A Lingua Galega: Estereotipos, Prexuízos e o Proceso de Normativización

Enviado por Programa Chuletas y clasificado en Otras lenguas extranjeras

Escrito el en español con un tamaño de 4,43 KB

Estereotipos e Prexuízos Lingüísticos

En sociedades nas que conviven dúas ou máis linguas, esta convivencia non só está condicionada polo número de falantes ou a distribución xeográfica, senón que existen outros elementos que poden condicionar o seu uso: os prexuízos (actitudes negativas) e os estereotipos (ideas preconcebidas).

Ambos están relacionados entre si, xa que na formación dun prexuízo o primeiro paso é a creación do estereotipo. As causas principais son:

  • A interpretación errónea das excepcións pola non aceptación destas (por exemplo, "os que falan galego son da aldea ou nacionalistas").
  • Unha percepción errónea da causa, de xeito que é algo inseparable dun grupo aínda que estea causado por circunstancias externas (por exemplo, "o galego é lingua de pobres e incultos e o castelán de ricos e cultos").

Función Defensiva dos Prexuízos

Ademais, os prexuízos cumpren unha función defensiva, xa que se utilizan co fin de xustificar e manter a posición dominante de certos grupos sobre outros. No caso do galego, cando se toman medidas para aumentar o seu uso, prodúcese un rexeitamento por parte dos castelanfalantes.

Como Eliminar os Prexuízos

Se queremos eliminar os prexuízos, temos que ter claro que non son inherentes ao individuo, senón que se aprenden e se transmiten a través de:

  • Pais e educadores.
  • Medios de comunicación.
  • A propia experiencia.

Evolución das Actitudes cara ao Galego

No caso do galego, algúns prexuízos antigos foron superados e as actitudes cara á lingua melloran a medida que diminúe a idade. Con todo, hai actitudes que ocultan os prexuízos porque non é politicamente correcto manter actitudes negativas cara á nosa lingua.

Historia da Normativización da Lingua Galega

A variedade estándar dunha lingua é a variedade oral e escrita que se emprega nos usos formais, no ensino e nos medios de comunicación. A lingua estándar é un medio de comunicación común a individuos dunha mesma comunidade lingüística. O proceso polo cal se elabora a variedade estándar da lingua denomínase normativización.

Orixes da Normativización (Século XIX)

No século XIX, necesitábanse normas para o uso do galego; os primeiros pasos déronse coa publicación dos primeiros dicionarios e gramáticas.

Etapas da Variedade Estándar do Galego

No proceso da variedade estándar, o galego pasa por tres etapas:

  1. A etapa popular: Correspóndese co Rexurdimento literario, ten como referente a lingua oral e adopta a ortografía do castelán, ademais de estar composta de vulgarismos e castelanismos.
  2. A etapa diferencialista: Caracterizada por un maior afastamento do castelán e a busca de trazos propios do galego.
  3. A etapa normativa: Na que se establecen as normas oficiais da lingua.

Primeiras Normas (Comezos do Século XX)

A comezos do século XX, prodúcense as primeiras normas propostas polo Seminario de Estudos Galegos. As súas normas buscarán o afastamento do castelán e a eliminación dos castelanismos.

A Normativa Oficial (Década dos 70 e 2003)

Na década dos 70, a Real Academia Galega (RAG) elabora as normas ortográficas e morfolóxicas do galego, proposta declarada oficial pola Xunta de Galicia (1982). Esta norma buscará desbotar os castelanismos e achegarse á lingua falada, priorizando as formas tradicionais e buscando a harmonía co resto das linguas romances.

Unha vez que foi proposta esta normativa, producíronse reaccións dos defensores dun maior achegamento ao portugués. Este enfrontamento chegou a un acordo coa modificación das normas realizada no ano 2003.

Interferencias e Desviacións da Norma

As interferencias son os préstamos innecesarios cando xa existe unha palabra propia na lingua galega e que son debidos á presión da lingua dominante. As maiores interferencias proceden de:

  • Castelanismos: do castelán.
  • Anglicismos: do inglés.
  • Lusismos: do portugués.

As desviacións da norma son os vulgarismos e os arcaísmos, que deben ser evitados para manter a pureza e corrección da lingua.

Entradas relacionadas: