Lingua e Literatura Galega: Situación Sociolingüística e Evolución Literaria nos Séculos XX e XXI

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 39,44 KB

Linguas minorizadas e linguas minoritarias

Se nunha comunidade hai dúas linguas en contacto, unha das linguas —a dominante— vai ocupando os ámbitos da outra —a dominada— e provocando a súa substitución. A esta lingua dominada ou recesiva (que vai perdendo usos) chámaselle lingua minorizada e é empregada unicamente nos ámbitos socioculturais máis baixos e ignorada ou desprezada nos máis elevados, dos que foi desprazada pola lingua dominante. O concepto de lingua minorizada é sociolingüístico e nada ten que ver co de lingua minoritaria, que é só cuantitativo. Pode suceder que unha lingua minorizada sexa a maioritariamente falada na comunidade lingüística (o caso do galego), ou pode que non.

A complexidade da composición social da poboación fai imposible un acordo sobre o número de linguas que se falan no mundo, así como sobre o número de falantes de cada unha. No caso europeo, case todos os Estados actuais son plurilingües (mesmo en Portugal é oficial o mirandés). Hai, polo tanto, gran cantidade de linguas minorizadas, pertencentes a comunidades que en moitos casos están divididas por fronteiras políticas, como o éuscaro ou o catalán, xa que non sempre os límites dunha comunidade lingüística coinciden cos dun Estado moderno. O status e o nivel de uso das diversas linguas minorizadas, case todas minoritarias tamén, son moi distintos: o gaélico, lingua oficial de Irlanda, sobrevive como lingua case “ritual”. O catalán e o éuscaro sofren historicamente.

É dentro do actual Estado español onde as linguas minorizadas (galego, catalán e éuscaro) gozan de maior status e son usadas en ámbitos impensables para as anteriores. O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • a) Acción institucional do poder político

    Levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións), elementos indispensables no proceso de normalización, por coherencia e por imperativo legal.

  • b) Acción colectiva non institucional

    Exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración pública, Mesa pola Normalización Lingüística, Pro Lingua, Queremos Galego...) xoga un papel importante na recuperación lingüística fronte ás eivas e esquecementos dos integrantes do grupo anterior.

  • c) Acción individual

    Supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.

Para conseguir o éxito destas accións, é necesario un proceso de dinamización co obxecto de favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando activamente a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua e conciencien e sensibilicen os axentes sociais, producindo un cambio de actitude na sociedade.

O proceso está agora nun momento decisivo. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura (aínda que nos últimos anos están desaparecendo case todas as axudas oficiais). Pero, por outro lado, nunca o perigo de substitución foi tan claro: ausencia importante de transmisión xeracional, presenza mínima nos medios de comunicación de masas...

A cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer; aínda que está a medrar unha nova adhesión noutros ámbitos. Pero esta corrente regaleguizadora non compensa a perda progresiva de falantes. Se esta dinámica continúa, a medio prazo, o galego pode converterse nunha lingua “ritual”. Só a lealdade lingüística, froito dun compromiso individual, pero tamén económico e social, poderá evitar que siga o proceso. Ademais, a aposta pola lingua dos grandes poderes políticos e empresariais será un factor decisivo.

O galego a finais do século XX e comezos do XXI: características lingüísticas fundamentais

No ano 1975 morre Franco e tres anos máis tarde as Cortes democráticas aproban a Constitución actualmente en vigor. Establécese nela a cooficialidade de galego e castelán en Galicia. O recoñecemento oficial prodúcese no ano 1981, no Estatuto de Autonomía, que establece que “a lingua propia de Galicia é o galego” e que “ninguén poderá ser discriminado por causa da lingua”. No ano 1983 entrou en vigor a Lei de Normalización Lingüística, que regula o seu uso nas diversas administracións e servizos.

O galego convértese na lingua oficial da administración autonómica: da Xunta de Galicia e todas as súas Delegacións e do Parlamento. Con lixeiras excepcións, a lexislación cúmprese. O seu ensino é obrigatorio nos niveis de ensino Primario e Secundario, onde se establece tamén que polo menos dúas materias máis deberán ser impartidas nesta lingua. No ensino universitario xa non rexen estas normas. En setembro de 2004 o Parlamento galego aprobou por unanimidade o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega: 445 medidas destinadas a potenciar o galego. En setembro de 2005 o Consello de Europa recomenda que en Galicia o ensino sexa “principalmente en galego”. No curso 2007-2008 entra en vigor o decreto que establece que en Primaria e ESO polo menos o 50% das materias sexan en galego. Xorden voces protestando porque en Galicia xa non se pode estudar en castelán, discriminado fronte ao galego. Mais tamén se protesta porque o galego segue a ser a lingua discriminada e o decreto non se aplica en moitos centros. Na primavera de 2010, un novo decreto reduce a presenza do galego ata un máximo do 50% e pretende introducir como lingua vehicular do ensino o inglés; un retroceso que pode carrear consecuencias moi negativas no futuro. No 2012 os tribunais de xustiza anulan algún dos artigos deste decreto.

Noutras administracións e institucións o galego está case ausente: no ámbito da administración do Estado e da xudicial. A Igrexa Católica permite o seu emprego nas misas, pero a súa xerarquía, case toda foránea, prescinde practicamente do seu uso.

Cualitativamente, está hoxe presente en ámbitos anteriormente impensables: é moi utilizado nas actividades políticas, institucionais, universitarias e culturais. Mesmo parece que o seu uso comercial comeza a ser economicamente rendible e prestixia certos produtos. Cada vez un maior número de profesionais liberais o utiliza normalmente. Neste século XXI temos que ter en conta o seu uso na internet, pois a lingua que quede fóra dela non ten futuro. Hai moitas webs, foros, chats, blogs nos que é frecuente o galego. Temos o OpenOffice e outros programas en galego, ademais dos correctores ortográficos adecuados. Dispoñemos xa de tradutores gratuítos en liña para case todos os idiomas. As compañías de telefonía móbil xa ofertan terminais en galego. Facebook e Tuenti xa están en galego.

Tocante ao plano cuantitativo, a realidade é, porén, cada vez máis negativa: a perda do número de falantes segue acelerándose. Se ben se recoñece que o seu uso é, en xeral, maioritario, todas as enquisas indican que este uso decrece segundo é menor a idade dos entrevistados. Ata hai pouco tempo era a lingua exclusiva no ámbito rural, pero xa non o é. Nas pequenas e grandes vilas, así como nas cidades, cada vez é máis minoritaria.

Na busca dunha norma escrita, entramos na fase do galego estándar; ao haber un estudo sistemático da lingua pódese fixar con maior coñecemento unha norma culta, da que se van eliminando dialectalismos, arcaísmos e hiperenxebrismos, seguindo o camiño xa emprendido na etapa anterior, ao tempo que se adapta á nova situación social (máis ámbitos de uso) e académica (vehículo para outras materias).

O galego ocupa por número de falantes o posto 136, o 49 por libros traducidos, e o 37 por páxinas de Internet. Está claro que se queremos, podemos!

A poesía entre 1936 e 1976: a Xeración do 36, a Promoción de Enlace e a Xeración das Festas Minervais

Como consecuencia da guerra civil, desaparece case por completo a produción literaria en galego durante máis dunha década. A actividade cultural continuada só é posible no exilio, onde poetas como Luís Seoane, Lorenzo Varela e Emilio Pita fan poesía crítica e de compromiso. Dentro de Galicia comeza unha tímida recuperación a partir de 1947, coa publicación de Cómaros verdes, o primeiro libro destacable pola súa calidade. No 1949 sae en Pontevedra a Colección Benito Soto, dirixida por Celso Emilio Ferreiro e no ano seguinte, constitúese a Editorial Galaxia, que abre o camiño para novas editoras en galego.

Esta anómala situación provoca que vexan a luz simultaneamente as obras de tres xeracións diferentes:

I. Xeración do 36

Poetas nados entre 1910-20; a guerra cólleos na súa xuventude, mais foron educados no ambiente cultural do nacionalismo de preguerra. Son poetas de culturas e estilos moi diferentes. Forman parte dela, entre outros, A. Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Aquilino Iglesia Alvariño, María Mariño, etc.

II. Promoción de Enlace

Nados entre 1920-30. Tampouco son un grupo coherente, cada quen trata de buscar o seu estilo. Formados culturalmente en castelán, escriben primeiro nas dúas linguas. Viven o drama social da posguerra e a pobreza cultural dunha sociedade censurada e bastante illados da cultura europea. Luz Pozo Garza, Manuel Cuña Novás...

III. Poetas das "Festas Minervais"

Nados entre 1930-40, non coñecen a guerra civil: Manuel María, Uxío Novoneyra, Xoana Torres, ou Méndez Ferrín... Neles xa existe unha conciencia de grupo, implicándose en feitos colectivos como a restauración das Festas Minervais universitarias ou a creación do grupo Brais Pinto e colaborando no diario La Noche ou na colección Illa Nova de Galaxia. Mantéñense en contacto e comparten afinidades ideolóxicas contribuíndo a crearen as organizacións nacionalistas de esquerdas.

Nun primeiro momento continúan tendencias poéticas de preguerra tematicamente non comprometidas: hilozoísmo, neotrobadorismo, paisaxismo ruralista... Pouco a pouco irán aparecendo formas novas nesta posguerra (aínda que xa tratadas antes na nosa literatura): intimismo —seguindo a liña iniciada por Rosalía—, clasicismo... A forma poética máis característica será a Escola da Tebra ou "poesía do neboeiro": poesía intimista de enfoque pesimista da vida, que mestura contidos existencialistas e fórmulas surrealistas.

A finais dos 50 xorde o realismo coloquial, que foxe da linguaxe poética tradicional e explora as posibilidades da linguaxe da rúa abrindo o camiño á poesía socialrealista. Esta será a liña temática absolutamente dominante ata mediados dos anos 70, cando comeza a se producir a súa decadencia pola abundancia e mais polo descenso de calidade poética, caendo no prosaísmo e no empobrecemento da linguaxe.

Autores destacados

Entre os autores pertencentes a cada unha das tres xeracións centrarémonos nos seguintes:

1. CELSO EMILIO FERREIRO (Celanova, 1912-Vigo, 1979)

Aínda que o éxito da súa poesía social eclipsou o resto da súa obra, non foi a única temática que cultivou:

  • Poesía intimista: influenciada polo existencialismo, mostra un presente pesimista, cheo de soidade e desacougo que o leva a sentir nostalxia da infancia perdida en Celanova, interrógase sobre o sentido da vida, reflexiona sobre o irremediable fuxir do tempo... Escribiu tamén poemas amorosos, para a súa muller, Moraima, cheos de ledicia e optimismo. A obra máis representativa é O soño sulagado (1955) e a esta temática volve na súa última obra Onde o mundo se chama Celanova (1975), engadindo a aceptación do paso do tempo, o presentimento da morte...
  • Poesía satírica: fortemente corrosiva e crítica, que lembra as cantigas de escarnio medievais, ou o Quevedo máis mordaz.
  • Poesía socialrealista: cunha linguaxe moi asequible e coloquial, quere chegar a todo o mundo, non só a unha minoría. Trata temas como a guerra civil e as súas consecuencias, denuncia a explotación dos traballadores, o imperialismo, a ameaza nuclear ou o racismo. No referente á emigración, nun primeiro momento defendeu a necesidade de emigrar, de marchar dunha Galicia e dunha Europa destruídas polas guerras, e vía América do Sur como unha terra de salvación; máis tarde, cando viviu a realidade da emigración en Venezuela, cambiou de pensamento, e defendeu que é dentro da propia nación onde se debe loitar por sobrevivir. A obra máis representativa é Longa noite de pedra (1962), un éxito de vendas, unha das obras da nosa literatura máis veces reeditada. O seu título converteuse nunha metáfora da ditadura franquista e el no poeta máis coñecido dentro e fóra da Galiza, dun modo paralelo ao protagonismo que tiñan Blas de Otero, Salvador Espriu ou Gabriel Aresti, autores de poesía social nas outras linguas do Estado.
2. Manuel Cuña Novás (Pontevedra, 1926-1992)

É representante da Escola da Tebra. A súa obra Fabulario Novo (1952) reflicte un sentimento de angustia e desesperación ante a vida, utilizando imaxes nas que predomina a sensación de sombras, de escuridade.

3. Uxío Novoneyra (O Courel, 1930-Compostela, 1999)

Autor de poucos libros, excelente recitador, a súa poesía é fundamentalmente paisaxística pero profundamente persoal: contemplada desde unha perspectiva case mística, de fusión coa natureza; describe a natureza espida do Courel, onde o ser humano é un elemento mínimo dentro da inmensidade cósmica. Tamén aparece ás veces a preocupación social e política.

4. XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938)

Os seus inicios como poeta están unidos á Escola da Tebra (Voce na néboa, 1957). Escribiu poesía social baixo o heterónimo de Heriberto Bens (sempre formalmente máis coidada que o socialrealismo do momento), pero o seu libro máis importante é Con pólvora e magnolias (1976), que supón un camiño novo na literatura galega, aportando novos temas, nova linguaxe poética... Neste libro combínase a poesía revolucionaria –a pólvora– co lirismo intimista (a lembranza do pasado, o paso do tempo, o amor, a morte) e o luxo estético –as magnolias–. Usa o versolibrismo e multitude de referencias culturais: o celtismo, a poesía medieval, o movemento beat... O ton é nostálxico: mostra con compracencia estética a imposible recuperación do tempo ido e o triunfo da decadencia. 1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e Con pólvora e magnolias —xunto con Mesteres, de Arcadio López Casanova— foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín.

A prosa entre 1936 e 1976: os renovadores da prosa (Fole, Blanco Amor, Cunqueiro e Neira Vilas)

Como consecuencia da guerra civil, a literatura galega deixa de existir como manifestación pública durante máis dun decenio. O centro da actividade literaria desprázase para Latinoamérica, onde os nosos escritores exiliados manteñen o facho da cultura galega.

No 1947 comeza a recuperación coa publicación do primeiro libro de poesía ata a constitución, en 1950, da Editorial Galaxia. En coleccións como Salnés ou Illa Nova conviven xeracións diferentes que comezan a publicar, nun primeiro momento, poesía e un pouco máis tarde, prosa.

Escríbense no exilio a maioría das novelas que relatan vivencias persoais da guerra e a represión, que serán publicadas xa na democracia.

Correntes da prosa de posguerra

  1. Continuación da prosa da Xeración Nós: Risco, Otero Pedrayo ou Carballo Calero, pertencente á Xeración do 36 e autor da primeira novela de posguerra, publicada no 1951, A xente da Barreira, que narra a vida de varias xeracións dunha familia fidalga.
  2. O realismo fantástico: representado pola obra de A. Cunqueiro. Trátase dunha literatura que mestura elementos culturalistas de orixe árabe (Simbad), grecolatina (Orestes) ou nórdica (Merlín) con recursos provenientes do mundo popular, de xeito que consegue ligar o máis profundo da nosa imaxinación colectiva a temas literarios de carácter clásico.
  3. O realismo popular: representado por Ánxel Fole. O popular ascende á categoría de culto a través dun texto que nunca se afasta do relato oral, da xeografía luguesa, da lingua dialectal. Non hai –como en Cunqueiro– presenza de cultura libresca.
  4. O realismo social: representado por E. Blanco Amor. Situadas no Ourense de principios do século XX, plasman a vida das clases obreiras ou marxinais, denunciando as inxustizas que padecen.
  5. O realismo rural: representado por Xosé Neira Vilas, coñecedor de primeira man das penurias da vida labrega, non exento de denuncia.
  6. A Nova Narrativa Galega: que nacerá da man dos autores máis novos, como Ferrín, Mourullo ou Casares, unha prosa totalmente diferente e moderna.

Autores e obras principais

I. ÁLVARO CUNQUEIRO (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981)

Poeta antes da guerra, foi despois autor de éxito en prosa (en castelán levou o premio Nadal no 1961). Podemos destacar as seguintes características:

  • Mestura de realismo e fantasía: Personaxes da literatura universal (Merlín, Sinbad...) comparten con xentes do pobo galego vivencias e preocupacións (Dona Xenebra atende a cociña, a Merlín enferrúxaselle o camiño de quita e pon...).
  • Predominio da oralidade no estilo: De neno escoitou moitos contos de boca da nai e na botica do pai, o que influíu no seu gusto pola maneira tradicional de contar, cheo de apelacións ao oínte, comentarios do narrador, alusións ás fontes...
  • Tendencia á disgregación da novela: Non hai unha estrutura clásica de presentación, desenvolvemento e desenlace, senón unha técnica de relato dentro do relato, ou relatos sucesivos cun débil fío argumental.

É representativa Merlín e familia (1955), a súa primeira obra narrativa en galego, recreación da materia de Bretaña desde a particularidade dunha perspectiva galega.

Escribiu tamén libros de semblanzas, breves retratos de personaxes populares con toda a aparencia de seres reais, aínda que ás veces os seus poderes ou aventuras sexan de natureza marabillosa, relacionados coas crenzas da nosa cultura tradicional.

II. ÁNXEL FOLE (Lugo, 1903-1986)

Despois da guerra viviu nas montañas de Lugo (Incio, Quiroga, Courel...) dando clases particulares. A súa obra está formada case exclusivamente por libros de contos (os principais Á lus do candil, 1953 e Terra Brava, 1955) ambientados nesas montañas de Lugo e escritos coa lingua que alí se fala. Seguen a técnica dos contos populares, tradicionais, que se contaban antes “á luz do candil” entre varias persoas. Tamén os temas seguen esa tradición oral: contos de lobos, de aparecidos e premonicións da morte; de lendas populares (a Santa Compaña...) combinados cun agudo sentido do humor e normalmente explicados pola lóxica.

III. EDUARDO BLANCO AMOR (Ourense, 1897-Vigo, 1979)

Toda a súa narrativa se desenvolve en Ourense (que el chama Auria) a principios de século, no ambiente que el vivira de neno. Debemos destacar as súas dúas novelas, que todos os críticos consideran entre as mellores de toda a nosa literatura:

  • A esmorga (1959): participa da renovación na narrativa galega da época, tanto na temática (protagonismo compartido, das clases populares) como na forma (técnica telefónica). É a declaración perante un xuíz dun acusado que relata a historia tráxica del e dous compañeiros, todos homes marxinais, en 24 horas de bebedela e que acabará coa morte de todos.
  • Xente ao lonxe (1972): é unha radiografía do Ourense de principios de século a través da experiencia dun grupo de traballadores, vinculados a organizacións de carácter obreiro e sindical, que loitan por unha escola laica e popular fronte á burguesía que pretende unha escola relixiosa. É en certa medida a antítese de A esmorga, pois nesta os conflitos fican reducidos ao plano persoal dos protagonistas, mentres que en Xente... son descritos desde a perspectiva da colectividade. Técnica e tematicamente é a máis complexa pois ten un enfoque polifónico, de perspectiva múltiple, ao mesturar diferentes narradores: desde un obxectivo en 3ª pers. até varios (protagonistas ou testemuñas de determinados feitos) en 1ª. O principal é Suso, neno de 12 anos que vai madurando ao longo da obra. No tema mestura a historia da familia de Suso, o nacemento do sindicalismo en Auria e numerosas historias secundarias.

IV. XOSÉ NEIRA VILAS (Gres, 1928-2015)

Aínda que incorpora algunha técnica innovadora, está moi afastado dos autores da NNG. Podemos clasificar a súa obra en torno a dous focos:

  • Galicia interior: Plasman a sociedade campesiña, marcada pola opresión e pola pobreza económica, cultural e ideolóxica. Os personaxes semellan incapaces de escapar dese mundo atrasado onde impera a dominación política e relixiosa nun clima de sometemento e resignación. Unhas son de protagonismo infantil (pero non literatura infantil) e outras de protagonismo adulto. A máis sobresaliente é Memorias dun neno labrego (1961), o libro máis lido da literatura galega e traducido a moitas linguas. Trátase dunha novela de estrutura sinxela, en boca dun neno que non se conforma con esa vida e se ve obrigado a emigrar.
  • Galicia emigrante: Mostran os problemas xerados a causa da emigración forzosa: a morriña da terra, o illamento e as dificultades de adaptación ao mundo urbano, a loita por saír da miseria... Exemplo: Historias de emigrantes (1968).

Tamén escribiu literatura infantil (Espantallo amigo, 1971, entre outros) e ensaios.

A Nova Narrativa Galega. Características, autores e obras representativas

Na década dos 50, cando se inicia a recuperación da literatura galega, xorde un grupo de mozos que incorpora á nosa narrativa novos motivos e novas técnicas relatoras. Do mesmo xeito que os homes do grupo Nós supuxeran un achegamento ás novas tendencias culturais de Occidente, son os integrantes da Nova Narrativa Galega (NNG). Non se pode falar en sentido estrito dunha escola ou grupo homoxéneo, mais úneos a súa formación universitaria, con claras inquietudes galeguistas, viaxeiros por Europa e coñecedores da literatura europea e americana. No plano literario, a súa intención innovadora e o desexo de ruptura formal coa tradición narrativa.

Aínda que o nome é un calco de Nouveau Roman –movemento contemporáneo francés–, non é esta a única influencia, nin sequera a máis destacable. Participan da concepción desintegradora da novela tradicional practicada por escritores do século XX (desde os anos 10 até o nouveau roman) que foxen do relato da biografía —a vida literaria— dun heroe problemático. Interesa a narración sen andadura lóxica, mesmo sen protagonista individual e sen historia: recollen de M. Proust a descrición minuciosa dos estados de ánimo (novela psicolóxica); de Kafka o mundo atormentado, con protagonistas illados e impotentes ante unha realidade estraña e absurda; de J. Joyce a exploración do monólogo interior; de W. Faulkner a destrución da lóxica temporal (retrospeccións, prospeccións, minutos eternos, eternidades brevísimas...); do psicanalista Sigmund Freud a presenza do complexo mundo do subconsciente (traumas, soños, símbolos...).

O Nouveau Roman propugna o obxectalismo, concédelle ás cousas a mesma importancia que aos personaxes, que deixarán de ser o centro. O protagonista fica reducido a un pronome EU, TI..., cuxa identidade non interesa, que se atopa perdido, que busca non sabe que, que non sabe por que está aí... E para presentarnos as situacións sérvese da vista, que percorre a superficie das cousas, presentándonos as formas, límites e contornos (como unha cámara de cine). A obra de arte redúcese a un puro formalismo, a unha construción enxeñosa e artificiosamente técnica. En palabras de Mª Xosé Queizán, unha das autoras, procúrase “elaborar a novela sen tema, sen andadura lóxica, sen busca; non hai heroe nin historia, nin anécdota”.

CARACTERÍSTICAS

A) No relativo ao argumento, ao tema:

  • Abandono do antropocentrismo.
  • Localización espacial imprecisa, sen identificación física.
  • Ambientes urbanos.
  • Ausencia de preocupación inmediata polos conflitos do país, que só se albiscan nun segundo plano en clave simbólica.
  • Mestura de realidade e mundo fantástico, onírico.
  • Exploración de situacións estrañas e opresivas, nos límites do absurdo.
  • Presenza do sexo (escasamente apreciable na literatura anterior) e da violencia, que moi frecuentemente leva emparellada a morte.

B) Formais:

  • Monólogo interior.
  • Distorsión temporal, botando man da retrospección ou "flash-back", da técnica de montaxe de diferentes planos con independencia do curso lineal en que se sucedan, ou da ralentización de acontecementos, como a cámara lenta do cine.
  • Pluralidade de voces narrativas, que se alternan e superpoñen, mesturando ás veces as persoas gramaticais.
  • Enfoque obxectalista no que o narrador non rexistra máis que os feitos que percibiría unha cámara.

O corpus da NNG abrangue unhas vinte obras publicadas entre 1954 (Nasce un arbre, de Gonzalo R. Mourullo) e 1971 (Adiós, María, de Xohana Torres).

Autores destacados

O autor máis destacado é XOSÉ LUÍS MÉNDEZ FERRÍN (Ourense, 1938), cunha obra moi extensa e moi relacionada entre si, formada por novelas e relatos curtos que comparten a creación dun mundo fantástico, con forte presenza de violencia e elementos políticos tratados de forma alegórica. Nela podemos destacar tres etapas:

  • Nova Narrativa Galega (1961-1971): Predominio da técnica experimental sobre o interese argumental. Tematicamente, trata o absurdo e a falta de sentido da vida, con influencia do existencialismo. O crepúsculo e as formigas (1961) é un conxunto de relatos nos que deforma a realidade facéndonos dubidar se o que narra é real ou imaxinario. Pero o máis importante vai ser a violencia para mostrar situacións de opresión e miseria, é dicir, para mostrar unha realidade. A violencia, que forma parte do absurdo da existencia, prodúcese en seres atormentados e nun espazo escuro que semella ser o culpable. Na novela Arrabaldo do norte (1964), sen seguir ningún modelo francés determinado, vese que hai unha forte vontade tecnicista (técnica obxectalista), superpondo a estrutura narrativa ao interese do relato. Presenta un home incapacitado para a comunicación, con diálogos inútiles, que anda perdido polas rúas á procura dun cambio na súa vida que non dá conseguido.
  • Segunda etapa (1971-1980): Maior riqueza temática e omnipresenza da preocupación política.
  • Terceira etapa (a partir de 1980): Caracterízase por unha volta á fantasía e ás recreacións míticas e maior preocupación estilística, con Tagen Ata —Galiza— entre fábulas imaxinarias que encerran unha denuncia social.

Outro autor que comezou coa Nova Narrativa Galega foi CARLOS CASARES (Ourense, 1941-Vigo, 2002), pero as súas mellores novelas son posteriores e de feitura moito máis clásica. Nesta corrente inscríbense o libro de relatos Vento ferido (1967) e a novela Cambio en tres (1969).

A súa prosa posterior é (tal como defendía Castelao) sinxela pero moi traballada, para resultar natural e interesar a un amplo número de lectores.

A literatura do exilio entre 1936 e 1976: poesía, prosa e teatro

Cando se produciu o alzamento militar contra a República comezou a represión brutal: xuízos sumarísimos, paseos, depuracións...

Algúns optaron pola fuxida cara a Portugal, outros pola resistencia armada: a guerrilla. Durante a guerra, os fuxidos perseguían a supervivencia. Despois (ata 1950), convértese nunha auténtica resistencia ao franquismo, organizándose en grupos dirixidos por militantes comunistas (coa esperanza de que a derrota do nazismo supuxese a fin do Réxime). Aparecen xefes guerrilleiros moi populares e carismáticos. O PCE retíralles a axuda a partir do 53 e o último guerrilleiro morre no 65.

O galeguismo político foi marxinado e perseguido pola ditadura. O Partido Galeguista mantivo actividade nos 40 con Ramón Piñeiro como enlace interno e co exterior e da súa man desapareceu no 1950 para dar paso ao galeguismo cultural de Galaxia. Tamén no exilio mantivo a súa presenza a través do Consello de Galiza (1944), especie de goberno galego, presidido por Castelao. Foi o PCE a única organización antifranquista con certa presenza social na Galiza (co apoio á guerrilla).

Nos anos 40 a cultura galega mantívose unicamente fóra de Galiza cos EXILIADOS, que se estableceron onde xa había bases de emigrados (Bos Aires, Montevideo, México). Eles continuarán a produción cultural galega (editoriais, radio, revistas, teatro...). De 1940 a 1944 publícanse en América 18 libros en galego e varios en castelán sobre a nosa cultura; aquí, nada de nada.

A figura máis importante será Castelao, polo seu labor político e cultural, que en Bos Aires estrea Os vellos non deben de namorarse (1941; en Galiza publicarase no 1953 e estrearase no 1961), publica Sempre en Galiza (1944, aínda que os inicios foron escritos antes da guerra civil) e As cruces de pedra na Galiza (1950).

I. Poesía

Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979)

Veu de neno para Galiza e no 36, logo de meses na clandestinidade, puido saír do país. Volveu no 1963. Polifacético (máis coñecido como pintor), en Bos Aires tivo unha actividade variada e intensa: funda revistas (Galicia emigrante), fai radio, ilustra libros... Xa en Galiza crea con Isaac Díaz Pardo o Laboratorio de Formas de Galicia, orixe da cerámica de Sargadelos.

Podemos caracterizar a súa poesía cos seguintes trazos:

  • Estilo realista, ás veces case xornalístico.
  • Poesía sobria, discursiva, mais chea de forza e de paixón comunicativa.
  • Dominio do verso longo, case prosaico, seminarrativo.
  • Temática preferentemente social, con predominio do tema da emigración tratada desde a perspectiva dos propios emigrantes.
  • Escaseza de poemas persoais, nos que fale o propio eu de Seoane.

Fardel de exiliado (1952) é un dos seus títulos. Escribiu tamén teatro (escrito en galego aínda que publicado en castelán).

Lorenzo Varela (A Habana, 1916–Madrid, 1978)

Escribe dous libros de poesía en galego, o máis significativo dos cales é Lonxe (1954). Dúas temáticas dominan o libro: unha mítico-histórica baseada na guerra civil na que canta ós guerrilleiros antifranquistas e outra saudosa, en torno á ausencia da Terra e ao exilio.

II. Narrativa

Escritas no exilio e case todas publicadas na democracia. Son obras realistas e cargadas de elementos autobiográficos que tratan o tema da guerra civil, así como o dos anos inmediatamente posteriores. O mundo dos fuxidos, da guerrilla antifranquista e da represión son debuxados nuns textos directos que case sempre empregan un narrador en 1ª persoa, outorgándolle deste xeito unha confidencialidade notable á historia:

  • Non agardei por ninguén, Ramón de Valenzuela, Bos Aires, 1957.
  • Era tempo de apandar, R. de Valenzuela, 1980.
  • O silencio redimido, Silvio Santiago, 1976.
  • O siñor Afranio –ou como me rispei das gadoupas da morte-, Antón Alonso Ríos, 1979.

Pero tamén se publican obras clave da nosa literatura como A Esmorga, de Blanco Amor ou Memorias dun neno labrego (1961) de Neira Vilas, un dos libros máis lidos de toda a narrativa galega e traducida a múltiples linguas.

A poesía de fins do XX e comezos do XXI. Temas e autores dos 80 e dos 90. Poetas e tendencias actuais máis relevantes

1975 foi o ano do cambio. Morre Franco e comeza para Galicia –e para España– a etapa democrática máis extensa de toda a súa historia. A presenza da lingua e a literatura galegas no ensino e a oficialidade do noso idioma supoñen un impulso sen precedentes para a promoción da literatura en galego: multiplícanse as empresas editoriais, os premios e revistas literarios.

No campo da poesía, Con pólvora e magnolias (xunto con Mesteres (1976) de Arcadio López Casanova) foi quen marcou ese cambio. Tiña que vir dado por un home metido de cheo na política e na protesta social como Xosé Luís Méndez Ferrín. O libro rompe co socialrealismo e abre temas novos e variados: intimismo existencial, metafísica, mitoloxía cultural, político-social, redescobre a linguaxe, e aparece un novo estilo máis culturalista.

Características da poesía dos anos oitenta

  • Ruptura co socialrealismo. Prodúcese un distanciamento entre o poeta e a sociedade.
  • Busca de novos suxeitos líricos (=negación da perspectiva autobiográfica).
  • Experimentación e interdisciplinariedade (coa música, a plástica...).
  • Culturalismo e intertextualidade (emprego de referencias culturais variadas: literarias, filosóficas, mitolóxicas, musicais...).
  • Integración de elementos da cultura urbana e marxinal: drogas, depresións, etc.
  • Incorporación do erotismo explícito.
  • Recreación mítica.
  • Preocupación formalista, barroquismo. A poesía é a arte da linguaxe.

Aínda que é moi difícil facer unha selección dos autores máis importantes do momento (por non haber o suficiente distanciamento nin perspectiva histórica) nin unha clasificación dos mesmos, faremos unha selección utilizando un criterio moi subxectivo de gustos persoais e buscando non recargar a exposición de nomes e títulos.

A cabalo aínda entre o socialrealismo e as novas tendencias está DARÍO XOHÁN CABANA (1952), moitas das súas poesías serán cantadas por grupos como Fuxan os Ventos; gran dominador do verso e a linguaxe, é tamén tradutor ao galego de Dante e Petrarca, ademais de nome recoñecido na narrativa actual. Os primeiros tanteos renovadores (1976-78) virán da man de varios colectivos poéticos de curta duración: Rompente (entre os seus membros Antón Reixa e Manuel Romón), Alén e Cravo Fondo. A partir de 1980 consolídase a renovación coas características antes citadas pero non compartidas por todos; non hai unha escola, son diferentes escollas estéticas e voces singulares. Entre eles están:

  • MANUEL VILANOVA (1944), mítico e simbolista, escribe E direivos eu do mester de cobras (1980), etc.
  • XOSÉ Mª ÁLVAREZ CÁCCAMO (1950), aberto á realidade a través de vivencias familiares, escribe Praia das furnas (1983), etc.
  • MIGUEL ANXO FERNÁN-VELLO (1958): o amor, o corpo, o desexo... e tamén a sombra e a ausencia son os seus temas poéticos.

Tendencias a partir dos anos noventa

A partir dos anos noventa é máis difícil aínda falar de tendencias comúns, dado o carácter individualista de cada poeta. A pluralidade é a tónica dominante. Desde o punto de vista formal, achamos desde propostas clásicas (os sonetos de Miro Villar) ata o versolibrismo. Ao lado da expresión contida, o minimalismo e a depuración máxima atopamos poetas torrenciais, case narrativos. Ao lado da expresión directa e sinxela, a presenza do símbolo e o hermetismo. Desde o punto de vista temático, uns autores adoptan unha actitude desmitificadora, combativa ou provocadora (no sexual, no ideolóxico, no literario...), mentres outros teñen enfoques máis tradicionais (amor, desamor, soidade, morte...).

Algunhas tendencias máis ou menos compartidas poderían ser:

  • Linguaxe máis directa e coloquial, que resulta máis próxima ao lector.
  • Predominio dos recitais, para producir un contacto entre o poeta e o ouvinte, máis que entre o poeta e o lector, nun intento de democratizar a poesía.
  • Tratamento de temas sociais con novas sensibilidades: insubmisión, ecoloxismo, feminismo...
  • Algúns difunden tamén os seus versos a través de Internet, tanto en versión texto como en audio e vídeo.

Prodúcese tamén unha importante incorporación da muller á poesía, xa iniciada na década precedente, que proporciona unha nova vertente feminina e feminista (deconstrución do universo masculino-machista, erotismo e sexualidade femininos...): Luísa Villalta, Chus Pato, Iolanda Castaño, Lupe Gómez... Evidentemente, seguen publicando a maioría dos autores anteriores e xorden multitude de novos autores: Xosé Carlos Caneiro, Anxo Quintela, Millán Otero, Miro Villar, etc., etc.

Resumo sobre o Estatus e a Normalización do Galego

É dentro do actual Estado español onde as linguas minorizadas (galego, catalán e éuscaro) gozan de maior status e son usadas en ámbitos impensables para as anteriores. O actual marco legal (Constitución do 78, Estatuto de Autonomía, Lei de Normalización Lingüística e Plan Xeral de Normalización Lingüística) senta as bases que poden conducir á recuperación e á normalización da lingua, mais cómpre a intervención dos diferentes sectores sociais:

  • Acción institucional do poder político: levada a cabo polas Administracións públicas de Galicia (Xunta, Concellos e Deputacións).
  • Acción colectiva non institucional: exercida por asociacións e colectivos (Nova Escola Galega, Asociación de Funcionarios da Administración Pública...), xoga un papel importante na recuperación lingüística.
  • Acción individual: supón un esforzo persoal e consciente para romper hábitos e condutas de desleixamento cara á situación social do idioma. Esta acción resulta claramente insuficiente sen o apoio dos grupos anteriores.

Para conseguir o éxito destas accións, é necesario favorecer comportamentos positivos cara ao idioma, implicando a colectivos e individuos a través de medidas que promovan o uso da lingua, conciencien e sensibilicen, producindo un cambio de actitude na sociedade. Nunca, desde a Idade Media, o galego dispuxo de tantas armas: oficialidade, mellora na consideración social, presenza no ensino e na cultura. Non obstante, a cultura agraria e mariñeira, que foi a que mantivo a lingua, está a desaparecer.

Entradas relacionadas: