Lírica Medieval Galego-Portuguesa: Xéneros e Autores Clave
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en gallego con un tamaño de 4,5 KB
A Lírica Medieval Galego-Portuguesa
A lírica medieval galego-portuguesa nace dunha confluencia entre dúas correntes. Por unha banda, os cantares populares de tradición oral, vinculados con labores de carácter agrícola, co baile ou coas diversas estacións do ano. Por outra, o coñecemento que, grazas á existencia do Camiño de Santiago, se vai tendo dunha moda literaria: o "lirismo trobadoresco" que tiña o seu foco de irradiación na Provenza, no sur de Francia. Esa confluencia entre a lírica popular autóctona e a literatura provenzal foi decisiva para a nosa lírica medieval.
Axentes Literarios da Lírica Galego-Portuguesa
O lirismo galego-portugués encádrase dentro das actividades do tempo de lecer da nobreza, como a caza ou os torneos. Daquela, as cantigas medievais non eran textos concibidos para a súa lectura, senón para a súa declamación diante do auditorio nunha corte, case sempre con acompañamento musical. Gozaban de moita importancia:
- Os trobadores: pertencían á nobreza laica ou eclesiástica, principais responsables da composición das cantigas.
- Os xograres: aqueles que recitaban as cantigas, aínda que ás veces as compuñan eles.
- Os menestreis: encargábanse do acompañamento instrumental das cantigas.
- As soldadeiras: mulleres que acompañaban aos xograres nas súas interpretacións, cantando, danzando e realizando exercicios ximnásticos.
Características: Cantigas de Amor e Amigo
As cantigas de amor e amigo presentan diferenzas e semellanzas:
Cantigas de Amigo
- É unha muller namorada a que fala.
- Fan continuas referencias ao amigo.
- Adoitan aparecer outras figuras como "a nai", a amiga ou as forzas da natureza personificadas.
- Teñen unha ambientación naturalista.
- Formalmente, destaca o emprego de paralelismo e repetición.
Cantigas de Amor
- É o trobador quen se expresa; o destinatario é a "señor".
- Reflíctese un amor platónico por unha muller aristocrática.
- Abonda o tópico da morte por amor e o trobador expresa o sentimento de mágoa por non ser correspondido.
- O amor cortés é o eixo destes poemas, deixando de manifesto a posición de servidume do trobador á súa amada.
- Contan cun número variable de estrofas de 4 ou 7 versos.
- Fan uso do exhórdio (elemento introdutorio) e da finda (versos finais que teñen función conclusiva).
Ambas as tipoloxías comparten a súa temática amorosa e o uso de procedementos de repetición nas composicións.
Cantigas de Escarnio e Maldicir
As cantigas de escarnio e maldicir son composicións de carácter burlesco e satírico. Os trobadores e os xograres, a través delas, puideron criticar as persoas e os hábitos do seu tempo. Estas cantigas achéganse a unha gran diversidade de asuntos:
- Algunhas de carácter sexual, destacando as dedicadas ás soldadeiras.
- Outras refírense a feitos históricos ou satirizan vicios, costumes ou defectos físicos.
- Algunhas critican diferentes clases sociais e oficios (médicos, relixiosos).
- Outras son invectivas contra outros poetas.
Diferenza entre Escarnio e Maldicir
A cantiga de escarnio fai unha crítica non directa, encuberta, e a de maldicir emprega unha crítica directa.
Cantigas de Santa María
Coñécense con este nome un conxunto de 427 composicións realizadas na honra da Virxe María entre os anos 1257 e 1282. Son poemas compostos na corte de Afonso X de Castela, baixo a dirección do propio monarca. As composicións poden clasificarse en dous grupos:
- Cantigas narrativas: narran un milagre atribuído á Virxe.
- Cantigas líricas: son textos compostos en forma de oración e loanza á Virxe María.
A Prosa Medieval Galega
A prosa medieval galega conta con tres conxuntos textuais. Os grupos cos que contamos son:
- A denominada "Materia de Bretaña": narracións sobre as aventuras do Rei Artur e os Cabaleiros da Táboa Redonda xunto coa recreación do mito do Santo Graal.
- A "Materia de Troia": relata o acontecido na Guerra de Troia.
- Os "Milagres de Santiago": neles podemos atopar relatos bíblicos, lendas e textos referidos á vida do Apóstolo Santiago.