Linguas Minorizadas e Minoritarias: O Caso do Galego
Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Lengua y literatura
Escrito el en gallego con un tamaño de 3,98 KB
Linguas Minorizadas e Minoritarias: O Galego
Introdución
As fronteiras lingüísticas rara vez coinciden coas fronteiras políticas. No mundo hai unhas tres ou catro mil linguas e o número de Estados non chega aos douscentos. É dicir, a gran maioría dos Estados son multilingües no seu territorio. Existen poucos Estados lingüisticamente homoxéneos (Islandia, Liechtenstein, San Marino,...). O habitual é que sexan multilingües (España, Francia, Italia,...), de xeito que o plurilingüismo é o normal e o monolingüismo, menos habitual.
Lingua Minoritaria e Maioritaria
As etiquetas minoritaria e maioritaria só son aplicables en termos numéricos a unha lingua sempre que se compare con outra nun territorio administrativo dado. Unha lingua autóctona é minoritaria no seu territorio cando a porcentaxe de poboación que a usa é baixa, ben pola chegada de poboación foránea, ben polo abandono do idioma por parte do grupo que historicamente a empregou. Pola contra, unha lingua é maioritaria cando a porcentaxe de poboación que a usa nun territorio é a máis elevada.
Lingua Minorizada e Maiorizada
O termo minorizada emprégase para referirse a linguas que no seu territorio se ven ameazadas pola presión exercida por unha lingua máis forte, normalmente foránea. Unha lingua minorizada, independentemente de que sexa maioritaria ou minoritaria, non ten recoñecemento oficial, os seus usos sociais están supeditados aos usos sociais da lingua dominante, ata mesmo ter a súa supervivencia ameazada pola competencia que sobre ela exerce a lingua foránea. Unha lingua é maiorizada ou hexemónica cando, sendo maioritaria ou minoritaria no seu territorio, ten uns usos plenos e as súas funcións sociais están garantidas (ensino, medios de comunicación, administración, xustiza, cultura,...)
Poden darse catro variantes:
- Linguas Maioritarias maiorizadas
- Linguas Maioritarias minorizadas
- Linguas Minoritarias maiorizadas
- Linguas Minoritarias minorizadas
O galego sería unha lingua maioritaria minorizada en Galicia, minoritaria minorizada en Asturias e minoritaria no conxunto do Estado español.
O Galego: Lingua en Vías de Normalización
Centrándonos no noso territorio, o galego segue a ser a lingua maioritaria. A minorización do galego devén da historia de Galicia que consolidou o castelán como lingua maiorizada. A partir do século XIX, coas reivindicacións galeguistas e co cultivo literario do galego, comezou o proceso de normalización e continuaría de xeito progresivo coa chegada da Democracia, coa Constitución e co Estatuto de Autonomía. Os logros máis importantes foron:
- A cooficialización do galego
- A introdución do galego no ensino
- A creación da CRTVG
- A creación dunha variedade estándar
- A produción de campañas institucionais que fomentan o uso do galego
- A promoción da vida cultural en galego (teatro, literatura, música,...)
Podemos ver que houbo un grande avance. Os galegofalantes gozan de maior liberdade e respecto e a maior parte dos seus dereitos lingüísticos están recoñecidos. Ademais, as taxas de substitución lingüística comezan a reverter, de modo que cada vez máis galegofalantes lles transmiten a súa lingua aos fillos, a xente nova xa non se avergoña de falar galego nin considera maleducado ou incorrecto comunicarse na súa lingua cos castelanfalantes, mesmo existen persoas co castelán como lingua materna que se comprometen co galego e pasan a usalo como lingua habitual. Todo isto conleva un aumento no número de falantes, polo que podemos dicir que o galego é unha lingua en vías de normalización, é dicir, está no proceso de conseguir a dignificación cultural e a recuperación social, adquirindo ámbitos de uso que lle foron negados e deixando de ser unha lingua restrinxida ás clases baixas e á comunicación oral no ámbito familiar.