A Lírica Medieval Galego-Portuguesa: Xéneros, Temas e a Figura do Trobador
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 3,69 KB
A Cantiga de Amor: Definición e Estrutura
A Cantiga de amor é unha composición na que o trobador expresa a súa pena amorosa (a coita) por unha muller, denominada a senhor. Esta palabra, senhor, adoita aparecer nos primeiros versos destas cantigas e é a marca distintiva deste xénero.
Orixes da Cantiga de Amor e o Amor Cortés
A cantiga de amor procede da cançó provenzal, que é a expresión literaria da teoría do amor cortés. Este é unha convención literaria mediante a que os trobadores trasladan á relación amorosa o vínculo social entre o señor feudal e o seu vasalo. A muller ocupa o papel superior (como fai o señor feudal) e o poeta (o seu vasalo), unha posición subordinada a ela.
Temas Centrais da Cantiga de Amor
- A loanza da dama: Aparece adoito na primeira parte da cantiga e pode referirse á beleza física ou á moral da senhor.
- O amor do poeta: Maniféstase ao longo de todo o poema, expresando a súa devoción e sufrimento.
- A reserva da dama: Maniféstase a través do rexeitamento, a indiferenza, a despreocupación pola sorte do namorado, a prohibición de vela ou de falarlle.
- A coita de amor: Presenta diferentes graos de sufrimento por amor, incluíndo o pranto, a loucura e mesmo a morte por amor.
Cantigas de Escarnio e Maldicir: A Sátira Medieval
As Cantigas de escarnio realizan unha crítica encuberta ou indirecta. É dicir, atácanse persoas ou institucións, pero non directamente, senón mediante xogos de palabras, ironías, dobres sentidos ou alusións veladas.
As Cantigas de maldicir conteñen, pola contra, unha crítica directa e aberta, sen dobres interpretacións. Hoxe poden chamarnos a atención pola súa falta de pudor, pero gozaban dunha grande aceptación por parte do público medieval.
Tipos Temáticos nas Cantigas Satíricas
Dentro das cantigas de escarnio e maldicir, pódense distinguir varias categorías temáticas:
A Aldraxe
Divídese na afronta, na irrisión, no litixio e na rifa, no castigo, etc.
O Alimentario
Destínase a ridiculizar a miseria e a avaricia dalgúns tipos sociais, como os ricomes ou os infanzóns.
A Polémica Social
Implica a crítica de todos os sectores e grupos sociais.
O Obsceno
Está dividido en dous grupos: os órganos sexuais por un lado e as prácticas eróticas polo outro.
Cantigas de Sátira Política
Adoitan compoñerse a raíz dun suceso ou dunha situación política concreta: o comportamento covarde dalgúns soldados e cabaleiros nas guerras, as traizóns e as disputas entre aspirantes a cargos (ou mesmo aos tronos).
Cantigas de Sátira Moral:
Conteñen, por exemplo, recriminacións pola desaparición das antigas virtudes, polos abusos dos poderosos ou polo aumento da corrupción.
Cantigas de Sátira Social e Persoal
Burlas de vicios, costumes e defectos físicos, sátiras contra determinadas clases sociais (a avaricia dos infanzóns e dos ricomes).
Cantigas de Sátira Literaria:
Burlas e parodias doutros tipos de cantigas (de amigo e de amor), do amor cortés, ou da escasa habilidade poética doutros trobadores e xograres.
Cantigas de Sátira Sexual:
Referidas aos órganos sexuais, sobre soldadeiras, cornudos, etc.