A Lingua Galega no Século XX: Diglosia, Normalización e Guerra Civil

Enviado por Chuletator online y clasificado en Lengua y literatura

Escrito el en gallego con un tamaño de 4,12 KB

A Lingua Galega no Século XX: Diglosia e Intentos de Normalización

A Situación Sociolingüística Inicial (1900-1936)

A lingua galega de inicios do século XX presentaba gran pureza, aínda que se ía enchendo de castelanismos léxicos e presentaba abundantes dialectalismos e vulgarismos. Estes fenómenos foron causados pola inexistencia dun estándar, a pesar de usarse na escrita literaria desde facía décadas.

O Galego como Lingua Rural e a Diglosia

A poboación galega do primeiro terzo do século XX, maioritariamente rural, empregaba o idioma galego nunha porcentaxe moi alta, sendo este o único código coñecido polas capas sociais rurais e mariñeiras, illadas do mundo urbano e cidadán.

Neses ámbitos formais, o castelán constituía a lingua de prestixio social tras séculos nos que este fora o único idioma do poder, que rexía tamén na escrita. Así pois, o sentimento de **diglosia** imperaba nunha poboación analfabeta que seguía vendo a súa propia fala ausente dos contextos sociais formais.

Primeiros Pasos Institucionais

Malia esta situación, xurdiron importantes iniciativas a prol da lingua:

  • En 1905 fundouse a *Real Academia Galega* (RAG).
  • En 1916 fundáronse as *Irmandades da Fala* (IF), asociación que se encargou de elaborar gramáticas e dicionarios galegos, á parte dos xa existentes no século XIX.

O dicionario da RAG, con todo, quedou a medio elaborar por causa da Guerra Civil.

Factores de Castelanización e Resistencia

Urbanización e Estrutura Social

A crecente urbanización continuou ocasionando a perda de galegofalantes nas cidades e nas vilas, lugares onde se asentaba a Administración Civil e a Xustiza.

A inexistencia dunha burguesía autóctona en Galicia implicaba que o mundo dos negocios e da grande empresa tamén se desenvolvería en castelán por estar en mans de persoas foráneas. Estas servían de modelo de comportamento lingüístico á pequena burguesía que se ía creando no país. Para esta sociedade, poder prosperar social e economicamente implicaba sempre ter que aprender castelán por ser o único idioma empregado nos ámbitos formais da comunicación.

O Papel do Ensino e a Igrexa

A castelanización da sociedade fornécese, polo tanto, con estes elementos e co ensino, impartido só en castelán e ao que a poboación infantil comeza a acceder aos poucos. Cómpre indicar que o alto grao de analfabetismo freou a castelanización da sociedade moza.

A Igrexa, que tiña boa parte do ensino nas súas mans e gobernaba a parte espiritual da sociedade, constituíu un potente foco castelanizador:

  • Desde a escola privada.
  • Desde o púlpito e os oficios relixiosos, que se desenvolvían en castelán e latín, como se viña facendo secularmente nunha sociedade fortemente relixiosa.

Intentos de Galeguización Frustrados

A pesar dos esforzos normalizadores, non se lograron as arelas de oficialización:

  • Intentos de galeguización do ensino primario polas Irmandades da Fala (Viqueira e Risco coa revista *As Roladas*).
  • Tardía oficialización do ensino en galego no Estatuto de Autonomía (aprobado en xuño de 1936, un mes antes do estoupido da Guerra Civil).

Desenvolvemento Cultural e Normalizador

Aínda así, a comunicación literaria e culta por escrito acada novos ámbitos por medio de:

  • As editoriais (*Lar*, *Nós*, *Céltiga*) creadas polas Irmandades (Cabanillas, irmáns Villar Ponte...).
  • A *Xeración Nós* (Otero, Risco, Castelao...) e o vangardismo poético.
  • O desenvolvemento do mundo teatral.

Outro avance fundamental a prol do emprego do galego foi a creación en 1923 do **Seminario de Estudos Galegos** (SEG). Este organismo potenciou o ensaio en terreos como a historia, a filosofía ou a etnografía (lembremos a revista *Nós*) e, en colaboración coa RAG, fixou as bases para a creación dunha normativa ortográfica e morfolóxica. Porén, co inicio da Guerra Civil, os intentos galeguizadores nos distintos ámbitos sociais e culturais desapareceron de vez.

Entradas relacionadas: