha obra extensísima, moi variada formal e tematicamente, que non se reduce ao xénero poético.

Combina tres liñas temáticas principais: a poesía paisaxística, centrada na Terra Chá; a poesía social, na que amosa o seu compromiso político desde a sátira e a ironía; e a poesía intimista, amorosa principalmente.

Xohana Torres (Santiago, 1931 - Vigo, 2017)

A súa obra literaria abrangue todos os xéneros: poesía, narrativa, teatro e ensaio.

A súa poesía trata temas intimistas e sociais.

Vocabulario

  • Lagar: Construción que contén os elementos precisos para a elaboración de viño, sidra, aceite, etc.
  • Agro: Extensión de terreo cultivado; eido.
  • Horta: Terreo de pouca extensión onde se cultivan fundamentalmente verduras, legumes e hortalizas, e tamén nalgúns casos árbores froiteiras.
  • Eira: Sitio chan próximo á casa, feito de terra firme ou de pedra, onde se mallan os cereais, se botan a secar os legumes etc.
  • Palleira: Lugar onde se garda a herba seca ou a palla; os apeiros e o carro.

Refraneiro

  • Quen non ten que facer sacha os nabos - Facer cousas inútiles.
  • Estar na horta e non ver as verzas - Non decatarse de nada.
  • Traer ao rego a alguén - Convencer.
  • Querer o sol na porta e a auga na horta - Querer todo o bo.
  • Andar a paso de boi - Andar con lentitude.
  • Poñer o carro diante dos bois - Facer as cousas ao revés.

Entradas relacionadas: