Linguas minorizadas e dominantes: situación e normalización
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras materias
Escrito el en
gallego con un tamaño de 4,86 KB
Linguas minorizadas e lingua minoritaria
É aquela que, sendo historicamente propia dun pobo, está sometida a condicións sociais tales que ve restrinxidas as súas funcións de uso. A competencia desigual con unha ou varias linguas alleas de maior prestixio constitúe o factor básico desencadeante desta situación.
Aspectos a ter en conta
a) A non existencia dun estado que as recoñeza como oficiais. En Europa cómpre facer excepción nos casos do maltés, o luxemburgués e o gaélico irlandés, linguas que ainda sendo oficiais dos correspondentes estados (Malta, Luxemburgo e República de Irlanda, respectivamente), atópanse nunha situación de minorización.
b) A non coincidencia de fronteiras políticas e fronteiras lingüísticas. As primeiras foron establecidas de maneira artificial (mediante tratados, a través de concesións, por herdanza...) mentres que as lingüísticas responden a criterios de formación naturais e históricos, por iso é raro que estas delimitacións coincidan. Neste sentido, poderiamos citar o caso do catalán, lingua que ten un ámbito xeográfico que abrangue puntos de catro estados diferentes (España, Francia, Andorra e Italia).
Linguas dominantes ou hexemónicas
As que gozan dun gran prestixio social, determinado pola existencia dun poder político-económico que as potencia. Cantas máis funcións matrices cumpra unha lingua, maior prestixio social acada. O inglés é unha lingua hexemónica por excelencia, xa que é a que maior prestixio social posúe actualmente no mundo e tamén a que se emprega en moitos países de gran potencial económico (o conxunto de estados que teñen o inglés como lingua oficial representan o 60% da riqueza do planeta).
Exemplos de minorización
O castelán, que é dominante en Galicia está minorizado en Porto Rico fronte ao inglés. O francés, que é hexemónico no Estado francés, está minorizado no Québec (Canadá). Outro exemplo sería o do alemán no norte de Italia.
Linguas minoritarias
Son aquelas que, independentemente da consideración social que teñan, son as que posúen un escaso número de falantes en comparación con outras. Por exemplo, o islandés (200,000 falantes) é minoritaria dentro do conxunto de linguas do mundo xa que o castelán, o chinés ou mesmo o galego, teñen moitos mais falantes. En cambio, o islandés non é unha lingua minorizada, posto que goza de plena normalidade no seu territorio.
Normalización lingüística
É un proceso que ten como obxectivo convertela en vehículo habitual e normal de comunicación entre os cidadáns dunha comunidade. Normalizar o galego consiste en que este recupere a súa implantación en todos os ámbitos da vida (ensino, medios de comunicación, administración, xustiza, comercio, relixión, relacións interpersoais...) e en todos os estamentos sociais; é dicir, que cumpra de facto a totalidade das funcións posibles no seu territorio.
Para poder levar a cabo o devandito proceso compre a intervención de diferentes sectores sociais: a acción institucional do poder político (Xunta de Galicia, Parlamento, deputacións provinciais, administracións locais, etc.) a acción colectiva non institucional (asociacións culturais, de veciños, profesionais...) e a acción individual.
No ámbito público, a institución de rango superior é a Secretaría Xeral de Política Lingüística dependente da Consellería de Educación. Esta é a encargada de desenvolver as intervencións oficiais destinadas á elaboración dun modelo estándar e a recuperación dos ámbitos de uso do galego. Ademais da Secretaria, existen tamén moitos servizos de normalización lingüística en concellos, universidades, etc.
No plano privado, foron tamén xurdindo organizacións con esta mesma finalidade, que superan amplamente o labor e os resultados conseguidos polos organismos oficiais e públicos: a Mesa pola Normalización Lingüística, a Fundación Galicia-Empresa, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega, Pais e Nais polo Ensino en Galego ou a Mocidade pola Normalización Lingüística. Todas elas abordan o seu labor normalizador en diferentes ámbitos da vida pública galega.
O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas... A cultura agraria e mariñeira, que mantivo a lingua, está a desaparecer, ainda que é certo que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua 'ritual'.