A Lingua Galega no Século XX: Hitos, Represión e Rexurdimento

Enviado por Chuletator online y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 3,71 KB

O galego no século XX: Período de preguerra

A inicios do século XX, danse catro avances importantes para a lingua galega:

  • A aparición das Irmandades da Fala (A Coruña, 1916), que marcou o inicio da loita pola dignificación e ampliación de usos do idioma galego.
  • A Xeración Nós, creadora da prosa moderna galega, que pretendeu modernizar e universalizar a cultura galega mediante a revista Nós.
  • O Seminario de Estudos Galegos, creado coa intención de que Galicia tivese unha institución capaz de elaborar estudos científicos dos máis diversos temas. Eles serán os grandes potenciadores da prosa científica e técnica en lingua galega.
  • Coa chegada da República, en 1931, todo o galeguismo confluíu no Partido Galeguista, que tivo como principal obxectivo a redacción dun Estatuto de Autonomía que recoñecese a cooficialidade do galego. Este Estatuto foi aprobado polas Cortes españolas en 1936, pero o golpe de Estado franquista impediu que entrase en vigor.

Aínda que todas estas iniciativas foron positivas para o galego, o proceso de castelanización da sociedade galega seguiu avanzando e mesmo incrementou o seu ritmo nas primeiras décadas do século XX. O castelán pasou a ser a lingua habitual de relación para un número cada vez maior de falantes das máis diversas capas sociais e, en numerosos ámbitos de uso, continuou a usarse de modo case exclusivo, destacando a Igrexa e o ensino.

O galego no século XX: Período de posguerra

O triunfo do franquismo supuxo a fin da recuperación do galego. A cultura en lingua castelá tamén sufriu represión, pero as outras linguas convertéronse en clandestinas, de uso familiar e coloquial, e o seu uso público foi perseguido, aínda que nunca houbo leis explícitas a este respecto.

Esta situación provocou un aumento da diglosia, o comezo do proceso de ruptura da transmisión interxeracional e a diminución do sector monolingüe en galego. A pesar de todo, o galego seguiu a ser a lingua maioritaria nas relacións orais e familiares (no ano 1975, ao final desta etapa, un 75-80% da poboación era galegofalante).

Entre 1936 e 1950, durante a fase máis dura do franquismo, a loita cultural só puido continuar no exilio.

A recuperación a partir dos anos 50

A partir dos anos 50, a ditadura suavizouse. Neste marco xurdiu a editorial Galaxia, creada por un grupo de galeguistas como Ramón Piñeiro, que propiciou a recuperación escrita do galego, editando obras literarias e promocionando o ensaio e a prosa científica.

Avances nos anos 60

Na década dos 60 continuaron os avances. Pódense destacar os seguintes fitos:

  • Fúndanse os primeiros partidos políticos nacionalistas (UPG e PSG).
  • Xorden asociacións culturais, como O Facho na Coruña.
  • Realízanse traballos fundamentais sobre a lingua, como a Gramática elemental do galego común de Carballo Calero.
  • Comeza a celebrarse o Día das Letras Galegas, dedicado no seu primeiro ano a Rosalía de Castro.
  • A lingua e a literatura galegas incorpóranse aos estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago.

Consolidación nos anos 70

Nos anos 70, aumentou o número de editoriais, a TVE comezou a emitir en galego a media hora do programa Panorama de Galicia e creouse o Instituto da Lingua Galega (ILG) para estudar e promover o uso e a normalización da lingua galega.

Entradas relacionadas: