A Linguaxe da Banda Deseñada: Planos, Ángulos, Textos e Movemento

Enviado por casa y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 6,69 KB

A Banda Deseñada: Unha Linguaxe Narrativa

A banda deseñada, ou cómic, é un medio narrativo que posúe unha linguaxe propia moi semellante a outras linguaxes audiovisuais, coma a do cine. Os dous aspectos que definen esta linguaxe son:

  • O carácter verbicónico: un cómic conta unha historia empregando elementos icónicos e verbais. A función narrativa principal correspóndelles ás imaxes, mentres que o texto ten unha función subordinada.
  • A secuencia baseada na elipse narrativa: a historia cóntase mediante unha sucesión de viñetas secuenciadas. En cada unha das viñetas só aparece representado un certo momento da acción, eliminando os sucesos intermedios. É dicir, entre viñeta e viñeta hai unha elipse narrativa que pode ser mínima ou tan ampla que obrigue a poñer un texto auxiliar para entendela.

Tipos de Plano e Ángulo de Visión

Na banda deseñada, igual que ocorre na televisión ou no cine, sempre se representa unha porción da realidade, a que interesa para o que se quere contar. O encadre é o responsable de acoutar ese espazo imaxinario en que se desenvolven os personaxes. Ao debuxar, como se fose unha cámara, situámonos nun punto dende o que vemos a escena, achegándonos ou afastándonos dos personaxes. Segundo o encadre sexa máis ou menos amplo, defínense diferentes tipos de plano, que se clasifican tomando como medida a figura humana.

Planos

  • Plano xeral: nel aparecen os personaxes ao tempo que se mostra o espazo físico que os rodea. Utilízase para mostrar o espazo no que ocorren os feitos.
  • Plano enteiro: os personaxes están representados de corpo enteiro, ocupando a altura da viñeta. Utilízase cando, sen perder de vista o espazo en que están, queremos que o lector se fixe máis neles.
  • Plano americano: os personaxes aparecen cortados á altura dos xeonllos. Utilízase cando se quere representar unha conversa ou acción na que interveñen varios personaxes.
  • Plano medio: os corpos están cortados á altura do van. Preténdese así que o lector se fixe máis no que din ou na súa expresión.
  • Primeiro plano: na viñeta só aparece o rostro dun personaxe. Conséguese así que lle prestemos toda a nosa atención.
  • Plano de detalle: só se representa un anaco dun corpo ou dunha cousa. A súa función é que reparemos nese pequeno detalle importante para a narración.

Ángulo de Visión

Nunha viñeta, ademais do tipo de plano, hai que considerar o ángulo de visión, que nos indica a altura dende a que vemos a escena: horizontal, dende arriba (picado) ou dende abaixo (contrapicado). Este ángulo de visión cumpre unha función adxectiva.

As Palabras nas Bandas Deseñadas

Aínda que nunha banda deseñada o fundamental é a imaxe, os textos tamén cumpren unha función. O máis importante son os globos. Os globos son os espazos da viñeta nos que se reproduce o que falan ou o que pensan os personaxes. Represéntanse mediante unha liña pechada rematada nun rabo ou delta que nos serve para coñecer quen fala. Nun globo é moi importante a liña externa que o delimita, xa que nos indica cal é a característica do discurso que encerra. Segundo como se escriban as palabras de dentro do globo, así será a intensidade da expresión: forte ou feble. Aínda que son máis raros, ás veces tamén se empregan textos de apoio, que se colocan encerrados nun recadro dentro da viñeta. Só se utilizan cando, por medio do debuxo, é imposible dar unha información necesaria para entendermos a historia. As onomatopeas son as palabras que se utilizan para representar os sons que se producen na acción da viñeta, e é importante non só a palabra, senón o xeito de representala.

Imaxes en Movemento

Como podes observar, na banda deseñada é habitual o uso de liñas que marcan a traxectoria dos corpos para indicar o movemento. Denomínanse signos cinéticos ou liñas de movemento. Hainas de diferentes tipos segundo sexa a traxectoria, e tamén as hai que indican os efectos dese movemento.

Metáforas Visuais

Nestas viñetas, sen empregar palabra ningunha, o debuxante consegue transmitirnos o que está a ocorrer cos personaxes. Faino a través duns debuxos ou signos abstractos; son as metáforas visuais, que en moitas ocasións proceden dunha linguaxe oral.

Alternativas ao Uso do Masculino como Xenérico

Nalgúns casos pódense usar dúas formas, masculina e feminina, sempre que iso non supoña recargar demasiado o texto. Empregar persoa como xenérico pode evitar utilizar o substantivo masculino. Outra alternativa é empregar pronomes neutros que abranguen os dous xéneros. Pódese evitar a utilización de masculinos xenéricos para nomear cargos a través do uso colectivo: os alumnos - o alumnado, os profesores - o profesorado, os mozos - a mocidade, o home - o ser humano/a persoa, os traballadores - o persoal, os médicos - o persoal médico, os nenos - a infancia, as azafatas - os asistentes de voo.

Conxuncións e Locucións Conxuntivas

As conxuncións son as palabras invariables que serven para unir elementos do mesmo nivel xerárquico. As locucións conxuntivas están formadas por un grupo de palabras que fan a mesma función ca a conxunción. As conxuncións e as locucións conxuntivas poden ser coordinantes, subordinadas e oracionais.

CoordinantesCopulativas: e, e mais, nin
Disxuntivas: ou
Distributivas: ou...ou, xa...xa, ora...ora
Adversativas: pero, mais, así e todo, con todo, non obstante
SubordinantesCompletivas: que, se
Temporais: cando, mentres, en canto, así que, até que, dende que, axiña que
De lugar: onde
De modo: como, segundo, de xeito que, sen que
Finais: para que, porque, a fin de que
OracionaisCausais: porque, pois, xa que, xa que logo, daquela, polo tanto, con que
Consecutivas: así que, de maneira que, de xeito que, polo tanto, con que
Concesivas: aínda que, a pesar de que, malia
Condicionais: se, con que
Comparativas: como, que, do que

Entradas relacionadas: