A Lingua Galega nos Séculos Escuros e a Ilustración: Decadencia e Bases do Rexurdimento
Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras
Escrito el en
español con un tamaño de 9,97 KB
O Galego Medio: Contexto Histórico e Decadencia
A consecuencia da uniformidade política, administrativa e relixiosa imposta polos Reis Católicos, o castelán convértese en Galicia na única lingua oficial para a administración civil e eclesiástica, e compartiu co latín o carácter de lingua da cultura. O galego perderá os seus usos formais desde a Idade Moderna. O galego reduce o seu ámbito de uso aos rexistros coloquiais da vida cotiá. A principios do século XIX, as clases máis acomodadas das cidades e das vilas e a fidalguía rural, estarán castelanizadas.
Os Séculos Escuros (Séculos XVI, XVII e XVIII)
Os séculos XVI, XVII e XVIII constitúen o período do galego medio, o máis delicado na historia, pois a cultura de expresión galega cae nun estado de prostración que coincide cos momentos máis brillantes das letras castelás e portuguesas. Malia isto, o galego era a única lingua que falaba en Galicia a gran maioría da poboación, rústica e urbana.
O Galego nos Séculos XVI e XVII
O Renacemento fai que as linguas romances sexan foco de atención e que aparezan as primeiras gramáticas: a do castelán en 1492 (obra de Antonio de Nebrija) e a do portugués no 1536 (de Fernão de Oliveira). Entrementres, o galego practicamente só se conserva no plano oral e no nivel popular. Desta época dispoñemos dalgúns textos non literarios e escasas mostras de poesía renacentista e barroca. Conservamos varias cartas escritas en galego polo Conde de Gondomar ou dirixidas a el.
O galego non ten consideración de lingua de cultura cando se inventa a imprenta e, polo tanto, non se beneficiou do enorme pulo difusor que este enxeño proporcionou ás linguas clásicas e modernas. En Galicia só se imprimen textos en latín ou en castelán. A Igrexa tivo unha gran responsabilidade neste proceso de asimilación en favor do castelán.
O Século XVIII e a Ilustración: Bases para o Rexurdimento
Coa chegada dos Borbóns, o século XVIII significa o reforzamento do centralismo político, pero, ao mesmo tempo e da man dos ilustrados, xorden os primeiros sinais de inquedanza e denuncia da inxustiza en Galicia, así como as propostas de solución encamiñadas a mellorar as condicións de vida e a educación. Para iso crearon institucións en Lugo e Santiago como a Sociedad Económica de Amigos del País, ou na Coruña como a Academia de Agricultura del Reino de Galicia.
A Idade Moderna foi o principio dun bilingüismo diglósico a partir da metade do século XVII, cando os ilustrados toman conciencia do problema e sentan as bases para a súa superación. Aínda que non mellora a situación do galego, si que houbo certo cambio na consideración da lingua, mercé a algúns ilustrados que inician estudos e realizan propostas encamiñadas á normalización, como:
- Ensino do galego e o seu uso instrumental na educación.
- Uso na difusión da doutrina católica.
- Obrigatoriedade do coñecemento da lingua por parte dos funcionarios de Galicia.
Estes son os primeiros pasos para facer posible o rexurdir cultural do século XIX.
Figuras Clave da Ilustración Galega
Frei Benito Xerónimo Feixoo
- Defendeu que o galego procedía do latín e negou a condición de dialecto do galego.
- Equiparou o galego co castelán e o portugués.
- Defendeu a igualdade entre homes e mulleres e censurou a tortura.
- Non deixou textos en galego.
Obra Principal:
- Teatro Crítico Universal. Obra fundamental da Ilustración en castelán. Trata sobre diversas materias.
Padre Sobreira
Traballou nun dicionario galego. Detectou o que el denominaba «champurrado», o «castrapo» da época.
Obra en Galego:
- Idea de un diccionario de la lengua gallega.
Frei Martiño Sarmiento
- Profesor de teoloxía; discípulo e seguidor do P. Feixoo.
- Grande estudoso da lingua en varios dos seus aspectos.
- Criticou a imposición do castelán en Galicia e propuxo medidas para os escolares.
- Criticou a castelanización da Igrexa e a introdución en Galicia de funcionarios alleos e propuxo medidas a prol de galeguizar a Administración e o estamento eclesial.
- Combateu os prexuízos existentes sobre o galego e falou da necesidade de producir obras sobre o galego e recoller a súa literatura oral.
- Tamén realizou estudos sobre historia natural.
Obra en Castelán:
- Sobre el origen de la lengua gallega.
- Catálogo de voces y frases de la lengua gallega.
- Onomástico etimológico de la lengua gallega.
- Catálogo de voces vulgares, y en especial de voces gallegas de diferentes vegetables.
Obra en Galego:
- Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 galegos rústicos. Obra sen rematar na que se pretende explicar as características léxicas do noso idioma.
A Literatura dos Séculos Escuros e da Ilustración
Literatura Oral e Popular
A literatura de tradición oral é o conxunto de manifestacións literarias de carácter verbal que residen na memoria do pobo xa que foron creadas, transmitidas e conservadas por el. Ten grande importancia xa que adoita reflectir a identidade e os valores dunha comunidade, así como a sabedoría acumulada ao longo dos tempos.
O interese pola nosa literatura oral comezou cando os ilustrados se decataron de que a recuperación da tradición contribuiría ao restablecemento da lingua. As primeiras mostras dunha pequena parte da nosa literatura oral foron recollidas polo Padre Sarmiento e polo Padre Sobreira no século XVIII. A partir de aí realizáronse diversas compilacións no Rexurdimento e no século XX.
Manifestacións Literarias Orais
A nosa literatura oral desenvólvese en tres modalidades básicas:
- Manifestacións en prosa (relatos curtos).
- Manifestacións en verso (basicamente cantigas).
- Manifestacións dramáticas (teatro popular).
Formas en Prosa da Literatura Oral
O Conto: Breve narración en prosa na que se relata unha historia de ficción. Clasificación:
- Contos marabillosos (maxia...).
- Contos de animais, costumes...
- Chistes e anécdotas.
A Lenda: Relato en prosa ou verso, no que predomina o sobrenatural. Clasificación:
- Etiolóxicas: explicación das orixes de antecedentes xeográficos, topónimos...
- Haxiofráficas: vidas de santos.
- Históricas: fazañas heroicas, batallas, etc.
Formas Versificadas da Literatura Oral
- Cantigas infantís: Composicións monótonas, de ritmo lento, usadas para entreter ou adormentar aos nenos. Subtipos: arrolos ou cantigas de berce; cantares de xogo.
- Cantigas de labor: Subtipos: cantar de arada, de arrieiro, de canteiros...
- Cantigas de festa: Cantadas nas festas. Subtipos: panxoliñas, cantares de aninovo, cantares de Reis; cantigas de entroido, maios...
- Cantigas de romaría e santuario: Fan referencia a romaxes e santuarios nos que se rende culto a santos avogosos. Cántanse nas romarías ou nos camiños que conducen a elas; moitas son de carácter relixioso.
- Cantigas de divertimento: Frecuentemente acompañadas de baile ou instrumentación, a súa finalidade básica é a de divertimento. Subtipos:
- Alborada (celebrar a chegada da alba).
- Alalá (canto de ritmo libre, así chamado polo retrouso que leva).
- Desafío (disputa dialéctica improvisada en verso de ton irónico ou burlesco).
- Regueifa (variante do desafío, orixinalmente interpretado no banquete de voda).
- Muiñeira (estrofa que acompaña a danza e a melodía do mesmo nome).
- Cantar de cego.
A Literatura Culta
Poesía Tradicional (Séculos XVI-XVII)
Coñecida como poesía de circunstancias:
- Pranto da Frouseira (finais do século XV): anónimo; 32 versos, sobre Pardo de Cela.
- Saqueo de Cangas polos turcos: anónimo; referencia aos acontecementos sufridos polos habitantes da vila.
Poesía Académica
Poesía Renacentista:
- Soneto de Monterrei: Diogo Bernardes; poema dialogado no que un cabaleiro lle declara o seu amor a unha pastora.
- Soneto: Isabel de Castro e Andrade; composición dedicada a Alonso de Ercilla, que nese ano publica a segunda parte de La Araucana.
Poesía Barroca:
- Soneto Respice Finem: poema sobre a fugacidade do tempo.
- Soneto con falda: Xoán Gómez Tonel; chamado así por conter, ademais dos dous cuartetos e os dous tercetos, un engadido final de oito versos.
- Composicións das Festas Minervais: varios autores; composicións presentadas ao concurso das Festas Minervais e recollidas nun libro xunto con outros poemas. Son 9 romances duns 80 versos que loan a figura do arcebispo Alonso III de Fonseca.
Poesía do Século XVIII
- Coloquio de Perico e Marica ou Coloquio de 24 galegos rústicos: Frei Martiño Sarmiento; obra de gran riqueza léxica, conxunto de 1201 coplas de estilo popular.
- Soneto A Filida: Xosé Andrés Cornide Saavedra; de gran calidade.
- Décimas: Xosé Andrés Cornide Saavedra; creadas co gallo do primeiro aniversario de Carlos III como rei.
- 15 poemas: Diego A. Zernadas; poeta máis fértil do século XVIII en galego, versos satíricos, manifesta un profundo amor por Galicia.
- Romance ao señor abade de Fruíme: Mª Francisca de Isla e Losada; de carácter humorístico dedicada ao cura.