A Lingua Galega a Finais do S. XX e Comezos do S. XXI: Situación e Normalización

Otras materias5,99 KB

O Galego a Finais do S. XX e Comezos do S. XXI

A pesar do aumento da urbanización e o consecuente éxodo rural que vive Galicia desde a década dos 60, a finais do século XX o rural segue tendo moito peso demográfico na sociedade galega.

Da man sempre do proceso de urbanización, a substitución lingüística do galego polo castelán continúa imparable, non só nas cidades, senón tamén e cada vez con máis forza nas vilas. A pesar disto, o galego segue sendo a lingua maioritaria de Galicia, aínda que en descenso e cunha distribución moi desigual, pois concéntrase no rural, sobre todo nas provincias orientais e na xente maior. A transición democrática coincide coas primeiras voces de alerta con respecto ao perigo de desaparición da lingua propia, provocadas pola introdución do castelán en ámbitos tradicionalmente exclusivos do galego. En contraposición, a chegada da democracia vai permitir iniciar o proceso de normalización e introducir o galego en ámbitos reservados ata ese momento ao castelán: Administración, ensino, medios de comunicación... asistimos á ruptura definitiva da estabilidade diglosia que perdurara séculos. Os progresos cualitativos do galego non foron quen de reducir o avance cuantitativo do castelán e as altas expectativas depositadas nos novos tempos víronse totalmente frustradas. En Galicia levouse a cabo unha política lingüística de baixa intensidade. Na maioría dos casos, non existiu unha verdadeira vontade política a favor do galego, reservándolle a esta lingua un uso meramente ritual e litúrxico. Proba disto é que as autoridades nin sequera esgotaron todas as posibilidades que a lei abría.

O Marco Legal e a Normalización

Coa aprobación da Constitución española en 1978, nace o Estado das Autonomías. O novo marco constitucional recoñece a Galicia, Cataluña e Euskadi como nacionalidades históricas, e determina nos tres casos a creación de gobernos preautonómicos. Ata 1981 non se aproba en Galicia o Estatuto de Autonomía, que supón o recoñecemento do galego como lingua propia e cooficial, xunto co castelán.

A Lei de Normalización Lingüística de 1983

Era necesario elaborar e aprobar unha Lei de Normalización Lingüística que se faise real en 1983. Esta Lei é o marco de referencia principal do que deriva o desenvolvemento lexislativo posterior, destinado a concretala para poder levala á práctica. O organismo encargado disto era a Dirección Xeral de Política Lingüística, creada tamén en 1983, dentro da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, o que constituía xa de partida unha limitación, pois orientaba claramente as súas intervencións cara ao ensino, relegando outros ámbitos tamén importantes para a normalización dunha lingua, como o empresarial, xudicial, sanitario, mediático...

O Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega

Cómpre esperar máis de dúas décadas para que se elabore e aprobe, en 2004, por unanimidade de todos os partidos políticos, o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNLG). Un dos primeiros cambios que suscitou a súa implantación foi o relativo á Dirección Xeral, que quedou convertida en Secretaría Xeral e pasou a depender directamente da Presidencia.

Ámbitos de Normalización: Ensino e Medios

O Galego no Ensino

Parte das medidas normalizadoras centráronse no ensino; coincidían todos na importancia de incluír a lingua galega no sistema educativo para avanzar na súa normalización.

A introdución do galego no ensino e a correspondente necesidade de materiais favoreceu a creación de editoriais novas e a consolidación das xa existentes.

Medios de Comunicación e Prensa

Nalgún ámbito podemos falar da normalización plena, por exemplo, no ámbito da literatura infantil e xuvenil. No que respecta aos medios de comunicación, a normalización está moi lonxe de acadarse. En canto á prensa escrita, só a finais do século XX aparece o primeiro diario monolingüe en galego, O Correo Galego, pois as publicacións periódicas tiñan periodicidade semanal ou quincenal. En maio de 2003, O Correo Galego é substituído por Galicia Hoxe, único diario integramente en galego existente na actualidade, á parte do xornal gratuíto De luns a venres.

A Creación da CRTVG

O fito máis importante é a creación da CRTVG, que comeza a emitir en 1985. A televisión e radio galegas públicas nacen co obxectivo explícito de promover o uso do galego e desfacer os tradicionais prexuízos cara a esta lingua.

As Normas Lingüísticas do Galego

Evolución das Normas Ortográficas e Morfolóxicas

As Bases para a unificación das normas lingüísticas do galego responden á necesidade urxente de dispoñer dunha variedade codificada, para ser usada nos novos ámbitos que coa chegada da democracia se agardaban para o galego: administrativos, educativos e de comunicación pública. O sector reintegracionista rexeitou estas normas e houbo outro intento fallido, pois non acadaba unha solución para as dúas posturas enfrontadas. Tras varios intentos, coas directrices do ILG-RAG, publícanse a partir de 1982:

  • gramáticas amplas e sistemáticas
  • manuais ortográficos e de dúbidas
  • correctores ortográficos
  • dicionarios (xa monolingües)
  • unha gran cantidade de vocabularios técnicos especializados sobre os máis diversos temas.

As Normas de 1982 foron reformadas por primeira vez, de xeito bastante limitado, en 1995, e máis amplamente en 2003, dando como resultado a chamada , vixente na actualidade.

Descargar

PDF Word HTML